Saltar ao contido

Anano (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía galega, os ananos son unha caste de seres míticos que vivían sobre a terra ó servizo dos seres humanos ata que, nalgún momento indeterminado, deixaron de ter tratos cos homes e retiráronse a vivir baixo terra. O mito dos ananos tamén está presente noutras culturas, quizais con máis presenza que na galega.

Os ananos son personaxes de pequeno tamaño,[1] moi traballadores e dotados de barbas brancas moi longas. A maiores da súa forma humana tamén poden adoptar a forma de mouchos ou curuxas, e mesmo de bolboreta. Viven baixo terra, baixo castros ou mámoas, pero iso non lles impide saír á superficie e mesmo chegar a ter contacto cos homes. En todo caso, estes contactos son moi infrecuentes pois o normal é que os esquiven e, se nalgún momento se cruzan cunha persoa, arrédana mediante artes máxicas, como poden ser unha mirada ou un sopro. Esta ollada propia dos ananos mesmo podía danar á persoa, facerlle caer ou facer que os obxectos caísen ó chan, todo iso sen que a vítima adiviñase a causa.

Para Antón Fraguas,[2] os ananos prefiren vivir nas forxas dos ferreiros, dos que se di que proveñen dun anano, antigo ferreiro que vivía e traballaba baixo terra. Por iso os ananos de hoxe viven onda eles, xunto ó fogón ou mesmo dentro deste. Daquela, os ananos eran personaxes bondadosos, que coidaban dos rapaces e mesmo podían curar as súas doenzas, polo que os pais adoitaban levar os nenos ás ferrerías e sentábaos ante o lume da forxa, mentres o ferreiro traballaba o ferro.[3]

Traballan duramente cavando as minas de ouro e prata, acumulando tesouros que gardan celosamente en lugares subterráneos; mesmo aseguran o segredo destes agochos movendo o ouro dun sitio a outro.

Cando toman a forma de mouchos fano para agoirar a morte de alguén, mediante cantos pousados sobre a súa casa ou desde unha árbore próxima. Neste caso poden identificarse cos paxaros da morte.

Ananos en Galicia

[editar | editar a fonte]

Cóntase que un muiñeiro de Baamonde (en Begonte, Lugo) ía vender trigo á feira da Santa Cruz de Parga (en Guitiriz). No camiño atopouse cun anano que, nun xesto pouco habitual de amabilidade, preguntoulle a onde ía, qué fillos tiña e qué tal lle ía na vida. O pobre muiñeiro contestoulle que tiña nove fillos e que era pobre como as arañas. Entón, o anano ofreceuse a axudarlle e aseguroulle que faría moi boa venda prometéndolle, ademais, que, á volta da feira, estaría esperándolle con máis trigo, pero coa condición de que esa oferta tiña que quedar no máis absoluto segredo, sen que ninguén máis soubese nunca nada. Efectivamente, cando volveu da feira alí estaba o anano esperando cunha besta cargada de trigo. E o mesmo se repiteu cada vez que ía á feira da Santa Cruz.

Deste xeito, loxicamente, o muiñeiro comezou a prosperar pero a muller pronto notou que o home tiña máis trigo do normal e comezou a preguntarlle que de onde viña aquilo. O home non llo quixo dicir, pero tanto teimou ela que terminou por confiarlle o trato que tiña co anano.

¡Nunca tal fixera! No día seguinte houbo unha treboada enorme que provocou unha enchente que levou o muíño por diante, morrendo baixo as pedras o muiñeiro e a muller.

Tamén se recolle a presenza de ananos en Couso, parroquia de Avión (Ourense), onde se di que os ananos sacacab o ouro da Mina da Rodela e íano lavar ó río. Asímesmo, en Sober crese que os ananos están explotando unha mina de prata no monte chamado Cotarro do Casto; as galerías son de tal tamaño que ás veces provocan o afundimento do chan, co gamdo que estivera pastando enriba; dise tamén que foron quen de raptar unha meniña que estaba alindando o gando e, casualmente, veu como traballaban.

Na Armenteira (no concello pontevedrés de Meis) contan que poden verse, á noitiña, bailar e tocar o bombo no castro de Gondes.

Resulta posible capturar un anano, mediante certas fórmulas máxicas, e levalo con un á casa, para aproveitarse da súa maxia e traballo, e das súas riquezas. Neste caso e dado o seu cativo tamaño, poden vivir dentro dunha caixa e viaxar co dono dentro dun dos seus petos.

Ananos da mitoloxía nórdica

[editar | editar a fonte]
Dous ananos, por Lorenz Frølich (1895).

Os ananos aparecen frecuentemente nos mitos e lendas nórdicos e xermánicos. Son seres cos seus propios xefes e con atribucións diversas; non son fermosos pero si dunha intelixencia superior, moitos deles coñecen o futuro e teñen grandes barbas.

Na Edda prosaica de Snorri Sturluson, os ananos naceron dos vermes que roían o cadáver do xigante Ymir; mais conforme a versión descrita na Edda poética, xurdiron dos ósos e do sangue do xigante Blain. Os primeiros ananos foron nomeados polos deuses de Mótsognir e Durinn.

Snorri Sturluson non distinguiu os ananos e os elfos escuros (Svartálfar), pero mentres que os primeiros viven en Nidavellir, un dos chamados Nove Mundos criados polos deuses, e algúns deles mesmo ata en Midgard, os elfos escuros viven en Svartalfaheim, situado por riba de Niflheim. De calquera forma, os ananos son seres que viven debaixo da terra, no mundo subterráneo, pois a luz ten o poder de transformalos en pedra.

Os ananos son hábiles artífices, particularmente destros no traballo da forxa, e facían as armas dos deuses e as xoias das deusas: Thor débelles o seu famoso martelo Mjölnir, Frey o seu navío máxico e o seu xabarín de ouro, Sif os seus cabelos de ouro, Freia o seu colar de ouro Brisingamen, e Odín a lanza Gungnir que nada podía deter. Odín tamén posuía o anel Draupnir, que, como o anel de Andvari, tiña o poder de multiplicar as riquezas de quen o tivese no seu poder. Porén, os ananos tamén tiñan mala sona, pois son vistos usualmente como avarentos e ladróns.

A crenza nos ananos foi sen dúbida a máis popular de todas,[Cómpre referencia] xa que perdurou até o século XVIII en Islandia.

Ananos sonados

[editar | editar a fonte]
  1. Fraguas di que adoitan medir unha polgada de estatura.
  2. Antón Fraguas, en Gran Enciclopedia Galega, s. v. anano.
  3. Polo mesmo efecto do lume e o fume, tamén se cría que os nenos podían curarse das súas doenzas levándoos a unha ponte sobre as vías e someténdoos ó fume da locomotora.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]