Capricho español
O Capricho español, Op. 34, é unha obra orquestral de cinco movementos baseada en melodías españolas, composta por Nikolai Rimskii-Korsakov en 1887. Nun primeiro momento, Rimskii-Korsakov concibiu a obra como un solo de violín con orquestra, pero máis tarde decidiu que a incorporación doutros instrumentos solistas acaía mellor ás vivaces melodías. O título en ruso é Каприччио на испанские темы (literalmente, Capricho sobre temas españois).
A inspiración para a obra provén da música que o autor descubriu durante as súas viaxes como oficial da mariña rusa entre 1862 e 1865. En España pasou varios días en Cádiz.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A obra consta de cinco movementos, agrupados en dúas partes que comprenden os tres primeiros e os dous últimos movementos respectivamente.
- O primeiro movemento, Alborada, é unha danza festiva e alegre, que celebra a saída do sol. Presenta dous solos de clarinete e un solo de violín semellante aos de clarinete.
- O segundo movemento, Variazioni, empeza cunha melodía na sección de trompas. As variacións desta melodía son despois repetidas por outros instrumentos e seccións da orquestra.
- O terceiro movemento, Alborada, presenta o mesmo tema do primeiro movemento de maneira case idéntica, aga algúns cambios na instrumentación e na tonalidade.
- O cuarto movemento, Scena e canto gitano, abre con cinco cadencias, primeiro de trompas e trompetas, e despois de violín, frauta, clarinete, e arpa. Estes solos interpretan a melodía sobre un fondo rítmico a cargo de diversos instrumentos de percusión. A continuación, tócase unha danza en ritmo ternario que conduce inmediatamente ao movemento final.
- O derradeiro movemento, Fandango asturiano, é unha danza animada de Asturias. A peza remata coa reaparición, máis enérxica que nunca, do tema da Alborada.
A execución completa do Capricho dura ao redor de 16 minutos.
Está composta para píccolo, dúas frautas, dous óboes (un deles corno inglés), dous clarinetes, dous fagots, catro trompas, dúas trompetas, tres trombóns, unha tuba, timbais, ferriños, caixa, bombo, címbalos, pandeireta, castañolas, arpa, e cordas.[1]
Características
[editar | editar a fonte]A peza é adoito louvada pola súa orquestración, que presenta unha gran sección de percusión e diversas técnicas especiais e articulacións, como no cuarto movemento no que os violinistas, violistas e violonchelistas teñen que arremedar o son das guitarras (na partitura para violín e viola indícase con quasi guitara). Malia o eloxio da crítica, a Rimskii-Korsakov amolábao que outros aspectos da peza ficasen ignorados. Na súa autobiografía escribiu:
A opinión formada tanto polos críticos como polo público de que o Capricho é unha peza magnificamente orquestrada é errónea. O Capricho é unha composición para orquestra brillante. O cambio de timbres, a feliz elección de deseños melódicos e padróns figurativos, precisamente axeitados para cada clase de instrumento, as breves e virtuosas cadenzas para os solos, o ritmo dos instrumentos de percusión etc., constitúen a verdadeira esencia da composición, e non a súa forma ou orquestración. Os temas españois, de carácter bailadeiro, fornecéronme un valioso material para despregar efectos musicais multiformes. No fin de contas, o Capricho é indubidabelmente unha peza moi efectista, pero vivamente brillante por todo isto. Foi un pouco menos exitosa na terceira sección (Alborada, en si bemol maior), onde os metais dalgún xeito afogaban os deseños melódicos dos vento-madeira; mais isto é moi fácil de remediar, se o director presta atención e modera as indicacións dos tons fortes nos instrumentos de metal substituíndo o fortissimo por un forte sinxelo.
Gravacións destacadas
[editar | editar a fonte]- Orquestra Sinfónica de Londres dirixida por Ataúlfo Argenta (Decca Reccords, 1957)
- Orquestra Filharmónica de Berlín, dirixida por Lorin Maazel (Deutsche Grammophon, 1959)
- Orquestra Filharmónica Checa, dirixida por Karel Unčerl (Supraphon, 1964)
- Orquestra Sinfónica de Londres, dirixida por Charles Mackerras (Telarc, 1990)
- Nova York Philharmonic, dirixida por Leonard Bernstein (Sony Clásica, 1959)