Saltar ao contido

Lamia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lumia»)
Lamia e o soldado, pintura de John William Waterhouse (1905)

A lamia[1], tamén coñecida como lumia, é un personaxe feminino da mitoloxía galega, equivalente ás xanas ou guaxas asturianas, anjanas cántabras ou ás lamias grecorromanas. Adoitan representarse con torso e cara de muller fermosa e corpo de dragón, aínda que tamén se representan por separado, como unha muller montando nun dragón e, en ocasións, tamén poden aparecer como mulleres con corpo ou pés de cabra.

Outros paralelos nas mitoloxías doutras áreas son as Laminak vascas, as Giane sardas ou as Korrigans bretoas, seres femininos dos que se conta que se poden converter en serpes ou arañas. Pola contra, as Diale dos Alpes italianos son belas e amables, mentres que as Glaistig escocesas son contraditorias.

Mitoloxía grega

[editar | editar a fonte]
Lamia vasca (s. XVII)

O historiador grego Diodoro Sículo escribe que Lamia era unha raíña de Libia, amante de Zeus, filla de Poseidón e Libia (outro mito di que a sibila Libia foi a filla de Zeus e Lamia). A principal esposa de Zeus, Hera, sempre moi celosa, transformouna nun monstro e matou a cada fillo que tiña (segundo outras versións, matounos primeiro e foi a dor o que a transformou en monstro). A maiores, condenou a Lamia a non poder pechar os ollos, de xeito que sempre estivese obsesionada coa visión dos fillos mortos, pero Zeus concedeulle o don de poder sacarse os ollos para así poder descansar, e volver a poñerllos ó día seguinte. Cando, así, podía ó fin dormir, era inofensiva.

Como consecuencia disto, Lamia tivo que agocharse nunha cova ata que, desesperada, converteuse nun mostro. Envexosa das outras nais, raptaba e devoraba ós seus fillos, por iso as nais gregas e romanas ameazaban ós fillos con este personaxe se se portaban mal.

Mitoloxía ibérica

[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía vasca, as lamiak ou laminak son seres mitolóxicos, normalmente femininos, descritos con pés de parrulo, cola de peixe ou poutas de ave. Viven en ríos e fontes, onde se peitean con codiciados peites de ouro. Adoitan ser amables coa xente e dise que axudaban ós homes a erguer pontes, dolmens e outras grandes obras.

Mitoloxía galega

[editar | editar a fonte]

Como as sereas clásicas [2], son moi perigosas para os homes, xa que os encantan e devoran ou chupan o seu sangue. Viven en covas preto de pequenos regatos e fontes, onde aparecen pola noite como fermosas mulleres novas que lavan a roupa, fían en rocas de ouro ou se peitean o pelo mentres esperan unha vítima. Esta forma de actuar asemella as lumias ás Mouras, fermosas mulleres encantadas que habitan, tamén, nos castros ou penedos.

As lamias son moi luxuriosas e grandes sedutoras (antecedentes das modernas vampiresas). En castelán, Lumia ou Lumi designa a unha prostituta, e os dicionarios históricos galegos (como os de Filgueira, Carré, Eladio Rodríguez ou Franco Grande) dan tamén esta como primeira acepción.

Eladio Rodríguez asemella as lumias a espectros que saían dos cemiterios para chupar o sangue da xente (como as meigas chuchonas) e compáraas coas lurpias, máis perigosas aínda para os homes. Para Murguía (citado por Rodríguez), as lumias son máis fortes que as ouvas ou ouvanas célticas

Para Risco, o mito das lumias non existe xa en Galicia, pero si no País Vasco e Asturias. Supón que o mito desapareceu ou foi substituído polo das meigas chuchonas, fiadoras ou lavandeiras.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lamia.
  2. A raíña grega das sereas chámase, precisamente, Lamia. Vivía nunha cova ó pé dun barranco e tiña sona de muller fermosísima e cruel.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cuba, Xoán R., Reigosa, Antonio, e Miranda, Xosé: Dicionario dos seres míticos galegos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2008.
  • Universidade de Vigo: Dicionario de Dicionarios [1].
  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Paidos, Barcelona 2010.
  • Risco, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962, px. 309 (reed. Akal 1979, 255-777).