Saltar ao contido

Cadela das tetas longas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interpretación da cadela das tetas longas.

A cadela das tetas longas ou cadela peregrina é un ser imaxinario, mitolóxico, que agoira a morte de quen se atope con ela.

Descríbese como unha cadela branca con grandes tetas que arrastra polo chan. Hai quen engade que pode alcanzar o tamaño dunha besta, que se pode partir pola metade e que é quen de botar lume e chispas pola boca e polos ollos. Ademais de ladrar coma un can, pode bear coma unha ovella, grallar coma un corvo ou mesmo laiarse coma unha chorona nun enterro. En ocasións adopta a forma dun corvo ou mesmo dun novelo de fío. Por veces vén acompañada de varios cadelos.

Aparecíase de noite ós que andaban polos camiños apartados e ese encontro significaba a morte desta persoa. No caso de darse este caso cómpre non mirarlle nunca ós ollos. Vicente Risco recolleu cómo falan dela en Viveiro (Lugo), con moito segredo, case sen nomeala, e contan o caso dunha meniña que estivo a piques de morrer por ver a cadela peregrina e non obedecer cando a súa nai lle advertiu "Non mires, non mires, que é a cadela peregrina".[1]

Tamén pode evitar unha desgraza ó cruzarse con ela tendo a cautela de comportarse cortesmente, saudando cun Deus te acompañe, invocación ante a que a cadela desaparecerá ou se retirará contestando cun E a ti tamén, tal como contan na Terra Chá.

Pode transformarse en corvo e tamén nun nobelo de la. Se se presenta nesta forma e se lle dá un golpe co pé, divídese en tres ou catro novelos, cada un con movemento propio.

Parece ser unha alma en pena que vaga polo mundo adiante, e pode relacionarse con outros seres mitolóxicos, como o can branco, lobo branco ou a raposa do aire, aparicións semellantes que tamén se interpretan como agoiros de morte ou desgraza.

O can branco é outra das aparicións que se describen na mitoloxía popular galega, da que se contan cousas contraditorias. Para uns é sinal de boa fortuna, de bo agoiro[2] pero tamén se di que toparse con el é agoiro de morte. Denomínase can negro cando é desta cor e agoira desgrazas.

Como resulta habitual nos intelectuais do século XIX, existen voces contra e outras expresións etnográficas. Ramón Armada Teixeiro publicou un editorial no periódico A Gaita Gallega, do que era director, no que as califica de supresticion ou meiguería e pide que as administracións divulguen os estudos de escritores e poetas, ridiculizando estas crenzas. Concretamente, no que respecta á cadela pelengrina, escribe o seguinte:

"Y-eiquí temos máis que crara a'spricación d'ambos fenómenos. A 'Pelengrina' muda son os fogos fátuos que se desprenden d'algunha préa, can ou bicho morto qu'está ô rente d'o camiño e que por lei física siguen ô que pasa, pol-a corrente d'aire que leva tras sí; a 'Pelengrina' queixosa é, ni máis ni menos, qu'o que n'outras partes se conoce pola 'Zorra de Morrazo' e que tan ben describe un amante do Folk-Lore, D. Ramón Somoza Piñeiro. As zorras en Xaneiro andan ô celo, e cedendo ô natural deseo, berran, pra dar noticias ô macho d'os sítios onde s'atopan. E iso e todo"
A Gaita Gallega nº 13, 26.10.1886, px. 1 (asinado como Chumín)
  1. Vicente Risco, px.306.
  2. "Can branco, fantástica visión que aparece de noite nas aldeas e camiños, e que mira tristemente ás personas coas que se cruza. Crese que esta aparición agoira boas novas" (Eladio Rodríguez González).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]