O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994. O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabarilantropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado e ao cal dá voz Juanillo Esteban. O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a única serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club. Dende o 2 de febreiro de 2009, é transmitido pola tvG2, e dende decembro de 2016 conta cunha app específica e canle en liña, a Xabarín TV que funciona como unha lista de reprodución cos contidos do programa na páxina web da CRTVG.
No ano 2021, o Xabarín Club chegou á cifra récord de 146 000 socios. Segundo os rexistros históricos do programa, entre 1994 e 2021 arredor dun 30% dos nenos galegos son ou foron socios.
As bólas máxicas conta as aventuras do protagonista Son Goku, un forte e inocente rapaz que, despois de encontrarse con Bulma, proponse reunir as sete bólas do Dragón que conceden desexos. Despois de converterse en alumno do experto en artes marciais Mestre Mutenroi, el e o seu compañeiro e amigo Krilín compiten nun torneo que atrae ós meirandes loitadores do mundo. Despois emprende unha viaxe só e acaba enfrontándose e destruíndo o Exército de Red por si mesmo. Cando Krilín é asasinado despois doutro torneo, Son Goku busca vingarse do seu asasino, Piccoro Daimaō. Tres anos despois, Son Goku, agora un mozo adulto, debe loitar contra o fillo de Piccoro Daimao, Piccoro. Os restantes 325 capítulos do manga foron adaptados na serie anime Dragon Ball Z.
Os Heredeiros da Crus son unha banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90. Caracterízanse polo seu uso da variante do galego local (gheada, seseo) no seu rexistro máis popular, chegando ás veces ao castrapo, e polas súas letras a ritmo de rock setenteiro.
Os Heredeiros da Crus creáronse en Castiñeiras (Ribeira) no ano 1992 por iniciativa de Tonhito de Poi. A banda compoñíana un grupo de cinco rapaces: Tuchiño (guitarra e voz), Tonhito de Poi (guitarra rítmica e "corros"), Javi Maneiro (O fillo da Necha, voz), Avelino, (batería) e Juan (baixo). Ensaiaban nun galiñeiro e nese mesmo ano deron o seu primeiro concerto ao aire libre na festa da Dorna, tras enganar á comisión de festas dicíndolle que eran un grupo de folk. Pouco despois o baixista, que poucas veces se presentaba a ensaiar, foi substituído por Francisco Velo (O Jran Fran). Posteriormente o posto de batería sufriría numerosos cambios, Avelino marcharía e deixaría paso a Medín, o batería que máis tempo estivo co grupo. Posteriormente pasaron polo grupo os baterías Marcos Otero, Pedro Rodríguez-Trelles e Manu Rey.
No ano 1994 conseguiron gravar o seu primeiro álbum A cuadrilla de Pepa a loba, non sen problemas pois coñécense dúas versións deste traballo, a segunda -de BOA music-, a máis estendida, foi editada sen o polémico tema "Bisté de solomillo". Tamén nese ano pasaron de tocar nos bares a dar un histórico concerto en Castrelos, diante de máis de 20.000 persoas.