Saltar ao contido

Portal:Cine

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cine, cinema, abreviaturas de cinematógrafo ou de cinematografía (do grego κινή kinē ou κίνημα kinēma, "movemento", e γράφω graphō "escribir", "gravar") é unha arte, un espectáculo e unha industria que apareceu a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ao longo do mesmo. Foi presentado ao público o 28 de decembro de 1895 en París polo cinematógrafo dos irmáns Lumière, un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva. Ao longo de 1896 difundiuse polas cidades europeas e norteamericanas. Anos antes no laboratorio de Edison nos Estados Unidos, Edison e W. K. L. Dickson (un empregado seu) desenvolveran o quinetoscopio e o kinetógrafo, un proxector individual e unha cámara respectivamente.

En esencia o cinema consiste na filmación dunha serie de imaxes fixas -fotogramas- que ao proxectarse reproducen a sensación de movemento. No cine mudo o número de fotogramas oscilaba entre 15 e 18 por segundo, e no cine sonoro pasaron a ser 24. Durante moito tempo afirmouse que iso se debía á persistencia retiniana, unha característica do ollo que fai que a imaxe permaneza na retina durante unha fracción de segundo, pero agora sospéitase que o proceso é moito máis complexo. Un dos fenómenos fisiolóxicos que o explicarían sería o chamado efecto phi, segundo o cal é o cerebro, e non a retina, quen reconstrúe o movemento a partir de imaxes en movemento.

A característica principal do cine no seu nacemento foi a súa capacidade para captar e reproducir a imaxe en movemento. Isto producirá grande impacto nos primeiros espectadores, que se sorprenden e se asustan coa proxección da chegada do tren que se achega cara a eles nunha das primeiras películas dos irmáns Lumière (aínda que esta anécdota parece ser máis unha lenda que unha realidade).

Artigo destacado

editar

Dredd é un filme de ciencia ficción e cine de acción estreado no 2012, dirixido por Pete Travis e escrito e producido por Alex Garland. Baseouse no protagonista da serie de banda deseñada Judge Dredd da publicación 2000 AD, creado por John Wagner e Carlos Ezquerra. Karl Urban é o protagonista do filme no papel de Judge Dredd, un axente da lei coas capacidades de xuíz, xurado e verdugo, nunha gran metrópole distópica chamada Mega-City One situada nun ermo postapocalíptico.

Garland comezou a escribir o guión do filme no 2006, aínda que o desenvolvemento desta nova adaptación de Judge Dredd, sen relación co filme homónimo de 1995, non se fixo público ata decembro do 2008. Producida polo estudio británico DNA Films, a rodaxe comezou en novembro do 2010, facendo uso extensivo de cámaras 3D. As localizacións desta rodaxe foron en Cidade do Cabo e Xohanesburgo.

Dredd estreouse o 7 de setembro do 2012 no Reino Unido e o 21 de setembro do mesmo ano no resto do mundo. As críticas do filme foron positivas en relación os efectos visuais, o elenco de actores e a acción. Porén, o filme recibiu algunhas críticas negativas enfocadas principalmente na percepción dunha falta de elementos satíricos propios da banda deseñada homónima e no exceso de violencia. A baixa recadación nos cines fixo que unha secuela fose improbable, pero o bo número de vendas das edicións domésticas e os esforzos dos afeccionados apoiados pola editorial de 2000 AD, Rebellion, mantiveron viva a posibilidade dun segundo filme.

Imaxe destacada
Categorías
Biografía destacada

editar

Audrey Hepburn, nada como Audrey Kathleen Ruston o 4 de maio de 1929 en Ixelles, e finada o 20 de xaneiro de 1993 en Tolochenaz, Vaud, foi unha actriz británico-belga que realizou a meirande parte da súa carreira artística nos Estados Unidos. Tamén foi moi activa como embaixadora de UNICEF. É considerada polo American Film Institute como a terceira mellor estrela feminina de tódolos tempos.

Logo de aparecer en varias películas británicas e protagonizar a obra de Broadway de 1951, Gigi, Hepburn interpretou o papel principal de Vacacións en Roma (1953), o cal valeulle un Oscar á mellor actriz. Máis tarde actuando en películas de éxito como Sabrina (1954), Historia dunha monxa (1959), Breakfast at Tiffany's (1961), Charada (1963), My Fair Lady (1964) e Wait Until Dark (1967), Hepburn recibiu nomeamentos aos premios Oscar, Globo de Ouro e BAFTA e devindicou un premio Tony pola súa actuación teatral na obra de Broadway de 1954, Ondina. Hepburn segue sendo unha das poucas persoas que gañaron un Óscar, un Emmy, un Grammy e un Tony. Hepburn foi a primeira actriz en gañar un Oscar, un Globo de Ouro e un premio BAFTA por unha soa actuación: Vacacións en Roma en 1954.

Apareceu en menos películas a medida que a súa vida seguiu, dedicando gran parte da súa vida posterior a Unicef. Foi galardonada coa Medalla Presidencial da Liberdade en recoñecemento ao seu labor como Embaixadora de boa vontade de Unicef a finais de 1992. Un mes máis tarde, Hepburn morreu de cancro apendicular na súa casa en Suíza a principios de 1993 á idade de 63 anos.

Sabías que...?

editar


Artigos de calidade e bos


Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario