Portal:Música clásica
![]()
Artigo destacado
Os Poemas sinfónicos son unha serie de trece obras orquestrais do compositor húngaro Franz Liszt, numerados como S.95-107 no catálogo de Humphrey Searle. Os primeiros doce foron compostos nunha forma perfectamente orixinal, entre 1848 e 1858, e o último, Von der Wiege bis zum Grabe ("Do berce ao túmulo"), data de 1882. Estes traballos axudaron a estabelecer o xénero da música programática orquestral (composicións escritas para ilustrar proxectos extramusicais derivados dunha obra teatral, un poema, unha pintura ou obras da natureza). Serviron de inspiración para os poemas sinfónicos de Bedřich Smetana, Antonín Dvořák e Richard Strauss, entre outros.
A intención de Liszt para estas obras cun único movemento, segundo o musicólogo Hugh MacDonald, foi «amosar a lóxica tradicional do pensamento sinfónico». Ao mesmo tempo, quería incorporar a capacidade da música programática para inspirar os oíntes a imaxinar escenas, imaxes ou estados de ánimo. Para capturar estas calidades dramáticas e evocadoras e ao mesmo tempo acadar as proporcións do movemento de abertura, combinou elementos propios da abertura e da sinfonía nun deseño modificado da sonata. A composición dos poemas sinfónicos resultou desalentadora. Foron sometidos a un proceso de experimentación continua que incluíu moitas etapas de composición, ensaio e revisión para chegar a un equilibrio na forma musical. Consciente de que o público apreciaba a música instrumental con contexto, Liszt escribiu prefacios para nove dos seus poemas. Con todo, a visión que tiña do poema sinfónico tendía a ser evocadora, empregando a música para crear un estado de ánimo xeral ou unha atmosfera en lugar de ilustrar unha narración ou describir algo literalmente. Neste sentido, o especialista na obra de Liszt Humphrey Searle suxire que podía ter estado moito máis próximo ao seu contemporáneo Hector Berlioz que a moitos dos que o seguiron na composición de poemas sinfónicos. Imaxe destacada
Este mes
Categorías
Biografía destacada
Gustav Mahler, nado en Kaliště, Bohemia (actualmente República Checa) o 7 de xullo de 1860 e finado en Viena o 18 de maio de 1911, foi un compositor e director de orquestra bohemio-austríaco. As súas composicións atópanse entre as obras máis importantes do Posromanticismo.
Nas primeiras décadas do século XX, Gustav Mahler era considerado un dos máis importantes directores de orquestra e de ópera do seu momento. Logo de graduarse no Conservatorio de Viena en 1878, foi sucesivamente director de varias orquestras cada vez máis importantes en diversos teatros de ópera europeos, chegando en 1897 á que daquela era considerada a máis notable, a dirección da Ópera da Corte de Viena (Hofoper). Durante os seus 10 anos na capital austríaca, Mahler —xudeu converso ao catolicismo para asegurarse o seu posto— sufriu a oposición e hostilidade da prensa antisemita. Porén, grazas ás súas innovadoras producións e á insistencia nos máis altos niveis de representación gañou o recoñecemento como un dos máis grandes directores de ópera. Posteriormente, foi director da Metropolitan Opera e da New York Philharmonic Orchestra. Como compositor centrou os seus esforzos na forma sinfónica e no lied. A Segunda, Terceira, Cuarta e Oitava sinfonías e Das Lied von der Erde (A canción da Terra) conxugaron nas súas partituras ambos xéneros. Introduciu elementos de diferente procedencia como melodías folclóricas, marchas, fanfarras militares, mediante un uso persoal do acorde, entrecortando ou alongando inusitadamente as liñas melódicas, acoplados ou xustapostos no interior do marco formal que absorbeu da tradición clásica vienesa. As súas obras sinfónicas adquiriron excesivas proporcións e incluíu harmonías disonantes que superan o cromatismo empregado por Wagner na súa ópera Tristan und Isolde. Cita destacada
Son destacado
Sabías que...
Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|