Videoclip
Un vídeo musical[1] ou videoclip[2] é unha curtametraxe realizada principalmente para a súa difusión en vídeo e televisión, que ofrece unha representación visual dunha canción. Os vídeos musicais adóitanse realizar con multitude de efectos visuais e electrónicos. Son producións moi vivas que teñen por obxectivo chamar a atención do telespectador. É o medio audiovisual no que hai máis creatividade e máis experimentación. Os profesionais que operan neste sector deben ter en conta numerosas consideracións técnicas. O vídeo musical componse de campos, planos, movementos de cámara máis ou menos complexos e iluminación.
O videoclip estrutúrase en función do tema musical que representa, é dicir, a propia pertenza ao xénero afírmase a través dunha serie de elementos visuais aos que se ten que cinguir.
Historia
[editar | editar a fonte]Na década de 1920 Oskar Fischinger e unha corrente de creadores europeos sentaron as bases da música visual, creando pezas de imaxe para temas musicais preexistentes. En 1930 Carlos Gardel gravou dez cancións capturando ao tempo imaxe e son.
En 1940 Walt Disney creou a película Fantasia, mesturando animación e música. En 1941 chegou o Paroram Soundie, aos bares e clubs dos Estados Unidos: unha rockola que reproduce filmes musicais xunto con música.
En 1956 rodáronse en Hollywood varios filmes centrados na música, cunha vaga de películas sobre o rock and roll (Rock Around the Clock, Don't Knock the Rock, Shake, Rattle and Rock, Rock Pretty Baby, The Girl Can't Help It) e varios filmes de Elvis Presley.
En 1960 chegou a Francia o Scopitone, unha versión do Soundie que permitía seleccionar entre varias pezas en soporte cinematográfico. En 1962 a BBC comezou a emitir unha nova forma de programación musical, con espectáculos como Top Of The Pops, Ready! Steady! Go! ou Oh, Boy, que abriron camiño a varios artistas e os converteron en grandes éxitos. Este formato pasou en 1964 á televisión estadounidense, con Hullabaloo, Shindig! (NBC) e American Bandstand.
En 1966 retransmitíronse os primeiros vídeos conceptuais, como Paperback Writer ou Rain de The Beatles. En 1967 filmáronse vídeos máis ambiciosos como Penny Lane e Strawberry Fields Forever, considerado este como o primeiro vídeo musical da historia.
En 1970 as industrias discográficas empezaron a producir "promos", primeiros vídeos musicais que empezaron substituíndo as presentacións en vivo dos artistas nos programas de televisión. Nese mesmo ano gravouse o primeiro videoclip en España, do grupo catalán La Trinca coa canción Tots som pops.
En 1974 o grupo sueco ABBA gravou os seus dous primeiros vídeos: Ring-Ring e Waterloo; pero non foi até o ano seguinte, co vídeo de Dancing Queen, cando os vídeos comezaron a resultar rendibles para a promoción dos sinxelos do grupo. Tamén en 1975 tivo lugar a gravación de Bohemian Rhapsody, de Queen.
En 1981 naceu MTV, a primeira canle dedicada a emitir 24 horas de vídeos musicais. Aínda que nun inicio era emitido por poucos operadores de cable, converteuse axiña nunha icona cultural. O primeiro vídeo emitido foi Video Killed the Radio Star de The Buggles.
En 1983 fíxose Thriller de Michael Jackson, que marcou unha época na industria do videoclip, dándolle unha temática propia e revolucionando a forma de facelos. En 1989 Madonna lanzou Like a Prayer, un dos videoclips máis polémicos da historia musical, criticado principalmente pola igrexa.
En 2005 naceu o sitio web YouTube, que supón un acceso máis fácil e rápido a vídeos musicais (e doutra índole) por medio de Internet.
Vídeos musicais máis caros
[editar | editar a fonte]Nome do vídeo musical | Custo de produción estimado (en dólares estadounidenses) |
---|---|
«Scream» - Michael Jackson (con Janet Jackson) | $7.000.000 |
«Bedtime story» - Madonna | $5.000.000 |
«Victory» - Diddy (con Notorious B.I.G. e Busta Rhymes) | $2.700.000+ |
«Heartbreaker» - Mariah Carey | $2.500.000 |
«What's it gonna be» - Janet Jackson (con Busta Rhymes) | $2.400.000+ |
«Fairyland» - Ayumi Hamasaki | $2.100.000+ |
«Larger than life» - Backstreet Boys | $2.100.000+ |
«She's a bitch» - Missy Elliott | $2.000.000+ |
«Unpretty» - TLC | $1.600.000+ |
«November rain» - Guns N' Roses | $1.500.000+ |
«Girlfriend/Boyfriend» - Blackstreet (con Janet Jackson) | $1.500.000+ |
«Toxic» - Britney Spears | $1.000.000+ |
«Professional griefers» - deadmau5 (con Gerard Way)[3] | $1.000.000+ |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Vídeo musical.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Videoclip.
- ↑ Martins, Chris (29 de agosto de 2012). "Deadmau5 Unfiltered: Behind His 'Professional Griefers' Video". www.spin.com (en inglés). Consultado o 17 de setembro de 2012.
What's cool is, the seven digits we're spending is mostly going into brand new render technology