Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
Debido á súa localización na Dorsal mesoatlántica, Islandia é unha illa xeoloxicamente activa e con moita actividade volcánica; esta localización é a causante da paisaxe característica islandesa. A paisaxe do interior da illa caracterízase pola presenza de grandes chairas, montañas e glaciares. Grazas á Corrente do Golfo, Islandia posúe un clima menos rigoroso que o que lle correspondería pola súa latitude, e por iso pode desenvolverse a vida na illa.
Islandia está habitada dende o ano 874 cando, segundo o Landnámabók, o xefe noruegués Ingólfur Arnarson converteuse no primeiro habitante permanente da illa. Co paso dos séculos a illa poboouse con xentes de orixe nórdica e céltica. Entre 1262 e 1944 a illa pertenceu ás monarquías norueguesa e dinamarquesa. Até o século XX, a poboación islandesa adicouse principalmente actividades relacionadas coa pesca e a agricultura, non foi até finais deste século cando a economía islandesa comezou a desenvolverse e a virar cara a outras actividades.
Hoxe en día Islandia é un país desenvolvido, o quinto país do mundo en canto a Produto Interior Bruto per cápita e o primeiro, xunto con Noruega, en canto a desenvolvemento humano. A illa é membro da Organización das Nacións Unidas, da Organización do Tratado do Atlántico Norte, do Consello de Europa, da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e do Consello Nórdico.
|
Artigo destacado
editar
O Landnámabók, en ocasións abreviado Landnáma, (en islandés, Libro dos Asentamentos ou do Establecemento), é o traballo máis famoso do historiador Ari Thorgilson. Escrito no século XII, está dividida en cinco partes. A primeira contén relatos sobre o descubrimento de Islandia, xunto cos seus primeiros asentamentos ( landnám).
É un manuscrito medieval islandés que describe con moito detalle o asentamento dos noruegueses en Islandia durante os séculos IX e X d.C. Comeza co asentamento orixinal de Ingólfur Arnarson en Reiquiavik e a súa reclamación das terras do norte, oeste, leste e sul. De aí pasa a describir os descendentes dos primeiros poboadores e describe fitos importantes e a súa historia familiar ata o século XII. Describe máis de 3.000 persoas e 1.400 colonizadores. O Libro dos Asentamentos ou Landnámabók nomea a 435 homes como os colonizadores iniciais. A maioría asentáronse na parte norte e suroeste da illa.
Cidade destacada
editar
Reiquiavik (en islandés: Reykjavík, [ˈreiːkjaˌviːk] (AFI), escoitar, co significado de baía fumegante) é a capital de Islandia e debido á súa posición é tamén a capital máis setentrional do mundo. Durante o inverno só recibe catro horas de luz solar e durante o verán as noites son tan claras coma o día. A cidade está situada ós 64° 04' de latitude norte, moi preto do círculo polar ártico, nunha zona onde abondan os géyseres. De acordo coa saga, a cidade está emprazada no sitio no que se instalou o primeiro colonizador, Ingólfur Arnarson. En 1786 o asentamento de 302 habitantes converteuse nun municipio e actualmente é a cidade máis poboada do país, con máis da metade da súa poboación.
Cidade totalmente libre de contaminación, cun fermoso lago na súa zona antiga, Reykjavík é un centro bulicioso de comercio e goberno, industria e cultura. Alí atópanse o Parlamento (erixido en 1881), a casa do Goberno (de mediados do século XVIII) ámbolos dous no centro vello de Reykjavík, e os museos, a Universidade e institucións de investigación, as oficinas centrais de comunicación (radio, televisión e periódicos), os teatros profesionais e orquestras, as cortes de xustiza, piscinas ó aire libre e estadios de deportes, liñas marítimas, aéreas e compañías de transporte colectivo, factorías e plantas procesadoras de peixe.
Categorías
editar
Queres atopar artigos relacionados con Islandia? Proba buscando nas seguintes categorías:
Biografía destacada
editar
Jóhanna Sigurðardóttir, nada en Reiquiavik o 4 de outubro de 1942, é unha política islandesa. Foi nomeada Ministra de Asuntos Sociais e Seguridade Social o 24 de maio de 2007, cargo que xa asumira entre 1987 e 1994, baixo o nome de Ministra de Asuntos Sociais.
Membro da Alianza Socialdemócrata, formou parte do Parlamento de Islandia ininterrompidamente dende 1978, sendo reelecta sucesivamente en oito ocasións. O 1 de febreiro de 2009 converteuse na primeira muller que asume o cargo de Primeira Ministra de Islandia. Sendo publicamente lesbiana, converteuse na primeira xefa de goberno recoñecida como LGBT do mundo.
Ata o seu retiro do cargo de elección popular en 2012 foi o membro de maior antigüidade no Parlamento. En 1994, cando perdeu unha oferta para liderar o Partido Socialdemócrata, ergueu o seu puño e declarou "Minn tími mun koma!" ("O meu tempo virá!"), unha frase que se converteu nunha expresión popular islandesa. En 2009 converteuse finalmente en Primeira Ministra e a revista Forbes situouna entre as 100 mulleres máis poderosas do mundo. En setembro de 2012, Jóhanna anunciou que non se presentaría á reelección e que deixaría a política.
Imaxe destacada
Sabías que...?
editar
- ... a erupción do Eyjafjallajökull (na imaxe) provocou o peche de aeroportos e do espazo aéreo da maior parte do norte e centro de Europa en 2010?
- ... en 930 fundouse o primeiro estado libre islandés, co Alþingi como principal órgano político, lexislativo e xudicial?
- ... a poboación de Islandia a principios de 2016 era de tan só 332.529?
Artigos de calidade e bos
editar
Artigos de calidade (1)
Artigos bos (0)
Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|
|
|
|
|