Xacio
Os xacios ou as xacias[1] son seres da mitoloxía galega coa metade inferior dun peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Segundo as lendas, encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.
Lendas e tradicións
[editar | editar a fonte]Existen lendas sobre as xacias en Chouzán (Carballedo) e no regato do Vao, en Sober.
Xacios e o Castro de Marce
[editar | editar a fonte]Respecto ao Castro de Marce, ou castelo de Chouzán, é moi coñecida entre os moradores daqueles contornos a seguinte lenda:
Existe no río Miño, unha raza de seres chamados xacios, que teñen a súa gorida nos profundos pozos de río. Estes seres acuáticos presentan a forma humana; así é que o mesmo viven no interior do referido castro que nas augas do Miño. E, pescando ás beiras de devandito río, un veciño do lugar de Marce viu unha xacia, bela e fermosísima, a cal manifestou ao pescador que, se a bautizaba quedaría desencantada e casaría con el. Bautizouna o pescador e realizouse o matrimonio. Os fillos que naceron deste matrimonio eran moi afeccionados a bañarse no Miño, regatos e cantos tanques de auga existen no citado lugar e, téndolles reprendido o pai en certa ocasión pola súa excesiva tendencia ao baño, díxolles: Marchade de aquí fillos dunha xacia! E, emprendendo nova liorta co seu consorte, en casa, aborrecida a xacia do seu marido, abandonou a este e volveu ao encanto; pero os seus connaturais descuartizárona nas profundidades do río, pois indo o seu marido en busca da súa compañeira, aos poucos instantes, observou que, nas abas do Castro de Castro de Marce, flotaban sobre as augas as entrañas da que fora a súa muller. Así foi morta polos demais xacios, por facerse cristiá, bautizándose.
As xacias de Marce
[editar | editar a fonte]Unha rapaza de Marce estaba de criada na Míllara. E de estar de criada na Míllara, mandábana moitas veces coas ovellas de cara ao Castelo. Alí había unha figueira que daba unhas béveras moi negras, moi negras. E xunto á figueira, pero no río, un pozo moi fondo. Ela viu saír do río un fenómeno, un monstro, un bicho, unha cousa rara, que parecía metade peixe e metade persoa, e que se sacudiu e empezou a subir polo souto arriba. Ela levou un medo que non digas, e escondeuse ata que pasou aquilo, e marchou para a casa. E foi tal o susto que seica non quixo volver máis coas ovellas para aquel sitio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Entrada xacio en Digalego". Consultado o 05 de novembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.
- Castro López, Ramón (1929). Deputación de Lugo, ed. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca. Lugo. ISBN 84-8192-174-2.
- Asociación Xuvenil Os Estraloxos (2001). Deputación Provincial de Lugo, ed. Lendas e tradicións da Ribeira Sacra: Vilar de Ortelle, Pantón. Lugo. ISBN 84-8064-108-8.
- Tenreiro Bermúdez, Marcial (2007): "A lenda melusínica no folclore galego: Apuntamentos sobre o culto e o popular". in, García Hurtado, M-R (ed.): De culturas, lenguas y tradiciones. Actas II Simposio de Estudios Humanisticos, Universidade da Coruña.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Un lugar rodeado de lendas populares e pouco estudado ata agora polos arqueólogos", artigo en La Voz de Galicia, 9 de decembro de 2007.
- "Mitología de la Península Ibérica - Galicia", Canal Historia 2011 (en castelán).