Xea
Xea[1][2] era na mitoloxía grega unha deusa que encarnaba a Terra Nai. Tamén coñecida como Gaia (Terra), o seu equivalente romano sería Tellus, aínda que existen certas asociacións un tanto confusas coa deusa Cibeles.
Historia
[editar | editar a fonte]Segundo a mitoloxía grega, Xea nace no principio dos tempos da profunda fenda que é o Caos, sendo a primeira realidade material do Cosmos. Tras ela naceron Erebo e Nix (a Noite), e despois Hemera (o Día) e Éter [3]. Outras fontes engaden como fillo do Caos primixenio a Eros, aínda que resulta máis habitual consideralo fillo de Ares e Afrodita.
O nacemento de Xea foi descrito, entre outros feitos, por Hesíodo na súa Teogonía.
O seu esposo Urano, horrorizado ante a monstruosidade dos seus primeiros fillos (os Hecatonquiros e os Ciclopes) e temendo que lle arrebatasen o seu trono, condenounos a vivir nas profundidades da Terra (no ventre da nai Xea). Xea deu ó seu fillo Cronos unha fouce de aceiro (outras fontes din que de sílex), pedíndolle que derrotase ó seu pai, e así foi como este lle cortou os xenitais, que lanzou ó mar. Das gotas de sangue que caeron sobre Xea, a Terra, fecundándoa, naceron as Erinias, os xigantes e as Ninfas; e do seme caído no mar, naceu Afrodita.
Despois da castración de Urano, Xea uniuse ó seu fillo Ponto (a Onda) e desa unión naceron as divindades mariñas: tres machos, Nereo, Forcis e Taumante e dúas femias, Ceto e Euribia. Tamén se unirá ó seu irmán Tártaro, dando a luz a Tifón e Equidna.
Máis tarde, Xea participaría nun complot para derrocar o seu propio fillo Cronos, que unha vez no trono se volvera tan cruel e tirano como o seu pai, devorando os seus fillos para evitar ser derrocado. Dela foi a idea levada a cabo por Rea de agochar o fillo máis pequeno, Zeus, e darlle en troques a Cronos unha pedra envolta nas roupas do bebé. Deste xeito puido salvar a vida de Zeus, a quen entregou ás Ninfas para que o criaran na illa de Creta.
Xenealoxía e descendencia
[editar | editar a fonte]Gaia ou Xea é filla do Caos, primordial, e irmá de Eros (o amor sensual), que nace en segundo lugar, de Tártaro (os infernos), o Erebo (as tebras infernais) e Nicte, a noite.
Da súa unirón con Urano naceron en primeiro lugar os Hecatonquiros, xigantes de 50 cabezas e 100 mans, chamados Briareo, Xigues e Cotto); logo os Ciclopes (xigantes dun só ollo na fronte, chamados Brontes, Estéropes e Arxes) e, por último, os deuses propiamente ditos: os Titáns (Océano, Ceo, Hiperión, Crío, Xapeto e Cronos) e as Titánides (Tetis, Rea, Temis, Mnemósine, Febe, Dione e Tía).
É ademais a nai das razas divinas: dará a luz, sen intervención de elemento masculino algún, a Urano, o Ceo, deus do firmamento; ás Montañas, as Ninfas e a Ponto, personificación do mar ou das correntes mariñas [4].
Da unión con Tártaro tivo dous fillos monstruosos: Tifón e Equidna. O primeiro, de forza prodixiosa, declarou a guerra a Zeus e protagonizou a Tifonomaquia. Terminou sendo derrotado e botado ós infernos.
Outros autores fano nai de Triptólemo, concibido co titán Océano (á vez, fillo da propia Xea). Tamén do xigante Anteo, concibido con Poseidón (tamén fillo de Xea). Moitos outros monstros figuran nas teogonías como fillos de Xea, entre eles Pitón, que resultará morto por Heracles.
Fillos de Xea
[editar | editar a fonte]- Sen intervención de elemento masculino:
- Urano, as Montañas e Ponto
- Con Urano:
- Os Titáns e Titánides, os Ciclopes e os Hecatonquiros
- Do sangue de Urano:
- As Erinias, os Xigantes e as Ninfas dos freixos
- Con Ponto:
- Nereo, Taumante, Forcis, Ceto e Euribia
- Con Tártaro:
- Tifón e Equidna
- Con Poseidón:
- Anteo
- Con Océano:
- Triptólemo
Iconografía
[editar | editar a fonte]Xea coñecía, como seu home Urano, o segredo dos Destinos, e a súa capacidade profética era máis antiga, máis poderosa e máis segura que a de Apolo. En Grecia foi considerada como símbolo da Terra e da súa fecundidade e representábase como unha muller vestida luxosamente e con diadema, ás veces xurdindo da terra ata a cintura ou, en todo caso, co seu corpo por debaixo da liña do chan. Adoita ser retratada xemendo e chorando pola morte dos seus fillos, e así, no altar de Pérgamo, aparece implorando o perdón para os seus fillos, os Xigantes.
En Roma, xa como Tellus, represéntase como unha muller vestida con manto, co pelo solto e adornado cunha coroa de espigas. Usualmente está reclinada no chan e porta unha cornucopia (corno da abundancia), ás veces cinguida por unha serpe. Ó redor de Xea poden estar as Horas.
Xa na Roma Imperial foi asimilándose a Rea ou a Deméter, e especialmente a Cibeles, que se impón a partir da Idade Media
Gaia e as tendencias ecoloxistas
[editar | editar a fonte]Hai un concepto formulado por James Lovelock, a chamada Hipótese Gaia, que concibe a biosfera (o conxunto formado pola terra e a súa atmosfera) como un xigantesco ser vivo.[Cómpre referencia] Esta hipótese, que foi desenvolvida máis tarde por Lynn Margulis baixo o nome de Teoría Gaia, fai referencia á bioxeografía, no sentido de que os seres vivos (animais e plantas) evolucionaron interactuando estreitamente co reino mineral, polo que todos forman parte dun conxunto dinámico que regula e dá forma á biosfera terrestre.
Esta concepción de Gaia como personificación con vida propia da Terra atópase na orixe de movementos como o New Age, ou certas tendencias ecoloxistas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Xea". Diccionario enciclopédico galego universal 60. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 45. ISBN 84-7680-429-6.
MIT Personificación da Terra, concibida como un elemento primordial do que xurdiron as razas divinas. Naceu por ela mesma, despois do Caos (personificación do baleiro primordial). Sen intervención masculina xerou a Urano e xunto a el xerou os titáns, os cíclopes[sic] e os xigantes.
- ↑ "Xea". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2215. ISBN 978-84-8288-942-9.
Mit. Na mitoloxía grega, a Terra, filla da Noite e de Eros. Da súa unión con Urano naceron os titáns, os ciclopes e os monstros.
- ↑ Hesíodo fai a estes dous últimos fillos de Nix e de Erebo.
- ↑ "Tamén deu a luz ás grandes Montanas, agradables moradas das Ninfas que habitan nos abruptos montes. Así mesmo deu a luz ó estéril mar, de impetuosas ondas, o Ponto, sen o desexable amor" (Hesíodo: Teogonía 129-132).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xea |
- CARMONA MUELA, Juan (2018): Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr.
- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel (2017): Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed.
- GRIMAL, Pierre (1981): Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós.
- HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]
- Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA