Artemisa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Nome orixinal | (grc) Ἄρτεμις |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Monte Cinto, Grecia (pt) |
Actividade | |
Ocupación | cazadora, arqueira |
Celebración | Relixión da Grecia antiga |
Familia | |
Pais | Zeus e Leto |
Irmáns | Apolo |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Para a planta chamada artemisa véxase o artigo:Herba de Nosa Señora.
Artemisa[1] ou Ártemis[2] é na mitoloxía grega unha deusa da caza e das bestas salvaxes.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É a irmá xemelga do deus Apolo e filla de Leto e Zeus. Posteriormente, chegouse a identificar con Hécate, a deusa dos mortos, que recibe como sacrificio humano a Ifixenia, filla de Agamenón. Este, antes de partir a Troia, ten que ofrecer á súa propia filla en sacrificio á deusa para que os ventos que lle impiden saír da cidade de Micenas cesen. Isto comportará o odio da súa esposa Clitemnestra que, á volta da guerra, dará morte ó seu marido coa axuda do seu amante Existo. Do mesmo xeito, tamén se asimilou a Selene, deusa da Lúa, que bica pola noite ó pastor Endimión, castigado por Xuno a durmir trinta anos. O templo máis importante da deusa estaba na cidade xonia de Éfeso, considerado unha das sete marabillas da Antigüidade, foi construído no ano 356 a.C. cun impoñente tamaño e unha profusa decoración helenística. Asemade, foi destruído no ano 262 d.C. polos godos.
Lendas
[editar | editar a fonte]As lendas máis importantes nas que participa de forma activa a deusa son as seguintes:
O castigo de Níobe. Níobe era filla de Tántalo e tivo seis fillos e seis fillas, mentres que Leto tivera tan só dous: Apolo e Ártemis. Entón a mortal comezouse a mofar da "escasa" fertilidade da deusa e, ante este ultraxe, os dous xemelgos responderon cunha cruel matanza, acabando Apolo cos seis fillos e Ártemis coas seis fillas, aínda que fontes máis tardías aseguran que a deusa salvou a unha das rapazas de Níobe converténdoa en sacerdotisa para o seu templo.
O príncipe Acteón. Certo día, a deusa Ártemis estaba a se bañar nun río totalmente espida. Entón, Acteón, que estaba cazando e se achegara ó escoitar uns ruídos, apartou as pólas que cubrían á deusa, véndoa espida. Ela, moi anoxada, rociouno con auga e converteuno nun cervo que, de seguido, foi perseguido e morto polos seus propios cans de caza. Deste episodio, danos boa conta Ovidio nas Metamorfoses.
A deusa adóitase representar armada con alxaba, arco e frechas, que comparte co seu irmán Apolo. Considérase a fundadora e deusa principal para a lendaria tribo das Amazonas que, como a deusa, dedicábanse á caza e á loita.
Tamén é protectora da virxindade e castidade femininas, as cales protexeu contra o cazador Orión do que a deusa se namorou mandándolle un escorpión para que o matara unha vez que este a intentara violar. Como deusa, pode chamar a atención a súa falta de piedade que, nun primeiro momento, salta á vista. Pero esta falta de bondade ou piedade non é tan evidente en realidade, pois tamén proporcionaba unha doce morte ás mulleres no parto cando as cousas se complicaban.
En Roma, asimilouse a Diana, coa que compartía multitude de semellanzas e, unha vez inserida nesta civilización, tamén se lle atribúen novos mitos, destacando a súa participación na obra cumio de Virxilio, a Eneida, onde en todo momento axuda e defende á amazona Camila, a cal, unha vez morta por Arrunte, é vingada pola deusa. En Roma, construíuselle un templo no Aventino e a súa festa celebrábase nos idos de agosto, isto é, o día trece.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Artemisa". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 205.
- ↑ "Ártemis". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo Edicións. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Artemisa |