Saltar ao contido

Equidna (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Equidna e os leóns, no parque Dei Mostri, en Bomarzo, Italia

Equidna (tamén chamada a Víbora) era, na mitoloxía grega, un ser monstruoso con tronco de muller pero terminado como unha serpe. Era filla de Forcis e Ceto (fillos tamén monstruosos de Ponto e Xea), aínda que para outros mitógrafos sería filla de Tártaro e Xea [1], ou de Crisaor e Calñirroe.

[Ceto] "enxendrou outro monstro extraordinario..., a divina Equidna, de vigorosa mente, metade doncela de fermosas meixelas e vivos ollos, metade terrible serpe monstruosa, enorme, brillante, salvaxe, nas entrañas da divina terra".
(Hesíodo: Teogonía 295-300)

Adoitaba devorar ós camiñantes no Peloponeso, ata que lle deu morte Argos Panoptes (de cen ollos), fillo de Arestor [2].

A súa descendencia tamén foi monstruosa, con diferentes parellas. De Tifón tivo a Cérbero (o gardián do Hades), a Ortro (o can pastor de Xerión, con dúas cabezas), a Hidra de Lerna (serpe de múltiples cabezas á que tivo que matar Heracles) e Quimera (con cabeza de león, unha cabeza de cabra no lombo e cola de serpe).

Uníndose ó seu fillo Ortro tivo a Fix (un monstro que causaba estragos entre os cadmeos) e o León de Nemea (a quen tamén matou Heracles).

Algunhas fontes engaden como fillos seus á aguia que comía o fígado de Prometeo, eternamente, e o dragón que vixiaba na Cólquide o vélaro de ouro. Pseudo-Apolodoro asegura que Ladón tamén era fillo de Tifón e Equidna, un dragón de cen cabezas que vixiaba as mazás de ouro do xardín das Hespérides [3], aínda que Hesíodo di que era fillo de Ceto e Forcis [4]. Hixino insire na lista de fillos monstruosos a Escila, que tiña a metade superior de muller e a inferior de cadela, e seis cans brotaban do seu corpo [5].

Nas colonias gregas no Mar Negro circulaba outra lenda. Cando Heracles regresaba de roubar os Bois de Xerión, chegou a Escitia (ó norte do delta do Danubio) e deixou os seus cabalos a pacer. Cando acordou xa non estaban, pero achou a Equidna, que lle prometou devolverllos se aceptaba ter sexo con ela. E así tiveron tres fillos: Agatirso, Gelono e Escites [6].

Participou, co seu compañeiro Tifón, na rebelión contra Zeus (coñecida como Tifonomaquia). Aínda que foron derrotados, Zeus non os matou, nin ós seus fillos, e permitiu a súa existencia como desafío para os futuros heroes.

  1. Pseudo-Apolodoro II, 1, 2.
  2. Pseudo-Apolodoro II, 1, 2.
  3. Pseudo-Apolodoro II, 5, 11.
  4. Hesíodo: Teogonía 333-336.
  5. Hixino: Fábulas 151.
  6. Heródoto IV, 9-10.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].