Saltar ao contido

John Milton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJohn Milton

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento9 de decembro de 1608 Editar o valor en Wikidata
Cheapside (Reino de Inglaterra) Editar o valor en Wikidata
Morte8 de novembro de 1674 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Londres (Reino de Inglaterra) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinsuficiencia renal Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaSt Giles-without-Cripplegate (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaChalfont St Giles (pt) Traducir (1665–) Editar o valor en Wikidata
RelixiónAnglicanismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónChrist's College
St Paul's School (pt) Traducir
Jesus College Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoFiction (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoeta Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeMary Powell
Elizabeth Minshull
Katherine Woodcock Editar o valor en Wikidata
FillosKatherine Milton
 () Katherine Woodcock
Anne Milton
 () Mary Powell
Mary Milton
 () Mary Powell
John Milton
 () Mary Powell
Deborah Milton
 () Mary Powell Editar o valor en Wikidata
PaisJohn Milton Editar o valor en Wikidata  e Sara Jeffrey Editar o valor en Wikidata
IrmánsChristopher Milton
Anne Milton Editar o valor en Wikidata
ParentesEdward Phillips, sobriño Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Мильтон Джон)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Encyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata
BNE: XX984603 Musicbrainz: 3e48e7cf-0d3a-46bd-8eb2-18a116491328 Discogs: 505622 IMSLP: Category:Milton,_John WikiTree: Milton-291 Find a Grave: 716 Editar o valor en Wikidata

John Milton, nado en Londres o 9 de decembro de 1608 e finado na mesma cidade o 8 de novembro de 1674 foi un poeta e ensaísta inglés, coñecido especialmente polo seu poema épico Paradise Lost. Politicamente foi unha figura importante entre os que apoiaron a Mancomunidade de Inglaterra. Ocupou o posto de ministro de linguas estranxeiras baixo o mandato de Oliver Cromwell e os seus tratados políticos foron consultados para a redacción da Constitución dos Estados Unidos de América.[1]

Poeticamente, Milton é unha das figuras máis importantes do panorama literario inglés, sendo en ocasións situado ao mesmo nivel que Shakespeare. A influencia de Milton na literatura posterior é ampla e variada: atribúese á influencia da súa obra a aceptación e difusión do verso branco en poesía, e, especialmente durante o Romanticismo, as alusións á súa obra alcanzaron un nivel similar ao gozado polas referencias clásicas.[2] A propia personalidade de Milton foi en ocasións debatida e criticada, en especial, a forma na que se debuxou a si mesmo nalgunhas das súas obras, sobre todo na Defensio.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

John Milton foi o segundo fillo de John e Sara Milton. O seu pai era un próspero escribán, que realizaba tarefas de notario. Compuña tamén música sacra e tiña vínculos co mundo do teatro, especialmente o Blackfriars Theatre;[4] fora desherdado polo seu pai, fervente católico, por converterse ao protestantismo. A familia vivía en «The Spreadeagle», a súa casa de Cheapside, preto da catedral de San Paulo en Londres, en cuxa escola estudou Milton. Dende moi novo, Milton comezara a aprender linguas clásicas da man de titores, entre eles Thomas Young.

En 1625, foi admitido no Christ's College en Cambridge, onde comezou a prepararse para entrar na Igrexa de Inglaterra. Era moi bo estudante,[5] pero gustáballe discutir e foi expulsado temporalmente por rifar co seu titor, William Chappell, polo cal ao seu regreso foille asignado outro. O seu profesor favorito foi Thomas Young (que xa fora titor seu en Londres), o cal reaparecería noutros momentos da súa vida desvinculados da etapa de Cambridge. Fíxose amigo de Roger Williams, teólogo disidente americano, ao que ensinou hebreo a cambio de leccións de neerlandés. Neste período compuxo varios poemas, entre eles On the Morning of Christ's Nativity. Sábese que os primeiros anos da súa estancia en Cambridge non foron agradables. Milton sentíase alienado pois consideraba o seu intelecto superior ao dos seus compañeiros e estes, facendo referencia ao seu pelo longo e louro, e o seu aspecto efeminado puxéronlle o alcume de «Lady of Christ's» (college). Con todo, é posible que unha vez as súas obras poéticas comezaron a publicarse nos xornais da universidade, a situación cambiase, como parece indicar o seu último escrito universitario, Oratorio pro Arte, que trata entre outras cousas do belo e valioso dunha amizade entre iguais.

Estudo intensivo e viaxes

[editar | editar a fonte]

En 1632, graduouse cum laude e regresou a Londres, onde se dedicou durante cinco ou seis anos ao estudo intensivo e á composición literaria na súa casa de Hammersmith. Nesta época escribiu principalmente poemas, como On Shakespeare, L'Allegro e Il Penseroso.

Contrario á educación de Cambridge, que entón se baseaba principalmente na memorización, Milton dedicou este tempo á lectura das obras dos antigos e dos contemporáneos sobre teoloxía, filosofía, historia, política, literatura e ciencia. Como guía para trazar os estudos aos que Milton se dedicou nestes anos recórrese ao seu «commonplace book», algo así como o seu caderno de notas, que hoxe se atopa na Biblioteca Británica. A educación de Milton foi ampla e variada; coñecía o latín, o grego e o hebreo. Era un fluído falante do francés, o castelán e o italiano, e aplicouse tamén en aprender inglés antigo e neerlandés. Grazas a esta educación, Milton está considerado como un dos escritores máis instruídos da literatura inglesa.

En abril de 1637 morreu a súa nai, e uns meses despois Edward King, amigo de Milton da época de Cambridge, morreu afogado, polo que os seus compañeiros decidiron escribir elexías na súa honra. En novembro Milton compuxo Lycidas para engadila na colección en memoria de King, e esta publicouse en 1638. Escribiu tamén mascaradas como Arcades ou Comus, que compuxo para John Egerton, primeiro conde de Bridgewater, ao ser este instaurado «Lord President of Wales» —os manuscritos destas obras temperás consérvanse no Trinity College de Cambridge, polo que se coñecen como «os manuscritos de Trinity»—.

Como era costume entre os mozos podentes na época, Milton emprendeu unha viaxe por Europa na primavera de 1638; foi a París e despois a Italia, onde, durante a súa estancia en Florencia, moi probablemente coñeceu a Galileo Galilei, o cal se atopaba baixo arresto domiciliario por orde da Inquisición. En Roma foi convidado polo cardeal Barberini, sobriño do papa Urbano VIII, a visitar a Biblioteca Vaticana. Trasladouse a Xenebra, onde fora coa esperanza de coñecer o soado teólogo calvinista Giovanni Diodati. Alí, tivo que cancelar a proxectada viaxe a Grecia ao descubrir rumores cada vez máis insistentes de que se achegaba unha guerra civil a Inglaterra e que un amigo seu de infancia, Charles Diodati, sobriño do anterior, morrera. Regresou a Inglaterra en xullo de 1639, tras o cal comezou a escribir Epitaphium Damonis, un poema en latín en memoria do seu amigo.

En Londres, estableceu unha especie de academia, á que asistiron os seus sobriños, Edward e John Phillips, e á que acudiron máis adiante mozos de familias aristocráticas. A guerra civil estaba a fraguarse (xa se estaba librando o seu prefacio, as guerras dos bispos). O rei Carlos I invadira Escocia e disolvera o parlamento. Milton, activo en política, comezou a redactar panfletos antiepiscopais —nesta época, política e relixión estaban fortemente enlazadas (o rei xa era a cabeza da igrexa anglicana), algo que se pode apreciar nos escritos de Milton: Of Reformation, sobre a disciplina nas igrexas de Inglaterra; Animadversions, Of Prelatical Episcopacy (que é unha defensa de Smectymnuus, unha organización protestante liderada por Thomas Young) e The Reason for Church Government, na que se sitúa en contra da prelación (xerarquía) e ataca a Igrexa alta, especialmente o seu líder William Laud, Arcebispo de Canterbury.

Primeiro matrimonio

[editar | editar a fonte]
Primeira edición de Areopagitica.

En 1642, Milton casou con Mary Powell, que tiña entón 17 anos. A relación non durou moito, e pouco despois Mary abandonouno, regresando á casa dos seus pais en Oxford, pois Milton tiña un carácter arisco. Esta situación deu lugar aos famosos «Tratados sobre o divorcio», onde se argumentaba a favor do divorcio por incompatibilidade de personalidades: en 1643, publicou Doctrine and Discipline of Divorce e en 1644, Judgement of Martin Bucer Concerning Divorce. A publicación destes textos causou un escándalo no parlamento e entre o clero, que tentou censuralos; por mor diso, durante o verán de 1644 Milton escribiu o seu Areopagitica, unha apoloxía da liberdade de prensa. Doutra banda, Milton, que quedara en certa medida desencantado da educación de Cambridge, escribiu Of Education, un tratado que propón establecer un estudo rigoroso para os mozos de Inglaterra. En 1645, publicáronse outras tres obras: Tetrachordon, Colasterion e unha colección de poemas en inglés e en latín.

Ao redor de 1645, Mary Powell regresou ao fogar conxugal e reconciliáronse; a súa primeira filla, Anne, naceu o ano seguinte. Cando a guerra civil estalou, os Powell declaráronse monárquicos, mentres que Milton era republicano. En Oxford, os monárquicos estaban a ser expulsados, así que a familia da súa muller trasladouse á casa de Milton, en Hammesmith. En 1647 morreron o seu pai e o seu sogro. Un ano despois os Powell abandonaron a casa, e naceu a súa segunda filla, Mary Milton. O 30 de xaneiro de 1649 o rei Carlos I foi executado nunha praza pública, acto do que probablemente Milton foi testemuña. Dúas semanas despois publicouse The Tenure of Kings and Magistrates, que aborda cuestións institucionais.

Ministro de linguas estranxeiras

[editar | editar a fonte]
Primeira edición de Eikonoklastes.

Unha vez establecida a Commonwealth trala vitoria parlamentaria, o goberno de Cromwell fixo de Milton ministro de linguas estranxeiras (marzo de 1649) e a familia trasladouse a Westminster, onde naceu o seu fillo John. Nos anos subseguintes Milton foi o encargado de traducir ao latín as actas oficiais e responder os ataques literarios contra a república; tamén serviu como censor e é moi posible que tamén redactase discursos para Cromwell. Con The Tenure of Kings and Magistrates defendeu o republicanismo e a Cromwell, que estaba a ser atacado polos presbiterianos (principalmente escoceses) e os realistas. Entre os seus tratados máis notables atópase o Eikonoklastes, publicado en outubro de 1649 e que é unha resposta ao Eikon Basilike, un tratado moi difundido que se atribuía a Carlos I e que mostraba o rei asasinado como un mártir cristián. Un mes despois, os partidarios de Carlos II publicaron a Defensio Regia, escrita polo coñecido orador Claudius Salmasius, ao que Milton respondeu con Defensio pro populo Anglicano (ou a Primeira defensa), un texto moi coidadosamente redactado, en latín, que serviu para dar a coñecer as facultades oratorias de Milton na Europa continental.

En 1652, Milton perdeu a vista, probablemente por mor dun glaucoma, o que lle leva a compor o soneto «When I Consider How My Light Is Spent». En maio, a súa dona Mary morreu por complicacións no parto e en xuño morreu tamén o seu fillo John, de quince meses.

En 1654 publicou a Defensio Secunda, resposta ao Regii sanguinis clamor de Pierre du Moulin, na que eloxia a Cromwell, á vez que o exhorta a manterse fiel aos principios republicanos. Continuou a traballar grazas á axuda de Andrew Marvell, ao que fixo o seu asistente, e ditando as liñas a amanuenses. Aínda así, os seus labores como tradutor son amplamente recortados e modificouse o seu soldo (288 libras) a unha pensión vitalicia de 150 libras.

Milton atribuíra o Clamor a Alexander More, polo que este respondeu atacándoo nun escrito. En 1655, Milton publicou Defensio Pro Se ("Defensa de min mesmo"), defendéndose deste ataque. En 1656, contraeu nupcias con Katherine Woodcock, coa que tivo unha filla, mais Katherine e a súa filla morreron en 1658, o mesmo ano en que tamén morreu Oliver Cromwell. En memoria da súa esposa Katherine, escribiu o soneto «Methought I saw my late espousèd saint».[6]

Restauración

[editar | editar a fonte]
Milton ditando ás súas fillas Paradise lost.

Coa morte do Lord Protector Oliver Cromwell, a Commonwealth estaba condenada a caer; Milton, con todo, continuou a aferrarse aos principios republicanos e a principios de 1659 publicou A Treatise of Civil Power, tratado en que ataca a unión de Igrexa e estado, Considerations touching the likeliest means to remove hirelings, denunciando a corrupción na Igrexa e unha serie de propostas destinadas a manter a supremacía do parlamento sobre o exército: A Letter to a Friend, Concerning the Ruptures of the Commonwealth (tras a disolución do Rump Parliament), Proposals of certain expedients for the preventing of a civil war now feared (cando estaba a piques de restaurarse a monarquía Estuardo) e, finalmente, Ready and Easy Way To Establish a Free Commonwealth, unha fútil reprimenda aos ingleses por fraquear na causa da liberdade.

Por mor do seu traballo como propagandista, Milton tivo que esconderse dos monárquicos, por medo a unha posible represalia. En xaneiro, tanto a Defensio pro populo Anglicano como o Eikonoklastes foron queimados publicamente. En outubro, Milton foi arrestado e ingresado en prisión, aínda que máis tarde foi liberado por orde do parlamento grazas á influencia dalgúns amigos agora poderosos como Andrew Marvell.

En 1663, Milton casou con Elizabeth Minshull, de 24 anos, a pesar da opinión desfavorable das súas fillas e volveu traballar como titor de mozos podentes. Terminou ademais a súa obra épica Paradise Lost. Pola súa cegueira, Milton compuña os versos na súa cabeza pola noite e ditábaos pola mañá aos seus asistentes. Paradise Lost completouse na aldea de Chalfont St Giles cando en 1665 saíu de Londres para escapar da gran peste de Londres[7] e publicouse finalmente en 1667, en dez libros, sendo ampliado en 1668 con material adicional. A obra foi un éxito instantáneo. En 1670 publica History of Britain e en 1671 Paradise Regained e Sanson Agonista, en 1673 Of True Religion and Poems, &c. upon Several Occasions. No verán de 1674 apareceu a segunda edición de Paradise Lost, esta vez en doce libros.

Milton faleceu dun fallo renal en novembro de 1674, e atópase enterrado na igrexa de St. Giles en Cripplegate; existe un monumento na súa honra no Recuncho dos Poetas da abadía de Westminster.

A personalidade de Milton

[editar | editar a fonte]

A reputación de Milton estivo en constante cambio, tanto durante a súa vida como despois. Da lectura dos seus escritos políticos non se pode discernir un carácter amable, xa simplemente pola forza e intensidade das súas conviccións, e o destino particular destes (a propaganda política), que por forza require de certa aspereza. Entre outras cousas foi acusado de ser politicamente oportunista, de ser inmoral (polos tratados sobre o divorcio, e os seus tres matrimonios —que ironicamente nunca acabaron en divorcio), e tamén de ser un clasicista arrogante con demasiada estima do seu propio valor como poeta, —algo que, quizais pode lexitimarse en declaracións súas de mocidade, como a seguinte da época de Cambridge, na que tras observar os seus compañeiros tratar de representar unha comedia no teatro da facultade, comentou, máis tarde: "Eles críanse homes galantes, eu críaos idiotas".[8] Máis recentemente tamén tivo fortes acusacións de misoxinia por parte do feminismo, tanto polos tratados sobre o divorcio como pola descrición da pouco redimible Eva de Paradise Lost.[9]

Tamén se lle acusou de non ocuparse da educación das súas fillas como se ocupou da dos seus sobriños e outros mozos. A súa relación con elas era, ao parecer, bastante fría despois da morte da súa nai, especialmente cando Milton decidiu casar por terceira vez. As poucas referencias existentes sobre a vida familiar de Milton suxiren que este ignorou as necesidades emocionais e educativas das súas fillas, as cales, pola súa banda sentíronse explotadas polas necesidades de Milton, especialmente cando quedou cego; coñecida é a anécdota que conta como Milton ensinou ás súas fillas a ler no alto o grego, pero sen ensinalas a entender o idioma, polo que pasaban horas recitando algo que non entendían.[10]

As súas fillas Anne e Mary nunca fixeron as paces co seu pai, pero Deborah —a máis nova e máis parecida ao seu pai— serviu como fonte para as primeiras biografías do poeta, e descríbeo como un home afable e excelente compañía. A rixidez e austeridade dos seus costumes, parece, foron fortemente esaxeradas posteriormente. Apreciaba pasear polos xardíns, mesmo despois de quedar cego, e tamén o tabaco e o viño moderadamente.[11]

En canto á opinión dos estudosos das épocas seguintes, cabe o exemplo do proclamado por G. K. Chesterton, que falou dun contraste entre Milton o poeta e Milton o home: «témome que o modo máis curto e máis satisfactorio de dicilo é que, unha vez todo foi meu dito meu feito, (Milton) é un poeta que non podemos deixar de apreciar e un home ao que non podemos apreciar».[12]

O propio Milton é a fonte máis empregada para buscar información sobre a súa persoa. Moi detallada é a información que se ofrece en Defensio Secunda:

Admito que non son alto, pero a miña estatura achégase máis á mediana que á pequena... Tampouco son especialmente débil... cando a miña idade e a miña forma de vida o requiriron, non fun ignorante no manexo da espada, e practicaba en usala cada día... Agora teño o mesmo espírito, a mesma forza, pero non os mesmos ollos. E non obstante, conservan aínda a aparencia duns ollos sans, e son tan claros e vívidos, sen brétema ningunha, como os ollos daqueles que ven perfectamente... no meu rostro, do que el [Moulin] di “xamais ter visto rostro con menos sangue”, aínda se percibe unha cor que é a exacta oposta do pálido e sen vida, polo que, aínda que teño xa máis de corenta anos, apenas hai alguénn a quen non lle pareza máis novo en polo menos dez anos. Tampouco é certo que o meu corpo ou a miña pel murchase.[13]
John Milton, Defensio Secunda

Pensamento político e filosófico

[editar | editar a fonte]
Il Penseroso, de Thomas Cole.

As crenzas idiosincrásicas de Milton teñen a súa base en gran parte no mandato puritano da inviolabilidade da conciencia.[14] O pensamento de Milton pode estudarse a través de dúas fontes, os seus tratados, e os seus poemas recolleitos en Poems of Mr. John Milton both in English and Latin. Excluíndo os tratados sobre o divorcio, atopamos dúas vertentes principais, por unha banda a crítica ao episcopalismo da igrexa anglicana, e por outro a defensa do republicanismo.

Milton culpa a igrexa anglicana, e en concreto os bispos de provocar unha guerra contra Escocia e de forzar «ingleses libres, fieis e bos cristiáns a abandonar o seu fogar, as súas amizades e as cousas que lles son afíns para buscar refuxio nos salvaxes desertos de América». Doutra banda, a controversia suscitada polos seus tratados sobre o divorcio e a posterior censura provocaron que escribise a Aeropagitica, unha chamada á liberdade de expresión na que Milton pide unha maior liberdade constitucional, e que alberga unha das súas frases máis soadas: «Pois os libros non son en absoluto cousas mortas, senón que conteñen un potencial de vida neles que os fai tan activos como a alma da que proveñen; non, preservan como nun tubo de ensaio os extractos máis puros do intelecto vivo que os procreou».[15]

En filosofía, Milton foi un proponente de monismo, ou materialismo animista, isto é, a noción de que é unha soa substancia material, que é «animada, autoactiva, e libre», a que compón todo o existente no universo, desde as pedras, as árbores, os corpos e as almas a Deus e os anxos.[16] Milton prefire desta maneira evitar o dualismo corpo-alma de Platón e de Descartes, así como o determinismo mecánico de Hobbes. Esta teoría pode atoparse principalmente en Paradise Lost, na que Milton permite os anxos comer ou ter relacións sexuais (8.622-29).

Quizais moito máis coñecida sexa a súa faceta de defensor do republicanismo, que pode atoparse en obras como The Tenure of Kings and Magistrates, Milton afirmou neste escrito que os reis obteñen o seu poder do pobo, e polo tanto, é o dereito deste destituílo, encarceralo e mesmo condenalo á morte. Nos séculos posteriores, comezou a recoñecerse a Milton como un dos precursores do liberalismo.[17]

Pensamento relixioso

[editar | editar a fonte]
O Arcanxo Rafael con Adán e Eva. Gravado de William Blake.

A poesía e a prosa de Milton reflicten unhas profundas conviccións relixiosas, que a miúdo chocan ou son unha reacción contraria a aquelas dos seus contemporáneos. Como funcionario do goberno de Cromwell e polo seu oficio de escritor non sempre se poden distinguir as súas opinións reais de licenzas poéticas ou intereses políticos (como ocasionar polémica).

A pesar de que se pode dicir sen reviravoltas que Milton é claramente protestante, tamén mostra coñecementos doutras teorías políticas que o separan dos cristianismos máis ortodoxos; un exemplo disto pode ser o rexeitamento que profesa ao concepto da Santísima Trindade ao considerar que o fillo era subordinado ao pai, unha doutrina coñecida como arianismo e que á súa vez está moi relacionada co socinianismo (crenza de que Xesús non ten natureza divina, que se pode atopar no unitarismo). Outra das opinións heréticas de Milton, ilustrada en Paradise Lost, é a crenza de que a alma morre co corpo.[18]

Doutra banda, Milton abandonou a súa campaña de lexitimación do divorcio despois de 1645, aínda que defendeu a poligamia en De doctrina christiana, un tratado que non foi publicado e que expón moitas ideas heréticas.[19]

Como moitos autores do Renacemento antes que el, Milton integrou a teoloxía cristiá cos modelos clásicos. Nos seus poemas temperáns, o poeta-narrador mostrou unha tensión entre o vicio e a virtude, o cal os relaciona fortemente co protestantismo. Na mascarada Comus Milton empregou a ironía para elevar as nocións de pureza e virtude sobre as convencións cortesás de festa e superstición. Nos poemas posteriores, estas cuestións relixiosas fíxeronse máis explícitas; en On Reformation, Milton expresou a súa aversión cara ao catolicismo e especialmente cara á xerarquía eclesiástica.

Obra poética e dramática

[editar | editar a fonte]

As primeiras obras poéticas compostas por Milton foron L'Allegro e Il Penseroso (1631), dúas pastorais, que reflicten o goce dun día no campo dende dous puntos de vista distintos: L'Allegro ("O alegre") invoca a alegría da diversión máis pura, mentres Il Penseroso ("O pensativo"), reflicte unha diversión máis melancólica, enfocada á contemplación interior. Esta representación de opostos sería logo retomada por poetas como William Blake, en obras como Songs of Innocence and of Experience, ou The Marriage of Heaven and Hell.

O nome Lycidas, do protagonista do poema homónimo, é típico dos pastores dóricos, polo que Milton considerouno apropiado para a súa elexía pastoral. Nela rende homenaxe ao seu amigo Edward King, que morrera afogado cando o barco no que viaxaba se afundiu preto da costa irlandesa. Neste poema un pastor chora a morte doutro pastor que morreu afogado. Xoga Milton aquí coa metáfora do pastor-poeta das pastorais (pois King escribía tamén poesía) e a do pastor de almas, pois a morte dun bo pastor causa unha gran perda para o rabaño.

Milton escribiu tamén unha mascarada, Comus na que fai honra á castidade. Nesta obra unha moza é raptada e tentada por Comus, unha versión parodiada do deus festivo grego do mesmo nome, pero a moza resiste ás proposicións do deus, e finalmente é rescatada polos seus irmáns. A obra foi representada en honra a John Egerton, como celebración tras ser este proclamado Lord President de Gales.

Paradise Lost recupera os temas da caída de Lucifer e da desobediencia do home, e o posterior exilio de ambos, do Ceo para o primeiro e do Paraíso para os segundos, creando un equilibrio entre ambas, así como unha serie de contrastes. Trátase dun poema épico no que Milton trata de «xustificar as accións de Deus ante os homes» e de revelar a mensaxe esperanzadora que trae o fillo de Deus trala perda do paraíso. Trala publicación desta obra, Milton dedicouse a escribir Paradise Regained e Samson Agonistes. A pesar de que Paradise Regained é unha secuela da anterior, ten máis similitudes con Samson Agonistes, pois ambas teñen un carácter menos épico e foron publicadas nun mesmo tomo en 1671. Paradise Regained trata o tema da tentación de Cristo no deserto, seguindo o evanxeo de Lucas; mentres que Samson Agonistes trata a angustia de Sansón tras ser condenado e quedar cego por romper a súa promesa a Deus (ao revelar a orixe da súa forza), e ser traizoado por Dalila.

Obra en prosa

[editar | editar a fonte]

Os escritos en prosa de Milton poden dividirse en tres temáticas principais: os tratados sobre o divorcio, os escritos antiespiscopais e as defensas da república.

Os tratados sobre o divorcio son catro, Doctrine and Discipline of Divorce, Judgement of Martin Bucer Concerning Divorce, Tetrachordon e Colasterion, todos escritos entre 1643-45. Neles Milton argumenta a favor de lexitimar o divorcio en caso de incompatibilidade de personalidades. En Doctrine and Discipline of Divorce, Milton argumenta que Cristo non condenaba o divorcio, pois en Mateo:19 está a dirixirse a un grupo concreto de fariseos, non a todos os discípulos. Judgement of Martin Bucer é principalmente unha tradución de De Regno Christi, do reformista protestante Martin Bucer. Tetrachordon e Colasterion foron publicados á vez. O segundo é unha defensa da doutrina e disciplina do divorcio, que fora atacada nun panfleto anónimo. O Tetrachordon (catro lazos) é un intento de unificar as posturas sobre o divorcio que aparecen nos catro evanxeos, o que fai da obra unha densa exexese bíblica.

Estes tratados foron moi controvertidos, e foron duramente criticados no parlamento, pois os seus detractores querían censuralos. O parlamento de Inglaterra aprobou unha lei que permitía censurar os textos antes de publicalos, a Licensing Order de 1643. Milton opúxose a iso publicando, en 1644, Aeropagitica, avogando pola liberdade de prensa. Tomou o nome dun dos discursos de Isócrates co que o orador grego perseguía restaurar o consello do Areópago (este é un monte ateniense sobre o que se celebraban xuízos, tanto reais como mitológicos). Ese mesmo ano publicou Of Education, obra na que defende unha reforma da educación que faga a esta cubrir dous aspectos: educar o home para desenvolverse na vida pública e privada, e ensinarlle a "reparar os males dos nosos primeiros pais mediante o coñecemento de Deus, e, por ese coñecemento, amar a Deus, tratar de ser como El, porque así estaremos máis preto de posuír unha alma verdadeiramente virtuosa".

Un dos maiores detractores de Milton foi William Laud, arcebispo de Canterbury. Dado que Milton estaba a favor da reforma, que abolía a xerarquía eclesiástica, como pode apreciarse nos seus escritos antiepiscopales, para Laud era unha ameaza. Of Reformation é un dos primeiros exemplos das opinións de Milton nesta área. A obra emprega unha linguaxe chea de latinismos, e recursos retóricos; opina Milton que a xerarquía eclesiástica é unha corrupción das prácticas igualitarias da igrexa primitiva, que isto vai en contra das escrituras, e é ademais incompatible coa liberdade civil. En On Prelatical Episcopacy, Milton retoma os mesmos argumentos, refutando ademais os propostos polos bispos Hall e Usher. Ese mesmo ano publicou The Reason of Church Government, que foi contestado por Hall con Defence of the Remonstrance, que á súa vez Milton respondeu con Animadversions. Este último preséntase como un diálogo e posúe un carácter máis satírico que ningún dos anteriores. A principios de 1642 apareceu unha resposta anónima a Animadversions: tratábase de A Modest Confutation of a Slanderous and Scurrilous Libel, na que se instaba a non deixar impune o atrevemento de Milton, pois merecía ser «lapidado até a morte». Respondeu a este abuso parcialmente en Apology for Smectymnuus, tratado no que defende o grupo presbiteriano ao que pertencía Thomas Young. A principios de 1642, a xerarquía eclesiástica inglesa foi abolida polo parlamento.[20]

Milton escribiu ademais dúas obras defendendo o rexicidio de Carlos I: Eikonoklastes e The Tenure of Kings and Magistrates nas que defende o dereito dos súbditos a condenar á morte a un monarca ao que consideran culpable. Este texto está moi ligado á orixe da Commonwealth, pois ilustra como as persoas se unen para formar un goberno, para o que elixen un líder. Explica Milton cales deben ser as obrigas deste líder, contrastando estas cos abusos dun tirano. Despois destes dous tratados, Milton comezou a traballar como propagandista para a república.

Influencias na obra de Milton

[editar | editar a fonte]

Os anos investidos no estudo da literatura de varios países e a amplitude dos coñecementos alcanzados por Milton fan que os intentos de trazar os textos e escritores que o influíron se desvirtúen centrándose nun ou noutro aspecto. É evidente que Milton coñecía ben a Biblia, e especialmente os libros da Xénese, Xob e os Salmos. Pola súa educación clásica coñecía tamén as obras de Homero, Virxilio, e Marco Anneo Lucano, como pode entenderse da produción dunha épica moderna como é Paradise Lost. Doutra banda, aínda que a súa obra reflicte máis ben estes coñecementos clásicos, tamén se poden atopar alusións a outros autores máis contemporáneos, como Giovanni Andreini, Phineas Fletcher, Thomas Heywood, George Sandys, Edmund Spenser, Philip Sidney, John Donne ou William Shakespeare.

Con todo, a pesar de todas as posibles influencias, cómpre citar a Samuel Johnson cando di:[21]

O maior eloxio ao xenio é a invención orixinal. Non se pode dicir que Milton inventase a escritura dun poema épico, e polo tanto debe reverenciar ese vigor e amplitude de mente á que todas as xeracións están endebedadas na arte da narración poética, na textura da trama, na variación dos incidentes, a interposición do diálogo e todos os estrataxemas que nos sorprenden e que encadean a nosa atención. Pero de todos os que tomaron prestado de Homero, Milton é, quizais, o menos endebedado. Era de forma natural un pensador independente, confiado das súas propias habilidades e desdeñoso de toda axuda e entorpecemento; non rexeitaba admitir os pensamentos e imaxes dos seus predecesores, pero tampouco os buscaba. Dos seus contemporáneos nin pediu nin recibiu aprobación: non hai nos seus escritos nada que poida alimentar o orgullo doutros escritores buscando o seu favor, nin intercambios de gabanzas nin peticións de apoio.[22]
Samuel Johnson, Lives of the English Poets, Oxford: Clarendon Press, 1905

A influencia de Milton na literatura posterior

[editar | editar a fonte]

As obras de Milton, e particularmente Paradise Lost tiveron gran repercusión na literatura dos séculos posteriores, o que instantaneamente o incluíu entre os grandes clásicos da literatura inglesa, xunto con Shakespeare. As primeiras notas da súa influencia poden verse en obras como o poema épico de Lucy Hutchinson Order and Disorder (1679), ou a ópera de John Dryden The State of Innocence and the Fall of Man: an Opera (1677).

En 1787, Mary Wollstonecraft quéixase de ouvir constantemente falar do sublime de Milton ("I'm sick of hearing of the sublimity of Milton"), o que nos pode dar unha idea do estendido que estaba xa o seu recoñecemento como un dos clásicos no século XVIII. Segundo R.D. Havens, Paradise Lost, The Pilgrim's Progress e a Biblia foron os libros máis lidos durante ese século. Empregáronse extractos de Paradise Lost en panfletos e discusións políticas para ilustrar puntos de vista ás veces contraditorios. Doutra banda, coa nacente industrialización, as imaxes miltónicas do ceo e o inferno comezaron a empregarse crecentemente como metáforas do paraíso rural fronte ao inferno das cidades. Milton era o tema favorito de discusión nos salóns ingleses dos séculos XVIII e XIX. Tamén se atribúe á ampla recepción da obra de Milton a gradual aceptación do verso branco.

A tentación e caída de Eva de William Blake.

O estilo de Milton foi amplamente imitado, especialmente no Romanticismo, con mellores ou peores resultados, mentres outros poetas lle rendían tributo mediante alusións. William Blake ilustra Paradise Lost, e compón The Marriage of Heaven and Hell, que está fortemente inspirado no anterior. A obra de Mary Shelley, Frankenstein, ten tamén fortes influencias miltónicas. William Wordsworth, no terceiro libro de The Prelude conta as vivencias dun compañeiro de Cambridge que habita o mesmo cuarto que no seu día ocupou Milton. Nesta obra Wordsworth quere marcar a súa propia falta e mérito, o indigno da súa posición como herdeiro de Milton. Aínda que isto non deixa de ser unha tendencia compartida tamén cos seus contemporáneos, a forza dos eloxios de escritores como Pope, que mantiña sempre unha imaxe súa, de Dryden e de Shakespeare no seu lugar de traballo, ou Cowper que conta como unha vez soñou con Milton, sentíndose cara a el como un fillo cara a un pai afectuoso, levaron a críticos como Harold Bloom, en The Anxiety of Influence, a pensar que a influencia de Milton pode verse como a dun pai que domina os seus herdeiros poéticos mediante o exceso da súa influencia e da dependencia dos outros.[23] Isto parece corroborarse se se analiza o Hyperion de Keats; despois de escribir On Seeing a Lock of Milton's Hair, Keats pasou por un proceso de creatividade durante o cal se dedicou a escribir Hyperion, a imitación dos seus precursores; con todo, non puido finalizalo, nas súas propias palabras polo "poder opresivo da influencia miltónica".

Tamén nesta época publicáronse varias biografías de Milton, que en certa maneira contribuíron a crear esta deificación da súa persoa poética, sendo a máis destacable a Life of Milton de Samuel Johnson. En 1747 Milton foi acusado por varios artigos de William Lauder de plaxiar os contidos de Paradise Lost de Adamus Exul (1601) de Hugo Grotius, do Sarcotis (1654) de Jacob Masen (Masenius, 1606-1681), e das Poemata Sacra (1633) de Andrew Ramsay (1574-1659). A lista de Lauder continuou estendéndose até incluír case unha centena de posibles plaxios. Con todo, demostrouse que toda a investigación fora unha fraude que Lauder pretendía demostrar inserindo nas súas citas fragmentos dunha tradución ao latín de Paradise Lost.

A era vitoriana mostrou unha continuación á anterior na influencia de Milton. George Eliot[24] e Thomas Hardy en particular mostran a súa inspiración na poesía e a biografía de Milton. Pola contra, e quizais polas razóns expostas anteriormente sobre a opresión desta influencia, a principios do século XX apareceron novas críticas á obra de Milton; Ezra Pound e especialmente T.S. Eliot foron especialmente críticos con Milton. En 1941, C.S. Lewis publicou A Preface to Paradise Lost, co que trata de recuperar a deslustrada imaxe de Milton. Responde especialmente nesta obra ás críticas vertidas por T.S. Eliot o cal cría que, aínda sendo Milton un gran poeta, causara unha mala influencia. A poesía de Milton, di Eliot, "pode só ser unha influencia negativa para calquera poeta", "unha influencia contra a que aínda temos que loitar". Máis recentemente, o interese por Paradise Lost recobrou forza trala publicación de His Dark Materials, de Philip Pullman, que está fortemente baseada nesta obra.

Os escritos políticos de Milton, como Areopagitica foron consultados durante a redacción da constitución dos Estados Unidos de América, e unha cita deste mesmo libro: «Un bo libro é o prezado sangue que palpita dun espírito mestre, embalsamada e coidada á mantenta para ter unha vida máis aló da vida»[25] pode verse en moitas bibliotecas públicas anglosaxoas, por exemplo, na Biblioteca Pública de Nova York.

Por outra banda, a conveniencia de traducir ou non Paradise Lost xerou un importante debate na Ilustración en lingua alemá. Así, mentres os ilustrados máis estritos, como Johann Christoph Gottsched, se opuñan a iso, por tratarse dun texto cheo de elementos sobrenaturais e fantasiosos, os ilustrados suízos Johann Jakob Bodmer e Johann Jakob Breitinger avogaron pola súa tradución, admirando a forza do texto.

  1. = 06 El Poeta de la Revolución Puritana: Teoría Política de John Milton, de Nieves Saldaña Díaz (en inglés)
  2. Milton’s literary form
  3. Lucy Newlyn. Paradise Lost and the Romantic Reader.
  4. "Notas sobre Ad Patrem". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 01 de outubro de 2017. 
  5. Segundo dixo o seu irmán Christopher Milton a John Aubrie «Cando (John) ía á escola, cando era moi novo, estudaba moi duro e ata moi tarde, normalmente ata pasadas as 12 ou 1 da madrugada e o noso pai ordenaba á criada que non se acostase ata que o fixese el». (Darbishire 2, 10) «Tras cumprir doce anos, raramente se retiraba á cama antes da media noite». (Columbia 8.119). En The Milton-L homepage Arquivado 27 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
  6. Methought I saw my late espousèd saint
  7. "A piece of Paradise in Bucks!". BBC. Consultado o 15 de xuño de 2009. 
  8. John Milton, Complete Prose Works, vol. I gen. Ed. Don M. Wolfe, 8 vols. (New Haven: Yale University Press, 1959), pp. 887-8.
  9. "= 23&id = 19383 “John Milton and Paradise Lost”, Paul Williams, en". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2020. Consultado o 01 de outubro de 2017. 
  10. = 9D0CE0D81038F935A25755C0A967958260 Unjust Were the Ways of Milton, Linda Simon (artigo sobre a vida familiar de Milton en New York Times).
  11. The Cambridge History of English and American Literature en 18 volumes (1907–21). Volume VII. «Cavalier and Puritan».
  12. Milton: man and poet, Chesterton, Gilbert Keith, Nova York, 1917
  13. I admit that I am not tall, but my stature is closer to the medium than to the small... Neither am I especially feeble... When my age and manner of life required it, I was not ignorant of how to handle or unsheathe a sword, nor unpractised in using it each day...Today I possess the same spirit, the same strength, but not the same eyes. And yet they have as much the appearence of being uninjured, and are as clear and bright, without a cloud, as the eyes of men who see most keenly... In my face, than which he says there is “nothing more bloodless”, still lingers a color exactly opposite to the bloodless and pale, so that althought I am past forty, there is scarcely anyone to whom I do not seem younger by about ten years. Nor is it true that either my body or my skin is shriveled.
  14. Barker, Arthur. Milton and the Puritan Dilemma, 1641-1660. Toronto: University of Toronto Press, 1942: 338 y passim; Wolfe, Dan T. Milton in the Puritan Revolution. Nova York: T. Nelson and Sons, 1941: 19.
  15. «For books are not absolutely dead things, but do contain a potency of life in them to be as active as that soul was whose progeny they are; nay, they do preserve as in a vial the purest efficacy and extraction of that living intellect that bred them».
  16. Fallon, Stephen. Milton Among the Philosophers (Ithaca: Cornell University Press, 1991), p. 81.
  17. Milton and Republicanism, ed. David Armitage, Armand Himy, y Quentin Skinner (Cambridge University Press, 1995)
  18. John Rogers, The Matter of Revolution (Ithaca: Cornell University Press, 1998), p. xi.
  19. John Milton, The Christian Doctrine in Complete Poems and Major Prose, ed. Merritt Hughes (Hackett: Indianapolis, 2003), páx. 994-1000; Leo Miller, John Milton among the Polygamophiles (Nova York: Loewenthal Press, 1974)
  20. "Griswold: Introdución biográfica a John Milton". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2017. Consultado o 01 de outubro de 2017. 
  21. Life of Milton
  22. «The highest praise of genius is original invention. Milton cannot be said to have contrived the structure of an epick poem, and therefore owes reverence to that vigour and amplitude of mind to which all generations must be indebted for the art of poetical narration, for the texture of the fable, the variation of incidents, the interposition of dialogue, and all the stratagems that surprise and enchain attention. But of all the borrowers from Homer Milton is perhaps the least indebted. He was naturally a thinker for himself, confident of his own abilities and disdainful of help or hindrance; he did not refuse admission to the thoughts or images of his predecessors, but he did not seek them. From his contemporaries he neither courted nor received support; there is in his writings nothing by which the pride of other authors might be gratified or favour gained, no exchange of praise nor solicitation of support». Life of Milton, Samuel Johnson
  23. Paradise Lost and the Romantic Reader, p. 25
  24. Nardo, Anna, K. George Eliot’s Dialogue with Milton
  25. «A good book is the precious lifeblood of a master spirit, embalmed and treasured up on purpose to a life beyond life»

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Armitage, David, Armand Himy, e Quentin Skinner, Milton and Republicanism, Cambridge University Press, 1995.
  • Bocardo Crespo, Enrique: «John Milton y la creación del espacio político de responsabilidad». En José Rubio Carracedo et alia (edi.), Ética, Ciudadanía y Democracia: Contrastes. Málaga: 2007, pp. 57–76.
  • Bocardo Crespo, Enrique: «Tirano, Traidor y Asesino: El Republicanismo de John Milton y la justificación del Regicidio» Revista Internacional de Pensamiento Político: vol. IV (2009): pp. 15–28.
  • Flannagan, Roy C., John Milton: Paradise Lost, Macmillan Coll Div; 1ª edición, 1992.
  • Havens, R.D., The influence of Milton on English Poetry Harvard University Press, 1922
  • Newlyn, Lucy, Paradise Lost and the Romantic Reader, Clarendon Press, Oxford, 1993.
  • Potter, Lois, A Preface to Milton, Longman, Nova York, 1972.
  • Sanders, Andrew (ed), The Short Oxford History of English Literature, Oxford University Press, 2000, 2.ª edición.
  • C.S. Lewis, A Preface to Paradise Lost, Oxford University Press, Londres, 1942.
  • Raleigh, Walter Alexander, Sir, Milton E. Arnold & Co., Londres, 1900.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]