Saltar ao contido

Cegueira

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cegueira
Clasificación e recursos externos
Reloxo para deficientes visuais
ICD-10H54.0, H54.1, H54.4
ICD-9369
DiseasesDB28256
MedlinePlusblindness
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Cabalo cego

A cegueira[1] é a perda do sentido da vista.[2] A cegueira desde o punto de vista legal é máis complicada de definir e está establecida en Norteamérica e Europa cando a agudeza visual da persoa é de 20/200 (6/60) ou menos no ollo con mellor visión e provisto coa mellor corrección posible. Na práctica significa que un cego debería estar a 2 metros dun obxecto para velo co mesmo grao de claridade co que unha persoa de visión normal o ve desde 20 metros. Algunhas lexislacións tamén consideran cegueira ter un campo de visión menor de 20 graos en lugar dos 180 graos normais.

Ao redor do 10% das persoas consideradas legalmente como cegas o son totalmente. Nos países en vías de desenvolvemento a falta de suficiente atención sanitaria provoca maior incidencia de casos de cegueira que nos países desenvolvidos.

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]

En agosto do 2014 o Organización Mundial da Saúde publicou o artigo Visual impairment and blindness onde se estimaba que había 285 millóns de persoas (ao redor do 2,6% da poboación mundial) que presentaban discapacidades da visión. Destes, uns 346 millóns (un 2%) tiñan unha visión diminuída e 39 millóns (un 0,6%) eran cegos.[3] Dos que son cegos o 90% viven en países en vías de desenvolvemento.[4] No mundo a media é de 3.4 persoas que teñen baixa visión, por países e rexións a variación vai desde as 2,4 ata 5,5.[5] No mesmo ano, en Galicia había máis de 56.000 persoas con retinopatía diabética, e máis de 58.000 con glaucoma.[6]

Discapacidade visual

[editar | editar a fonte]

Unha persoa con discapacidade visual é unha persoa cunha visión que non chega, malia as correcciones ópticas adecuadas, o 100% de resto visual. O resto visual fórmana dous parámetros de definición visual: a agudeza visual e o campo visual.

O agudeza visual, é a capacidade de distinguir as formas dos obxectos a certa distancia e mídese coa proba das letras (ou as formas xeométricas) de tamaño menguante, establecendo cada liña, vista ou non, nun 10 % da agudeza visual.

O campo visual é o ángulo que o ollo ve, correspondendo 90º a cada ollo (total 180º). O campo redúcese, ben "pechándose" polos lados, ben de forma aleatoria, debido a manchas que se forman no ollo.

A persoa que, a pesar do uso de correccións ópticas, non consegue chegar ao 100%, pero supera o 50% de resto visual leva unha vida normal e posiblemente non teña conciencia da súa diminución. En cambio, por baixo do 50%, empeza a ter dificultades evidentes e dise que ten baixa visión. Hai que ter en conta que, por baixo do 20% de resto visual, as dificultades visuais son severas e fan imprescindible o uso de técnicas de adaptación.

Cando non se consegue superar o 10% de agudeza e/ou ten restrinxido a só 10º o seu campo visual, considérase entón que padece cegueira legal. Finalmente, se non ve máis que zonas difusas de iluminación e sombra, ou ben nada en absoluto, fálase de cegueira total.[7]

Tipos de cegueira

[editar | editar a fonte]
  • Cegueira parcial: é cando a persoa ve con baixa visión ou non ten a suficiente capacidade de ter unha boa visión e vense obrigados a usar lentes para ter boa visión.
  • Ceguera total ou completa: é cando a persoa non ve nin sente absolutamente nada, nin sequera luz nin o seu reflexo (resplandor).

Principais causas de cegueira

[editar | editar a fonte]

Enfermidades

[editar | editar a fonte]
Catarata nun ollo humano.

Anormalidades e lesións

[editar | editar a fonte]

Defectos xenéticos

[editar | editar a fonte]

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2008 publicado no New England Journal of Medicine[9] puxo a proba o efecto do uso da terapia xénica para contribuír a restaurar a vista de pacientes cunha forma rara de cegueira herdada, coñecida como amaurose conxénita de Leber, ou ACL. A amaurose conxénita de Leber dana os receptores de luz da retina e habitualmente comeza a afectar a vista a principios da nenez, e a vista vai empeorando ata que se chega a unha cegueira completa cara á idade de trinta anos.

Este estudo utilizou un virus do arrefriado común para levar unha versión normal do xene chamado RPE65 directamente aos ollos dos pacientes afectados. Notablemente, os tres pacientes (de idades de 19, 22 e 25 anos) responderon ben ao tratamento e afirmaron que a vista melloraralles logo deste tratamento. Debido á idade dos pacientes e a natureza dexenerativa da ACL, a mellora da vista nos pacientes de terapia xénica anima os investigadores. Espérase que a terapia xénica poida ser aínda máis eficaz nos pacientes de ACL máis novos que sufriron unha perda de vista limitada, así como noutros individuos parcial ou totalmente cegos.

Técnicas de adaptación e axudas

[editar | editar a fonte]
Un bastón branco pregable, e semi-pregado

Para a mobilidade

[editar | editar a fonte]

Ferramentas como o bastón branco coa punta vermella -símbolo internacional da cegueira- utilízanse para mellorar a mobilidade. É un bastón longo que amplía a sensación táctil do alcance do usuario. A persoa cega dálle un movemento baixo de varrido, na traxectoria prevista do percorrido, para así detectar os obstáculos.

Un can guía é un can adestrado para guiar persoas cegas ou cunha discapacidade visual grave, ou para axudalas nos traballos da fogar. Cando conduce as persoas con discapacidades visuais, o can debe ter a capacidade de discernir eventuais perigos debidos a obstáculos suspendidos, o que require cans de intelixencia bastante elevada e un adestramento avanzado.[10][11]

Para a lectura

[editar | editar a fonte]
Alfabeto braille básico.
Alfabeto braille.
Artigo principal: Braille.

O braille é un sistema de lectura e escritura táctil deseñado para as persoas cegas. Foi inventado a mediados do século XIX polo francés Louis Braille. Cada carácter (e algún indicador, como por exemplo o de maiúsculas) está representado por unha caixa. Cada caixa braille consta de seis puntos nun rectángulo de tres filas e dúas columnas. Por cada caixa haberá unha determinada combinación en relevo destes puntos, que permitirá a identificación do carácter.

Coa chegada da informática, unha serie de dispositivos e de software apareceron para axudar ás persoas cegas ou con dificultade importante da visión. Entre estes están os escáneres con recoñecemento óptico de caracteres, os lectores de pantalla etc.

Para a escrita

[editar | editar a fonte]

Existen diversas máquinas para a escrita do Braille como Andersson, Blista, Henry Stainsb, Light, Perkins e Picht que contan cun teclado de 6 teclas centrais (unha por cada un dos puntos braille). Tamén hai teclados braille para odenadores que permiten a escrita análoga con estes dispositivos.

Identificación de cores

[editar | editar a fonte]

Métodos electrónicos

[editar | editar a fonte]

Importante, por exemplo, para poder determinar a cor da roupa que o cego se pon ou compra, para separar a roupa que se poña na lavadora, saber se hai a luz acesa nunha habitación (para poder acendela ou apagala).

Así existen aparellos do tamaño dun mando dunha TV, que se conecta a uns audífonos e a persoa cega entón pode escoitar con voz humana a identificación da cor. Ponse en contacto o lector do aparello co obxecto que se quere identificar a cor, pulsase un botón e o aparello di a cor. É necesario que o obxecto estea iluminado. Así pode dicir vermello marrón escuro ou gris pálido. Non pode identificar tramados de cores, deben ser sólidos.[12][13]

Tamén está na etapa final de deseño un aparello, baseado na sinestesia, que asociaría as cores a música. A tonalidade sería indicada pola nota musical (así unha nota aguda indicaría unha cor de tonalidade clara e unha nota grave unha de cor escura) e a cor polo instrumento (así a frauta doce indicaría o amarelo, o clarinete o azul, os tambores o vermello ou o piano o verde). Probouse en nenos e adolescentes.[14][15][16]

Método por tacto

[editar | editar a fonte]
Unha persoa cega identificando unha flor coas súas cores

Trátase dun sistema de identificación polo tacto, xa que logo, similar ao braille. Actualmente utilizado en talleres educativos e de lecer para a identificación da cor en obras de arte, que deben estar preparadas, é dicir, que teñan un relevo cos signos e, mellor, uns límites da cor e a tonalidade a identificar. É, a diferenza dos sistemas electrónicos, independente dun aparello ou dunha lingua. Desenvolvido por Constanza Bonilla (Sistema Constanz),[17] identifica a cor polas cores básicas (amarelo: unha liña recta; vermello: unha liña en zigzag; azul: unha liña ondulada), ou na súa combinación (así o verde sería unha liña recta -amarelo- e unha liña ondulada -azul-), e por tonalidades (claro: unha redonda; escuro: un punto; moi escuro: catro puntos etc.).[18]

Vida dos cegos

[editar | editar a fonte]
Un semáforo con altofalantes para cegos.
Un cego co seu can guía en Brasilia, no Brasil.

Hai varios xeitos de minimizar os efectos negativos da cegueira para os que a sofren. Son exemplos os semáforo especialmente adaptados para eles, os cans guía ou o braille, un sistema de escritura baseado no tacto que lles permite ler. Así mesmo os avances tecnolóxicos procuraron diferentes aparellos que permite ás persoas cegas e con discapacidades visuales obter un nivel de integración na sociedade bastante alto. Así, por exemplo, o desenvolvemento de software e periféricos permite a estes interaccionar cos ordenadores e teléfonos. Varias adaptacións en obxectos cotiáns, os cales son adaptados para permitir a interpretación destes vía o tacto Tamén están presentes e tidos en conta pola sociedade, así diferentes moedas foron adaptadas para cegos como o euro etc.

Consideracións sobre ás habilidades dos cegos

Na Europa occidental considerouse que as persoas cegas eran máis adecuadas para estudar carreiras de letras que de ciencias, en cambio na Unión Soviética dixeron o contrario, xa que dicían que tiñan máis facilidade para imaxinar e pensar, e xa que logo daríaselles mellor unha carreira de matemáticas ou física.[19]

Pedro Zurita, exsecretario xeral da Unión Mundial de Cegos durante 14 anos (1986-2000), nunha entrevista publicada no diario Avui o 16 de xuño de 2009, recalcaba: «Poderiamos dicir que a España é o país con maior número de ocupados cegos e co mellor xeito de crear esta ocupación» e «  ... conseguiuse que a ocupación laboral en persoas que teñen idade de traballar sexa prácticamente igual en persoas cegas que en persoas con visión».[19]

Durante o século XX a Unión Soviética tiña unha alta porcentaxe de cegos ocupados, xa que había moitas empresas que debían ter un 50% de persoas sen vista no seu persoal. Debido ao colapso desta e outras situacións, moitas persoas cegas quedaron sen traballo, o que produciu unha gran diminución no emprego deste colectivo.

Un dos principais problemas en torno ao emprego das persoas cegas sucede no feito de que moitas das ocupacións que eran tidas, tradicionalmente, como saídas laborais para este colectivo están sufrindo grandes cambios, por exemplo en Francia e Italia dáse este problema, xa que unha das principais tarefas que ocupaban os cegos estase informatizando moito, os telefonistas. Pola súa banda, Inglaterra é o país de Europa onde hai unha gama maior de profesións dedicadas ás persoas cegas. En canto aos Estados Unidos de América, estes son unha sociedade moito máis flexible nunha serie de aspectos e por iso mesmo as persoas cegas teñen un abano moito maior de postos de traballo e posibilidades.

O deporte

[editar | editar a fonte]

As persoas con cegueira ou discapacidade visual poden practicar diferentes deportes que requiren algunhas adaptacións sinxelas. Natación, atletismo, ciclismo en tándem, judo, esquí, fútbol sala, montañismo, xadrez ou goalball (este último creouse especialmente para persoas cegas e organízase en dúas porterías, 3 persoas a cada lado e unha pelota con cascabeis) son algunhas das disciplinas deportivas que non teñen barreiras. A Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC), entidade que xestiona todo o referente ao deporte de competición das persoas con discapacidade visual, tramitou en 2005 3.103 licenzas deportivas e organizou durante este ano 143 actividades deportivas de competición, nas que participaron 5.494 deportistas cegos e con discapacidades visuais.

Primeiros auxilios

[editar | editar a fonte]

Ante unha perda de visión débese contactar co médico ou acudir á sala de urxencias inmediatamente. A maioría das formas graves de perda da visión son indoloras e a ausencia de dor de ningún xeito diminúe a necesidade urxente de conseguir atención médica. Moitas formas de perda da visión só dan unha marxe de tempo breve no cal pódense tratar en forma exitosa.

Crenzas respecto das persoas cegas

[editar | editar a fonte]
Escena do Lazarillo de Tormes bebendo dunha xarra sostida polo cego ao que guiaba
La ruta del Lazarillo, gravado de Medina Vera (1876-1918)

A sociedade adoita asignar á poboación con discapacidades un rol e basea a súa experiencia nas crenzas, mitos, xeneralizacións e actitudes que rodean a cada condición particular de minusvalía. Hai moitas crenzas sobre as persoas con discapacidades visuais, por exemplo, que son músicos, dependentes ou indixentes.

Algunhas destas crenzas orixínanse na nosa herdanza cultural; outros, na pouca experiencia que se ten con persoas que teñen impedimentos visuais severos, o que tenden a salientar os aspectos descoñecidos e ás veces misteriosos da discapacidade.[20]

En tempos antigos víase ás persoas cegas como profetas, como intérpretes de soños e como sabios. Hoxe moitas persoas cren que a falta de visión dota ao individuo con habilidades, tales como oído e tacto e, sobre todo, música. De feito, con todo, non hai evidencia, de que as persoas cegas teñan grandes habilidades nestas áreas.

Crenzas das persoas cegas

[editar | editar a fonte]

As persoas cegas ou con discapacidades visuais tamén teñen varias crenzas respecto de quen ten visión normal. O Dr. Herbert Rusal conclúe que a envexa cara ao normal, a impaciencia cos outros por non comprender a súa situación e as esixencias por consideracións especiais que se observan nalgunhas persoas diminuídas visuais modifícanse máis efectivamente a través da interacción con persoas normais e axudando ás persoas impedidas visuais a desenvolver autoconceptos máis realistas. A integración actual de nenos e mozos con discapacidades visuais en escolas comúns debería axudar, tanto a cegos como a persoas que ven, a adaptarse e tamén a desenvolver actitudes máis positivas duns cara aos outros.

As actitudes das persoas cegas en canto aos efectos do seu impedimento representan dous puntos de vista opostos: que a cegueira é un verdadeiro desastre ou que é unha parvada ou só un inconveniente práctico.[21] Berthold Lowenfeld é un notable educador de cegos e diminuídos visuais que presenta unha posición moderada e indica que a cegueira impón no individuo tres grandes limitacións: Na cantidade e variedade de experiencias, na capacidade para desprazarse e no control do ambiente e a súa relación con el mesmo. Lowenfeld veo como os «efectos obxectivos da cegueira». A forma en que un individuo actúa ou aprende a adaptarse ao impedimento depende de diversas variables subxectivas: personalidade, persoas con discapacidade adicionais e factores relacionados co impedimento visual incluíndo grao de visión, causa, idade, momento en que se produce e condición actual. Este recoñecemento da natureza crítica do impedimento, con opcións para a adaptación a este parece reconciliar os aparentes puntos de vista extremos.[22]

O neno e nena con discapacidade visual

[editar | editar a fonte]
dous nenos lendo braille
Dous nenos pequenos lendo braille nunha escola para discapacidade visual en Hebrón

Cando o neno sofre unha perda sensorial, as confusións entre as percepcións do mundo externo e as súas propias son maiores polo que se dá lugar a unha carencia afectiva de xeito frecuente. A situación de illamento na que quedan mergullados os nenos con déficit sensorial e, de forma especial, os nenos cegos, provoca unha maior percepción das sensacións internas e perceptivas, en detrimento dos datos que lle aporta o mundo externo. Esta modificación do equilibrio dinámico modifica as fronteiras do eu e altera o sentimento de identidade persoal modificando o equilibrio entre os grandes campos referentes. Un déficit sensorial pode alterar os procesos de desenvolvemento psíquico e social, polo feito de producirse unha alteración nas formas de comunicación e diálogo entre a criatura e o seu medio.

A maior cantidade de información chega ao ser humano a través do sentido da vista, directa ou indirectamente. É dicir, que cando un bebé nace privado da visión non pode acceder á estimulación luminosa, nin tampouco á que lle proporciona o coñecemento do espazo inmediato (manipulación, percepción de distancias, recoñecemento de formas e diferentes tamaños...). Así, pois, o bebé cego non estimulado recibirá moita menos información que o bebé que ve, e as súas experiencias serán moito menos variadas. Ademais, terá dificultades para explorar a súa contorna, para aprender a través da imitación e para establecer relacións cos obxectos e as outras persoas (entender que o mundo chega máis aló do seu propio corpo).

Os educadores que comprobaron que os nenos cegos seguen un desenvolvemento paralelo ao dos nenos que ven, parten dunhas ideas básicas para afrontar a educación dos nenos con discapacidades visuais desde os primeiros meses de vida: O organismo posúe outras vías sensoriais (olfactivas, táctiles, auditivas) que, adecuadamente estimuladas, poden compensar en gran medida a falta de visión, polo que non se altera seriamente o desenvolvemento evolutivo xeral.

O desenvolvemento do neno cego non é o mesmo que o do neno con discapacidade visual grave que posúe restos visuais. Isto é moi importante á hora de establecer as actividades do programa de atención precoz.

Un bebé cego que non recibe ningún tipo de estimulación intencional é máis pasivo porque non pode atender aos estímulos visuais nin captar os obxectos que o rodean. Non se trata dunha incapacidade do bebé cego para reaccionar, senón da falta de instrumentos que lle permitan facelo. O desenvolvemento da capacidade auditiva e táctil tampouco son innatas, senón que tamén terán que desenvolverse mediante a aprendizaxe.

A linguaxe é un instrumento de información fundamental para as persoas cegas desde os primeiros momentos. Sérvelles de contacto co medio que os rodea, sobre todo cando non é posible manter un contacto táctil (obxectos afastados, persoas, espazos, eventos...).

Aspectos psicolóxicos da cegueira

[editar | editar a fonte]

O déficit visual tradúcese nunha redución da cantidade de información que o suxeito recibe do ambiente, limitando as oportunidades que ofrece o medio, e que son importantes para a construción do coñecemento sobre o mundo exterior. Este feito non necesariamente orixina problemas no desenvolvemento psicolóxico. Non existe evidencia de que a discapacidade visual grave leve problemas psicolóxicos ou discapacidades no desenvolvemento. Si é certo que as experiencias do individuo están limitadas, pero o organismo dispón doutras vías de recolleita de información, que pode substituír ou complementar a vía visual.

Moitas veces obsérvase que o neno cego está máis tempo que o cativo ou cativa que ve nalgunhas das etapas evolutivas, xa que a falta de visión pode actuar como freo ao desenvolvemento, facendo máis lento o paso cara a unha etapa superior. Á hora de comprender o desenvolvemento evolutivo do neno invidente é necesario ter a referencia do neno que ve.

Período sensoriomotor

[editar | editar a fonte]

Na primeira infancia o bebé coñece o mundo exterior a través de sons, cheiros ou os contactos corporais coas nais ou persoas encargadas da súa atención. A actividade fundamental do neno durante os seus primeiros catro e cinco primeiros meses de vida, é relacionarse cos demais seres humanos, basicamente cos seus pais.

Varios autores remarcan a importancia que, na especie humana, teñen os intercambios visuais nas primeiras interaccións comunicativas entre o bebé e o adulto. Ademais os nenos prestan atención aos estímulos visuais desde o primeiro día. No caso dos cativos e cativas con discapacidades visuais, dispoñen de alternativas á visión para relacionarse e establecer pautas de comunicación non verbal cos adultos. Desde as primeiras semanas, estes nenos prestan atención á voz da súa nai, e tamén mostran o xesto innato de relaxación da cara que os adultos interpretan como unha risa.

O desenvolvemento desta etapa baséase na intelixencia práctica, na percepción de sensacións da contorna, a través dos primeiros movementos. Ata os 4 meses, a falta de visión non é aínda un factor determinante. O bebé segue un nivel de desenvolvemento normal, exercitando os reflexos propios e innatos, excepto dar resposta a estímulos luminosos. Adquire as primeiras habilidades, centradas no dominio do corpo.

Nas dúas primeiras etapas do período sensoriomotor, o desenvolvemento dun neno cego é similar ao dun neno que ve. Na terceira etapa deste período comezan as diferenzas entre o bebé cego e o que ve. Os bebés cegos teñen máis dificultade en relación á mobilidade, debido á falta de estímulos visuais do exterior. En canto ao desenvolvemento dos esquemas sensoriomotores dise que o tacto e o oído son menos apropiadas que a visión para coñecer o espazo e os obxectos, xa que proporcionan unha información moito máis secuencial e fragmentaria. A coordinación audio-manual aparece máis tarde. A partir dos 4 meses os bebés que ven comezan a desenvolver, por unha banda, o hábito de coller obxectos que perciben a través da visión, e doutra banda a permanencia dos obxectos. Nos nenos cegos isto non ocorre así, xa que se produce un considerable atraso, debido á coordinación óculo-manual, que é máis dificultosa, e xa que logo máis lenta. Estes nenos construirán a permanencia dos obxectos táctiles. Unha vez cheguen coa man aos obxectos sonoros, comezarán a coordinar as imaxes táctiles e as auditivas.

A partir dos 7 meses empezan a buscar obxectos que antes tiveron nas mans. Preto dos nove meses empezan a utilizar algunhas pautas de procura destes obxectos, e aproximadamente ao redor dos 12 meses xa buscan obxectos guiándose polo son que emiten.

O desenvolvemento motor e postural dos bebés normalmente está dentro da idade normal para os que ven. Así pois os nenos cegos ben estimulados, non teñen problemas no desenvolvemento do control postural, aínda que os movementos espontáneos están atrasados.

O pouco coñecemento que ten o cego do espazo exterior e os obxectos, fai que a seguridade e a motivación do neno sexan menores que nos nenos que ven. En canto á conduta de gatear, non debe ser estimulada de forma artificial, porque resulta inapropiada en falta da visión. Neste sentido o gateo iníciase cara aos doce meses e a marcha, preto dos dezanove. Unha vez que se move dunha forma autónoma, accede á cuarta e quinta etapa da intelixencia sensoriomotora, realiza experiencias co obxecto para estudalo. Unha vez adquiridas estas condutas, resultaralle máis fácil a relación coa contorna a través da experimentación con estes.

Para os nenos cegos, as mans son un instrumento de vital importancia para tratar de coñecer o mundo e para evitar obstáculos, e polo tanto resultaría pouco optativo que as utilizasen como pernas para camiñar.

A intelixencia interpretativa nos nenos cegos maniféstase na capacidade que teñen para imitar, en falta do modelo, nos nenos invidentes existe atraso na adquisición do pensamento representativo, debido a que utilizan palabras que representan obxectos que son próximos ao propio corpo. Este atraso compénsase durante os dous e tres anos, e a súa linguaxe pódese considerar normal.

Etapa preoperatoria

[editar | editar a fonte]

A partir dos dous anos, se o neno cego adquirió a noción de permanencia do obxecto, empeza a ser capaz de facer representacións de cousas, aínda que lonxe do desenvolvemento do pensamento representativo, que chegará coa adolescencia. Este período é determinado polo desenvolvemento da linguaxe, como mediador entre o obxecto e a súa representación.

Aínda que a linguaxe dos persoas con discapacidades visuais presente algunhas características diferenciais derivadas do acceso á información, en falta de visión, pódese afirmar que non existen problemas no desenvolvemento da linguaxe.

As primeiras palabras que din os nenos cegos responden a aqueles obxectos que poden coñecer cos sistemas sensoriais, fundamentalmente obxectos domésticos. Desde que estes nenos comezan a falar, ademais de utilizar a linguaxe para a acción educativa, tamén cumpre outras funcións para compensar os problemas que xera a falta de visión no desenvolvemento simbólico.

Os nenos cegos presentan problemas na utilización de pronombres persoais e posesivos nas conversacións; este feito reflicte as dificultades que ten na comprensión dos cambios de roles. Cabe destacar a dificultade que teñen os nenos cegos para utilizar vías visuais de apoio á comunicación verbal, e ao mesmo tempo a necesidade que manifestan que os adultos poidan interpretar estas vías alternativas.

Aínda que as condutas persoais sexan unha evolución similar á dos nenos que ven, o inicio da marcha vén atrasado debido á falta de estímulos do exterior, así como a adquisición de permanencia dos obxectos, a práctica do xogo simbólico. Algúns autores falaron dun atraso nos primeiros xogos de ficción dos nenos cegos. É case imposible que os invidentes reproduzan igual que os cativos ou cativas que ven as escenas da vida diaria nas que non teñen acceso visual. Por iso é polo que os nenos cegos recorren ás imitacións verbais. A substitución de obxectos no xogo simbólico evoluciona de forma paralela en cativos ou cativas cegas e que ven. Parece que os nenos invidentes atopen máis fácil planificar o xogo que realizalo; isto manifesta, de novo, a importancia do desenvolvemento da linguaxe, en falta da visión.

Etapa operatoria

[editar | editar a fonte]

A maior parte dos estudos realizados con nenos cegos e cativos/as con discapacidades visuais en idades comprendidas entre 6 e 12 anos ocúpanse de estudar varios aspectos do seu desenvolvemento cognoscitivo.

A maioría de investigacións realizadas sobre o desenvolvemento cognoscitivo e a aprendizaxe dos nenos con discapacidades visuais no período escolar toman como referencia a teoría de Piaget e a escola de Xenebra, que propugna a existencia dunha secuencia universal de desenvolvemento, que se produce ao longo de tres grandes períodos ou estadios: sensoriomotor, operacións concretas e operacións formais.

Pódese afirmar que o desenvolvemento intelectual dos nenos invidentes non presenta problemas serios, pero si que ten unhas características peculiares. O feito de que accedan a boa parte da información co tacto fai que lles que sexa máis difícil realizar tarefas de contido figurativo e espacial.

Unha das dificultades que ten o neno é establecer a comunicación verbal e pre-verbal cos adultos sobre os obxectos. Estes problemas derivan, por unha banda, do feito de ter que coñecer os obxectos mediante sistemas sensoriais diferentes á visión e, pola outra, da dificultade que representa para o neno o feito de atopar xestos alternativos á sinalización visual que sexan entendidos polas súas familias.

Desde o punto de vista intelectual están perfectamente integrados nas aulas e non teñen problemas de integración para seguir os contidos normais do currículo ordinario. É con todo necesario que a escola cubra as necesidades educativas especiais que teñen estes nenos.

Aínda que non teñen problemas de intelixencia, a miúdo estes cativos e cativas con discapacidades presentan atraso escolar. Este feito prodúcese porque o acceso á información escrita, como é o braille, é moito máis lento.

A adolescencia (operacións formais)

[editar | editar a fonte]

É a etapa do desenvolvemento do ser humano que segue á puberdade e caracterízase por unha serie de cambios físicos e psicolóxicos, afectivos, sociais e cognoscitivos, moi importantes. Danse cambios na imaxe corporal dos mozos e mozas aos que acompañarán transformacións na personalidade, na motivación, e tamén nas relacións afectivas e sociais. Deben aceptar que se atopan na situación de aceptar as súas novas capacidades motoras e sexuais, o que lle produce un importante efecto psicolóxico cun aumento na toma de conciencia e interese polo propio corpo.

Tamén se dan cambios na forma de pensar e de resolver problemas que á súa vez inflúen e modulan a personalidade adolescente. Estas transformacións que se producen no organismo despois da puberdade fan que a imaxe corporal do mozo cambie de forma notable e rápida, pasando da de neno á de adulto.

Os estudos baseados ​​na teoría de Piaget indican que non existen diferenzas entre os cativos ou cativas invidentes e que ven na resolución de tarefas do chamado pensamento formal. O neno cego é capaz de utilizar esta forma de pensamento para razoar sobre as súas situacións posibles. Parece que os cegos solucionan, nesta etapa, os problemas figurativos derivados das súas dificultades visuais.

Por outra banda, o desenvolvemento intelectual que se produce durante esta etapa permite aos invidentes reflexionar sobre o seu propio problema o que os pode levar a rexeitar a súa propia imaxe, a non relacionarse cos mozos do outro sexo e, en consecuencia, a non integrarse en grupos adolescentes.

En canto ao desenvolvemento afectivo e social dos adolescentes cegos, sábese que é unha etapa na que os cambios físicos levan importantes modificacións na personalidade e nas súas relacións cos demais. Tendo en conta que algúns autores afirman que neste período pode ser unha etapa difícil para os mozos e mozas con discapacidades visuais, na que se poden producir problemas de integración social, co grupo, non necesariamente será unha etapa conflitiva, sempre que se atopen integrados nos seus contextos máis próximos da socialización, como poden ser os amigos, a escola ou a familia.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cegueira.
  2. Consello Internacional de Oftalmoloxía: "International Standards: Visual Standards — Aspects and Ranges of Vision Loss with Emphasis on Population Surveys." Arquivado 21 de setembro de 2009 en Wayback Machine. PDF Abril del 2002. (en inglés)
  3. Organización Mundial da Saúde, ed. (2014). "Visual impairment and blindness" (Web). Fact Sheet N°282 (en inglés). Consultado o 25 de xullo do 2015. 
  4. Bosanquet N, Mehta P., P. Evidence base to support the UK Vision Strategy. RNIB and The Guide Dogs for the Blind Association
  5. World Health Organization
  6. CRTVG (ed.). "Presentan un plan para previr a cegueira". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2016. Consultado o 20 de outubro de 2016. 
  7. ACCDV Associació Catalana de Cecs i Disminuïts Visuals - PMF (en castelán)
  8. "Trachoma". www.who.int (en inglés). Consultado o 2023-01-07. 
  9. Bainbridge J. W., Smith A. J., Barker S. S.; et al. (2008). N. Engl. J. Med., ed. "Effect of gene therapy on visual function in Leber's congenital amaurosis" 358 (21): 2231–9. PMID 18441371. doi:10.1056/NEJMoa0802268. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2009. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  10. Cans guía - os mellores amigos dos cegos Arquivado 17 de decembro de 2013 en Wayback Machine. (en portugués)
  11. Escola de cans guía para cegos en Mortágua, Portugal Arquivado 28 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine. (en portugués)
  12. Manuel Bueno Martín (2003). Junta de Andalucía, ed. "Tecnología para ciegos y deficientes visuales. Recopilación de recursos gratuitos en la Red" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2012. Consultado o 15 de xuño de 2015. 
  13. Caretec (2011). "ColorTest Memo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 14 de xuño de 2015. 
  14. El Mundo, ed. (2009). "‘COL.diesis’, escuchar los sonidos del color". 
  15. Jessica Rossi i cols (2009). "COL.diesis: Transforming Colour into Melody and Implementing the Result in a Colour Sensor Device" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de xaneiro de 2012. Consultado o 14 de xuño de 2015. 
  16. Luis Córdova, Diego Otárola. Marvin Rodríguez. (2011). "Sistema de desarrollo de sinestesia color-sonido para invidentes utilizando un protocolo de audio" (PDF) (en castelán). Consultado o 15 de xuño do 2015. 
  17. Constanza Bonilla Monroy (9 de marzo do2010). "Enseñanza táctil - geometría y color. Juegos didácticos para niños ciegos y videntes" (PDF) (en castelán). Consultado o 15 de xuño do 2015. 
  18. Alba Marqués (2011). "Sistema Constanz" (en castelán). Consultado o 15 de xuño do 2015. 
  19. 19,0 19,1 Diario Avui, 28 novembro do 2008: L'ocupació laboral dels cecs a l'Estat espanyol està pràcticament equiparada a la de les persones amb visió, entrevista amb Pedro Zurita (en catalán)
  20. Michael E. Monbeck, The meaning of blindness: attitudes toward blindness and blind people; 1973
  21. Donald D. Kirtley, The psychology of blindness. 1975
  22. Lowenfeld, Berthold (1975). The Changing Status of the Blind: From Separation to Integration (en inglés). Thomas. ISBN 978-0-398-03189-3. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]