Saltar ao contido

Google

Esta páxina está semiprotexida
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Google Inc.

Editar o valor en Wikidata
TipoEn bolsa GOOG, GGEA
Fundación27 de setembro de 1998
Menlo Park, CA, Estados Unidos
LocalizaciónMountain View, CA, Estados Unidos
Persoas claveEric E. Schmidt, CEO/Director
Sergey Brin, Cofundador, Presidente de tecnoloxías
Larry E. Page, Cofundador, Presidente de produtos
George Reyes, CFO
IndustriaInternet
ProdutosGoogle Search
Gmail
Google Maps
Google News
Google SketchUp
Google Vídeos
Google Earth
Beneficio16 593 000 USD (2007)[1]
Número de empregados13.748 (30 de xuño de 2007)
Na rede
https://about.google/, https://www.google.com/, https://blog.google/, https://www.google.es e https://www.google.co.uk/
IMDB: co0123378 Facebook: google Twitter: Google Instagram: google VK: googlerussia LinkedIn: google Youtube: UCK8sQmJBp8GCxrOtXWBpyEA TikTok: google GitHub: google Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Google Inc. é a empresa propietaria da marca Google, cuxo principal produto é o motor de procura do mesmo nome. Foi fundada o 27 de setembro de 1998 por Larry Page e Sergey Brin (dous estudantes de doutoramento en ciencias da computación da Universidade Stanford).

Malia ser o buscador o seu principal produto, a empresa ofrece tamén entre outros servizos: un comparador de prezos chamado Froogle, aínda que logo pasou a chamarse Google Product, un motor de procura para material almacenado en discos locais Google Desktop Search, e un servizo que revolucionou o mundo do correo electrónico gratuíto chamado Gmail, o cal dispón para os seus usuarios máis de 6,5 GB (marzo de 2008) de espazo e vai aumentando constantemente a razón de 4 bytes por segundo. Tamén é famoso o seu programa Google Earth, mapamundi en 3D con imaxes de alta resolución. Recentemente lanzou a súa versión beta de mensaxería instantánea Google Talk.

Google está traballando en varios proxectos para aumentar o número de usuarios de Internet e facilitar os recursos para que estes poidan acceder á rede. Entre os proxectos destacan o PC de 100 dólares, aplicacións GNU, Google Docs & Spreadsheets, colaboración[2] e promoción de aplicacións de software libre como Firefox[3], instalación de varias redes inalámbricas de balde[4], desenvolvemento dun sistema de protocolo aberto de comunicación por voz[5], entre outros. Ademais especúlase que estaría traballando no desenvolvemento dun sistema operativo[6] un Google Office[7], e unha rede global de fibra óptica[8],

Vint Cerf, considerado un dos pais de Internet, foi contratado por Google en 2005. A compañía cotiza na bolsa NASDAQ baixo a clave de GOOG.

En outubro de 2006, Google adquiriu por 1.650 millóns de dólares a famosa páxina de vídeos YouTube.

En abril de 2007, Google mercou DoubleClick, unha empresa especializada en publicidade en Internet, por 3.100 millóns de dólares. Ese mesmo mes, Google converteuse na marca máis valiosa do mundo, acadando a suma de 66.000 millóns de dólares, superando a emblemáticas empresas como Microsoft, General Electric e Coca-Cola.

En xullo de 2007, Google comprou Panoramio, un sitio web dedicado a exhibir as fotografías que os propios usuarios crean e xeoposicionan, sendo algunhas delas subidas ao sitio para que poidan ser vistas a través do software Google Earth, cuxo obxectivo é permitir aos usuarios do mencionado software aprender máis sobre unha zona específica do mapa, observando as fotografías que outros usuarios tomaron alí.

O 11 de xuño de 2008, Google recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades por impulsar unha "xigantesca revolución cultural" que permitiu o "acceso xeneralizado ó coñecemento"[9].

O 28 de maio de 2014, Google presenta o primeiro prototipo de vehículo autónomo, capaz de circular sen ser conducido polos humanos.

A xénese de Google

De esquerda a dereita Eric E. Schmidt, Sergey Brin e Larry Page
Oficina de Google España

Sergei Brin e Larry Page fundaron o buscador Google en 1998. Brin e Page eran estudantes de informática en Stanford cando se coñeceron en 1995 e decidiron escribir xuntos a súa tese doutoral. A tal tese versaba sobre os algoritmos para optimizar as buscas na, xa entón, selvática Internet. Miles de millóns de páxinas web, imaxes e arquivos alagaban os servidores de Internet. Parecía entón imposible poñer un pouco de orde en semellante barafunda. O algoritmo que propuxeron Brin e Page, coñecido como BackRub consistía basicamente en rastrexar as ligazóns das páxinas cara a atrás para medir a súa importancia dentro da rede de redes. En 1998 publicaron un artigo especializado no que propugnaban o método PageRank que refinaba non só a busca senón a valoración relativa de cada páxina web en Internet.[10][11]

Xa daquela BackRub era moi coñecido no campus de Stanford e moitos estudantes conectábanse ós servidores implementados por Brin e Page para consultar a súa base de datos. Pero, en 1998, aquel servidor estaba na habitación que Larry Page tiña no colexio maior. Quedaba aínda un pouco para que nacese Google.

O nacemento de Google

En 1998 Andy Bechtolscheim, cofundador de Sun Microsystems, entregoulles a Brin e Page un cheque de 100.000 dólares a nome de Google, Inc. A empresa aínda non existía, así que Brin e Page tiveron que fundala para poder cobrar o cheque.[Cómpre referencia]

O nome da empresa fai referencia a Googol, o nome en inglés da potencia 100 do número 10 (o Googol é un 1 seguido de 100 ceros). Evidentemente, o nome refírese á inmensidade de Internet.

O 7 de setembro de 1998 Google abriu a súa primeira oficina onde traballaban só os dous fundadores da empresa. Pero os seus servidores xa recibían unhas 10.000 demandas de información diarias.

Google na actualidade

Nestes momentos,[cando?] Google ten almacenadas nas súas bases de datos uns 8.000 millóns de páxinas web. Uns 1.000 ordenadores forman parte dos servidores de Google e se encargan de xestionar as peticións de información. Varios miles máis de ordenadores, xeralmente de baixo custo, traballan sobre a base de datos para responder as consultas. Google conta cuns 1.000 empregados e facturou 850 millóns de euros en 2003. Diariamente recibe uns 200 millóns de preguntas por parte dos usuarios de Internet en 97 linguas (entre as cales se atopa o galego).

As oficinas de Google están situadas nun complexo creado para a propia empresa: o GooglePlex.

A velocidade á que se responden as consultas é un punto crucial da política de Google. Segundo os seus creadores, seguirán no mercado mentres sexan unha milésima de segundo máis rápidos cós seus competidores. De feito, en 1999, Google tardaba 3 segundos de media por consulta. Actualmente, só tarda 0,3 segundos por consulta, a pesar do crecemento exponencial das súas bases de datos.

Ademais, a páxina principal de Google en tódolos idiomas non pesa máis de 1,25 Kb e non contén máis aló de 40 palabras o cal facilita unha carga case instantánea.

O funcionamento de Google

As bases de datos de Google actualízanse mensualmente.[Cómpre referencia] Ó longo de cada mes, os Googlebots ou arañas percorren a rede en busca de novas páxinas e actualizando as páxinas almacenadas nos servidores de Google. Os Googlebots non son máis que programas que automatizan esta infinda tarefa. Seguen cada ligazón de forma que ó chegar a unha páxina descoñecida, gravan o seu contido e toman os datos pertinentes para engadila á base de datos.

Non obstante, a clave do traballo de Google está no xeito de ordenar as páxinas á hora de mostralas ó usuario. En moitos buscadores esta ordenación depende do criterios dos administradores das bases de datos (ou, lamentablemente, de quen paga máis para estar nos primeiros lugares). A ordenación é moi importante posto que a maioría dos usuarios apenas utilizan as 10 primeiras ligazóns.

En Google este complexo problema soluciónase co algoritmo PageRank deseñado por Brin e Page, os fundadores da empresa. Este algoritmo asigna a cada páxina un valor matemático en función da súa importancia na rede, a maior importancia máis preto estará este valor do 1. ¿Como se determina a importancia relativa de cada páxina na rede? Google asume que esta importancia a deciden os navegantes: cada ligazón cara a unha páxina é considerada un voto a prol dunha páxina, de modo que as páxinas ligadas a través de máis ligazóns terán máis importancia relativa. A complexidade radica no cálculo para determinar esta importancia e isto o que se pode aproximar mediante o PageRank de Brin e Page.[Cómpre referencia]

Cando un usuario realiza unha consulta, esta é recibida por un dos 1.000 servidores que traballan para Google. Este servidor encarga a un dos millares de ordenadores de Google buscar nas bases de datos. Unha vez obtida a resposta destes ordenadores, o resultado remítese a unha computadora que se encarga de ordenar o resultado en función da clasificación asignada a cada páxina. A través dos servidores envíase este resultado ordenado ó usuario que fixo a consulta.

Financiamento

Google é un buscador gratuíto. Os seus fundadores pretenden que siga séndoo no futuro. Non obstante, Google demostrou que é posible manter un servizo gratuíto para os internautas e facer negocio.

A publicidade é o principal ingreso da empresa. A clave da eficacia de Google como ferramenta publicitaria radica na súa concepción. Xeralmente, a publicidade non é ben recibida polo usuario pois non garda relación cos seus intereses. En Google a publicidade depende da consulta que está a facer o usuario de modo que, segundo algúns estudos, un 15% dos anuncios en Google son "pinchados" polos internautas (fronte ó 1,5% de media en Internet).[Cómpre referencia]

Google ofrece a posibilidade de ligar un anuncio cunha palabra buscada. Isto coñécese como AdWords. Os anunciantes poxan por cada palabra e aquel que sobe máis consegue vencellar a súa publicidade coas buscas. Así asegúrase que cada vez que alguén busque unha determinada palabra apareza o seu anuncio.

Buscador

Sitios web
Buscador
Google Imaxes
Google Grupos
Google Noticias

Google é, posiblemente, o motor de procura en Internet máis grande e máis empregado. Ofrece unha forma rápida e sinxela de atopar información na web, con acceso a un índice de máis de 8.168 millóns de páxinas web. Segundo a compañía, actualmente Google responde a máis de 200 millóns de consultas ao día.

O nome Google é un xogo de palabras entre o número gúgol (googol)[12] - termo improvisado polo sobriño de nove anos de Edward Krasner, Milton Sirotta, en 1938, que representa o 10 elevado á 100- e as lentes(goggles). Foi votada como a marca do ano (2003), segundo a axencia británica de marcas Interbrand. Lamentablemente iniciou unha política de censura para lograr expandirse en países totalitarios como China. En razón disto foi considerada A Vergoña Empresarial 2005 pola American Freedom Union.

Existe tamén un motor de procuras para imaxes, grupos de noticias e directorio. A técnica que permite situar unha páxina nunha boa posición dun buscador é o posicionamento Web (coñecido tamén como PageRank) patentado por Google.

Ademais dos sitios locais de cada país existe a páxina principal personalizada de Google na que ademais do clásico buscador, pódense engadir ligazóns, noticias temáticas, e unha ollada á bandexa de entrada do correo de Google, Gmail.

Google usa varios spiders (arañas) cuxa función é a de colleitar e ordenar a información. O spider que máis tempo leva rastrexando a rede é o Googlebot, encargado de recoller os links que despois se atoparán en Google. Ademais conta con outros robots como FreshBot, que escanea os principais sitios con información actualizada con frecuencia, como portais de noticias.

O buscador de Google dispón dunha versión en galego desde o ano 2001[13].

Outros sitios web

Google Imaxes

Trátase dunha especialización do buscador principal para imaxes. A partir de 2005 pódense filtrar segundo o seu tamaño en pequenas, medianas, grandes e extra grandes. Ademais é posible buscar por formatos (JPG, GIF e PNG) e por coloración (branco e negro, escala de grises e a cor).

Google Grupos

Google Grupos é unha interface web ao veterano sistema de foros clasificados xerarquicamente chamado Usenet. Tamén é un arquivo de tódolos envíos realizados a esta rede, sobre o que se poden facer buscas empregando o motor de Google.

Google Directorio

Google Directorio é un directorio web baseado en dmoz, sobre o que se engade ordenamento baseado no pagerank calculado por Google para cada páxina enlazada.

Google Noticias

Google Noticias é un servizo, cuxa versión en inglés xa saíu da fase beta, que pretende ser un buscador de novas, clasificándoas e agrupándoas pola relación que teñen entre elas. Asígnaselles nunha categoría e son presentadas pola orde de antigüidade ou relevancia. A procura de noticias realízaa con base nunha serie de axencias de información.

Os países que contan con versións locais de Google News son: Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Bolivia, Brasil, Canadá, Chile, China, Colombia, Corea do Sur, Cuba, República Dominicana, Ecuador, España, Estados Unidos, Francia, Guatemala, Hong Kong, a India, Irlanda, Italia, o Xapón, México, os Países Baixos, Nova Zelandia, Panamá, o Perú, Portugal, Suráfrica, Suíza, o Reino Unido, Taiwán, o Uruguai e Venezuela.

Manexo

Ao chegares á páxina principal do buscador destaca a simplicidade da súa interface, onde se pode distinguir principalmente o seu logotipo (cambiante segundo diversos eventos de distinta índole que poidan ser relevantes) as distintas categorías, o cadro, os botóns e o ámbito da procura, ademais dun pequeno menú de opcións.

O botón "vou ter sorte" directamente remítenos ao primeiro resultado, útil cando buscamos cousas moi populares ("Microsoft", "Renault", "Google", "Galipedia" etc.) e un botón "procura avanzada" que nos permite concretar as procuras sen necesidade de coñecer todos os operadores que ofrece Google.

Detrás da sinxeleza da interface principal de Google atópase un complexo intérprete capaz de obter as máis complexas procuras.

Buscas e operadores sinxelas

  • Uso de comiñas: pode especificar ao motor de Google que desexa buscar unha expresión composta de dous ou máis palabras literalmente, escribindo os termos a buscar entre comiñas.
    • “coches de ocasión” buscará tódolos sitios que conteñan a expresión "coches de ocasión" textualmente.
  • AND: de xeito predeterminado Google lánzase en busca de resultados unindo as palabras introducidas polo usuario empregando este operador. Así o resultado final dunha procura sen especificar nada ou utilizando o operador AND serán os resultados que conteñan á vez a lista de palabras especificada.
    • As procuras "coches AND ocasión" ou "coches ocasión" obterán os mesmos resultados, unha lista dos sitios web que conteñan a palabra coches e a palabra ocasión.
  • OR ou símbolo “|” :Se desexa especificar que non cómpre a aparición das dúas palabras en cada resultado da procura, senón cada unha delas por separado, deberá especificar o operador OR entre os termos que deban cumprir este criterio.
    • "coches OR ocasión" agora obterá como resultado unha listaxe dos sitios web que conteñan o termo coches ou ocasión.
  • O operador – : permite excluír resultados da procura. Debe especificarse antes do termo a obviar para que se busquen os resultados que non conteñan a palabra especificada.
    • "coches -ocasión" buscase os sitios web que conteñan a palabra coche pero non ocasión.
  • Pódense asignar distintos eidos aos operadores delimitándoos con paréntese:
    • "(coches OR motos) AND ocasión" buscará todas as Webs que conteñan a palabra coches ou motos e con calquera destas dúas é indispensable que apareza ocasión.
  • Comandos especiais:
    • "site:nombre_do_sitio palabras para buscar", busca só neste sitio.
      • "site:gl.wikipedia.org matemática", buscas para tódalas páxinas que conteñen a palabra "matemática" dentro da web http://gl.wikipedia.org
    • Pódense consultar un sitio ata cando non funciona facendo clic no botón "cache" que aparece á beira de cada un dos resultados da procura.
  • Se un pon "define:" seguido dunha palabra (ex: define:Corpo Humano) busca definicións e textos enciclopédicos sobre ese tema.
  • Usando "cache:" antes dunha URL, amosará o contido da caché de Google (isto é útil en momentos en que por algunha razón unha dirección non é accesible temporalmente).
  • Se tecleamos "filetype:" seguido da extensión dun arquivo buscará páxinas que conteñan a extensión dese ficheiro. Por exemplo: universidade filetype:doc

Servizos

Sitios web
Gmail
Google Vídeos
Google Maps
Adsense
Google Page Creator
Google Calendar
Google Notebooks

Malia ser o buscador Google o seu principal servizo, a empresa conta cunha serie de servizos adicionais.

Gmail

Artigo principal: Gmail.

O 31 de marzo de 2004 Google lanzou o seu servizo (en fase beta) Gmail que se destacou entre os servizos de correo máis populares do momento por proporcionar 1 gigabyte de capacidade (posteriormente aumentada a 6 gigabytes). Durante bastante tempo, para poder acceder a unha conta Gmail era necesario recibir unha invitación doutro usuario de Gmail.

Este servizo de mensaxería destacou, entre outras cousas, por utilizar un sistema de procura de mensaxes simple e avanzado ao mesmo tempo, similar ao do buscador web ao cal debe o seu slogan "Non organices, busca". Ademais ofrece outras características adicionais como as etiquetas, filtros avanzados, posibilidade de múltiples contas para correo saínte, chat integrado etc. que o fan moi atractivo.

Hoxe en día atópase dispoñible en 39 idiomas[14]. Gmail está dispoñíbel en galego desde o 7 de xullo do 2014[15].

Google Vídeos

Buscador de vídeos, con visor en Macromedia Flash. En fase beta. O usuario pode subir os seus propios vídeos. Tamén almacena vídeos cargados por Google desde distintas fontes no dominio público ou con permiso especial.

No mes de outubro de 2006 Google mercou YouTube por 1.650 millóns de dólares (cantidade que será efectiva en forma de accións de Google).

Google Maps

Google Maps é o servizo, vía web, que permite visualizar o mundo a través de imaxes vía satélite, imaxes de mapas ou combinar estas dúas.

Grazas ao buscador, podemos buscar lugares de todo o mundo e poder visualizalo de forma efectiva.

As imaxes de satélite comparten a base de datos de Google Earth, o que significa que son as mesmas imaxes que se verán no devandito programa e coa mesma resolución.

Os mapas só están dispoñibles en certos lugares, o que significa que a función híbrida de mapa e satélite só este dispoñible nos lugares onde estean dispoñibles as dúas características.

AdSense

Artigo principal: AdSense.

Servizo para webmasters e empresas de publicidade vía web.

Este servizo caracterízase por ser un frame no que se mostra texto co aspecto dunha procura en Google, nel aparecen as ligazóns dos anunciantes, e os webmasters reciben un pago por cada clic que se faga nas ligazóns de AdSense da súa web. Actualmente hai que levar coidado co formato elixido e a disposición dos anuncios na súa web, xa que se se usa formatos grandes, con moitos anuncios, córrese o risco de ser cancelada a conta de AdSense, de xeito unilateral de acordo ao contrato subscrito no momento do rexistro, se algún usuario fixese un clic en cada anuncio da páxina na que se mostran de xeito reiterado.

Google, empresa líder en publicidade online, caracterízase por perseguir con moito afán a fraude nos clics de AdSense en especial aqueles que o intentan a través dun PPF.[Cómpre referencia]

Adwords

AdWords de Google é unha ferramenta rápida e sinxela de utilizar que permite adquirir anuncios de custo por clic (CPC) ou custo por impresión (CPM) correctamente orientados, independentemente de cal sexa o seu orzamento. Os anuncios de AdWords publícanse xunto cos resultados das procuras realizadas en Google, así como nos sitios de procura e de contido da crecente rede de Google.

Google Calendar

Lightning integrado en Thunderbird

Google Calendar é unha axenda que permite ter diferentes calendarios diferenciados por cores. Permite compartir os calendarios privados con outros usuarios podendo darlles diferentes niveis de permisos. Dispón da posibilidade de incorporar calendarios públicos realizados por outros usuarios, tales como guía de programación de televisión, axenda do teu club favorito de fútbol, santoral etc. O calendario pódese configurar para que envíe un recordatorio antes que pase un evento á o conta de correo electrónico do usuario cun arquivo para importar a tarefa á axenda de Microsoft Outlook, ata pode enviar un aviso SMS se se vive nunha zona habilitada para iso. Ata a data, esta en versión beta pero é funcional.

Tamén existe a opción de integrar en Thunderbird o calendario de Google utilizando a extensión "lightning" para así podelo xestionar desde un programa de correo tradicional.

Outros servizos

Tamén dispón dunha calculadora para operacións aritméticas básicas, Google Calc, e un conversor de divisas, sendo "25 USD to EUR" un exemplo do seu uso (conversión de 25 dólares estadounidenses a euros). Se escribimos unha operación aritmética na casa de procura, Google Calc activarase para darnos o resultado. Google Page Creator que ofrece un sinxelo editor de páxinas web cun espazo de 100 megabytes, Google Spreadsheets unha folla de cálculo en liña e Picasa un editor de imaxes gratuíto no cal pódense subilas a Internet e publicalas nun álbum web.

A continuación lístanse os servizos adicionais tamén pertencentes a Google:

Notas

  1. http://investor.google.com/fin_data.html Google Investor Relations
  2. "Google segue colaborando co proxecto Mozilla Firefox". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  3. "Google págache un dólar por cada Firefox que recomendes". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  4. "Google quere instalar unha rede WiFi gratuíta nos EEUU". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  5. "Google aposta polos protocolos abertos nas comunicacións". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  6. "O Sistema Operativo de Google". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  7. "Google Office: O mundo cambia esta semana". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  8. "Construirá Google a súa propia rede global de fibra óptica?". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2008. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  9. "O xigante dos clics". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 12 de xuño de 2008. 
  10. Brin, Sergey; Page, Lawrence (1998). "The anatomy of a large-scale hypertextual Web search engine" (PDF). Computer Networks and ISDN Systems 30 (1–7): 107–117. doi:10.1016/S0169-7552(98)00110-X. 
  11. Barroso, L.A.; Dean, J.; Holzle, U. (April 29, 2003). "Web search for a planet: the google cluster architecture". IEEE Micro 23 (2): 22–28. doi:10.1109/mm.2003.1196112. We believe that the best price/performance tradeoff for our applications comes from fashioning a reliable computing infrastructure from clusters of unreliable commodity PCs. 
  12. http://www.elpais.com/articulo/portada/Planeta/Google/elpepusoceps/20070121elpepspor_6/Tes
  13. http://vieiros.com/nova/14644/google-en-galego
  14. ¿En cantos idiomas se atopa dispoñible Gmail?
  15. http://codigocero.com/Gmail-estrea-interface-web-en

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas