Instituto Camões
O Instituto Camões é unha entidade con base en Portugal e que se encarga da promoción da lingua portuguesa e da cultura portuguesa no exterior. A súa Lei Orgánica defíneo como persoa colectiva de dereito público, dotada de autonomía administrativa e patrimonial, baixo a superintendencia do Ministerio de Asuntos Estranxeiros.
Ten unha única sede en Galicia, na Casa de Arines de Vigo.
Historia
[editar | editar a fonte]O Instituto Camões foi creado en 1992 como sucesor do Instituto da Cultura e Língua Portuguesa baixo a supervisión do Ministerio de Asuntos Estranxeiros de Portugal, e hoxe en día ten unha autonomía tanto administrativa como patrimonial. Está presente en máis de 30 países, creando neles tanto Centros de Língua Portuguesa coma Centros culturais portugueses (nos primeiros ensínase a lingua e nos segundos a cultura e tradicións de Portugal).
É equivalente ao Instituto Cervantes español, a Società Dante Alighieri italiana, a Alliance Française francesa, o British Council británico ou o Goethe-Institut alemán. Todos eles traballan para divulgar as súas respectivas culturas polo mundo, favorecendo así o coñecemento dalgunhas das principais linguas europeas, feito polo cal se lles outorgou o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades do ano 2005.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Los institutos culturales europeos, premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades". El País (en castelán). 1 de xuño de 2005.