Ryszard Kapuściński
Ryszard Kapuściński, nado en Pińsk o 4 de marzo de 1932 e finado en Varsovia o 23 de xaneiro de 2007, foi un xornalista, escritor e ensaísta polaco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pińsk, a súa cidade natal, pertencía nos anos trinta á provincia polaca de Kresy, na súa fronteira oriental, mais na actualidade é territorio belaruso. Sufriu na súa infancia as consecuencias da segunda guerra mundial, o que marcou a súa vida e obra posteriores. Despois de estudar Historia e Arte na universidade de Varsovia, comezou a traballar no semanario Sztandar Młodych a comezos da década de 1950 como reporteiro de asuntos locais. Por unha casualidade foi destinado á India para facer reportaxes sobre aquel país, como consecuencia da visita do Pandit Nehru a Polonia e do achegamento entre os gobernos dos dous países. A partir de aí comezou unha carreira como xornalista internacional pola China, América Latina e sobre todo a África da descolonización, como único correspondente da Axencia Polaca de Prensa no mundo en desenvolvemento.
Colaborou tamén en Time, The New York Times e Frankfurter Allgemeine Zeitung, como correspondente de guerra durante moitos anos e acadando un grande éxito grazas ó seu peculiar estilo, que o converteu nun xornalista de culto e figura relevante da cultura a nivel mundial.
A partir de 1960, Kapuściński comeza a publicar o seu labor xornalístico en libros, mais non en escolma de reportaxes, senón como obras autenticamente novas. O seu estilo foxe dos grandes acontecementos históricos e das datas oficiais, para narrar a caída e a proclamación dos réximes polos personaxes cos que ten contacto, dende taxistas a xenerais. O seu foi un xornalismo fondamente literario, cunha linguaxe moi coidada e expresiva, e inzada de xogos metaliterarios con referencia aos libros cos que el vai tomando contacto coas novas realidades de países descoñecidos.
Desde 1962 compaxinou as súas colaboracións periodísticas coa actividade literaria e exerceu como profesor en varias universidades. Na actualidade forma parte da Asociación polaca de Artistas Fotógrafos. Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Silesia en 1997 e ata 1981 foi correspondente no estranxeiro.
A súa produción literaria foi traducida a multitude de idiomas e recibiu unha excelente acollida por parte do público e da crítica amante dos relatos de viaxes. Falaba con fluidez oito idiomas, entre eles o francés, o inglés, o ruso e o español.
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades, 2003.
- Distinguido co título de Xornalista do Século nunha consulta realizada ós lectores da revista mensual Press.
- Premio J. Parandowski do Pen Club polaco (1989).
- Premio Goethe (Hamburgo)
- Premio da fundación A. Jurzykowski (Nova York)
- Premio de l´Astrolabe (Francia)
- Premio dos editores e libreiros alemáns
- Premio da Fundación Turzanski (Toronto)
- Premio Literario Linda das cidades de Toruń e Gotinga
- Premio Icaro
- Premio Bruno Kreisky para libros políticos (2004).
- Doutor honoris causa pola Universidade Ramon Llull (2005).
- Soou como favorito para acadar o premio Nobel de Literatura, pero non o conseguiu.
Obra literaria
[editar | editar a fonte]Ningunha das súas obras foi traducida polo de agora ao galego.
- Busz po polsku (1962).
- Czarne gwiazdy (1963).
- Kirgiz schodzi z konia (1968).
- Gdyby cała Afryka (1969).
- Che Guevara - Dziennik z Boliwii (1969).
- Dlaczego zginął Karl von Spreti? (1970).
- Chrystus z karabinem na ramieni (1975).
- Jeszcze dzień życia ("Un día máis con vida", 1976). Narra a descolonización portuguesa de Angola en 1975 e as súas consecuencias: a guerra civil que asolou a rexión ata hai pouco.
- Wojna futbolowa ("A guerra do fútbol" 1978). Fala sobre diversos conflitos africanos e latinoamericanos. A reportaxe que lle dá título ó libro narra a guerra que mantiveron Honduras e O Salvador, cuxo detonante foi un partido de fútbol entre as seleccións de ambos países da fase previa do Mundial de Fútbol México 1970.
- Cesarz (1975). Narra a caída do emperador de Etiopía, Haile Selassie.
- Szachinszach (1982). Narra a caída do emperador de Irán, o xá Reza Pahlevi.
- Notes (1986). Poesía.
- Lapidarium (1990).
- Imperium (1993). Sobre o derrubamento da Unión Soviética.
- Lapidarium II (1995).
- Lapidarium III (1997).
- Heban (1998). Contén reportaxes localizadas en varios países de África.
- Lapidarium IV (2000).
- Z Afryki (2000). Álbum fotográfico.
- Lapidarium V (2001).
- Los cínicos no sirven para este oficio (2000). Editado en castelán, recompila entrevistas e conversas moderadas por Maria Nadotti.
- Autoportret reportera (2003).
- Podróże z Herodotem (2004). Conta os seus comezos como xornalista e a axuda que lle proporcionou a lectura da Historia de Herodoto.
- Prawa natury (2006).
- Ten Inny (2006).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ryszard Kapuściński |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web non oficial (en inglés)