Saltar ao contido

Eneida

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Véxase tamén: Editorial Eneida.

Eneida
Federico Barocci, Eneida' Batalla de Troia, 1598
Título orixinalAeneis
Autor/aPublio Virxilio Marón
OrixeImperio Romano
Lingualatín
Xénero(s)Epopea
TraduciónXoán Fuentes Castro[1]
Na rede
BNE: XX3383720
editar datos en Wikidata ]

A Eneida (en latín, Aeneis) é un poema épico latino. Foi escrito por Publio Virxilio Marón no século I a.C., probablemente entre o 29 a.C. e o 19 a.C.. Conta a historia lendaria de Eneas, un príncipe troiano que foxe da destrución e saqueo de Troia, viaxando polo Mediterráneo ata chegar ó Lacio e conseguir fundar un reino que será o antecedente de Roma.

Características

[editar | editar a fonte]

A maior obra de Virxilio está escrita en hexámetros dactílicos. A causa da morte do poeta aparece con pequenos defectos e incoherencias tanta na composición como na estrutura.

A Eneida, por vontade expresa do seu autor, debía ser destruída, ó non ser exposta a revisión final que el tiña previsto facer. Augusto interveu para salvar o poema e encargoulle a edición do poema manuscrito a Vario Rufo, poeta notable da época, e a Tucca, amigo persoal de Virxilio. Foi publicada sen adicións nin emendas tornándose verdadeira literatura de carácter sacro para os romanos.

A obra consta de dúas partes de extensión semellante: a primeira (libros I-VI), que toma como modelo a Odisea, narra as viaxes de Eneas polas costas de África ata arribar primeiro a Cartago onde é acollido pola raíña Dido e posteriormente a Italia; a segunda (libros VII-XII), que se reclama a si mesma como unha especie de Ilíada, as guerras pola conquista do Lacio, coa derrota de Turno e a fundación de Alba Longa por parte de Ascanio, da que xurdirá a cidade de Roma.

Alén de sublimar a epopea dos devanceiros de Roma, a Eneida é un poema encomiástico dedicado á persoa do emperador Augusto.

Modelos dos que parte a obra

[editar | editar a fonte]

Dise que, máis aínda que unha imitación da Ilíada e da Odisea, Virxilio expúxose unha sorte de competición con Homero. Así, fronte aos 24 cantos de que se compón cada unha das epopeas homéricas, a Eneida componse de 12. Pódese atopar paralelismos, coas súas correspondentes oposicións, entre as dúas obras gregas e estoutra latina:

  • O regreso ou nostos, máis propio da Odisea e da primeira metade da Eneida.
    • Na obra latina, o regreso non é o dun heroe ao seu fogar, senón o de parte dun pobo a un dos lugares de orixe da estirpe dalgún ou dalgúns dos seus heroes, lugar determinado por elección divina e que os heroes haberán de pescudar. Na cronoloxía mítica, a viaxe do Eneas literario coincidiría no tempo cos nostoi gregos. Como na Odisea, na Eneida hai unha deidade que se opón a que o heroe chegue ao seu destino (Poseidón no poema grego e Xuno no latino), outras deidades que alíanse con ela, outras que axudan ao heroe (algunhas, téndoo como o seu protexido: Atenea protexe a Odiseo; Venus protexe a Eneas), cambios de alianzas e deidades que non toman un partido.
  • A xustificación da guerra entre dous pobos con motivos míticos e de amores e desamores.
    • Na Ilíada, e en xeral no Ciclo troiano, preséntase como causa humana da guerra inmediata, contemporánea ou recente o despeito de Menelao polo abandono de que é obxecto por parte de Helena, aínda que este haberá de explicarse por asuntos dos deuses. Na Eneida, preséntase como causa humana de futuras guerras o despeito de Dido polo abandono de que é obxecto por parte de Eneas, e tamén haberá de explicarse tal abandono por intrigas divinas.

O poema de Virxilio compárase tamén coas Argonáuticas de Apolonio, e é fácil que o poeta romano tivese presente a tradución latina de Varrón. Tamén neste caso, hai similitudes e diferenzas entre unha obra e a outra en varios aspectos, empezando polos amores de Dido e Eneas e os de Xasón e Medea.

Os modelos latinos máis importantes dos que se valeu Virxilio para a composición da Eneida e para o contraste con eles son a Guerra púnica (Poenicum Bellum) de Nevio e, sobre todo, os Anais (Annales) de Ennio, o gran clásico da épica romana nese tempo. En varias pasaxes da Eneida cítanse outros do poema de Ennio, ás veces literalmente.

  1. Publicada dentro da colección Esmorga en edición bilingüe latín-galego por Toxosoutos en 2013. As notas tamén correron a cargo do tradutor, Xoán Fuentes Castro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]