Sevilla
Localización | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Estado | España | ||||||
Comunidade autónoma | Andalucía | ||||||
Provincia | Provincia de Sevilla | ||||||
Capital de | |||||||
Capital | Sevilla | ||||||
Contén a división administrativa | |||||||
Poboación | |||||||
Poboación | 684.025 (2023) (4.858,13 hab./km²) | ||||||
Xeografía | |||||||
Parte de | |||||||
Superficie | 140,8 km² | ||||||
Bañado por | Canal de Alfonso XIII (en) e Río Guadalquivir | ||||||
Altitude | 18 m | ||||||
Comparte fronteira con | |||||||
Datos históricos | |||||||
Evento clave
| |||||||
Santo padrón | Fernando III de Castela | ||||||
Organización política | |||||||
• Alcalde | Juan Espadas Cejas (2015–) | ||||||
Membro de | Rede de cidades creativas (2006–) | ||||||
Identificador descritivo | |||||||
Código postal | 41000–41099 | ||||||
Fuso horario | |||||||
Prefixo telefónico | 95 | ||||||
Código INE | 41091 | ||||||
Outro | |||||||
Irmandado con | |||||||
Sitio web | sevilla.org | ||||||
Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima.
Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Ten 696.676 habitantes en 2014,[1] 1.317.098 na área metropolitana, 1.813.908 en total na provincia (datos de 2005). É o principal centro artístico, cultural, financeiro, económico e social do sur de España e un dos máis importantes do sur de Europa. É ademais un importante centro industrial de novas tecnoloxías e aeronáutica (factoría de EADS-CASA establecida no aeroporto). Sevilla e os seus núcleos de poboación satélites non constitúen unha verdadeira área metropolitana senón unha aglomeración urbana, pois carece dun órgano de coordinación no que estean representados tódolos organismos con competencias metropolitanas, tales como os concellos. Aínda que hai órganos mancomunados que se encargan da xestión metropolitana de certas actividades sectoriais (augas, residuos etcétera), non pode polo tanto falarse de área metropolitana no seu sentido máis estrito.
De indubidable interese turístico, grazas a numerosos monumentos, prazas, xardíns, igrexas etcétera. Conserva o meirande centro histórico-artístico de Europa. De entre os seus monumentos máis famosos, a Giralda (antigo alminar da mesquita maior, hoxe campanario da Catedral) e a Torre del Oro son os dous máis coñecidos.
Dos seus barrios, Triana, La Macarena, Santa Cruz, Los Remedios, Heliópolis e Nervión son os máis famosos. A Giralda, a Catedral, o Alcázar, o Arquivo de Indias e a súa contorna foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.
A tan só 20 m sobre o nivel do mar, entre Vega e a Campiña do río Guadalquivir, e á beira deste, conforma unha aglomeración urbana que se estende cara ó Aljarafe, As Marismas, o Parque Nacional de Doñana, a Serra Norte e a Serra Sur.
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Sevilla.
Sevilla é unha das cidades máis importantes na historia de España desde a Idade Antiga en que xurdiu un primeiro núcleo identificado coa cultura tartesa e que, tras a súa destrución atribuída aos cartaxineses, deu paso á cidade romana de Hispalis, xunto á que se construíu a colonia de Itálica. Durante o reino visigodo aloxou nalgunhas ocasións a corte. En Al-Andalus, tras a invasión musulmá, foi primeiro sede dunha cora e despois capital dun reino de taifas. No ano 844 foi saqueada polos viquingos remontando o río Guadalquivir decidindo o emir de Córdoba fortalecer o seu sistema defensivo.
En 1248 incorporouse á cristiá Coroa de Castela, ao ser conquistada baixo o reinado de Fernando III, quen foi o primeiro en ser enterrado na Catedral de Sevilla. A partir de entón Sevilla, repoboada pola aristocracia castelá, como capital do Reino de Sevilla foi unha das cidades con voto en cortes e aloxou a corte itinerante en numerosas ocasións. Durante a Baixa Idade Media a cidade, o seu porto e a súa activa colonia de mercadores xenoveses situáronse nunha posición periférica pero importante no comercio internacional europeo. Nese tempo sufriu dramáticas convulsións económicas demográficas e sociais como a Peste Negra de 1348 ou a revolta contra os xudeus de 1391.
Tras o descubrimento de América en 1492, Sevilla converteuse no centro económico do Imperio español. Os Reis Católicos fundaron a Casa de Contratación, desde onde se dirixían e contrataban as viaxes, controlaban as riquezas que entraban de América e, xunto coa Universidade de Mercadores, regulaban as relacións co Novo Mundo.[2]
Durante o século XVI a cidade experimentou un gran desenvolvemento e transformación e construíronse algúns dos edificios máis importantes do centro histórico.[3] A cidade chegou a ser un centro multicultural o que axudaría ao nacemento das artes, xogando un papel importante no Século de Ouro español. Destacaron entón as fábricas de xabón do barrio de Triana, a artesanía da seda e a cerámica sevillana.
Coincidindo co seu momento artístico máis brillante, o Barroco, viuse afectada pola crise do século XVII, o que significou unha decadencia económica e demográfica, á vez que a navegación polo Guadalquivir dificultábase cada vez máis, ata que o monopolio comercial e as súas institucións trasladáronse a Cádiz. Nesta época a cidade padeceu ademais outra grande epidemia de peste que reduciu aproximadamente á metade a súa poboación.
A revitalización da cidade no século XIX, coa industrialización e o desenvolvemento da rede ferroviaria española, coincidiu coa época romántica.
Durante o século XX, ademais de sufrir a represión da Guerra Civil e a posterior ditadura militar, presenciou fitos decisivos como a Exposición Iberoamericana de 1929, a Exposición Universal de 1992 ou a súa elección como capital da autonomía andaluza.[4]
Xeografía
[editar | editar a fonte]O concello de Sevilla localízase principalmente na ribeira esquerda do río Guadalquivir, algúns barrios como Triana e Los Remedios ocupan a marxe dereita deste río navegable que converte a cidade en porto fluvial. No contorno de Sevilla hai unha rica veiga, así como áreas de campiña e de marismas[5] mais dúas zonas altas que configuran a comarca do Aljarafe, moi vinculada coa cidade ao ser a zona de expansión residencial de Sevilla, ao oeste, e os Alcores, ao leste.
A superficie do termo municipal é de 140,8 km2e limita ao norte con La Rinconada, La Algaba e Santiponce; ao leste con Alcalá de Guadaíra; ao sur con Dos Hermanas e Gelves e ao oeste con San Juan de Aznalfarache, Tomares e Camas.[6]
Demografía
[editar | editar a fonte]O municipio de Sevilla ten 702.345 habitantes segundo o censo de poboación de 2010 publicado polo INE,[7] das cales 333.490 son homes o cal representan un 47,65% e 366.269 son mulleres que á súa vez representan un 52,35%.
Sevilla é a cuarta cidade de España por poboación, logo de Madrid, Barcelona e Valencia. A área metropolitana de Sevilla ten 1.499.653 habitantes (INE 2008) e 4.535,78 km² de superficie, sendo tamén a cuarta área metropolitana de España e un gran centro turístico, económico, industrial e de poboación.
Desde 1990, a poboación residente en Sevilla estancou ao redor dos 700.000 habitantes, sendo o pico superior o censo de 1995 con 719.588 habitantes.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Catedral
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Catedral de Sevilla.
A Catedral de Sevilla é a catedral gótica máis extensa do mundo e un dos maiores templos cristiáns en canto a tamaño, do mundo.[8] Foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1987.
A súa construción iniciouse en 1401, sobre o soar que quedou tras a demolición da antiga Mesquita Aljama de Sevilla. A construción fundamentalmente de estilo gótico tardío, fíxose en relativo pouco tempo, aínda que as adicións e decoracións fóronse realizando ao longo de varios séculos e por iso ten varios tipos de arquitectura: gótica (1433-1528), renacentista (1528-1593), barroca (1618-1758), académica (1758-1823) e neogótica (1825-1928).
O conxunto monumental da Catedral compleméntano a Giralda, o Patio dos Naranjos e a Capela Real. O Patio dos Naranjos é un espazo rectangular, a modo de patio interior, que actúa como claustro da Catedral. Hoxe día, o Patio dos Naranjos é un dos anexos máis visitados da Catedral.
Reais Alcázares
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Reais Alcázares de Sevilla.
O Alcázar de Sevilla é o palacio real en activo máis antigo de Europa.[9] Empezou a tomar o seu aspecto actual tras a conquista en 713 de Sevilla polos árabes, quen utilizaron os alcázares como residencia dos seus líderes desde o ano 720. Tras a Reconquista en 1248, foi aloxamento do rei Fernando III de Castela, tomándose por costume ser hospedaxe dos sucesivos monarcas.
Unha zona reservada do mesmo utilízase como lugar de aloxamento os Reis de España e demais membros da Casa Real cando visitan a cidade e pasan a noite na mesma. O conxunto monumental e os xardíns son visitables e constitúen un dos principais atractivos monumentais da cidade, xa que foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1987. A entrada ao recinto para os cidadáns sevillanos é gratuíta durante todo o ano.
As estancias máis destacadas do recinto son o Patio das Doncelas, patio principal de arte mudéxar andaluz; a Sala dos Reis; a Sala de Carlos V, con grandes tapices, Salón do Emperador, con azulexos do século XV e tapices flamengos; o Salón de Embaixadores, unha sala cuberta por unha cúpula semiesférica adornada de complicados arabescos dourados que constitúe a habitación máis importante do Alcázar; e os Xardíns do Alcázar, que teñen caracteres árabes, renacentistas e modernos e dispón de varias terrazas de vexetación frondosa, con fontes, pavillóns e multitude de laranxeiras e palmeiras.
Arquivo de Indias
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arquivo Xeral de Indias.
O Arquivo Xeral de Indias creouse en 1785 baixo o reinado de Carlos III co obxectivo de centralizar nun único lugar a documentación referente ás colonias españolas, ata entón dispersa en diversos arquivos: Simancas, Cádiz e Sevilla. A Casa Lonxa de Mercadores de Sevilla, construída en época de Filipe II entre 1584 e 1598 por Juan de Mijares sobre planos de Juan de Herrera, é a sede do arquivo.
Os documentos que conserva o arquivo ocupan máis de nove quilómetros lineais de andel. Trátase duns 80 millóns de páxinas e 8.000 mapas e debuxos que proceden fundamentalmente dos organismos metropolitanos encargados da administración das colonias. É o maior arquivo existente sobre a actividade de España en América e Filipinas, contendo información sobre a historia política e a historia social, a historia económica e a das mentalidades, a historia da Igrexa e a historia da arte ou a xeografía daqueles territorios. Garda unha gran cantidade de pezas de gran valor histórico: textos autógrafos de Cristovo Colón, Fernando de Magalláns, Vasco Núñez de Balboa, Hernán Cortés e Francisco Pizarro. Toda esta documentación está ao servizo dos investigadores que pasan cada ano polo arquivo.[10]
O Arquivo é un dos arquivos xerais (xunto co Arquivo Xeral da Coroa de Aragón e o Arquivo Xeral de Simancas) pertencentes ao Estado español. En 1987 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Praza de España
[editar | editar a fonte]A praza de España de Sevilla configura un dos espazos abertos máis grande da arquitectura rexionalista. Foi encargada a súa construción ao arquitecto Aníbal González para a Exposición Iberoamericana do ano 1929. Aquí tivo lugar a cerimonia de inauguración da Exposición coa presenza do rei Afonso XIII.
Ocupa unha superficie de 50.000 m², dos cales 19.000 están edificados e os 31.000 restantes son espazo libre, e a canle que ocupa 515 metros de lonxitude con 200 m de diámetro e unha superficie de 14.000 m², convértena nunha das obras máis espectaculares do panorama español, con mestura de estilos mudéxar, gótico e renacentista. A obra comezou en 1914, terminándoa en 1928 o arquitecto Vicente Traver tras a dimisión de Aníbal González como arquitecto director en 1926. Está situada dentro do parque de María Luisa. A entrada é libre e péchase o seu acceso a partir das dez da noite.
Ten forma semicircular que simboliza o abrazo de España e as súas antigas colonias e mira cara ao río como camiño a seguir cara a América. Está decorada con ladrillo visto, mármore e cerámica dándolle un toque renacentista e barroco nas súas torres.
A praza de España de Sevilla serviu de escenario para gravar algunhas das escenas dunha das películas de Star Wars.[11]
Torre del Oro
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Torre del Oro.
A Torre del Oro de Sevilla é unha torre albarrá situada na marxe esquerda do río Guadalquivir, xunto á praza de touros da Real Maestranza. Posiblemente o seu nome en árabe era Bury al-dahab,[12] en referencia ao seu brillo dourado que se reflectía sobre o río. Durante as obras de restauración de 2005, demostrouse que este brillo, que ata entón se atribuía a un revestimento de azulexos, era debido a unha mestura de morteiro de cal e palla prensada.[13]
É unha torre formada por tres corpos. O primeiro corpo, dodecagonal, foi construído entre 1220 e 1221 por orde do gobernador almohade de Sevilla, Abù l-Ulà. O segundo corpo, tamén dodecagonal, foi mandado construír por Pedro I o Cruel no século XIV. O corpo superior, cilíndrico e rematado en cúpula, foi construído polo enxeñeiro militar Sebastián Van der Borcht en 1760, ano no que tamén se macizó a primeira planta da torre con cascallos e morteiro para reparar os danos sufridos tras o terremoto de Lisboa de 1755, deixando a porta do paso de rolda da muralla como porta de acceso principal.
Foi declarada monumento histórico-artístico en 1931 e foi restaurada varias veces. Na Idade Contemporánea foi restaurada en 1900, entre 1991 e 1992, en 1995 e en 2005. Alberga o Museo Naval de Sevilla.
Barrio de Santa Cruz
[editar | editar a fonte]O barrio de Santa Cruz, antiga barrio xudeu medieval situado no centro histórico de Sevilla, é un dos máis emblemáticos e pintorescos da cidade. Con rúas estreitas e sinuosas, as súas casas de estilo sevillano teñen patios señoriais e balcóns con varandas de ferro forxado adornados con flores.
O barrio fundouse cando o rei Fernando III de Castela conquistou a cidade e concentrouse en Sevilla a segunda comunidade xudía máis importante de España, tras a de Toledo. Tras a expulsión dos xudeus en 1483, o barrio foi abandonado e entrou en decadencia, ata que a principios do século XIX procedeuse á súa reurbanización, dirixida polo arquitecto municipal Juan Talavera y Heredia.
No barrio atópase o Convento das Teresas, fundado por Santa Tareixa de Xesús en 1575. Na parte alta do barrio atópase o Hospicio de Venerables Sacerdotes, que foi construído para servir de asilo dos sacerdotes xubilados e contén unha gran cantidade de obras de arte.
Cidades irmandadas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ INE (ed.). "Cifras de poboación referidas ao 01/01/2014.". Consultado o 26 de xaneiro de 2014.
- ↑ destinosevilla.com (ed.). "Historia de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 28-10-2008. Consultado o 12-12-2008.
- ↑ Albardonedo Freire, Antonio (2002)
- ↑ Universidade de Sevilla (ed.). "Historia de Sevilla. Nuestra ciudad". Arquivado dende o orixinal o 23-12-2008. Consultado o 13-12-2008.
- ↑ rutadelaplata.com (ed.). "Situación de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2008. Consultado o 8 de decembro de 2008.
- ↑ Diputación de Sevilla (ed.). "Comarcas y Municipios de Sevilla". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 11 de decembro de 2008.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, España (ed.). "Series de poboación desde 1996. Cifras oficiais da Revisión anual do Padrón municipal a 1 de xaneiro de cada ano". Arquivado dende o orixinal o 02-04-2009. Consultado o 13-07-2009.
- ↑ Andalunet.com (ed.). "Catedral de Sevilla". Consultado o 8-12-2008.
- ↑ El Mundo.es, ed. (4-12-1994). "Sevilla preparará una boda sin derroche y de «arrope popular»". Consultado o 8-12-2008.
- ↑ Centro virtual Cervantes (ed.). "Arquivo Xeral de Indias". Consultado o 8-12-2008.
- ↑ "¿Qué visitar en Sevilla? Indispensables". Experimenta Sevilla (en castelán). 2020-10-07. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2021. Consultado o 2021-05-04.
- ↑ II Congreso internacional. A Cidade en al-Andalus e o Magreb, Fundación El legado andalusí (2002), ISBN 84-932051-7-6
- ↑ Carlota Muñoz. Archivo de la Delegación del CSIC en Andalucía. El Correo de Andalucía., ed. (23-6-2005). "Reflejos nuevos para la Torre del Oro" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07-04-2010. Consultado o 8-12-2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sevilla |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Concello de Sevilla Arquivado 12 de abril de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)
- Sevilla - Sistema de Información Multiterritorial de Andalucía (SIMA). Estatísticas oficiais Arquivado 29 de maio de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)
- Patrimonio cultural de Sevilla no Localizador Cartográfico do Patrimonio Cultural. Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico (en castelán)