Karl Marx
Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e finado en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista. O seu traballo dende entón influíu a historia intelectual, económica e política subseguinte.
As teorías de Marx sobre a sociedade, a economía e a política —colectivamente coñecidas como marxismo— sosteñen que as sociedades humanas se desenvolven a través da loita de clases; no capitalismo, esta maniféstase no conflito entre a clase dominante (coñecida como burguesía) que controla os medios de produción e a clase obreira (coñecida como proletariado) que activa eses medios de produción vendendo a súa forza de traballo por un salario.[1] Empregando un enfoque crítico denominado materialismo histórico, Marx predixo que, ao igual que os sistemas socioeconómicos anteriores, o capitalismo producía tensións internas que o conducirían á súa autodestrución e á substitución por un novo sistema: o socialismo. Para Marx, a loita de clases baixo o capitalismo, debido en parte á súa inestabilidade e a súa natureza propensa á crise, podería acabar no desenvolvemento da conciencia de clase por parte da clase obreira, conducindo á súa conquista do poder político e finalmente o establecemento dunha sociedade sen clases e comunista constituída por unha asociación libre de produtores.[2] Marx loitou activamente pola súa introdución, argumentando que a clase obreira debería levar a cabo unha acción revolucionaria organizada para derrocar o capitalismo e traer consigo a emancipación socioeconómica.[3]
Marx foi descrito como unha das figuras máis influentes da historia humana e o seu traballo foi tanto gabado coma criticado.[4] A súa obra sobre economía estableceu a base para a meirande parte do coñecemento actual sobre a forza de traballo e a súa relación co capital, e o pensamento económico posterior.[5][6][7] Moitos intelectuais, sindicatos obreiros, artistas e partidos políticos mundiais foron influenciados polo traballo de Marx, con moitas ideas modificadas ou adaptadas. Marx é tipicamente citado como un dos principais arquitectos da ciencia social moderna.
Biografía
[editar | editar a fonte]Marx naceu en Tréveris (Prusia, agora Alemaña), no seo dunha familia de ascendencia xudía-asquenací, seu pai era un avogado convertido ao protestantismo dous anos antes do nacemento de Karl. Cursou estudos de dereito na Universidade de Bonn. Alí, comezaron cedo as súas inquedanzas sociais, e facendo as súas primeiras colaboracións, na Rheinische Zeitung (Gaceta Renana), publicación da que chegará a ser redactor xefe pero a revista foi suspendida polas autoridades e Marx emigrou a Francia; en París coñece a Friedrich Engels, con quen nacería unha grande amizade, e que sería até os seus últimos días o seu eterno colaborador.
Os seus artigos publicados en Francia provocan a súa expulsión deste país en 1845, polo que se ve obrigado ao exilio, establecéndose en Bruxelas, renunciou á súa nacionalidade para non ser perseguido polo goberno prusiano, aínda que tampouco adoptou outra nacionalidade, intensificou o contacto cos obreiros alemáns emigrados e ingresou na Liga dos Comunistas quen lle encargou a realización dun programa con ocasión dun congreso celebrado en Londres en 1847, ese programa é o Manifesto comunista publicado en 1848. Tralo período revolucionario de 1848, trasládase a Colonia, onde organiza un novo diario, Neue Rheinische Zeitung (Nova Gaceta Renana). Esta nova publicación, que ven á luz nun marco de forte actividade obreira organizada, acada un éxito rotundo. E é precisamente por esta capacidade axitadora polo que é prohibida polo goberno renano.
En 1849 Marx pasou a vivir a Londres e alí residiu o resto da súa vida cos escasos recursos económicos que lle reportaban os artigos para periódicos e a axuda dos amigos, neste período é precisamente cando Marx dedica o seu tempo á escritura da que sería a súa obra máis influente, O capital, que elabora nas salas de lectura do Museo Británico. O primeiro volume de O capital non verá a luz até 1867, tras dezaoito anos de traballo. Ademais, mentres traballa nesta obra, Marx colaborou na organización da Primeira Internacional, participando activamente nas discusións e na confrontación no seo da mesma entre comunistas e anarquistas. Trala experiencia da Comuna de París de 1871, Marx se retira da política activa e se dedica á escritura de ideoloxía, destacando como análise da praxe revolucionaria a súa obra A guerra civil en Francia. Finou o 14 de marzo de 1883 en Londres.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Marx foi testemuña da primeira gran crise do capitalismo (década dos anos 30 do século XIX) e do período revolucionario de 1848. Estas dúas vivencias serviron como pretexto para a análise teórica inserida na súa obra, na que desenvolve unha teoría económica capaz de achegar explicacións ás mesmas, pero á vez de interpelar as clases populares a participar nela activamente para producir un cambio revolucionario. Unha teoría revolucionaria que, se ben parte da análise da situación do seu tempo, non se circunscribe a este, senón que, mediante as teorías do materialismo histórico e dialéctico serve para analizar, interpretar e incidir nas condicións socioeconómicas de cada momento histórico.
Para Marx, a determinación da magnitude do valor dunha mercadoría é a cantidade de traballo requirido socialmente para producila. Esta é a coñecida teoría do valor traballo. Así, criticando a teoría de David Ricardo do valor-traballo, deduce que o salario é o valor da mercadoría "forza de traballo", e como todo valor, determínase polo tempo de traballo necesario para a produción e reprodución da mesma, neste caso para a produción e reprodución da mercadoría "forza de traballo". Isto é, o valor dos medios de vida necesarios para asegurar a subsistencia do traballador. Por outra parte, o capitalista comprador da "forza de traballo" consome dita mercadoría no proceso de produción onde o traballador rende durante un tempo (xornada laboral) que excede a cantidade de tempo necesaria para a súa reprodución como obreiro (salario): é dicir, o valor da "forza de traballo" e a súa valorización no proceso de traballo son factores distintos, cuxa diferenza determina a magnitude da plusvalía (exemplo de Marx en O capital 1: "para alimentar e manter en pé a forza de traballo durante vinte e catro horas faga falta media xornada de traballo, non quere dicir, nin moito menos, que o obreiro non poida traballar durante unha xornada enteira").
Esta plusvalía é apropiada polo capitalista e dela procede a ganancia. Esta apropiación constitúe a base fundamental do modo de produción capitalista e á súa vez estas condicións materiais determinan a superestrutura, é dicir, as formas e contidos da conciencia expresadas na arte, a política, a relixión e tamén o dereito. Esta contradición fundamental (produción colectiva contra apropiación individual) baixo o réxime de produción capitalista, reviste a forma da lei xeral da acumulación capitalista, que consiste en que canto maior é a riqueza social, é dicir, o capital en funcionamento, tanto maior é a magnitude absoluta do proletariado e a capacidade produtiva do mesmo, e polo tanto, tanto maior é o exército de reserva, polo tanto a medida que crece a acumulación de capital crece a acumulación de miseria, e algúns dos seus fenómenos son a diminución da taxa de beneficios á vez que a concentración do capital en moi poucas mans. Así, a contradición principal do capitalismo segundo Marx é o antagonismo de clases entre a clase capitalista e a clase proletaria.
A necesidade da revolución implícita en tales contradicións está determinada polas tensións que se derivan do feito de que as forzas produtivas sorpasan e se ven limitadas polas relacións de produción. Para o capitalismo tal revolución consiste na "expropiación dos expropiadores" e movemento final da dialéctica da propiedade privada e a súa abolición, que no pensamento de Marx se concreta nun horizonte político concreto: o socialismo, antesala á súa vez do comunismo. O materialismo dialéctico, é dicir, a dialéctica do modo en que o home produce os seus medios de vida, da que se deriva a súa alienación, constitúe para Marx a historia humana (para Marx "a historia humana é a historia da súa alienación e da abolición de dita alienación"), historia que a cada momento só pode ser entendida segundo os seus diferentes modos de produción, e a loita de clases inherente, por exemplo, escravista, feudal, capitalista e comunista. A teoría do materialismo dialéctico, básica para unha análise marxista das determinadas condicións ao estudo, pon en evidencia a característica antidogmática do marxismo. O método dialéctico, polo que o marxismo pode estar en constante actualización, formula a necesariedade dunha síntese en calquera relación dialéctica entre unha tese e unha antítese. Esta lei é aplicábel á historia mediante o materialismo histórico. Así, da confrontación dialéctica entre burguesía e a antiga poderosa nobreza, xurdiu unha síntese: a sociedade capitalista. Polo tanto, mediante a relación dialéctica entre burguesía e proletariado faise necesaria como síntese a sociedade comunista.
Influencias
[editar | editar a fonte]O pensamento de Marx amosa influencias de moitos pensadores, incluíndo pero non limitado por:
- A filosofía de Licurgo, incluíndo a redistribución igualitaria e efectiva dos recursos (terra), e a igualdade da cidadanía.[8][9]
- A filosofía de Georg Wilhelm Friedrich Hegel.[10]
- A política económica clásica de Adam Smith e David Ricardo.[11]
- O pensamento socialista francés,[12] en particular o pensamento de Jean-Jacques Rousseau, Henri de Saint Simon, Pierre Joseph Proudhon e Charles Fourier.[13][14]
- O temperán materialismo filosófico alemán entre os novos hegelianos, particularmente os de Ludwig Feuerbach e Bruno Bauer, así como o materialismo francés de finais do século XVIII, incluíndo Diderot, Claude Adrien Helvétius e d'Holbach.
- A análise da clase traballadora de Friedrich Engels, así como as descricións de clase temperás dos liberais franceses e dos sansimonianos como François Guizot e Augustin Thierry.
- A orixe xudía de Marx é considerada formativa tanto para a súa actitude moral[15] coma a súa filosofía materialista.[16]
O punto de vista de Marx sobre a historia, o cal foi chamado materialismo histórico (de xeito controvertido adaptado como a filosofía do materialismo dialéctico por Engels e Lenin), amosa sen dúbida a influencia da afirmación de Hegel de que un debería ver a realidade (e a historia) dialecticamente.[10] No entanto, Hegel pensou en termos idealistas, poñendo as ideas por diante, mentres que Marx buscou reescribir a dialéctica en termos materialistas, defendendo a primacía da materia sobre a idea.[10] Mentres Hegel viu o espírito como o condutor da historia, Marx viu isto como unha mistificación innecesaria que escurecía a realidade da humanidade e as súas accións físicas que daban forma ao mundo. Escribiu que o hegelianismo ergueu o movemento da realidade na súa cabeza e que un precisaba colocalo sobre os seus pés.[10] A pesar de non lle gustar os termos místicos Marx empregou unha lingua escura en varios dos seus traballos. En Das Kapital el refírese ao capital como a «nigromancia que arrodea os produtos do labor».
Inda que se inspirou nos socialistas franceses e o pensamento sociolóxico,[11] Marx criticou os socialistas utópicos argumentando que as súas comunidades socialistas de pequena escala estarían limitidas á marxinación e á pobreza, e só un cambio a grande escala no sistema económico pode traer o verdadeiro cambio.[14]
A outra contribución importante á revisión de Marx sobre o hegelianismo vén do libro de Engels Die Lage der arbeitenden Klasse in England, que fixo que Marx concibise a dialéctica histórica en termos de loita de clases e vise a clase traballadora moderna como a forza máis progresiva para a revolución.
Marx cría que podía estudar a historia e a sociedade cientificamente e discernir tendencias da historia e os resultantes conflitos sociais. Algúns seguidores de Marx concluíron, polo tanto, que unha revolución comunista ocorrería inevitablemente. Porén, Marx afirmou na famosa undécima das súas Thesen über Feuerbach (Teses sobre Feuerbach) que «os filósofos só interpretaron o mundo de distintos xeitos; o asunto, con todo, é cambialo», e el dedicouse a tentar cambiar o mundo.
Influencia do seu pensamento
[editar | editar a fonte]As obras de Marx influíron a un bo número de teóricos e políticos, e serviu de base teórica para grandes movementos sociais, sindicais e en xeral de masas. É salientábel a interpretación que realizaron países do chamado "socialismo real": URSS, Albania, China, Cuba... Por outra, a que realizou historicamente a socialdemocracia, nas súas orixes contraria á táctica revolucionaria e partidaria de avanzar cara ao socialismo a través de progresivas reformas parlamentarias, derivando aos poucos até aceptar a economía de mercado. Así mesmo, o marxismo, como tese antidoutrinal e antidogmática por excelencia, en constante movemento e que emprega métodos de análise como método formador de teorías, serve para o estudo de determinadas ciencias (historia, arte, antropoloxía etc.).
A obra matemática de Marx
[editar | editar a fonte]Marx é coñecido como filósofo, humanista, intelectual e pensador revolucionario. Seus estudos económicos e sociólxicos son famosos, resumidos na súa grande obra, O Capital. Mais é pouco coñecida a súa afección polas matemáticas e a existencia dos seus tratados e correspondencia matemática. Con todo, vai dedicar toda a súa vida ao estudo e análise dos fenómenos sociais, e queríao facer con tanto rigor que acabou por estudar matemáticas. Marx nace en pleno desenvolvemento da revolución industrial, é testemuña do crecemento do capitalismo, da aparición de novas clases sociais e cambios no modelo produtivo; feitos que van favorecer o seu interese pola análise dos fenómenos sociais. Seu obxectivo é analizar a realidade sen presupostos nin prexuízos ideolóxicos, é dicir, busca desenvolver un método empírico que llo permita. É por iso que, xuntamente con Friedrich Engels, desenvolve a teoría do materialismo histórico, baseado en datos, resultados e avances científicos. Pero esta vez queren analizar o capitalismo tendo en conta a súa natureza histórica, transitoria e evolutiva; non como algo estático ou produto dunha evolución natural. Naquel momento, se non a única ferramenta, pero si a máis rigorosa, era o cálculo infinitesimal, o cal inclúe o estudo de límites, derivadas, integrais e series; e consiste basicamente no estudo do cambio e da evolución.
A súa obsesión principal era entender o funcionamento do capitalismo e, polo tanto, debería comprender os problemas de circulación de capital e a función do tipo de cambio. Para facelo, recorre primeiro ao estudo da aritmética comercial, máis se atopa dianto do mesmo problema: a aritmética non lle permite, como el quería, analizar a realidade na súa evolución e no seu automovemento. Desta forma, termina totalmente dedicado ao estudo e uso do cálculo infinitesimal. Mais, profundizando no seu estudo, descobre algo que o perturbará durante o resto da súa vida e que concentrará todo o seu interese e enerxía: o misticismo que envolve ao cálculo infinitesimal. Para el, é fundamental demostrar o seu rigor como ciencia exacta se quere probar que o materialismo histórico é unha realidade. Introdúcese nesta aventura estudando todos os manuais e pistas posibles. Finalmente, desenvolve diversos métodos e símbolos propios: propón un proceso de diferenciación "alxébrica" para determinados tipos de funcións, busca un algoritmo para descubrir se unha función ten derivada e, neste caso, atopala, presenta tamén as funcións que se poden desenvolver en series completas como un obxecto de diferenciación alxébrica, e xa fala dos sentidos dunha función, é dicir, "procedente de x", ou "ir cara a x", entre moitos outros. Obviamente, non resolverá o problema do misticismo, pero finalmente escribirá numerosos borradores e cartas, desgraciadamente non publicados, explicando todas as etapas históricas fundamentais do cálculo infinitesimal. Para el, resúmense nestes tres períodos:[17]
- O cálculo diferencial místico de Newton a Leibniz.
- O cálculo diferencial racional de Euler a D'Alembert.
- O cálculo puramente alxébrico de Lagrange.
Todo o que se coñece da súa obra matemática extraeuse das cartas que intercambiaba con amigos e pesonalidades da época, explicando a súa traxectoria e os seus descubrimentos. De feito, a súa grande obra foi editada e publicada polo seu íntimo amigo Engels unha vez morto Marx. Por desgraza, a maioría do material áchase en poder do goberno ruso e, a día de hoxe, non está editado nin publicado.
Obras
[editar | editar a fonte]Obras escritas por Karl Marx
[editar | editar a fonte]- An principatus Augusti merito inter feliciores reipublicae Romanae aetates numeretur? (1835): ensaio en latín para aspirar ao título de bacharel.[18]
- Escorpión e Félix (1837), única comedia escrita por Marx.
- Diferenza entre a filosofía da natureza de Demócrito e a de Epicuro (1841), tese doutoral.
- O Manifesto filosófico da Escola Histórica de Dereito (1842).
- Crítica da filosofía do dereito de Hegel (1843).
- Sobre a cuestión xudea (1843).
- Notas sobre James Mill (1844).
- Manuscritos de economía e filosófía (1844, publicada postumamente en 1932).
- Teses sobre Feuerbach (1845, publicada postumamente).
- A miseria da filosofía (1847).
- Traballo asalariado e capital (1847).
- As loitas de clases en Francia de 1848 a 1850 (1850)
- O 18 de brumario de Luis Bonaparte (1852).
- A España revolucionaria (1854).
- Grundrisse ou Elementos fundamentais para a crítica da economía política (1857).
- Unha contribución á crítica da economía política (1859).
- Herr Vogt (1860).
- Teorías sobre a plusvalía (1862, tres volumes).
- Salario, prezo e ganancia (1865).
- O Capital, volume I (1867).
- A guerra civil en Francia (1871).
- Crítica do programa de Gotha (1875, publicada postumamente)
- Notas sobre Wagner (1880).
Obras escritas por Marx e Engels
[editar | editar a fonte]- A ideoloxía alemá (1845, publicada postumamente).
- A sagrada familia (1845).
- Manifesto Comunista (1848).
- A guerra civil en Estados Unidos (1861).
- O Capital, volume II (1885, publicado por Engels despois da morte de Marx).
- O Capital, volume III (1894, publicado por Engels despois da morte de Marx).
Notas
- ↑ Marx, K. e Engels, F. (1848).The Communist Manifesto.
- ↑ Karl Marx: Critique of the Gotha Program.
- ↑ Calhoun 2002, pp. 23-24.
- ↑ "Marx the millennium's 'greatest thinker'". BBC News World Online. 1 de outubro de 1999. Consultado o 23 de novembro de 2010.
- ↑ Roberto Mangabeira Unger. Free Trade Reimagined: The World Division of Labor and the Method of Economics. Princeton: Princeton University Press, 2007.
- ↑ John Hicks, "Capital Controversies: Ancient and Modern." The American Economic Review 64.2 (maio de 1974) p. 307: "The greatest economists, Smith or Marx or Keynes, have changed the course of history...".
- ↑ "Karl Marx to John Maynard Keynes: Ten of the greatest economists by Vince Cable". Daily Mail. 16 de xullo de 2007. Consultado o 7 de decembro de 2012.
- ↑ Plutarco, biografía de Licurgo Arquivado 24 de maio de 2011 en Wayback Machine..
- ↑ Xenofonte, sociedade espartana.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Calhoun 2002, pp. 120-23.
- ↑ 11,0 11,1 Howard J. Sherman (1995). Reinventing marxism. JHU Press. p. 5. ISBN 978-0-8018-5077-6. Consultado o 7 de marzo de 2011.
- ↑ Howard J. Sherman (1995). Reinventing marxism. JHU Press. p. 5. ISBN 978-0-8018-5077-6. Consultado o 7 de marzo de 2011.
- ↑ Peter Beilharz (1992). Labour's Utopias: Bolshevism, Fabianism and Social Democracy. CUP Archive. p. 4. ISBN 978-0-415-09680-5. Consultado o 7 de marzo de 2011.
- ↑ 14,0 14,1 Barry Stewart Clark (1998). Political economy: a comparative approach. ABC-CLIO. pp. 57–59. ISBN 978-0-275-96370-5. Consultado o 7 de marzo 2011.
- ↑ Eaglelton, Terry Why Marx Was Right Yale University Press, 2011, p. 158.
- ↑ Seigel, Jerrold Marx's Fate Princeton University Press, 1978, pp. 112-19.
- ↑ Marx, Karl; Engels, Friedrich (1975). Cartas sobre las ciencias de la naturaleza y las matemáticas (en castelán). Barcelona: Anagrama.
- ↑ Marx, Karl. Red de Estudiantes de Filología, ed. Traducido por David Arboleda. "An principatus Augusti merito inter feliciores reipublicae Romanae aetates numeretur?" [¿Se encuentra merecidamente el principado de Augusto entre las épocas más prósperas de la República romana?]. Filología, gacetilla académica y cultural (en castelán). ISSN 2619-5305.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Karl Marx |
A Galicitas posúe citas sobre: Karl Marx |