Saltar ao contido

Calendario republicano francés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Calendario republicano francés correspondente a 1794

O calendario republicano francés (en francés: Calendrier républicain) é un calendario proposto durante a Revolución francesa e adoptado pola Convención Nacional, que o empregou entre 1792 e 1806. O deseño intentaba adaptar o calendario ao sistema decimal e eliminar as referencias relixiosas; o ano comezaba o 22 de setembro, coincidindo co equinoccio de outono no Hemisferio Norte.[1]

O calendario republicano foi deseñado polo matemático Charles-Gilbert Romme, membro da Convención, coa axuda dos astrónomos Joseph Jerôme de Lalande, Jean-Baptiste Joseph Delambre e Pierre-Simon Laplace, aínda que se lle adoita atribuír notable participación ao actor e dramaturgo Fabre d'Églantine, quen lles deu os nomes aos meses e aos días.[2]

Naceu así por decreto da Convención Nacional Francesa do 5 de outubro de 1793, e o calendario foi adoptado pola Convención Nacional controlada polos xacobinos o 24 de outubro de 1793. Fixouse o seu inicio o 22 de setembro de 1792, coincidindo coa proclamación da República no Jeu de Paume. Dese xeito, o calendario comezou un ano antes de ser finalmente adoptado, o día do inicio da nova era de Francia, e o período de setembro de 1792 a setembro de 1793 foi denominado "Ano 1 da Revolución".

O calendario foi de aplicación civil en Francia e nas súas colonias americanas e africanas ata que Napoleón aboliu o seu uso oficial o 1 de xaneiro de 1806 (de feito este día correspondeu á media noite do 10 de nivoso do ano XIV, é dicir, o 31 de decembro de 1805, pouco máis de 12 anos despois de ser introducido) como un xeito oportuno de eliminar os signos de democracia republicana.

Napoleón autoproclamárase Emperador dos franceses en decembro de 1804 e creara a nova nobreza imperial durante o ano 1805, ambos os conceptos incompatibles coa natureza deste calendario, así como para reconciliarse cos católicos e co papado, dos que conseguiu unha certa tolerancia ao devolver as festividades civís e relixiosas da igrexa católica co novo calendario, ademais de cuestións prácticas como as vantaxes de utilizar o calendario gregoriano que case todo o resto de Europa empregaba daquela.

Este calendario volveuse implantar brevemente tras o derrocamento de Napoleón en 1814, e foi usado tamén pola efémera Comuna de París de 1871.

As estacións e os meses

[editar | editar a fonte]

No calendario republicano, os anos sempre empezaban no equinoccio de outono, tiña 12 meses de 30 días cada un. Os meses divídense en tres "décadas" de 10 días (desaparecen as semanas)[3]. Non coinciden exactamente cos meses do calendario gregoriano, ao empezar sempre a conta dos meses co inicio astronómico das estacións, tal e como se fai tamén co zodíaco grego. Os nomes dos meses adoptan denominacións de fenómenos naturais e da agricultura:

Unha copia do calendario republicano francés no Museo Histórico de Lausana.

A denominación dos meses en francés remata co sufixo -aire.

  • Vendimario (Vendémiaire) (do latín vindemia, "vendima"): a partir do 22, 23 ou 24 de setembro.
  • Brumario (Brumaire) (do francés brume, "bruma"): a partir do 22, 23 ou 24 de outubro.
  • Frimario (Frimaire) (do francés frimas, "xeada"): a partir do 21, 22 ou 23 de novembro.

A denominación dos meses en francés remata co sufixo -ôse.

  • Nivoso (Nivôse) (do latín nivosus, "nevado"): a partir do 21, 22 ou 23 de decembro.
  • Pluvioso (Pluviôse) (do latín pluviosus, "chuvioso"): a partir do 20, 21 ou 22 de xaneiro.
  • Ventoso (Ventôse) (do latín ventosus, "ventoso"): a partir do 19, 20 ou 21 de febreiro.

A denominación dos meses en francés remata co sufixo -al.

  • Xerminal (Germinal) (do latín germen, "semente"): a partir do 20 ou 21 de marzo.
  • Floreal (Floréal) (do latín flos, "flor"): a partir do 20 ou 21 de abril.
  • Pradal (Prairial) (do francés prairie, "pradaría"): a partir do 20 ou 21 de maio.

A denominación dos meses en francés remata co sufixo -idor.

  • Mesidor (Messidor) (do latín messis, "més"): a partir do 19 ou 20 de xuño.
  • Termidor (Thermidor) (do grego thermos, "calor"): a partir do 19 ou 20 de xullo.
  • Frutidor (Fructidor) (do latín fructus, "froita"): a partir do 18 ou 19 de agosto.

A maioría dos nomes de meses son neoloxismos derivados de palabras similares en francés, latín ou grego. As terminacións dos nomes están agrupadas segundo a estación. Cómpre subliñar que, no intento de eliminar todas as influencias relixiosas do calendario para o universalizar, o calendario fíxose en particular para Francia e o Hemisferio Norte, dado que os nomes dos meses eran descritivos do clima típico dese mes e resultaban bastante imprecisos noutras partes do mundo. O exemplo máis claro é o dun termidor de clima frío en partes do Hemisferio Sur ou dun nivoso cálido nas colonias francesas.

Gravados alegóricos dos meses do calendario republicano francés

[editar | editar a fonte]

Gravador: Salvatore Tresca (1797-1798)

Vendimario
Brumario
Frimario
Nivoso
Pluvioso
Ventoso
Xerminal
Floreal
Pradal
Mesidor
Thermidor
Frutidor

Cada un dos dez días das "décadas" chámanse sinxelamente: primidi, duodi, tridi, quartidi, quintidi, sextidi, septidi, octidi, nonidi e décadi.

O cinco días (seis en anos bisestos) que fan falta para completar o ano empregábanse como festas nacionais ao final de cada ano. Ao principio estes días foron coñecidos como os Sans-Culottides, pero despois do ano III (1795) foron coñecidos como os jours complémentaires (os días complementarios):

  • Festa da Virtude, o 17 ou 18 de setembro.
  • Festa do Talento, o 18 ou 19 de setembro.
  • Festa do Traballo: o 19 ou 20 de setembro.
  • Festa da Opinión, o 20 ou 21 de setembro.
  • Festa das Recompensas, o 21 ou 22 de setembro.
  • Festa da Revolución, o 22 ou 23 de setembro (en anos bisestos).

Os anos bisestos no calendario republicano foron un punto moi polémico, debido aos requisitos de comezar o ano no equinoccio de outono e de engadir un día cada catro anos (como no calendario gregoriano). Aínda que os anos III, VII e XI foron considerados anos bisestos, e os anos XV e XX tamén se planificaron como tales, nunca se desenvolveu un algoritmo para determinar os anos bisestos despois do ano XX, porque o calendario foi abolido. Véxase como referencia un extracto do informe e do proxecto de decreto presentados por G. Romme, o 19 de floreal do ano III:

Unha regra de intercalación levantará todos os inconvenientes. A que nos propoñen os astrónomos conduce a tres correccións indispensables: unha cada catro anos, a segunda cada catrocentos anos e a terceira cada trinta e seis séculos ou por máis conveniencia, cada catro mil anos. Chamando "franciades" a eses tres períodos sucesivos, todo o sistema da computación francesa encérrase neses seis resultados: dez días forman unha década; tres décadas forman un mes; doce meses e cinco días forman un ano; catro anos e un día forman unha "franciade"; cen "franciades" simples, menos tres días, forman unha secular; dez "franciades" seculares menos un día forman un milar.

Denominación dos días

[editar | editar a fonte]

En lugar de asociarse un santo a cada día, como ocorre no calendario da igrexa católica, cada día asóciase cunha planta ou un mineral, cun animal (os días terminados en 5) ou cunha ferramenta (os días terminados en 0).[4]

Vendimario (22 de setembro ~ 21 de outubro)

  1. Raisin (uva)
  2. Safran (azafrán)
  3. Châtaigne (castaña)
  4. Colchique (cólquico)
  5. Cheval (cabalo)
  6. Balsamine (Balsaminaceae)
  7. Carotte (cenoria)
  8. Amaranthe (amaranto)
  9. Panais (charouvía)
  10. Cuve (cuba)
  11. Pomme de terre (pataca)
  12. Immortelle (Helichrysum commune)
  13. Potiron (cabaza)
  14. Réséda (Reseda)
  15. Âne (burro)
  16. Belle de nuit (marabilla)
  17. Citrouille (cabaza de outono)
  18. Sarrasin (trigo mouro)
  19. Tournesol (xirasol)
  20. Pressoir (prensa)
  21. Chanvre (cánabo)
  22. Pêche (pexegueiro)
  23. Navet (colza)
  24. Amaryllis (Amaryllis)
  25. Bœuf (boi)
  26. Aubergine (berenxena)
  27. Piment (pemento)
  28. Tomate (tomate)
  29. Orge (cebada)
  30. Tonneau (barril)

Brumairo (22 de outubro ~ 20 de novembro)

  1. Pomme (mazá)
  2. Céleri (apio)
  3. Poire (pera)
  4. Betterave (remolacha)
  5. Oie (ganso)
  6. Héliotrope (heliótropo)
  7. Figue (figo)
  8. Scorsonère (escorzoneira)
  9. Alisier (amieiro)
  10. Charrue (arado)
  11. Salsifis (Tragopogon)
  12. Macre (trapa)
  13. Topinambour (tupinambo)
  14. Endive (endivia)
  15. Dindon (pavo)
  16. Chervis (Sium sisarum)
  17. Cresson (agrón)
  18. Dentelaire (Plumbago europaea)
  19. Grenade (milgrandeira)
  20. Herse (grade)
  21. Bacchante (bacante)
  22. Azerole (Crataegus azarolus)
  23. Garance (Rubia tinctorium)
  24. Orange (laranxa)
  25. Faisan (faisán)
  26. Pistache (pistacho)
  27. Macjonc (Lathyrus tuberosus)
  28. Coing (marmeleiro)
  29. Cormier (sorbeira)
  30. Rouleau (rolete)

Frimario (21 de novembro ~ 20 de decembro)

  1. Raiponce (raponcio)
  2. Turneps (Beta vulgaris)
  3. Chicorée (chicoria)
  4. Nèfle (nespereira)
  5. Cochon (porco)
  6. Mâche (herba dos cóengos)
  7. Chou-fleur (coliflor)
  8. Mel (mel)
  9. Genièvre (cimbro)
  10. Pioche (pico)
  11. Cire (cera)
  12. Raifort (ravo picante)
  13. Cèdre (cedro)
  14. Sapin (abeto)
  15. Chevreuil (corzo)
  16. Ajonc (toxo)
  17. Cyprès (ciprés)
  18. Lierre (hedra)
  19. Sabine (sabina)
  20. Hoyau (aixada)
  21. Erable (pradairo)
  22. Bruyère (Erica)
  23. Roseau (cana)
  24. Oseille (aceda)
  25. Grillon (grilo)
  26. Pignon (piñón)
  27. Liège (cortiza)
  28. Truffe (trufa)
  29. Olive (oliva)
  30. Pelle (pa)

Nivoso (21 de decembro ~ 19 de xaneiro)

  1. Tourbe (turfa)
  2. Houille (carbón)
  3. Bitume (betume)
  4. Soufre (xofre)
  5. Chien (can)
  6. Lave (lava)
  7. Terre végétale (terra vexetal)
  8. Fumier (esterco)
  9. Salpêtre (salitre)
  10. Fléau (mallo)
  11. Granit (granito)
  12. Argile (arxila)
  13. Ardoise (lousa)
  14. Grès (arenito)
  15. Lapin (coello)
  16. Silex (sílex)
  17. Marne (marga)
  18. Pierre à chaux (cal)
  19. Marbre (mármore)
  20. Van (peneira)
  21. Pierre à plâtre (xeso)
  22. Sel (sal)
  23. Fer (ferro)
  24. Cuivre (cobre)
  25. Chat (gato)
  26. Étain (estaño)
  27. Plomb (chumbo)
  28. Zinc (cinc)
  29. Mercure (mercurio)
  30. Crible (criba)

Pluvioso (20 de xaneiro ~ 18 de febreiro)

  1. Lauréole (lauréola)
  2. Mousse (carriza)
  3. Fragon (xilbarbeira)
  4. Perce-neige (Narcissus bulbocodium)
  5. Taureau (touro)
  6. Laurier-thym (lourentino)
  7. Amadouvier (Fomes fomentarius)
  8. Mézéréon (Daphne mezereum)
  9. Peuplier (chopo)
  10. Coignée (machado)
  11. Ellébore (Helleborus)
  12. Brocoli (brócoli)
  13. Laurier (loureiro)
  14. Avelinier (abeleira)
  15. Vache (vaca)
  16. Buis (buxo)
  17. Lichen (lique)
  18. If (teixo)
  19. Pulmonaire (pulmonaria)
  20. Serpette (podón)
  21. Thlaspi (Thlaspi)
  22. Thimele (torbisco)
  23. Chiendent (grama)
  24. Trainasse (Polygonum aviculare)
  25. Lièvre (lebre)
  26. Guède (Isatis tinctoria)
  27. Noisetier (abeleira)
  28. Cyclamen (ciclame)
  29. Chélidoine (celidonia)
  30. Traîneau (zorra)

Ventoso (19 de febreiro ~ 20 de marzo)

  1. Tussilage (Tussilago farfara)
  2. Cornouiller (cornus)
  3. Violier (Erysimum)
  4. Troène (Ligustrum)
  5. Bouc (castrón)
  6. Asaret (Asarum)
  7. Alaterne (alaterno)
  8. Violette (viola)
  9. Marceau (salgueiro cabuxo)
  10. Bêche (pa)
  11. Narcisse (narciso)
  12. Orme (olmo)
  13. Fumeterre (fumaria)
  14. Vélar (Erysimum)
  15. Chèvre (cabra)
  16. Épinard (espinaca)
  17. Doronic (Doronicum)
  18. Mouron (Anagallis)
  19. Cerfeuil (cerefolio)
  20. Cordeau (cordel)
  21. Mandragore (mandrágora)
  22. Persil (perexil)
  23. Cochiéaria (Cochlearia)
  24. Pâquerette (margarida)
  25. Thon (atún)
  26. Pissenlit (mexacán)
  27. Sylve (anemone de bosque)
  28. Capillaire (capilaria)
  29. Frêne (freixo)
  30. Plantoir (furador)

Primavera

[editar | editar a fonte]

Xerminal (21 de marzo ~ 19 de abril)

  1. Primevère (primula)
  2. Platane (Platanus)
  3. Asperge (esparragueira)
  4. Tulipe (tulipán)
  5. Poule (galiña)
  6. Bette (acelga)
  7. Bouleau (bidueiro)
  8. Jonquille (Narcissus)
  9. Aulne (amieiro)
  10. Greffoir (coitela de enxertar)
  11. Pervenche (vinca)
  12. Charme (Carnipus)
  13. Morille (Morchella)
  14. Hêtre (faia)
  15. Abeille (abella)
  16. Laitue (leituga)
  17. Mélèze (lárice)
  18. Ciguë (cicuta)
  19. Radis (ravo)
  20. Ruche (colmea)
  21. Gainier (árbore do amor)
  22. Romaine (leituga romana)
  23. Marronnier (castiñeiro de Indias)
  24. Roquette (eiruga)
  25. Pigeon (pomba)
  26. Lilas (lila)
  27. Anémone (Anemone)
  28. Pensée (pensamento)
  29. Myrtille (arandeira)
  30. Couvoir (incubadora)

Floreal (20 de abril ~ 19 de maio)

  1. Rose (rosa)
  2. Chêne (carballo)
  3. Fougère (fento)
  4. Aubépine (estripeiro)
  5. Rossignol (rousinol)
  6. Ancolie (Aquilegia)
  7. Muguet (Convallaria majalis)
  8. Champignon (cogomelo)
  9. Hyacinthe (xacinto)
  10. Râteau (angazo)
  11. Rhubarbe (ruibarbo)
  12. Sainfoin (Onobrychis)
  13. Bâton-d'or (Erysimun)
  14. Chamérisier (madreselva)
  15. Ver à soie (verme da seda)
  16. Consoude (Symphytum)
  17. Pimprenelle (Sanguisorba minor)
  18. Corbeille d'or (Aurinia saxatilis)
  19. Arroche (armol)
  20. Sarcloir (pequena aixada)
  21. Statice (herba de namorar)
  22. Fritillaire (Fritillaria)
  23. Bourrache (borraxe)
  24. Valériane (valeriana)
  25. Carpe (carpa)
  26. Fusain (Euonymus)
  27. Civette (Viverridae)
  28. Buglosse (Anchusa)
  29. Sénevé (mostaza branca)
  30. Houlette (caxato)

Pradal (20 de maio ~ 18 de xuño)

  1. Luzerne (alfalfa)
  2. Hémérocalle (Hemerocallis)
  3. Trèfle (trevo)
  4. Angélique (anxélica)
  5. Canard (parrulo)
  6. Mélisse (melisa)
  7. Fromental (avea)
  8. Martagon (Lilium martagon)
  9. Serpolet (Thymus serpyllum)
  10. Faux (gadaña)
  11. Fraise (amorodo)
  12. Bétoine (salvia)
  13. Pois (chícharo)
  14. Acacia (acacia)
  15. Caille (paspallás)
  16. Œillet (caravel)
  17. Sureau (sabugueiro)
  18. Pavot (papoula)
  19. Tilleul (tileiro)
  20. Fourche (forcada)
  21. Barbeau (Centaurea cyanus)
  22. Camomille (macela dourada)
  23. Chèvrefeuille (madreselva)
  24. Caille-lait (agana)
  25. Tanche (tenca)
  26. Jasmin (xasmín)
  27. Verveine (verbenáceas)
  28. Thym (tomiño)
  29. Pivoine (Paeonia)
  30. Chariot (carro)

Mesidor (19 de xuño ~ 18 de xullo)

  1. Seigle (centeo)
  2. Avoine (avea común)
  3. Oignon (cebola)
  4. Véronique (verónica)
  5. Mulet (mula)
  6. Romarin (romeu)
  7. Concombre (cogombro)
  8. Échalote (chalota)
  9. Absinthe (absintio)
  10. Faucille (fouce)
  11. Coriandre (coriandro)
  12. Artichaut (alcachofa)
  13. Girofle (cravo)
  14. Lavande (lavanda)
  15. Chamois (rebezo)
  16. Tabac (tabaco)
  17. Groseille (groselleira)
  18. Gesse (Lathyrus)
  19. Cerise (cereixa)
  20. Parc (parque)
  21. Menthe (menta)
  22. Cumin (comiño)
  23. Haricot (feixón)
  24. Orcanète (Alkanna tinctoria)
  25. Pintade (Numididae)
  26. Sauge (salvia)
  27. Aïl (allo)
  28. Vesce (veza)
  29. Blé (trigo)
  30. Chalémie (chirimía)

Termidor (19 de xullo ~ 17 de agosto)

  1. Épeautre (trigo vermello)
  2. Bouillon blanc (verbasco)
  3. Melon (melón)
  4. Ivraie (lolium)
  5. Bélier (carneiro)
  6. Prêle (Equisetopsida)
  7. Armoise (herba de Nosa Señora)
  8. Carthame (cártamo)
  9. Mûre (amora)
  10. Arrosoir (regador)
  11. Panis (pan)
  12. Salicorne (Salicornia)
  13. Abricot (albaricoqueiro)
  14. Basilic (alfábega)
  15. Brebis (ovella)
  16. Guimauve (Althaea officinalis)
  17. Lin (liño)
  18. Amande (améndoa)
  19. Gentiane (Gentiana)
  20. Écluse (esclusa)
  21. Carline (Carlina)
  22. Câprier (alcaparra)
  23. Lentille (lentella)
  24. Aunée (alnus)
  25. Loutre (lontra)
  26. Myrte (mirto)
  27. Colza (colza)
  28. Lupin (chícharo de raposo)
  29. Coton (algodón)
  30. Moulin (muíño)

Frutidor (18 de agosto ~ 16 de setembro)

  1. Prune (ameixa)
  2. Millet (paínzo)
  3. Lycoperdon (peido de lobo)
  4. Escourgeon (cebada)
  5. Saumon (salmón)
  6. Tubéreuse (nardo)
  7. Sucrion (cebada)
  8. Apocyn (Asclepias syriaca)
  9. Réglisse (regalicia)
  10. Échelle (escada)
  11. Pastèque (sandía)
  12. Fenouil (fiúncho)
  13. Épine vinette (Berberis vulgaris)
  14. Noix (noz)
  15. Truite (troita)
  16. Citron (limón)
  17. Cardère (Dipsacus fullonum)
  18. Nerprun (sanguiño)
  19. Tagette (Tagetes)
  20. Hotte (cesto)
  21. Églantier (roseira brava)
  22. Noisette (abelá)
  23. Houblon (lúpulo)
  24. Sorgho (sorgo)
  25. Écrevisse (cangrexo de río europeo)
  26. Bigarade (laranxa amarga)
  27. Verge d'or (Solidago)
  28. Maïs (millo)
  29. Marron (castaña)
  30. Panier (cesta)

Abolición

[editar | editar a fonte]

O calendario foi abolido por moitas razóns. Era un calendario descadrado co ciclo da Lúa e, ademais, a Igrexa católica opúxose polo seu intento de quitar a influencia cristiá do calendario. Nos calendarios, o seu desenvolvemento enténdese na elección dun adecuado ciclo longo (ano), que coincida co ciclo solar, e un curto (semana ou mes, dependendo do calendario), que cadre co ciclo lunar. Nesta liña, o seu gran problema era o seu completo desacompasamento co lunar: semanas de 10 e meses de 30 días gañan dous días por cada ciclo lunar. Por exemplo, este calendario era incompatible cos ritmos seculares de sementeiras, das feiras e dos mercado agrícolas e gandeiros, que se rexen principalmente por unha combinación dos equinoccios (rexidos polo ciclo solar) e os ciclos lunares. O concepto de semana de sete días é de orixe lunar (catro semanas é un ciclo lunar) e está presente xa no calendario babilónico (século VI a.C.).

A semana laboral de dez días era tamén impopular porque deixaba menos días de descanso aos traballadores, ao ser un de cada dez (en lugar dun de cada sete).

Conversión ao calendario gregoriano

[editar | editar a fonte]
Fonte en Octon, na Occitania, cuxa erección está indicada consonte o calendario republicano francés: 5 VENTÔSE AN 109 (24 de febreiro de 1901)

No cadro seguinte reflíctense as datas en calendario gregoriano correspondnetes aos anos en que estivo en vigor o calendario republicano:

Republicano Gregoriano
I (1) 22 de setembro de 1792
II (2) 22 de setembro de 1793
III (3) 22 de setembro de 1794
IV (4) 23 de setembro de 1795*
V (5) 22 de setembro de 1796
VI (6) 22 de setembro de 1797
VII (7) 22 de setembro de 1798
VIII (8) 23 de setembro de 1799
IX (9) 23 de setembro de 1800
X (10) 23 de setembro de 1801
XI (11) 23 de setembro de 1802
XII (12) 24 de setembro de 1803
XIII (13) 23 de setembro de 1804
XIV (14) 23 de setembro de 1805

O calendario foi abolido desde o 1 de xaneiro de 1805. Despois desta data, as opinións parecen diferir no método polo que os anos bisestos se terían determinado se o calendario seguise en vigor. Hai varias hipóteses para converter as datas do calendario gregoriano, das cales estas tres parecen ser as máis significativas:

  • Os anos bisestos séguense variando co fin de garantir que cada ano o equinoccio de outono caia o 1 de vendimario, como foi o caso do ano I do ano XIV.
  • O ano bisesto aumentaría despois de 15 anos a 20 anos, despois de que un ano bisesto caese en cada ano divisible entre catro (por tanto en 20, 24, 28...), agás os anos de final do século, de acordo coas normas fixas propostas por Charles-Gilbert Romme. Isto simplifica as conversións entre os calendarios gregoriano e republicano, pois o día extra republicano normalmente seguiría poucos meses despois do 29 de febreiro, ao final de cada ano divisible entre catro.
  • Os anos bisestos seguíronse cunha regra fixa, cada catro anos a partir da última (anos 15, 19, 23, 27...) co día extra engadido o ano antes do divisible por catro, excepto os anos de final de século.
  • A partir do ano 20, os anos divisibles entre catro serían anos bisestos, con excepción dos anos divisibles entre 128. Esta norma foi proposta por primeira vez por Von Mädler, non antes de finais do século XIX. A data do Ano Novo republicano segue a ser a mesma (23 de setembro) no calendario gregoriano, cada ano 129 a 256 (1920-2047 EC).

A seguinte táboa amosa a relación entre varios anos republicanos e gregorianos segundo o método:[5]

ER EC Equinoccio C-G Romme Continuo 128 anos

CCXIV (214)

2005

22 de setembro

22 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

CCXV (215)

2006

23 de setembro

22 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

CCXVI (216)

2007

23 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

23 de setembro

CCXVII (217)

2008

22 de setembro

22 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

CCXVIII (218)

2009

22 de setembro

22 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

CCXIX (219)

2010

23 de setembro

22 de setembro

22 de setembro

23 de setembro

Existen varias táboas de conversión e programas, creados sobre todo polos xenealoxistas. Algúns entusiastas en Francia seguen a empregar este calendario, máis por nostalxia histórica que pola súa funcionalidade.

Os textos legais que foron adoptados mentres o calendario republicano era oficial e seguen en vigor en Francia mantiveron as datas orixinais.

  1. Aubin-Louis, de Grandmaison (1793-1794). Annuaire du républicain ou légende physico-économique: avec l'explication des trois cents soixante-douze noms imposés aux mois et aux jours... M. F. Drouhin. 
  2. Fabre d'Églantine. Rapport fait à la Convention nationale. Informe á Convención Nacional, na sesión do 3 do segundo mes do segundo ano da Républica Francesa, en nome da comisión encargada da confección do calendario. 1793
  3. Decreto do 4 frimario do ano II, da Convención Nacional, sobre a era, o comezo e a organización do ano, e sobre os nomes dos días e dos meses.
  4. Bouillet, Marie-Nicolas (1865). Atlas universel d'histoire et de géographie. p. 69. Hachette. 
  5. A cursiva refírese a un ano bisesto (un día engadido ao final do ano).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Segura González, Wenceslao. La reforma del calendario. eWT Editores. 2012. [ISBN: 9788461617296]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]