Saltar ao contido

Albrecht Dürer

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaAlbrecht Dürer
Biografía
Nacemento21 de maio de 1471 Editar o valor en Wikidata
Núremberg (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor en Wikidata
Morte6 de abril de 1528 Editar o valor en Wikidata (56 anos)
Núremberg (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaJohannisfriedhof (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaNúremberg (1507 (Gregoriano)–1528 (Gregoriano))
Venecia (1505 (Gregoriano)–1507 (Gregoriano)) Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo alemán Editar o valor en Wikidata
RelixiónLuteranismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPintura Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Núremberg
Oisterwijk (pt) Traducir
Sittard (en) Traducir
Nijmegen (en) Traducir
Heerewaarden (pt) Traducir
Middelburg
Goes
Stokkum (en) Traducir
Veere
Mechelen
Tilburgo (pt) Traducir
Anveres
Zaltbommel (pt) Traducir
Zierikzee (pt) Traducir
Roma
Bergen op Zoom
Arnemuiden (en) Traducir
Colmar
Frankfurt
Estrasburgo
Venecia
Basilea
Baarle-Nassau
Maguncia
Innsbruck
's-Hertogenbosch
Colonia
Florencia
Boloña
Milán
Lutherstadt Wittenberg Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor, teórico da arte, debuxante, ilustrador, gravador de cobre, matemático, iluminador, gravador, exlibrist (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1484 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata - 1528 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoRetrato, pintura relixiosa, alegoría, Pintura de historia, pintura mitolóxica, pintura de xénero, autorretrato, pintura de animais (pt) Traducir e Arte de paisaxes Editar o valor en Wikidata
MovementoRenascimento alemão (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Catálogo críticoDürer catalog: a manual about Albrecht Dürer's engravings, etchings, woodcuts, their conditions, editions and watermarks (en) Traducir (1932)
Dürer. Des Meisters Gemälde, Kupferstiche und Holzschnitte in 447 Abbildungen (en) Traducir
Q128382752 Traducir (1927)
Albrecht Dürer: Complete woodcuts (en) Traducir (1938)
Kurth's Complete Woodcuts of Albrecht Dürer (en) Traducir (1927)
The complete paintings of Dürer (en) Traducir
Q131381802 Traducir (1979) Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAlbrecht Dürer, o Velho (pt) Traducir e Michael Wolgemut (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
AlumnosHans Baldung e Julius Caesar Scaliger (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Influencias
MecenasMaximiliano I de Habsburgo Editar o valor en Wikidata
Participou en
19 de marzo de 1971Gold + Silber Schmuck + Gerät von Albrecht Dürer bis zur Gegenwart (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeAgnes Dürer Editar o valor en Wikidata
PaisAlbrecht Dürer, o Velho Editar o valor en Wikidata  e Barbara Dürer Editar o valor en Wikidata
IrmánsHans Dürer
Endres Dürer Editar o valor en Wikidata
ParentesHieronymus Holper, avó materno
Hans Frey, sogro Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteTeutsche Academie der Edlen Bau- Bild- und Mahlerey-Künste (en) Traducir, (sec:Dürer, Albrecht, 216)
Schilderboeck (pt) Traducir, (sec:Het leven van Albert Durer, uytnemende Schilder, Plaet-snijder, en Bouw-meester, van Norenburgh., M191)
Enciclopedia Católica, (sec:Albrecht Dürer) Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1786209 BNE: XX1721369 Musicbrainz: 30a023ef-9461-4005-82b4-d65f63adb850 Discogs: 1858908 WikiTree: Dürer-1 Find a Grave: 9062 Editar o valor en Wikidata
Dürer nun selo postal.
A Melancolía, 1514.

Alberto Durero[1] ou Albrecht Dürer[2], nado en Núremberg o 21 de maio de 1471 e finado na mesma cidade o 6 de abril de 1528, foi un pintor, gravador e matemático[3] alemán. As súas impresións estableceron a súa reputación por toda Europa cando aínda non cumprira os 30 anos, e foi tradicionalmente considerado xa dende entón como un dos máis importantes artistas do renacemento nórdico. A súa vasta obra abrangue retablos e traballos relixiosos, numerosos retratos e autorretratos e gravados en cobre e madeira. Exerceu unha decisiva influencia nos artistas do século XVI, tanto alemáns coma dos Países Baixos, e chegou a ser admirado por mestres italianos como Rafael Sanzio.[4] Os seus gravados alcanzaron gran difusión e inspiraron a múltiples artistas posteriores, incluíndo os nazarenos do século XIX e os expresionistas alemáns de principios do século XX.

As súas obras máis amplamente coñecidas son a Apocalipse de 1498 e as súas dúas series da crucifixión de Cristo, a Gran Paixón (14981510) e a Pequena Paixón (15101511).

Dürer amosaba un dominio completo das distintas técnicas do gravado, abundante coñecemento da mitoloxía fantástica e unha factura minuciosa e detallada na que empregaba unha coidada perspectiva e ricos efectos de luz e sombra. Os seus intereses, consonte o espírito humanista do Renacemento, abranguían outros campos, como a xeografía, a arquitectura, a xeometría e a fortificación.[5]

Como pintor, a súa formación no gótico serodio fixo que amosase unha tendencia á dureza e á expresividade, así como un gran virtuosismo formal. Nas súas viaxes a Italia interesouse polas preocupacións teóricas da perspectiva e as proporcións do corpo humano.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Naceu en Núremberg e foi o terceiro dunha familia que tivo entre 14 e 15 fillos. Seu pai, Albrecht Dürer o Vello, era un afamado ourive que en 1455 se trasladara a Núremberg dende Ajtós, en Hungría. O nome alemán "Dürer" deriva do húngaro "Ajtósi". Inicialmente foi "Thürer", que significa fabricante de portas, que é "ajtós" en húngaro (de "ajtó", que quere dicir porta). Unha porta aparece no escudo de armas que a familia conseguiu. Albrecht Dürer o Novo posteriormente cambiou "Türer" por "Dürer", para adaptalo ao dialecto local de Núremberg. Albrecht Dürer o Vello casou con Barbara Holper, a filla do seu mestre, e el mesmo converteuse en mestre en 1467.

O padriño de Dürer foi Anton Koberger, que deixou a ourivaría para converterse en impresor e editor no ano do seu nacemento. Rapidamente converteuse no editor máis afamado de Alemaña, chegando a ter 34 prensas de impresión e posuíndo moitas oficinas en Alemaña e o estranxeiro. A súa publicación máis famosa foi o Nuremberg Chronicle, editado en 1493 en alemán e en latín. Contiña un número sen precedentes de 1.809 ilustracións xilográficas (con moitos usos repetidos do mesmo bloque) realizadas polo taller Wolgemut. Dürer puido ter traballado nalgunha delas, xa que o proxecto do traballo comezou mentres el estaba con Wolgemut.

Debido a que Dürer deixou escritos autobiográficos e se fixo moi famoso ao redor dos seus 25 anos, a súa vida está ben documentada a través de distintas fontes. Despois duns poucos anos de escola, Dürer comezou a aprender as bases da ourivaría e do debuxo co seu pai. Aínda que este quería que o seu fillo continuase o seu adestramento como ourive, Dürer amosou un talento precoz para o debuxo, no que comezou como aprendiz de Michael Wolgemut cando tiña 15 anos en 1486. Un autorretrato, debuxado coa técnica do punto de prata, foi datado en 1484; a súa inscrición posterior rezaba «Cando era un neno». Wolgemut era o principal artista de Núremberg nese momento, cun gran taller onde realizaba obras de arte de distintos tipos, principalmente gravados en madeira para libros. Núremberg era entón unha importante e próspera cidade, un centro da edición e o comercio de moitos artigos de luxo, e tiña fortes ligazóns con Italia, especialmente con Venecia, que estaba a unha distancia relativamente curta atravesando os Alpes.

"Wanderjahre" e matrimonio

[editar | editar a fonte]

Despois de completar o seu período de aprendizaxe, Dürer seguiu o costume alemán do "Wanderjahre" (anos de aprendizaxe itinerante), durante o cal aprendeu habilidades de artistas doutras áreas e no que botou ao redor de catro anos. Abandonou ese período en 1490, posiblemente para traballar para Martin Schongauer, o principal gravador do norte de Europa, pero que morreu pouco antes da chegada de Dürer a Colmar en 1492. Non está claro cara a onde viaxou Dürer nese período intermedio, aínda que o máis probable é que fose a Frankfurt e aos Países Baixos. En Colmar, Dürer foi recibido polos irmáns Schongauer, os ourives Caspar e Paul e o pintor Ludwig. En 1493 Dürer foi a Estrasburgo, onde podería ter experimentado a escultura con Nikolaus Gerhaert. O primeiro autorretrato pintado de Dürer (agora no Louvre) foi realizado nese tempo, probablemente para llo enviar á súa moza en Núremberg.

A principios de 1492 Dürer viaxou a Basilea para ficar con outro irmán de Martin Schongauer, o ourive Georg. Pouco despois do seu regreso a Núremberg, o 7 de xullo de 1494, cando tiña 23 anos, Dürer casou con Agnes Frey tras un arranxo realizado durante a súa ausencia. Agnes era filla dun prominente traballador do bronce (e arpista afeccionado) da cidade. Porén, non tiveron fillos do matrimonio.

Primeira viaxe a Italia

[editar | editar a fonte]
A lebre (1502)

En 1494, despois de casar con Agnes Frey en Núremberg, Dürer marchou só para Italia, talvez debido a un gromo de peste negra en Núremberg. Durante a viaxe a través dos Alpes realizou bosquexos en acuarela. Algúns sobreviviron e outros poden deducirse das precisas paisaxes de lugares reais en traballos posteriores, como por exemplo nunha vista do castelo de Trento (National Gallery de Londres). Estes son os primeiros estudos puros de paisaxe coñecidos na arte occidental.[6] Tamén, coma Leonardo da Vinci, lle atraía moito a natureza e realizou estudos de animais e plantas que plasmou en debuxos e acuarelas; entre os máis divulgados cabe citar A lebre, pintado no ano 1502.[7] De Venecia destacan os gravados Bacanal, A batalla dos centauros mariños e Morte de Orfeo, todos copias de obras do pintor italiano Andrea Mantegna, que seguramente fixo que descubrise o Renacemento italiano.[8]

En Italia foi a Venecia a estudar o seu mundo artístico máis avanzado. A través da tutela de Wolgemut,[9] Dürer aprendeu como realizar impresións en gravado a punta seca e deseños xilográficos ao estilo alemán, baseados nos traballos de Martin Schongauer e Meester van het Hausbuch. Tamén puido ter acceso a algúns traballos italianos en Alemaña, pero as dúas visitas que realizou a Italia tiveron unha enorme influencia nel. Escribiu que Giovanni Bellini era o máis antigo e continuaba sendo o mellor artista de Venecia. Os seus debuxos e gravados amosan as influencias alleas, nas que destacan Antonio Pollaiuolo co seu interese polas proporcións do corpo, Mantegna e Lorenzo di Credi e mais outros. Dürer probablemente tamén visitou Padua e Mantua nesta viaxe.

Entre 1495 e 1505, estivo en Núremberg e produciu un gran número de obras que contribuíron a consolidar a súa fama. Entre elas destaca a serie de ilustracións para gravados en madeira da Apocalipse (1498), os gravados A gran fortuna (1501-1502) e A caída do home (1504).

Os catro xinetes da Apocalipse (1498)
A caída do home (1504)

Para a obra Apocalipse realizou catorce gravados en madeira, publicados en forma de libro. Entre todas estas xilografías destaca, pola súa gran forza, Os catro xinetes que amosan as forzas da Morte, a Guerra, a Fame e a Peste. A Apocalipse foi a obra que máis renome lle deu, xa que o tema reflectía, dun xeito moi visionario, o clima treboento de finais do século XV. Esta e outras obras deste período amosan, no seu conxunto, un dominio técnico da arte da xilografía e o gravado cada vez maior, un uso das proporcións humanas baseado nos textos do tratadista romano Vitrubio e unha brillante capacidade para incorporar detalles da natureza en obras que reflicten o seu contorno con gran realismo.[10]

Regreso a Núremberg

[editar | editar a fonte]

No seu regreso á súa cidade natal en 1495, Dürer abriu o seu propio taller, para o que era un requirimento estar casado. Durante os seguintes cinco anos medrou a influencia italiana no seu estilo, fundamentalmente composto por formas do norte. Seu pai morreu en 1502, e a nai en 1513. Os seus mellores traballos nos primeiros anos do obradoiro foron impresións xilográficas, principalmente relixiosas, pero tamén de escenas seculares. Estas eran máis grandes que a meirande parte dos gravados alemáns realizados ata ese momento, e moito máis complexas e de composición máis equilibrada.

Na actualidade pénsase que Dürer non cortaba el mesmo os bloques de madeira; esta tarefa debeuna realizar un artesán especializado. Porén, a súa formación no estudio de Wolgemut, onde fixo moitos retablos tallados e pintados e tamén realizou o deseño e os cortes dos bloques de madeira, proporcionoulle unha boa comprensión sobre a técnica de producir e traballar con bloques cortados. Dürer tamén debuxou os deseños, ben directamente sobre o propio bloque, ou ben nun papel pegado no mesmo. De calquera xeito, os seus debuxos foron destruídos durante o proceso de corte do bloque.

A súa famosa serie de dezaseis grandes deseños para a Apocalipse está datada en 1498, coma o seu gravado de San Miguel loitando co dragón. Realizou as sete primeiras escenas da Gran Paixón no mesmo ano, e pouco despois unha serie de once da Sagrada Familia e de santos. O políptico Sete Dores, encargado por Federico III de Saxonia en 1496, foi realizado por Dürer e os seus axudantes contra o ano 1500. Cara a 1503–1505 produciu as primeiras dezasete, dunha serie de escenas, que ilustraban a Vida da Virxe, que tardou varios anos en rematar. Nin estes nin a Gran Paixón publicáronse como conxuntos ata varios anos máis tarde, pero as impresións vendéronse individualmente en número considerable.

Durante o mesmo período Dürer adestrouse na difícil arte de usar o buril para facer gravados. É posible que comezase a aprender esta habilidade durante a aprendizaxe co seu pai, xa que é esencial na ourivaría. En 1496 realizou O fillo pródigo, que o historiador de arte do Renacemento Italiano Giorgio Vasari louvou décadas máis tarde, destacando a súa calidade xermana. Non tardou en producir algunhas orixinais e espectaculares imaxes, destacando Némesis (1502), O monstro mariño (1498) e Santo Eustaquio (c. 1501), cunha paisaxe e uns animais de fondo moi detallados. As paisaxes deste período, como Estanque no bosque, son moi diferentes das súas acuarelas anteriores. Hai moita máis énfase na captura da atmosfera, no canto de na representación topográfica. Realizou un feixe de "Madonnas", figuras relixiosas sinxelas, e pequenas escenas con figuras cómicas de labregos. Estas impresións e as obras moi doadas de transportar fixeron a Dürer famoso nos principais centros artísticos de Europa en poucos anos.

O artista veneciano Jacopo de' Barbari, a quen Dürer coñecera en Venecia, visitou Núremberg en 1500, e Dürer dixo que aprendera del moito sobre perspectiva, anatomía e proporcións. De' Barbari non estaba disposto a explicar todo o que sabía, polo que Dürer comezou os seus propios estudos, que se converterían nunha preocupación para toda a vida. Unha serie de debuxos amosan os experimentos de Dürer coa proporción humana, encabezados polo famoso gravado Adán e Eva (1504). Estes son os únicos gravados existentes asinados co seu nome completo.

Dürer realizou un gran número de debuxos preparatorios, especialmente para as súas pinturas e gravados, dos que moitos aínda se conservan, sendo o máis famoso o Betende Hände, un estudo para un apóstolo no retablo de Heller. Tamén continuou realizando imaxes en acuarela e augada (normalmente combinadas), incluída unha serie de naturezas mortas con seccións de animais.

Retrato de Federico o Sabio

O retrato do seu pai de 1490 (Galería Uffizi de Florencia), foi a primeira pintura que realizou Dürer, cunha gran minuciosidade e realismo e onde se aprecian as influencias da pintura flamenga. No envés da obra aparecen os escudos familiares do seu pai e da súa nai, polo que se chegou a supoñer que puido ter feito outro retrato á súa nai. Aínda que xa fixera un Autorretrato en 1484, foi feito como debuxo coa técnica de punta de prata, e non fixo o seu primeiro Autorretrato en pintura até 1493, seguramente para llo enviar á súa prometida, tal como suxire a flor de rícino que sostén entre as súas mans e que simboliza a fidelidade conxugal.[8]

Establecido en 1496 cun taller de seu, o primeiro cliente que lle encargou unha obra foi o elector de Saxonia Federico III, coñecido coma Federico o Sabio, grande admirador do artista. Pediulle a realización dun retrato e dous retablos para a Schlosskirche de Wittenberg.

Un dos retablos é o Retablo de Dresden, que consta de tres partes: a central coa imaxe de María, e nos laterais as figuras de santo Antón e san Sebastián. O outro, o Retablo das Sete Dores, era un políptico formado por unha táboa central cunha "Nai dolorosa" e sete táboas máis pequenas coas sete dores da Nai de Xesús.[11]

Autorretrato (1500).

O Retrato de Federico o Sabio, está pintado con cores á cola aplicadas sobre o lenzo, e realizado cunha gran sinxeleza no emprego das cores dispostas sobre un fondo marrón. O vestido é negro, con algún detalle dourado e tons de cor verde; a figura, ten unha posición algo xirada para crebar a frontalidade. O efecto que consegue, e polas súas características, semella o das obras do pintor italiano Mantegna, como se observa en determinados detalles do tratamento do cabelo.[12]

En 1497, pintou o Autorretrato do Museo do Prado (Madrid), e en 1500 o da Pinacoteca de Múnic, no que se representa coas características que habitualmente se atribúen a Cristo: a actitude é ríxida e está nunha posición frontal, a disposición da man é a mesma que a man dereita coa que Xesús de Nazaret fai o aceno de bendicir. Non hai dúbida de que Dürer se representou a si mesmo a semellanza de Cristo, non soamente na composición, senón que suavizou os contornos da súa faciana e modificou a forma do nariz e dos pómulos, ó tempo que agrandou os ollos, que el tiña máis pequenos.[13] Esta modificación non representaba ningunha blasfemia relixiosa, senón que daquela a Imitatio Christi (imitación de Cristo) se interpretaba literalmente; por tanto, era debedora da beleza de Deus como única forza da creación.[14]

Retrato con carbón da súa nai

Como explica Panofsky:

Polo seu xeito de pensar, a potencia creadora dun bo pintor deriva, e en certa medida é parte, da potencia creadora de Deus, así como un rei reina «pola graza de Deus», e o Papa actúa en calidade de «Vicario de Cristo». «Deus é honrado», afirma Dürer nunha das súas primeiras e máis características declaracións sobre a arte.
Erwin Panofsky, Vida e arte de Albrecht Dürer
Michael Wolgemut, retrato do seu mestre.

Realizou numerosos retratos ó longo da súa carreira artística, mais entre os que non foron encargos, destacan o Retrato con carbón da súa nai, e o do seu mestre Michael Wolgemut, os cales fixo segundo a lembranza que gardaba deles e non tanto segundo a psicoloxía do personaxe. Despois do pasamento da nai e do mestre, Dürer engadiu unhas inscricións a ámbolos dous retratos. No da súa nai: «Morreu o martes anterior á semana das rogativas, ás dúas da mañá», e na inscrición do retrato do seu mestre puxo: «Morreu o día de santo André, antes do solpor».[15]

Segunda viaxe a Italia

[editar | editar a fonte]

Dürer volveu a viaxar a Italia entre 1505 e 1507. En Venecia coñeceu o gran mestre Giovanni Bellini e tamén outros artistas, e a Fundación de Comerciantes Alemáns encargoulle unha obra importante: o retablo A festa do Rosario (1506, Museo Nacional de Praga.[16] En 1507, volveu a Núremberg, onde comezou un segundo período de inxente produción artística con obras como o retablo para a igrexa dos dominicos de Frankfurt, 1508-1509, destruído nun incendio en 1729, a obra da Adoración da Trindade (1508-1511, Kunsthistorische Museum, Viena), Adán e Eva (1507, Museo do Prado, Madrid), retratos e numerosos gravados. Entre os gravados hai dúas versións da Paixón, e outras obras como O cabaleiro, a morte e o demo (1513), San Xerónimo no seu estudio (1514) e A melancolía (1514). Mediante o gravado de liña, Dürer conseguiu crear diferentes gamas de sombras e texturas coas que conseguiu plasmar formas tridimensionais con gran mestría, como se aprecia no seu Rinoceronte , que se converteu nunha icona cultural. Segundo algúns críticos, é a «representación dun animal que máis influencia tivo na historia da arte».[17] Nesta época foi acollido pola familia Fugger e realizou algúns retratos dos seus membros.[16]

Derradeira viaxe e últimas obras

[editar | editar a fonte]

En 1520 Dürer decatouse de que Carlos I, sucesor de Maximiliano I, ía viaxar dende EspañaAquisgrán para ser coroado emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Durero recibira unha pensión anual por parte de Maximiliano e tiña a intención de que Carlos I mantivese esa asignación. Emprendeu a viaxe a Aquisgrán, que financiou vendendo gravados e outras obras durante o traxecto, e de alí pasou ao Países Baixos entre 1520 e 1521. O seu diario proporciónanos un fascinante relato destas viaxes, das audiencias dos monarcas e dos recibimentos que lle brindaron os seus compañeiros artistas, coma Lucas van Leyden, especialmente en Anveres.

Resultou moi satisfactoria a súa audiencia con Carlos I. Regresou a Núremberg, onde habería de permanecer ata a súa morte, o 6 de abril de 1528. As súas últimas obras son dúas grandes táboas nas que están representados Catro apóstolos (cara a 1526Alte Pinakothek Múnic), que ofreceu como agasallo á cidade de Núremberg.

Influencia posterior

[editar | editar a fonte]
Cabeza dun home vello.

A arte de Dürer exerceu unha influencia intensa e duradeira na arte occidental, fundamentalmente grazas á masiva circulación dos seus gravados, tanto orixinais coma copias. Xa en vida Dürer gozou de gran fama non só en Centroeuropa, senón tamén nos Países Baixos, España e Italia, e as súas estampas foron copiadas con frecuencia. Dürer acusou de plaxio ao italiano Marcantonio Raimondi por replicar os seus gravados. Posteriormente este conflito resolveuse e Dürer interesouse por adquirir estampas de Raimondi.

A produción pictórica de Dürer é máis ben escasa, debido en parte ao tempo que requiría cada obra en deseño e execución. Amais Dürer contou dende data temperá con ilustres clientes, coma Maximiliano I, o que lle asegurou unha estabilidade económica que lle permitiu concentrarse nos encargos máis ambiciosos. As súas pinturas concentráronse inicialmente nunhas poucas coleccións e igrexas, polo que a rápida difusión da súa arte se debeu ao medio gráfico. Dürer produciu e distribuíu os seus gravados cunha sagaz visión comercial. As imaxes a buril gravábaas el persoalmente ata o último detalle, cunha técnica extenuante e perfeccionista, e vendíanse a prezos elevados. E paralelamente, Dürer deseñaba decenas de xilografías, maiormente de tema relixioso, que eran gravadas nos tacos de madeira por entalladores profesionais. Debido ao seu menor custo e a que permitían tiradas maiores, as xilografías eran máis alcanzábeis e chegaban aos obradoiros doutros artistas. Séculos despois, pintores españois coma Zurbarán e Goya seguiron delatando a influencia dureriana; de feito o último cadro coñecido de Zurbarán, A Virxe co Neno e san Xoaniño (1662, Museo de Belas Artes de Bilbao) inspirouse no gravado A Virxe do mono que Dürer realizara cara a 1498.[18]

Libros publicados

[editar | editar a fonte]

En todos os seus traballos teóricos, co fin de comunicar as súas teorías no idioma alemán e non en latín, Dürer utilizou expresións gráficas e usando a lingua vernácula, o idioma comprensible para os artistas e artesáns. Por exemplo, "Schneckenlinie" ("liña en caracol") foi o seu termo para unha forma de espiral. Polo tanto, Dürer contribuíu á expansión da prosa alemá que Martiño Lutero comezara coa súa tradución da Biblia.

Os catro libros da Medida

[editar | editar a fonte]
Estudo de Dürer sobre a proporción humana.

O seu título orixinal é Underweysung der Messung, mit dem Zirckelun[d] Richtscheyt, in Linien Ebnen vnnd gantzen Corporen (Os catro libros sobre medición. Instrucións de medición con compás e regra). 

Debuxo para ao seu tratado sobre anatomía.

A obra de Dürer de xeometría divídese do seguinte xeito: O primeiro libro céntrase na xeometría lineal. Construcións xeométricas de Dürer inclúen hélices, concoides e epicicloides. Tamén se basea en Apolonio, e no libelo de Johannes Werner de 1522 "Super viginti duobus elementis conicis". O segundo libro móvese acerca das dúas xeometría dimensionais, é dicir, a construción de regulares polígonos. Aquí Dürer favorece os métodos de Tolomeo sobre Euclides. O terceiro libro aplica os principios da xeometría da arquitectura, a enxeñaría e a tipografía. En arquitectura Dürer cita a Vitruvio mais elabora os seus propios deseños e clásicas columnas. En tipografía, Dürer realiza a construción xeométrica do alfabeto latino, baseándose en precedentes italianos. Non obstante, a súa construción do alfabeto gótico baséase nunha forma completamente diferente e modular de sistema. O cuarto libro completa a progresión da primeira e segunda parte abranguendo as formas tridimensionais e a construción de poliedros. Nela Dürer analiza os cinco sólidos platónicos, así como os sete sólidos semiregulares de Arquímedes, así coma varios da súa propia invención. En todo isto, Dürer mostra os obxectos coma redes. Por último, Dürer analiza o problema de Delos e pasa á 'construzione legittima', un método de representar un cubo en dúas dimensións a través da perspectiva lineal. Foi en Boloña onde Dürer aprendeu (posibelmente por Luca Pacioli ou Bramante) os principios da perspectiva lineal, e, evidentemente, familiarizouse co "costruzione legittima" nunha análise escrita destes principios a cal só se encontran, neste momento, no tratado non publicado de Piero della Francesca. El tamén estaba familiarizado coa "construción abreviada" como se describe en Alberti e a construción xeométrica das sombras, unha técnica de Leonardo da Vinci. Inda que Dürer non fixo ningunha innovación nestas áreas, é notábel como a primeira do norte de Europa para o tratamento das cuestións da representación visual dun xeito científico, e coa comprensión dos principios de Euclides. Amais destas construcións xeométricas, Dürer discute neste último libro de Underweysung der Messung unha variedade de mecanismos para o debuxo en perspectiva dos modelos e proporciona ilustracións de gravado destes métodos que a miúdo se reproducen nas discusións da perspectiva.

Catro libros da proporción humana

[editar | editar a fonte]
Portada de Vier Bücher von menschlicher Proportion co monograma da sinatura de Albrecht Dürer.

O seu título orixinal é Vier Bücher von menschlicher Proportion. Núremberg: Formschneider (Jeronymus), 1528.

A obra de Dürer sobre as proporcións humanas chámase os Catro libros da proporción humana. O primeiro libro escribiuse principalmente entre 1512-1513 e completadas en 1523, no que mostra cinco tipos diferentes de figuras masculinas e femininas, todas as partes do corpo expresan en fraccións da altura total. Dürer basea estas construcións tanto en Vitruvio e as observacións empíricas de "duascentas ou trescentas persoas vivas", nas súas propias palabras. O segundo libro inclúe outros oito tipos, analizados non en fraccións senón no sistema albertiano, que Dürer probabelmente aprendeu de Francesco di Giorgio De armónica totius mundi de 1525. No terceiro libro, Dürer dá principios polos que as proporcións das figuras se poden modificar, como a simulación matemática convicta e espellos cóncavos, aquí Dürer tamén trata a fisionomía humana. O cuarto libro está dedicado á teoría do movemento.

Dürer emprega a miúdo o sistema diédrico.

Anexa ao último libro, non obstante, é un ensaio autónomo na estética, que Dürer traballou entre 1512 e 1528, e é aquí onde podemos coñecer as súas teorías sobre a "beleza ideal". Dürer rexeitou o concepto de beleza obxectiva de Alberti, que propón unha idea relativista da beleza baseada na variedade. Non obstante, Dürer seguía crendo que a verdade se oculta dentro da natureza, e que non había regras que ordenasen a beleza, a pesar de que lle resultaba difícil de definir os criterios do devandito código. En 1512-1513 os tres criterios foron a función ('Nutz'), a aprobación inxenua ('Wohlgefallen') e o termo medio ('Mittelmass'). Porén, a diferenza de Alberti e Leonardo, Dürer estivo máis preocupado por comprender non só as nocións abstractas da beleza, senón tamén de como un artista pode crear imaxes fermosas. Entre o 1512 e o proxecto definitivo en 1528, Dürer desenvolveu a comprensión da creatividade humana espontánea ou inspirada nun concepto de "síntese interna selectiva". Noutras palabras, que un artista se basea nunha gran cantidade de experiencias visuais para imaxinar as cousas belas. A crenza de Dürer na capacidade do artista e na súa inspiración levoulle a afirmar que "un home pode debuxar algo coa súa pluma no medio dunha folla de papel nun día, ou se pode cortar nun pequeno anaco de madeira co seu pequeno ferro, e resulta ser mellor e máis artístico que o traballo doutro no que o seu autor traballa coa maior dilixencia durante todo un ano".[19]

San Cristovo, gravado, 1521.

As obras máis coñecidas de Dürer son:

  1. "Durero, Alberto". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 734. 
  2. "Dürer, Albrecht (Nuremberg 1471-1528) Pintor, gravador e tratadista..." en Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 23, p. 28-29.
  3. J J O'Connor e E F Robertson. "Albrecht Dürer". Consultado o 6 de febreiro de 2012. 
  4. Wilhelm Waetzoldt (1950). Phaidon Press, ed. Dürer and his times. Universidade da California. p. 45. 
  5. Lawrence Gowing (1984). Historia Universal del Arte (en castelán) 10. Sarpe. ISBN 84-7291-598-0. 
  6. Michael Clarke (2000). Dk Pub, ed. Watercolor. ISBN 9780789468178. 
  7. Historia da Arte Espasa (2004)
  8. 8,0 8,1 Fossi (1964) p.2
  9. Panofsky, Erwin (1982) páx. 32
  10. Historia Universal da Arte, Volume X (1984)
  11. Panofsky, Erwin (1982) páx. 65
  12. Panofsky, Erwin (1982) páx. 66
  13. Panofsky, Erwin (1982) páx. 68
  14. Sureda, Joan (1988) páx. 361
  15. Sureda, Joan (1988) páx. 362
  16. 16,0 16,1 Sureda, Joan (11988) páx. 356
  17. Clarke, T.H. (1986). The Rhinoceros from Dürer to Stubbs: 1515–1799. Londres: Sotheby's Publications. 
  18. Durero, Alberto, Enciclopedia online, Museo del Prado.
  19. Mueller, Peter O. (1993). Substantiv-Derivation in Den Schriften Albrecht Durers. ISBN 3-11-012815-2. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Christine Demele (2012). Rhema Verlag, ed. Dürers Nacktheit – Das Weimarer Selbstbildnis. Münster. ISBN 978-3-86887-008-4. 
  • Edwin Panofski (1945). Princeton University Press, ed. The Life and Art of Albrecht Dürer. ISBN 0-691-00303-3. 
  • Ottino della Chiesa A. (1968). L'opera completa di Albrecht Dürer. Milán. 
  • Strieder Peter (1992). Dürer. Milano. ISBN 978-0-89835-057-9. 
  • Calvesi M. (1993). La melanconia di Albrecht Dürer. Turín. ISBN 978-88-06-12686-5. 
  • Anzelewsky Fedja (1987). Colophon, ed. Dürer (Art e Dossier. Inserto redazionale allegato al n.14 ed.). 
  • Antonelli E.; Chini E., Riccadonna G. (1997). Edizioni U.C.T., ed. Albrecht Dürer: Acquarelli del Trentino (1494- 1495). Trento. ISBN 978-88-86246-38-5. 
  • Costantino Porcu (2004). Rizzoli, ed. Dürer. Milano. CP. 
  • Pierluigi De Vecchi ed Elda Cerchiari (1999). Bompiani, ed. I tempi dell'arte (volume 2 ed.). Milano. ISBN 88-451-7212-0. DVC. 
  • Giovanni Maria Fara (2007). Leo S. Olschki, ed. Albrecht Dürer - Originali, copie, derivazioni. Firenze. ISBN 978-88-222-5641-6. DVC. 
  • Sureda, Joan (1988). Historia Universal del Arte:Alemania y Países germánicos (en castelán). Barcelona, Editorial Planeta. ISBN 84-320-8906-0. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]