Saltar ao contido

Rinoceronte de Dürer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rinoceronte de Dürer
ArtistaAlbrecht Dürer
Data1515
TécnicaXilografía
Dimensións21,4 cm × 29,8 cm
LocalizaciónMuseo Británico (Londres)

O Rinoceronte de Dürer é un gravado en madeira de Albrecht Dürer realizado en 1515[1] que se converteu nunha icona cultural, e que segundo algúns críticos, é a «representación dun animal que máis influencia tivo na historia da arte».[2] Está baseado en bosquexos e descricións duns dos primeiros rinocerontes que chegaron a Europa, concretamente na corte portuguesa.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

O gravado contén inexactitudes anatómicas. Representa ó animal cuberto de placas duras, coma se tivese unha armadura, e con escamas nas patas, que o fan semellante a un réptil. Dürer nunca viu o rinoceronte real, o primeiro exemplar vivo visto en Europa dende tempos do Imperio Romano. A finais de 1515, o rei de Portugal, Manuel I, enviou o animal como agasallo ó papa León X, pero morreu ó naufragar o barco que o transportaba cara a costa de Italia, a comezos de 1516. Non se volvería a ver un rinoceronte vivo en Europa até a chegada dun segundo exemplar da India á corte española de Filipe II contra o 1579.[3]

Malia as imprecisións anatómicas, o gravado de Dürer tivo unha gran popularidade en Europa e foi copiado en moitas ocasións durante os tres séculos seguintes. Estivo considerado unha representación fiable dun rinoceronte até finais do século XVIII. Ó cabo, foi substituído por pinturas e debuxos máis realistas, especialmente do rinoceronte Clara, que foi exhibido por Europa nas décadas de 1740 e 1750. Sobre o gravado de Dürer tense dito que: «Probablemente ningunha outra pintura dun animal exerceu unha influencia tan grande nas artes».[4]

Os franceses erixiron unha escultura da obra (na cal se inspirou Salvador Dalí) e diversos artistas barrocos incluírono nos seus cadros, sobre todo despois de coñecer rinocerontes reais.

  1. Algunhas fontes indican trabucadamente 1513, copiando un erro tipográfico de Dürer nun dos seus debuxos orixinais e que persistiría até o gravado. (Bedini, Silvano A. (1997). The Pope's Elephant. Manchester: Carcanet Press. p. 121. ISBN 1-85754-277-0. 
  2. Clarke, T.H. (1986). The Rhinoceros from Dürer to Stubbs: 1515–1799. London: Sotheby's Publications. 
  3. Clarke, capítulo 2. En honor deste animal, que vai ter tamén unha rocambolesca historia, déronlle o nome de 'abada (rinoceronte en portugués) a unha rúa de Madrid [1]. Nesta páxina cítase a data de 1583 [2][Ligazón morta]
  4. Citado por Clarke, páx.20.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]