Jeff Ament
(2009) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Jeffrey Allen Ament 10 de marzo de 1963 (61 anos) Havre, Estados Unidos de América (pt) |
Educación | Universidade de Montana (pt) |
Actividade | |
Ocupación | baixista, músico |
Período de actividade | 1981 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Rock alternativo |
Instrumento | Baixo |
Selo discográfico | J Records |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | pearljam.com |
Jeff Ament, nado o 10 de marzo de 1963 en Havre, Montana, é un baixista estadounidense e un dos membros fundadores, xunto con Stone Gossard, Mike McCready e Eddie Vedder, de Pearl Jam, banda onde toca na actualidade. Formou tamén parte de Green River, Mother Love Bone e Temple of the Dog. Ament foi membro do proxecto paralelo Three Fish, e no ano 2008 editou o seu primeiro álbum en solitario, Tone. No ano 2012 lanzaría o seu segundo traballo, While My Heart Beats.
Biografía
[editar | editar a fonte]Jeff Ament naceu en Havre, Montana e medrou nun pobo chamado Big Sandy, no mesmo estado. O pai de Ament foi o alcalde de Big Sandy durante quince anos, así como o condutor do bus escolar. Comezou a tocar o baixo na súa adolescencia e adoitaba tocar cancións de The Clash e The Police. Despois de deixar a universidade de Montana en Missoula, onde estudaba arte, Jeff mudouse a Seattle en 1983 coa súa banda Deranged Diction.
Green River
[editar | editar a fonte]En Seattle, Jeff emprendeu amizade con músicos locais como Mark Arm e Steve Turner, que lle pediron unirse á súa nova banda, Green River, en 1984. A banda tamén incluía ao batería Alex Vincent e o guitarrista Stone Gossard entraría posteriormente. Cando a banda rematou de gravar o seu EP Come on Down, Turner deixou o grupo por diferenzas de gustos con Ament e Gossard, sendo substituído polo antigo compañeiro de Ament en Deranged Diction Bruce Fairweather.
A banda editou o EP Come on Down en 1985 e a este seguiulle Dry As a Bone en 1987, a súa primeira edición en Sub Pop. O único álbum de estudio de Green River, Rehab Doll, foi editado en 1988. Debido a problemas internos a banda separaríase durante a gravación do traballo. Por unha banda, Ament e Gossard quería asinar un contrato cunha grande discográfica, e pola outra Mark Arm quería permanecer nun selo independente.
Green River é comunmente considerada a primeira banda de grunge, e o grupo conseguiu unha considerable reputación na zona de Seattle, sendo moi influente para a evolución posterior do grunge.
Mother Love Bone
[editar | editar a fonte]Ament, Gossard e Fairweather recrutaron á celebridade local, o líder de Malfunkshun Andrew Wood, e formaron Mother Love Bone en 1988, onde tamén se incorporou o antigo batería de Skin Yard Greg Gilmore. As cousas comezaron ben para a nova banda, convertéronse nunha das máis prominentes de Seattle e a principios de 1989 asinaron un contrato cun selo grande, Polygram. En marzo dese ano lanzaron o seu EP de estrea, Shine.
A finais de 1989 a banda entrou novamente no estudio para gravar o seu primeiro álbum, Apple, que tería que ser editado en marzo de 1990. Poucos días antes da data de lanzamento, Wood morreu de sobredose de heroína e a banda separouse. O álbum editaríase finalmente no mes de xullo dese ano.
Temple of the Dog
[editar | editar a fonte]Nese momento Ament e Gossard case se separan Jeff tocou brevemente no grupo War Babies, pero finalmente volveu con Gossard e un amigo da infancia deste chamado Mike McCready. Cando estaban a piques de formar unha nova banda xurdiu o proxecto Temple of the Dog, que creara o líder de Soundgarden Chris Cornell como un tributo a Andrew Wood, e ao cal foron convidados. O proxecto completouse con Matt Cameron, batería de Soundgarden.
A banda comezou a ensaiar temas que Cornell compuxera na xira antes da morte de Wood, e tamén traballaron demos que compuxeran Gossard e Ament. O proxecto finalmente tamén contou co vocalista Eddie Vedder, que chegara a Seattle para facer unha audición para ser o cantante da seguinte banda de Ament e Gossard, a cal posteriormente se convertería en Pearl Jam. Vedder fixo un dueto con Cornell na canción "Hunger Strike" e gravou coros noutros temas. O grupo tiña suficiente material para un álbum e, en abril de 1991, Temple of the Dog foi editado a través de A&M Records.
Pearl Jam
[editar | editar a fonte]Pearl Jam formárona en 1990 Ament, Gossard e McCready, e posteriormente recrutaron a Vedder e o batería Dave Krusen. Inicialmente colleu o nome de Mookie Blaylock, pero obrigáronos a cambialo cando en 1991 asinaron con Epic Records. Despois de rematar as sesións de gravación de Ten, Krusen deixou Pearl Jam en maio de 1991. Foi substituído por Matt Chamberlain, que anteriormente tocara no grupo Edie Brickell & New Bohemians. Despois de realizar só un feixe de concertos, un dos cales foi filmado para o vídeo de "Alive", Chamberlain abandonou para unirse á banda do programa Saturday Night Live. Como substituto seu, Chamberlain suxeriu a Dave Abbruzzese, que se uniu ao grupo e tocou o resto dos concertos da xira de promoción de Ten.
Ten fixo que a banda fose coñecida polo gran público, e converteuse nun dos discos alternativos máis vendidos dos 90. A banda viuse no medio da atención que se lle comezou a prestar aos grupos da escena de Seattle e ao grunge. Despois dunha intensa xira, a banda regresou ao estudio para gravar Vs., editado en 1993.
Debido á presión do éxito, a banda decidiu baixar o nivel de promoción dos seus discos, e incluso rexeitaron facer vídeos musicais. En 1994 Pearl Jam comezou un boicot a Ticketmaster, que durou tres anos e limitou a posibilidade do grupo de tocar nos Estados Unidos. Ament tivo un rol moi activo durante esta disputa, que levaron a cabo polos elevados prezos e as recargas que cobraba polas entradas dos concertos. Xunto con Gossard, Ament testificou ante un subcomité do Congreso, argumentando que as prácticas de Ticketmaster eran contrarias á libre competencia.
En 1994 o grupo editou o seu terceiro álbum de estudio, Vitalogy. Aínda que Abbruzzese gravou no disco, foi despedido en agosto dese ano, catro meses antes de que fose lanzado. A banda citou diferenzas política entre Abbruzzese e o resto dos membros; por exemplo, estaba en contra do boicot a Ticketmaster. Sería substituído por Jack Irons, un bo amigo de Vedder e antigo batería de Red Hot Chili Peppers.
Pearl Jam editou No Code en 1996 e Yield en 1998. Ese ano, antes da xira estadounidense Yield Tour, Irons deixou o grupo xa que non lle apetecía saír de xira. A banda fíxose cos servizos do antigo batería de Soundgarden Matt Cameron como substituto. Nun principio a súa estancia ía ser temporal, pero finalmente quedou como membro permanente.
O seu sexto álbum de estudio, Binaural, apareceu no ano 2000, e entre ese ano e o seguinte a banda lanzou 72 álbums ao vivo. O seu seguinte traballo de estudio, Riot Act, lanzouse no 2002, e o oitavo, Pearl Jam, no 2006. O seu derradeiro disco de estudio ata a data, Backspacer, foi editado no ano 2009.
Ademais das súas contribucións musicais á banda, Ament tamén colaborou na parte artística dos libretos dos álbums. As súas fotografías poden atoparse na meirande parte das edicións de Pearl Jam.
Outros proxectos musicais
[editar | editar a fonte]Three Fish
[editar | editar a fonte]Ament ten un proxecto paralelo chamado Three Fish, que formou no ano 1994 con Robbi Robb de Tribe After Tribe e Richard Stuverud dos Fastbacks. Three Fish publicou dous álbums, Three Fish (1996) e The Quiet Table (1999).
Mirror Ball
[editar | editar a fonte]Ament tocou, xunto co resto dos membros de Pearl Jam, no álbum de 1995 de Neil Young Mirror Ball, e posteriormente formaría parte da banda de xira que daría 11 concertos en Europa. Esta xira demostrou ser moi exitosa e o mánages de Young, Elliot Roberts, falou dela como "unha das maiores xiras que tivemos nas nosas vidas".
Tone
[editar | editar a fonte]O 16 de setembro do 2008 Ament editou o seu primeiro álbum en solitario, Tone, a través do selo Monkeywrench Records. O disco está formado por dez cancións compostas nun período de 12 anos. Os temas do traballo teñen un son cru e experimental. Fabricáronse 3.000 copias de Tone e foron distribuídas por tendas de discos independentes dos Estados Unidos, ademais de a través da páxina web de Pearl Jam[1]. O álbum tamén está dispoñible como descarga dixital tamén a través da páxina de Pearl Jam.