Arquitectura prehistórica de Galicia
Arquitectura de Galicia |
---|
Prehistoria |
Imperio Romano |
Prerrománico |
Románico |
Gótico |
Renacemento |
Barroco |
Neoclasicismo |
Século XIX |
Século XX |
Século XXI |
A arquitectura prehistórica de Galicia abrangue aquelas formas de construción empregadas polos habitantes de Galicia dende hai 2 millóns de anos (Prehistoria) ata a chegada dos romanos e a conseguinte romanización de Galicia.
Historia
[editar | editar a fonte]As primeiras construcións de tamaño considerable atopadas en Galicia, datan da Idade de Pedra. Durante o Neolítico desenvolveuse a cultura do megalitismo cuxa construción máis destacada e a anta ou dolmen, estruturas funerarias sobre as que se construía un túmulo ou mámoa. Os planos destas cámaras funerarias adoitaban ser pseudocírculos ou trapezoides, formados por enormes pedras fitadas no chan e outras que as cubrían, formando un teito. Segundo ía evolucionando a tipoloxía, apareceu unha entrada en corredor chamada dromos, que gradualmente foi tomando importancia ata ser tan ampla coma a cámara. No estadio máis avanzado, eran comúns teitos abovedados e falsas cúpulas.
Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galicia procedentes de Portugal cara ao ano 2.000 antes de Cristo, durante o Calcolítico ou Idade de Cobre. Da Idade de Bronce (1800-700 a.C.) consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. A finais desta época aparece a cultura Castrexa cuxo maior expoñente é o castro, recinto fortificado característico da Idade de Ferro no noroeste peninsular.
Arquitectura megalítica
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Megálitos de Galicia e Megalitismo en Galicia.
Nunha primeira fase ou "fase inicial" as antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura) e sen corredor. Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas puídas.
Durante a segunda fase ou "fase de apoxeo", desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Prodúcese o espallamento deste fenómeno pola meirande parte do territorio galaico. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos puídos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.
As mámoas do último período ou "fase final" (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece como se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeneralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sur da Península Ibérica. Este período antecede á aparición da cultura do vaso campaniforme.
Algúns destes túmulos foron reutilizados máis tarde, en época romana, como postos de vixilancia. Exemplos disto son o campamento da Cidadela (Sobrado). Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.
Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara ao sur. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos como "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara ao norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas coa Bretaña e Irlanda están practicamente desbotadas para as etapas iniciais deste período.
Túmulos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Mámoa.
As antas estaban parcial ou totalmente cobertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén como medorras, medoñas ou túmulos. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe como montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.
Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa como nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos cumios das serras de superficies chas (como na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumularias.
O diámetro oscila entre os 8 metros e os 40. Os máis grandes son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chegan aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm. e os 4 m., malia que a maioría non supera os 2 m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos pre-existentes.
Dolmens
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dolmen.
As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara funeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstratos están fincados verticalmente e inclinados cara ao interior. Féchanse por riba con pedras de grande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galicia son de tamaño pequeno.
Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara ao exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, como estelas.
Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron sometidas as mámoas.
Cistas
[editar | editar a fonte]No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumularias, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.
Menhires e círculos de pedras
[editar | editar a fonte]Estas construcións parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas como Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta un escote, como a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), como o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.
Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.
A maioría dos supostos círculos de pedras teñen desaparecido. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).
Arquitectura da Idade de Bronce
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Petróglifos de Galicia.
Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma como na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura, a gandería e o aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.
Son numerosas as pezas de ourivería que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes etc; o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, na Coruña.
A importancia da guerra para esta sociedade amósanola o numeroso armamento metálico que atopamos: puñais, machadas, punta de lanza, espadas,... Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia foron O Hío (Pontevedra), Roufeiro (Ourense) e Leiro.
Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de petróglifos, de gravados en penedos ao aire libre. As gravuras existentes en Galiza conforman o chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre. Todas elas se realizaron sobre granito (agás no Incio onde están gravadas sobre lousa, e en Sarria e Samos sobre xisto), aínda que non se sabe se esta foi unha escolla intencional ou se é que se trata simplemente do material máis duradeiro, e por ese motivo chegaron ata os nosos días. O conxunto de petróglifos galegos é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e incluso mundial.[1]
Estas gravuras son produto da sociedade da Idade de Bronce, coincidindo co desenvolvemento inicial da metalurxia. Porén en moitos casos aparecen gravados de datacións posteriores mesturados cos existentes anteriormente, nalgunhas ocasións perseguindo a finalidade de cristianizar os símbolos considerados pagáns, a imaxe do que sucedeu con moitos castros nos que se erixiron ermidas, igrexas ou cruceiros no lugar que ocupaban como proceso de cristianización de lugares que eran obxecto de lendas (cos mouros de protagonistas na súa maioría) e cultos pagáns por parte do pobo.
A maior parte dos petróglifos descubertos en Galicia atopáronse principalmente na franxa costeira que abrangue dende a ría de Muros ata a desembocadura do río Miño, e concretamente no val do río Lérez, onde se conservan a maior parte dos gravados. Canto máis nos afastamos deste lugar cara ao norte ou ás provincias de interior atopamos un número moi inferior e case sempre relacionados cos vales dos ríos.
Algúns dos xacementos máis destacados atopados no país son os do Parque arqueolóxico de Campo Lameiro, (conxunto considerado por moitos autores como a "Capela Sistina" dos petróglifos galegos), e os dos Labirintos de Mogor (Marín) entre outros.
Arquitectura castrexa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Castros de Galicia.
A indoeuropeización do cuadrante noroccidental da Península Ibérica durante o Idade de Bronce foi continuada por elementos se cadra célticos durante a Idade de Ferro, a partir do século VI a.C. Apareceu así a Cultura castrexa, caracterizada polos castros ou citanias, poboados fortificados sen apenas urbanismo. Aínda que por veces ferro e Cultura castrexa se fagan equivalentes, convén distinguir entre os dous conceptos porque a transición entre Bronce e Ferro é aínda bastante descoñecida e non está claro que elementos anteriores perviviron e de onde proveñen os trazos prototípicos do mundo castrexo. En efecto, os castros máis antigos datan dos séculos VIII e VII a.C. Esta área cultural ten o seu límite oriental no río Navia e o Bierzo e o meridional no río Douro. Non se deu en ningún momento un proceso de construción de entidades de tipo estatal, xa que se trataba dunha sociedade de tipo xentilicio.
Da lenta fusión por aculturación entre os mundos castrexo e provincial romano xorde a cultura galaico-romana.
As construcións características dos celtas eran os castros, vilas amuralladas, habitualmente situadas no alto dun outeiro.
As casas castrexas tiñan uns 3,5 a 5 m de lonxitude e eran xeralmente circulares, existindo algunhas rectangulares, de pedra e con teitos de palla, cunha columna central. As súas rúas eran xeralmente regulares, xurdindo algún tipo de organización central.
No actual territorio de Galicia os castros predominantes son os de tamaño pequeno e mediano, porén hai un aumento no tamaño medio entre o norte, onde os castros non adoitan superar as 2 hectáreas: con exemplos como o Castro de Baroña de 2,26 Ha ou as máis de 3 Ha do Castro de Elviña,[2] e o sur, onde mesmo existen castros de 20 ha, como o de Santa Trega,[3] xa pertencente ao momento final da cultura castrexa, ou o Castro de San Cibrao de Las de 9,5 Ha.[4] No norte de Portugal atópanse os castros ou citanías de maiores dimensións e dun proceso de romanización máis avanzado: a Citania de Briteiros, a de Sanfíns,[5] ou Monte Mozinho.
Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, inda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ CAAMAÑO GESTO, José Manuel: A gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 2: O Calcolítico e a Idade de Bronce. ISBN 978-84-96931-02-2.
- ↑ Carballo Arceo, Xulio, Arqueoloxía de Galicia - itinerarios polo pasado
- ↑ Carballo Arceo, Xulio, Os castros galegos.Páx 52
- ↑ C.Rodríguez Cao; Xusto Rodríguez, M. e Fariña busto, F. A Cidade. San Cibrán de Lás. Páx 19
- ↑ Seguindo a Xulio Carballo Arceo e a Francisco Calo Lourido