Saltar ao contido

Castro de Castromao, Celanova

Castro de Castromao, Celanova
ParroquiaCastromao
ConcelloCelanova
ProvinciaProvincia de Ourense
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA32024001
Cronoloxía
Datas de ocupación(século VI a.C. - século III d.C.)
Data da descuberta1875
Períodos de escavación1963
Estado actualescavado, visita libre
Extensión estimada2,1 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O castro de Castromao é un castro situado no actual concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Suponse que foi habitado polo pobo dos coelernos. En 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural.[1]

Localización e morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Está situado nun outeiro de 732 metros de altura, desde o que se domina o curso do río Arnoia e os castros de Novelle, Trelle, Merca e Berredo. Ten unhas dimensións de 150 metros no eixo norte-sur e 130 no leste-oeste. O interior da parte amurallada ocupa uns 20.000 m². O terreo presenta un forte desnivel, salvo na súa parte noroeste, onde é bastante menos pronunciado. Polas súas inmediacións discorría unha calzada secundaria da Vía XVIII do itinerario de Antonino, relacionada coa ponte do Freixo.

Foi habitado durante a época castrexa, remontando ó século VI a.C. e mantívose poboado ata o século III. Desta época data o nome de Castromao (castro malo) polo lugar de Vilanova (que máis tarde foi bautizada como Vilanova dos Infantes por ter sido lugar de residencia temporal dunha infanta), debido, segundo fontes medievais, á súa mala localización para o aproveitamento agrícola.

Achados arqueolóxicos

[editar | editar a fonte]

A primeira referencia moderna sobre o castro é de Ramón Barros Silvelo, no seu libro Antigüedades de Galicia (1875) e refírese a el como Castra Mamuaria. En 1928, Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo recólleno no seu Catálogo dos Castros Galegos. Desde 1963 iniciáronse varias campañas de escavacións que deixan ó descuberto os restos de construcións que se poden visitar.

Proseguen os traballos Xesús Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo dende os anos 1969 ata 1974, e descobren novas estruturas e unha “Tessera Hospitalis” do ano 132 d. C., que constitúe un pacto de hospitalidade entre os habitantes de Castromao (Coelerni) e un alto militar romano,[2] ademais dunha cerámica con moedas do século I d.C.[3][4]

Apareceron cerámicas de todo tipo, desde fragmentos datables entre os séculos VII e V a.C. ata tégulas e sigillatas, que nos falan dunha forte romanización. Suponse que a tribo non se opuxo á ocupación romana e mesmo colaborou con eles. Atopáronse tamén restos dun forno para cocer cerámica, así como un tesouriño do século I atopado nunha vasilla de barro. A peza máis singular de Castromao é a figura zoomorfa dun simio encollido e sentado cos pés cara a adiante e as mans na cara; por debaixo dos pés, que parecen agarrar algo, hai un apéndice para encaixar a escultura nunha base. Outra peza destacable é un tríscele calado que puido servir como fiestra.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "A Xunta declara bens de interese cultural o castro de Castromao e o campamento romano de Aquis Querquernnis". Cultura Galega. 7 de setembro de 2018. Consultado o 13 September 2018. 
  2. "Tabula de Castromao" (PDF). Museo arqueolóxico de Ourense. 2003. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de xuño de 2012. 
  3. Franco, Óscar (29/09/2011). "Castro de Castromao. Patrimonio Galego". Castro de Castromao. Consultado o 08/08/2020. 
  4. Martínez, Lucía (25/10/2019). "Castro de Castromao declarado BIC". La Región. Consultado o 08/08/2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]