Porta do Atlántico
Porta do Atlántico | |
---|---|
A Praza de América nas Travesas coa Porta do Atlántico no medio e medio e o IES Santa Irene ao fondo. | |
Presentación | |
Localización | Vigo |
Dirección | As Travesas |
Tipo | Monumento |
Construción | |
Data da construción | 1990 |
Equipo | |
Escultor | Silverio Rivas |
A Porta do Atlántico é un monumento obra do artista ponteareán Silverio Rivas de 1990 situado na Praza de América, no barrio das Travesas da cidade de Vigo.
Características
[editar | editar a fonte]Componse de tres elementos que proceden dun mesmo bloque de granito rosa do Porriño. As pezas foron deseñadas, cortadas e tratadas nunha canteira do Porriño. A parte principal e máis recoñecíbel é unha gran porta de 14 metros de altura e 427 toneladas que fica nun grande encoro circular no medio e medio da praza de América, por riba dun paso subterráneo que comunica as avenidas de Castelao, López Mora e Gran Vía. O encoro, en realidade unha gran fonte con chafarices centrais, reborda a tona da auga nun circuíto pechado. Arrodéase de dous socalcos de paralelepípedos de granito rosa. A comezos do século XXI instaláronse na fonte algúns grupos de flores para que non fose tan fría a imaxe da obra. A porta consta de dúas xambas e un gran lintel. Das xambas, cara ao van, penduran dúas pezas que representarían Europa e as Américas.
A segunda parte é un bloque que fica no comezo da Gran Vía, e a última un bloque ao principio da avenida de Castelao.[1]
Anteriormente no centro da praza só había un farol con varios brazos. A instalación da obra levouse a cabo en 1990, cando se construíu o paso inferior para liberar o tráfico das Travesas.
No mes de maio do ano 2019 realizáronse diversas modificacións. A superficie da fonte substituíuse en parte por unha zona peonil con pequenas fontes a arboriñas (oliveiras e pradairos). Ás noites proxectarase un espectáculo de luces de diferentres cores e son.[2]
Significado
[editar | editar a fonte]Trátase dunha homenaxe aos emigrantes galegos que saíron de Vigo cara ás Américas nos buques durante os século XIX e XX, por iso a mesma cidade é denominada a porta do Atlántico. Hoxe é un dos monumentos máis coñecidos da cidade. É un bo exemplo de sinxeleza do concepto e da plasticidade tallado directamente en granito.[3]
Celebracións do Celta e outros eventos
[editar | editar a fonte]Na praza de América celébranse importantes actos. O encoro da Porta do Atlántico é a fonte escollida pola afección do Real Club Celta de Vigo para celebrar as vitorias do seu equipo, e na mesma praza instálase unha gran verbena ao ar libre na Noitevella.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A Porta do Atlántico antes da reconstrución de maio de 2018 coa Avenida de Castelao detrás.
-
Folga Xeral do 14 de novembro de 2012 na Praza de América, co monumento no fondo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A Porta do Atlántico na páxina do concello.
- ↑ Noticia en Atlántico Diario
- ↑ Turismo de Vigo