Edificio Curbera
Edificio Curbera | |
---|---|
Edificio | |
Nome inicial | Edificio para José Curbera |
Tipo | edificio de oficinas e vivendas |
Estilo | Racionalista |
Sistema estrutural | formigón |
Localización | Vigo, Galiza |
Coordenadas | 42°14′12″N 8°42′58″O / 42.236649, -8.716244 |
Construción | |
Inicio | 1938 |
Remate | 1939 |
Dimensións | |
Altura | 50 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Francisco Castro Represas |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Edificio Curbera é unha construción racionalista situada no número 30 da rúa García Barbón, no centro da cidade de Vigo. Construído en 1939 polo arquitecto vigués Francisco Castro Represas, foi un dos edificios máis altos de Galicia e de España na súa época cos seus trece andares e 50 metros de altura, sendo daquela toda unha revolución construtiva.
Historia
[editar | editar a fonte]O Edificio Curbera é unha das obras máis senlleiras da arquitectura viguesa do século XX, froito do desenvolvemento da actividade conserveira dos anos 30 na cidade. O promotor do edificio foi o sonado empresario José Curbera, que encargou a finais dos anos trinta do pasado século o deseño dun edificio de vivendas e oficinas a Castro Represas, acorde coas necesidades e moda construtivas da década dos anos 30, que supuxo a eclosión dos rañaceos en toda Europa e especialmente en América do Norte. O edificio supón o segundo rañaceos de Galicia, despois do edificio do Banco Pastor da Coruña, de 40 metros de altura e contruído nos anos vinte[1]. Trátase do mesmo estilo (racionalista) que Castro Represas emprega noutras obras súas previas coma o edificio Sanchón ou o edificio Ribas. Nun principio proxectouse para ter dez andares no canto dos trece actuais, mais durante os traballos decidiuse engadir tres andares máis. Modificouse tamén a distribución do número de vivendas por andar, que pasou de tres a dúas. A fachada ficou inalterada. Os traballos remataron en 1939.
Construción e estilo
[editar | editar a fonte]Trátase dun edificio entre medianeiras; a fachada, impoñente, ten unha altura de 50 metros e unha largura de 25,5 metros, practicamente non ten ornamentación, agás na porta de acceso e no ástrago. Construtivamente, trátase dun edificio de formigón, con placas (ou forxados) no mesmo material. Posúe unha planta terrea a xeito de zócolo onde se atopan os locais comerciais, coa porta de acceso no medio e medio da mesma. O entresollado é o andar de oficinas e salienta por ter unha fiestra grande corrida. Tanto a planta terrea coma o entresollado fican algo máis afundidas ca o resto de andares, e recóbrense con placas de granito escuro, ao igual ca o centro de todo o edificio. A partir do entreseollado érguense 12 andares cunha marcada verticalidade por mor do eixo de simetría e mais os elementos verticais de cor cinsenta. A disposición dos vans que forman as fiestras achegan horizontalidade, e xunto cos balcóns rematados cara ao eixo central en curva, demostran a linguaxe moderna da construción. Todos os laterais da fachada, incluíndo os balcóns, recóbrense de granito galego, mentres que, como xa se dixo, a faixa central enfatíase verticalmente coa mesma pedra fusca ca o baseamento. A fachada coróase con lousas macizas a xeito de pérgolas e mais un triángulo escalonado de certa inspiración art déco.[1] A fachada posterior converteuse nun elemento visíbel máis coa apertura da autoestrada do atlántico (AP-9), que entra no centro da cidade por detrás do edificio. Esta é moi simple, mais salientan como elemento racionalista os ollos de boi (xa presentes no edificio Sanchón)[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 García Braña, Celestino: Docomomo ibérico
- ↑ Arquitectura en Vigo 25/11/2008 (en castelán).