Saltar ao contido

Jabiru mycteria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jabiru mycteria

Un espécime no Pantanal, Brasil
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Ciconiiformes
Familia: Ciconiidae
Xénero: Jabiru
Hellmayr, 1906
Especie: Jabiru mycteria
(Lichtenstein, MHC, 1819)

Jabiru mycteria é unha especie de cegoña grande que vive en América desde México a Arxentina, agás ao oeste dos Andes. Ás veces pode chegar divagante ata Texas ou mesmo a Mississippi, Oklahoma e Louisiana.[2][3] É máis común nas rexións do Pantanal do Brasil e do Chaco Oriental do Paraguai. É o único membro do xénero Jabiru.

O nome do xénero, Jabiru, procede do tupí-guaraní e significa "pescozo inchado".[4] O nome específico, mycteria, vén do grego antigo μυκτηρ/muktēr, que significa "fociño" ou "nariz".[5] No Brasil, ademais do nome jabiru e jaburu (que tamén se lle dá ás veces a Mycteria americana) ten outros como tuiuiú, tuiuguaçu, tuiú-quarteleiro, tuiupara, rei-dos-tuinins, tuim-de-papo-vermelho e cauauá. Nos países de fala hispana onde vive recibe os nomes de jabirú, tuyuyú ou jabirú americano.[6] Nunha obra lexicolóxica galega propúxose para esta cegoña o nome xabirú americano.[7]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Hinrich Lichtenstein describiu esta especie en 1819. O xénero Ephippiorhynchus, coas especies E. asiaticus (de Asia) e E. senegalensis (de África), crese que é o xénero vivo máis estreitamente emparentado, o que indica unha orixe da especie no Vello Mundo.[8]

O xénero proposto de cegoñas fósiles do Pleistoceno tardío Prociconia do Brasil podería en realidade pertencer a Jabiru. Unha especie fósil de Jabiru atopouse na Formación Codore do Plioceno temperán preto de Urumaco, Venezuela, e denominouse Jabiru codorensis.[9]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É a ave voadora máis alta de América do Sur e Central, e a miúdo ten unha altura case igual que a da ave non voadora e moito máis pesada Rhea americana (un ñandú). Tamén é a ave coa segunda envergadura alar máis grande de América, só superada polo cóndor andino (e excluíndo unha ave marítima como o albatros Diomedea exulans, que ocasionalmente se pode atopar na costa de América do Sur).[8] O J. mycteria adulto ten 120–140 cm de longo, 2,3–2,8 m de envergadura alar e 4,3-9 kg de peso.[8] O dimorfismo sexual é grande, posiblemente o maior entre todas as cegoñas, xa que os machos son un 25 % máis grandes que as femias. Os machos pesan como media 6,89 kg, mentres que nas femias a media é de 5,22 kg.[10] Os machos grandes poden ter unha altura de 1,53 m. O peteiro, que mide 25-35 cm, é negro e ancho, lixeiramente curvado cara arriba, e acabado nun extremo agudo. Entre outras medidas estándar, a cola mide 20-25 cm, o tarso mide 28,5-39 cm de longo e a corda máxima alar mide 58,5-73 cm.[8] A plumaxe é principalmente branca, pero a cabeza e parte superior do pescozo non teñen plumas e son negras, cunha área vermella elástica tamén sen plumas na base.[11] Os sexos teñen aparencia similar, pero en tamaño o macho é maior, o cal se percibe claramente cando os dous sexos están xuntos. Aínda que dá a impresión de ser un animal torpe ou desamañado en terra, é unha ave poderosa e grácil en voo.

Historia vital

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Vive en grandes grupos preto de ríos e come grandes cantidades de ras, peixes, cobras, carcois, insectos, e outros invertebrados.[12] Mesmo come prea fresca e peixes mortos, como os que morren durante as secas e así axuda a manter a calidade dos corpos illados de auga que se forman. Aliméntanse en bandadas e usualmente procuran a comida vadeando en zonas de pouco fondo. Detectan as presas máis pola sensación táctil que pola visión. Aliméntanse mantendo o peteiro aberto nun ángulo de 45 graos dentro da auga. Cando toman contacto cunha presa, pechan rápido o peteiro, sácano da auga, e botan a cabeza para atrás para tragala.[13] Os peixes duns 8-20 cm son os máis capturados, aínda que tamén poden pescar outros maiores de ata polo menos 500 g e anguías de ata 80 cm.[14][15] Aliméntanse de forma oportunista. Nun caso, cando se produciu unha explosión na poboación de ratos domésticos nunha área agrícola, podían verse varios centos de espécimes desta aves en cada campo alimentándose deses roedores (o que é pouco común para un paxaro que raramente se ve concentrado en grandes grupos).[8] En raras ocasión, víronse intentando cleptoparasitar (roubar comida) ás dúas cegoñas máis pequenas que conviven no seu hábitat, que son Mycteria americana e Ciconia maguari.[8]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Adulto con polos no niño.

Aniñan en solitario, constrúen plataformas de nidación masivas que se usan repetidamente en tempadas sucesivas. A diferenza doutras cegoñas, estas especies vense a miúdo en pares na tempada non reprodutora, suxerindo unha ligazón entre a parella que dura toda a vida.[16] Ambos os membros da parella constrúen o seu niño de pauciños contra os meses de agosto-setembro (no hemisferio sur) en árbores altas, e amplíano en cada tempada sucesiva, e chega a crecer ata varios metros en diámetro. Os niños adolitan ser máis profundos que largos; e poden ser de ata 1 m de largo e 1,8 m de profundidade.[13] Poden construír media ducia de niños próximos entre si, ás veces entre niños de garzas e outras aves. Ambos os proxenitores chocan por quendas a posta de ovos, que é de dous a cinco ovos brancos e son máis territoriais do habitual contra outros da súa especie durante o período reprodutor. Os mapaches e outras cegoñas (incluíndo a súa propia especie) son predadores ocasionais dos seus ovos, mais a maioría dos predadores de niños parecen evitar estas aves de enorme peteiro e non se coñecen predadores de espécimes adultos sans.[13] Aínda que as crías empluman aos 110 días de idade, a miúdo pasan outros 3 meses ao coidado dos seus pais. Debido a este gran período de tempo que pasan criando, as parellas teñen dificultade a volver a criar no ano seguinte. Menos da metade das parellas activas nunha tempada son activas na tempada seguinte. Soamente o 25 % das parellas que tiveron éxito na reprodución, téñeno tamén na seguinte tempada. A media da esperanza de vida desta especie é de 36 anos.[13] Teñen un número diploide de cromosomas de 2n = 56.[17]

Conservación

[editar | editar a fonte]

É unha especie moi espallada xeograficamente pero que non é abundante en ningunha área. A IUCN considera que é unha especie en situación "pouco preocupante" de conservación, o cal é unha mellora respecto do seu estado anterior de especie "case ameazada", en 1988.[1] É especie protexida e Belize desde 1973. Desde entón, a súa poboación nese país aumentou lentamente. Está protexida pola Lei de Aves Migratorias dos Estados Unidos.[13]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2021). "Jabiru mycteria". IUCN Red List of Threatened Species. 2021: e.T22697710A163624043. doi:10.2305/IUCN.UK.2021-3.RLTS.T22697710A163624043.en. Consultado o 20 de febreiro de 2022.
  2. Steven L. Hilty; William L. Brown (1986). A Guide to the Birds of Colombia. Princeton University Press. p. 72. ISBN 9780691083728. 
  3. Steve N. G. Howell; Ian Lewington; Will Russell (2014). Rare Birds of North America. Princeton University Press. p. 211. ISBN 9780691117966. 
  4. Wildlife of the World. Dorling Kindersley Ltd. 2015. p. 103. ISBN 9780241247143. 
  5. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 263. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Bernis, F; De Juana, E; Del Hoyo, J; Fernández-Cruz, M; Ferrer, X; Sáez-Royuela, R; Sargatal, J (1994). «Nombres en castellano de las aves del mundo recomendados por la Sociedad Española de Ornitología (Primera parte: Struthioniformes-Anseriformes)». Ardeola. Handbook of the Birds of the World (Madrid: SEO/BirdLife) 41 (1): 79-89. ISSN 0570-7358. Consultado el 21 de marzo de 2013.
  7. A Chave (2024). Os nomes galegos das aves (5ª ed.). A Chave. Páxina 195.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Hancock & Kushan, Storks, Ibises and Spoonbills of the World. Princeton University Press (1992), ISBN 978-0-12-322730-0
  9. Walsh, S. A.; Sánchez, R. (2008). "The first Cenozoic fossil bird from Venezuela". Paläontologische Zeitschrift 82 (2): 105–112. Bibcode:2008PalZ...82..105W. doi:10.1007/bf02988402. 
  10. CRC Handbook of Avian Body Masses, 2nd Edition by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008), ISBN 978-1-4200-6444-5.
  11. Thomas S. Schulenberg (2010). Birds of Peru: Revised and Updated Edition. Princeton University Press. p. 38. ISBN 9780691130231. 
  12. Kahl, M. P. (1971). "Observations on the Jabiru and Maguari storks in Argentina, 1969". The Condor 73 (2): 220–229. JSTOR 1365842. doi:10.2307/1365842. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 ADW- Jabiru mycteria- Information (2011).
  14. Thomas, Betsy Trent (1985). "Coexistence and behavior differences among the three western hemisphere storks". Ornithological Monographs (36): 921–931. JSTOR 40168325. doi:10.2307/40168325. 
  15. Del Hoyo, Josep, et al. Handbook of the birds of the world. Vol. 1. No. 8. Barcelona: Lynx edicions, 1992.
  16. Kahl, M. P. (1973). "Comparative ethology of the Ciconiidae. Part 6. The blacknecked, saddlebill, and jabiru storks (genera Xenorhynchus, Ephippiorhynchus, and Jabiru)". The Condor 75 (1): 17–27. JSTOR 1366532. doi:10.2307/1366532. 
  17. Seligmann ICA; Furo, I. O.; Dos Santos, M. S.; Tagliarini, M. M.; Araujo CCD; O'Brien PCM; Ferguson-Smith, M. A.; de Oliveira EHC (2019). "Comparative Chromosome Painting in Two Brazilian Stork Species with Different Diploid Numbers". Cytogenetic and Genome Research 159 (1): 32–38. PMID 31542782. doi:10.1159/000503019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]