Ácido graxo esencial
Os ácidos graxos esenciais son aqueles ácidos graxos que os humanos e animais deben inxerir na súa dieta porque o corpo os requiere para manterse en boas condicións e non os pode biosintetizar.[1] Os ácidos graxos esenciais requírense para diversos procesos biolóxicos, e non só para a produción de enerxía, como ocorre con outros ácidos graxos.
Xeralmente só se recoñecen como esenciais dous ácidos graxos nos humanos, que son: o ácido alfa-linolénico (que é un ácido graxo omega-3 ou n-3) e o ácido linoleico (que é un ácido graxo omega-6 ou n-6).[2][3][4] Porén, outros ácidos graxos poden ser requiridos en certas circunstancias, e denomínanse ácidos graxos "condicionalmente esenciais", entre os que destaca o ácido gamma-linolénico (un omega-6), e tamén o ácido láurico (saturado), e o ácido palmitoleico (monoinsaturado).[5]. Actualmente, en moitos textos considéranse esenciais (ou non se fai distinción) a toda unha serie de ácidos omega-3 e omega-6 (véxase máis abaixo).
Cando se descubriron os ácidos graxos esenciais en 1923, foron inicialmente designados como vitamina F, pero en 1930, os traballos de G. Burr, M. Burr e E. Miller demostraron que era mellor clasificalos como graxas que coma vitaminas.[6]
Funcións
[editar | editar a fonte]No corpo os ácidos graxos realizan diversas funcións. En todas elas o balance dietario dos ácidos ω-3 e ω-6 afecta de forma determinante a estas funcións, xa que os efectos biolóxicos dos ácidos graxos ω-3 e ω-6 están mediados polas súas múltiples interaccións.
- Os ácidos graxos son modificados para formar:
- eicosanoides, que afectan á inflamación e a moitas outras funcións celulares.
- endocannabinoides, que afectan ao estado de ánimo, comportamento e inflamación.
- lipoxinas, formadas a partir de ácidos graxos esenciais ω-6, e resolvinas, formadas a partir de ω-3 (en presenza de aspirina reducen a inflamación).
- isofuranos, neurofuranos, isoprostanos, hepoxilinas, ácidos epoxitrienoicos (EETs) e neuroprotectina D
- Outras funcións son:
- Forman balsas lipídicas, que actúan na sinalización celular.[7]
- Actúan sobre o ADN activando ou inhibindo factores de transcrición como o NF-κB, que está asociado coa produción de citocinas proinflamatorias.[8]
Historia e significado do termo ácido graxo "esencial"
[editar | editar a fonte]Os mamíferos non temos a capacidade de poder introducir dobres enlaces nos ácidos graxos se teñen que estar situados alén do carbono 9, polo que o ácido ω-6 linoleico (18:2,9,12), e o ácido ω-3 alfa-inolénico (18:3,9,12,15) son esenciais para os humanos. Nos humanos, o ácido araquidónico (20:4,5,8,11,14) pode sintetizarse a partir de ácido linoleico por desaturación e elongación da cadea, polo que non é esencial (aínda que algúns carnívoros como os gatos non poden e para eles é esencial). Ademais, o corpo humano pode producir algúns ácidos graxos ω-3 de cadea longa (o ácido eicosapentaenoico e o ácido docosahexaenoico) a partir do ácido ω-3 alfa-linolénico.
Entre 1930 e 1950, o ácido araquidónico e o ácido linolénico eran considerados "esenciais" porque basicamente tiñan a capacidade de fornecer os requirimentos para o crecemento das ratas que recibían dietas carentes de graxas. Posteriores investigacións demostraron que o metabolismo humano require tanto ácidos graxos ω-3 coma ω-6. Ata certo punto, calquera ácido graxo ω-3 ou ω-6 pode aliviar os peores síntomas da deficiencia en ácidos graxos do seu tipo. Os ácidos graxos son necesarios tamén en fases críticas da vida, como por exemplo a lactación, e nalgunhas doenzas. En textos non científicos pode verse ás veces que se consideran esenciais todos os ácidos graxos ω-3 e ω-6. Fontes autorizadas con frecuencia inclúen as dúas familias completas ω-3 e ω-6 sen darlles cualificación, ou considéranos esenciais se non se poden sintetizar de novo en cantidades suficientes, polo que o significado do termo esencial queda un pouco difuso actualmente.[9][10][11] Os ácidos graxos conxugados como o ácido caléndico non se consideran normalmente esenciais.
Os ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa tradicionalmente non se consideran esenciais. Para unha discusión sobre a cualificación como esencial dun ácido graxo actualmente véxase Cunnane 2003.[12] Como os ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa son en certas situación requiridos, deben considerarse "condicionalmente esenciais", ou non esenciais para os adultos con boa saúde.
Os ácidos graxos esenciais non deben confundirse cos aceites esenciais, os cales se denominan "esenciais" só no senso de que son unha esencia concentrada.
Fontes alimenticias
[editar | editar a fonte]Case toda a graxa poliinsaturada da dieta humana procede dos ácidos graxos esenciais. Algunhas das fontes de ácidos graxos ω-3 e ω-6 son o peixe azul e o marisco, bacallau, semente de liño, aceite de soia, aceite de oliva, aceite de colza, semente de cabaza, pipas de xirasol, verduras, e noces.
Os ácidos graxos esenciais interveñen en moitos procesos metabólicos, e hai evidencias que suxiren que baixos niveis de ácidos graxos esenciais, ou un balance desaxeitado dos distintos tipos de ácidos graxos esenciais, pode ser un factor que actúe no desenvolvemento de diversas doenzas, como a osteoporose.[13]
As fontes vexetais de ω-3 non conteñen ácido eicosapentaenoico nin ácido docosahexaenoico. O corpo humano pode (e en dietas vexetarianas estritas debe) converter o ácido α-linolénico en ácido eicosapentaenoico e despois en ácido docosahexaenoico. Isto require un maior traballo metabólico para o corpo, que se pensa que é a razón de que a absorción de ácidos graxos esenciais é moito maior de fontes animais ca de fontes vexetais.
Os contidos de ácidos graxos en diversas fontes de graxas animais e vexetais poden consultarse en:
- IUPAC Lipid Handbook.
- National Institutes of Health dos Estados Unidos. 'Essential Fats in Food Oils.'.
- Stuchlik e Zak, 'Vegetable Lipids as Components of Functional Food'.
- Nutrition Data.
Nalgúns casos non coincidirán totalmente os valores nas distintas fontes, pero téñase en conta que o contido en ácidos graxos esenciais das fontes vexetais varía debido ás condicións de cultivo, e nas fontes animais varía co tipo de alimentación que se lle deu ao animal e coa parte do corpo de onde se recolleu a graxa analizada.
Saúde humana
[editar | editar a fonte]Cardioloxía. Os ácidos graxos esenciais xogan un importante papel na vida e morte das células cardíacas.[14][15][16][17]
A deficiencia en ácidos graxos esenciais orixina unha dermatite similar á vista na deficiencia de cinc ou na deficiencia de biotina.[18]
Depresión. Diversas investigacións suxiren que un consumo elevado de peixe e ácidos graxos omega-3 está asociado coa diminución dos casos de depresión. As concentracións baixas de ácido 5-hidroxiindolacético no cerebro están asociadas coa depresión e suicidio, e este ácido sintetízase nunha vía metabólica que empeza con ácidos omega-3 como o docosahexaenoico.[19]
Hai grandes concentracións de ácido docosahexaenoico nas membranas sinápticas do cerebro. Isto é fundamental para a a transmisión sináptica e a fluidez das membranas. A proporción correcta entre os ácidos graxos omega-6 e omega-3 é importante para evitar desequilibrios na fluidez da membrana. Dita fluidez afecta ao funcionamento de encimas como a adenilato ciclase e canles iónicas como as do calcio, potasio, e sodio, o que á súa vez afecta ao número e funcionamento dos receptores, e aos niveis do neurotransmisor serotonina. Como as dietas dos países occidentais son deficientes en omega-3 e excesivas en omega-6, equilibrar esta proporción sería beneficioso para a saúde.[20]
Investigacións clínicas suxiren que o tratamento da depresión das nais con ácidos graxos omega-3 é beneficioso durante o período perinatal.[19] Unha metaanálise de ensaios con suplementos de ácido eicosapentaenoico como tratamento para a depresión en mulleres non embarazadas concluíu que os suplementos con máis do 60% dese ácido son efectivos, pero os que conteñen principalmente ácido docosahexaenoico, ou menos do 60% de ácido eicosapentaenoico, non o eran.[21]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Modern Nutrition in Health and Disease 6th Ed. (1980) Robert S. Goodhart and Maurice E. Shils. Lea and Febinger. Philadelphia. ISBN 0-8121-0645-8. pp. 134-138.
- ↑ Whitney Ellie and Rolfes SR Understanding Nutrition 11th Ed, California, Thomson Wadsworth, 2008 p.154.
- ↑ Enig Mary G. Know your Fats Bethesda Press 2005 p.249
- ↑ Burr, G.O., Burr, M.M. and Miller, E. (1930). "On the nature and role of the fatty acids essential in nutrition" (PDF). J. Biol. Chem. 86 (587). http://www.jbc.org/cgi/reprint/97/1/1.pdf Arquivado 21 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.. Retrieved 2011-11-20.
- ↑ Enig 2005 p.249
- ↑ Burr, G.O., Burr, M.M. and Miller, E. (1930). "On the nature and role of the fatty acids essential in nutrition" (PDF). J. Biol. Chem. 86 (587). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de febreiro de 2007. Consultado o 2007-01-17. Arquivado 21 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ Stillwell W, Shaikh SR, Zerouga M, Siddiqui R, Wassall SR (2005). "Docosahexaenoic acid affects cell signaling by altering lipid rafts". Reproduction, Nutrition, Development 45 (5): 559–79. PMID 16188208. doi:10.1051/rnd:2005046.
- ↑ Calder PC (2004). "n-3 fatty acids, inflammation, and immunity--relevance to postsurgical and critically ill patients". Lipids 39 (12): 1147–61. PMID 15736910. doi:10.1007/s11745-004-1342-z.
- ↑
Heather Hutchins, MS, RD (10/19/2005). "Symposium Highlights -- Omega-3 Fatty Acids: Recommendations for Therapeutics and Prevention".
Omega-3 fatty acids and their counterparts, n-6 fatty acids, are essential polyunsaturated fatty acids (PUFA) because they cannot be synthesized de novo in the body.
- ↑ Nugent KP, Spigelman AD, Phillips RK (1996). "Tissue prostaglandin levels in familial adenomatous polyposis patients treated with sulindac". Diseases of the Colon and Rectum 39 (6): 659–62. PMID 8646953. doi:10.1007/BF02056946.
Arachidonic acid is an essential fatty acid…
- ↑ Carlstedt-Duke J, Brönnegård M, Strandvik B (1986). "Pathological regulation of arachidonic acid release in cystic fibrosis: the putative basic defect". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 83 (23): 9202–6. PMC 387103. PMID 3097647. doi:10.1073/pnas.83.23.9202.
O recambio dos ácidos graxos esenciais increméntase (7). O ácido araquidónico é un dos ácidos graxos esenciais que se ve afectado.
- ↑ Cunnane SC (2003). "Problems with essential fatty acids: time for a new paradigm?". Progress in Lipid Research 42 (6): 544–68. PMID 14559071. doi:10.1016/S0163-7827(03)00038-9.
- ↑ Kruger MC, Horrobin DF (1997). "Calcium metabolism, osteoporosis and essential fatty acids: a review". Progress in Lipid Research 36 (2-3): 131–51. PMID 9624425. doi:10.1016/S0163-7827(97)00007-6.
- ↑ Honoré E, Barhanin J, Attali B, Lesage F, Lazdunski M (1994). "External blockade of the major cardiac delayed-rectifier K+ channel (Kv1.5) by polyunsaturated fatty acids". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 91 (5): 1937–41. PMC 43279. PMID 8127910. doi:10.1073/pnas.91.5.1937.
- ↑ Reiffel JA, McDonald A (2006). "Antiarrhythmic effects of omega-3 fatty acids". The American Journal of Cardiology 98 (4A): 50i–60i. PMID 16919517. doi:10.1016/j.amjcard.2005.12.027.
- ↑ Landmark K, Alm CS (2006). "[Alpha-linolenic acid, cardiovascular disease and sudden death]". Tidsskrift for Den Norske Lægeforening (en Norwegian) 126 (21): 2792–4. PMID 17086218.
- ↑ Herbaut C (2006). "[Omega-3 and health]". Revue Médicale De Bruxelles (en French) 27 (4): S355–60. PMID 17091903.
- ↑ James, William; Berger, Timothy; Elston, Dirk (2005). Andrews' Diseases of the Skin: Clinical Dermatology. (10th ed.). Saunders. ISBN 0-7216-2921-0.
- ↑ 19,0 19,1 Rees AM, Austin MP, Parker G (2005). "Role of omega-3 fatty acids as a treatment for depression in the perinatal period". The Australian and New Zealand Journal of Psychiatry 39 (4): 274–80. PMID 15777365. doi:10.1111/j.1440-1614.2005.01565.x.
- ↑ Logan AC (2004). "Omega-3 fatty acids and major depression: a primer for the mental health professional". Lipids in Health and Disease 3 (1): 25. PMC 533861. PMID 15535884. doi:10.1186/1476-511X-3-25.
- ↑ PMID 21939614 Meta-analysis of the effects of eicosapentaenoic acid (EPA) in clinical trials in depression, 2011