Prostanoide
Os prostanoides son un grupo de lípidos que forman unha subclase dentro dos eicosanoides, no cal están incluídas as prostaglandinas (mediadores das reaccións inflamatorias e anafilácticas), as prostaciclinas (mediadores activos na fase de resolución da inflamación), e os tromboxanos (mediadores da vasoconstrición)[1][2]. Derivan de ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa como o ácido araquidónico ou o ácido eicosapentaenoico, e conteñen un ou dous ciclos no centro da molécula.
- Artigos principais: Prostaglandina, Prostaciclina e Tromboxano.
Biosíntese
[editar | editar a fonte]O encima ciclooxixenase (COX) cataliza a conversión dos ácidos graxos esenciais libres en prostanoides nun proceso en dúas fases. En primeiro lugar, engádense ao ácido graxo dúas moléculas de O2 que forman enlaces peróxido e orixínase un anel de cinco membros na parte central da molécula do ácido graxo. Como consecuencia orixínase unha molécula inestable de vida curta, a primeira co anel característico das prostaglandinas, a prostaglandina G (PGG). Seguidamente, un dos enlaces peróxido perde un dos osíxenos, formando a prostaglandina PGH. A PGH é unha molécula central da ruta de síntese das prostanoides, porque todos os demais prostanoides se van orixinar a partir dela, formándose a PGH1, PGH2, e PGH3, e despois, a partir da PGH2 fórmanse outras prostaglandinas, prostaciclinas e tromboxanos.
A figura mostra como a PGH2 (derivada do ácido araquidónico) se transforma da seguinte maneira:
- Por acción da PGE sintetase orixina PGE, que á súa vez dá lugar á PGF.
- Por acción da PGD sintetase orixina PGD
- Por acción da prostaciclina sintase orixina prostaciclina (PGI2).
- Por acción da tromboxano sintase orixina tromboxanos.
Unha ruta alternativa para orixinar prostanoides é a partir de ácidos omega-3 como o ácido alfa-linolénico, que orixina en varios pasos ácido eicosapentaenoico (EPA), e este dá lugar a prostanoides.
Estrutura
[editar | editar a fonte]As tres clases de prostanoides distínguense polos aneis situados no centro da súa molécula. As prostaglandinas teñen un anel de 5 membros insaturado. As prostaciclinas teñen dous aneis unidos, ambos os dous con osíxeno. Nos tromboxanos o anel é de 6 membros.
-
Prostaglandina E1
-
Prostaciclina (PGI2)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://medical-dictionary.thefreedictionary.com/prostanoid, 11. 12. 2011.
- ↑ Donald Voet, Judith G. Voet (2005). Biochemistry, 3, Wiley. ISBN 978-0-471-19350-0
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lipid Library PROSTANOIDS - PROSTAGLANDINS, PROSTACYCLINS and THROMBOXANES.