Saltar ao contido

Troita de río

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Troita marrón (Salmo trutta).
Troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss).
Salmo trutta m. fario: troita marrón.

As troitas son peixes da subfamilia Salmoninae, dentro da familia dos salmónidos; o nome úsase especificamente para peixes de tres xéneros da devandita subfamilia: Salmo, que inclúe as especies do Atlántico, Oncorhynchus, que inclúe as especies do Pacífico, e Salvelinus.

Características

[editar | editar a fonte]

As troitas atópanse normalmente en augas frías e limpas de ríos e lagos distribuídos ao longo de Norteamérica, o norte de Asia e Europa. Varias especies de troita foron introducidas no século XIX na Patagonia. Tamén foron introducidas en Australia e Nova Zelandia, ademais dos Andes venezolanos, Colombia, Ecuador, Bolivia e o Perú, por pescadores afeccionados, desprazando os peixes autóctonos.

As aletas das troitas carecen de espiñas, e todas as especies teñen unha pequena aleta adiposa no lombo, preto da cola. As poboacións illadas presentan diferenzas morfolóxicas. Con todo, moitos destes grupos non mostran diverxencias xenéticas significativas, polo que os ictiólogos os consideran como simples variedades dun número de especies moito menor. A troita do oeste dos Estados Unidos é un bo exemplo disto. A troita Brook ou marrón, a aurora e a extinta troita prateada teñen características físicas e de coloración que permiten distinguilas facilmente; a análise xenética mostra, con todo, que se trata dunha única especie: Salvelinus fontinalis.

Troita douradaOncorhynchus aguabonita.

A maioría das troitas só se atopan en auga doce e fría pero unhas poucas, como a cabeza de aceiro (ou steelhead, en inglés) (Oncorhynchus mykiss) —que se trata da mesma especie que a troita arco da vella— pasan a súa vida adulta no océano e volven, para desovar, ao río onde naceron. Este fenómeno recibe o nome de reprodución anádroma e obsérvase tamén no salmón, así como na troita común europea (Salmo trutta), algunhas de cuxas poboacións pasan parte da súa vida no mar, volvendo ao río a desovar. A estas últimas denomínaselles Salmo trutta morfo trutta (reo é o seu nome común en galego), mentres que ás poboacións que pasan integramente a súa vida no río son coñecidas por Salmo trutta morfo fario (ou troita común).

Alimentación

[editar | editar a fonte]

As troitas xeralmente aliméntanse de invertebrados brandos como as lombrigas, ou de insectos e crustáceos e de cascudas, aínda que as especies máis grandes de troita, como a marrón ou a café, depredan sobre outros peixes.

Pesca deportiva

[editar | editar a fonte]
Pesca da troita. Pintura de George Luks (1867-1933). Museo de Delaware en Wilmington.

As troitas teñen o corpo cheo de espiñas, pero a súa carne é moi saborosa. Ademais, loitan tenazmente cando son pescadas con cana, polo que son moi cotizadas para a Pesca deportiva. Pola súa popularidade son criadas a miúdo en piscifactorías e posteriormente reintroducidas en ríos, lagos e pantanos, para a súa pesca.

Os principais métodos de captura involucran o uso de mosca ou culleriña, así como a lombriga de terra e outros reclamos artificiais. Hai outros cebos moi apreciados polas troitas, como as larvas, aínda que en España está especialmente prohibido en ríos troiteiros o uso de larvas de animais, con sancións económicas importantes. Tamén existen limitacións na cota de troitas capturadas, variable en función do seu hábitat, de se foron repoboadas ou son autóctonas e do tipo de couto. En pantanos ou coutos repoboados especificamente para o uso deportivo, a cota é maior e márcao o propio couto. En augas libres a cota é bastante menor. Hai unha medida mínima do peixe para a súa captura, de obrigado cumprimento, para evitar a morte de animais inmaturos.

En Venezuela, a tempada de pesca iníciase o 16 de marzo e culmina o 30 de setembro, coa previa obtención do permiso de pesca deportiva expedido polo Ministerio do Poder Popular para a Agricultura e Terra e o Instituto Nacional da Pesca e Acuicultura, considerándose o tamaño mínimo de captura de 25 cm.

Oncorhynchus: Troita arco da vella. O. mykiss.
Salmo: troita de mármore. S. marmoratus.

Entre as especies de troitas máis importantes atópanse: a troita marrón (Salmo trutta), tamén chamada en España “troita común” por ser a autóctona do país, a troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss), a troita dourada (Oncorhynchus aguabonita), a troita degolada “Lahontan” (Oncorhynchus clarkii henshawi) e a troita degolada “Bonneville” (Oncorhynchus clarkii clarkii). A seguinte é unha lista máis ampla de xéneros e especies de troitas:

Usos culinarios

[editar | editar a fonte]
Troita ao forno.

A troita é o menos graxo dos peixes azuis (con só un 3% de graxa) e contén ácidos graxos omega 3. Na gastronomía española a troita consómese fresca, á prancha, “á Navarra”, afumada, ao forno e en conserva. Pode atoparse como troita en escabeche.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Robert J. Behnke, Trout and Salmon of North America. Ilustrado por Joseph R. Tomelleri. Nova York: The Free Press, 2002. (en inglés)
  • Jen Corrinne Brown, Trout Culture: How Fly Fishing Forever Changed the Rocky Mountain West. Seattle, WA: University of Washington Press, 2015. (en inglés)

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]