Sargón de Acad
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XXIV a. C. Azupiranu, Iraq |
Morte | século XXIII a. C. Imperio acadio |
Actividade | |
Ocupación | monarca (2334 a. C.–2279 a. C.), copeiro |
Familia | |
Cónxuxe | Tashlultum |
Fillos | Rimush, Shu-Enlil, Ilaba'is-takal, Manishtushu, Enheduanna |
Pais | La'ibum e enitum |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia soviética armenia, volume 10, (p.219) |
Sargón de Acad ou Sargón o Grande (en acadio: 𒊬𒊒𒄀 Sharrum-kin, "rei lexítimo", "rei verdadeiro"),[1] nado no 2335 a. C. e finado no 2279 a. C.[2], foi un rei acadio do século XXIV ou XXIII a. C., artífice do primeiro imperio da historia, unificando a baixa Mesopotamia,[3] así como do surximento da primeira monarquía como tal, con independencia da cidade-estado e do templo que ata entón dominaran Mesopotamia. O seu imperio acadio supuxo a entrada de novos conceptos sociopolíticos na civilización mesopotámica que se converteron nun modelo para futuros estados; igualmente, difundiu a civilización mesopotámica en torno súa determinando o desenvolvemento cultural en todo o Oriente Próximo antigo. Sargón foi divinizado durante varios séculos despois da súa morte.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]Como os demais reis da dinastía de Acad, Sargón non menciona o seu pai nas súas inscricións. Polo tanto, a identidade dos seus pais segue sendo descoñecida.[4] As inscricións da época de Sargón mencionan a membros da súa familia: a súa muller Tashlultum,[5] a súa filla Enheduanna,[6] notable personalidade que chegou a ser sacerdotisa do deus Nanna/Sîn en Ur e suposto autor de varias obras literarias, e o seu fillo Su-Enlil.[7] Dous dos seus fillos sucedérono no trono (en orde incerta): Rimush e Manishtusu. Outro dos seus fillos, Ilaba'ish-takal, coñécese pola inscrición no obelisco de Manishtusu.[7]
Orixe
[editar | editar a fonte]A súa orixe énos descoñecida, segundo as lendas mesopotámicas era fillo dunha sacerdotisa e dun pai descoñecido, ao nacer os sacerdotes depositárono nunha canastra que deixaron abandonada á súa sorte no Éufrates, descuberto polo xardineiro real, adoptouno como fillo e xa maior entrou na corte do rei de Kish.[1][8]
Enfrontado ao rei Urzababa de Kish, tomou o poder e logo lanzouse contra o seu veciño inimigo de Uruk (levando o seu rei Lugalzagesi nunha picota ao templo de Enlil);
Fundación de Acad
[editar | editar a fonte]Posteriormente, quixo indicar que o seu reino inauguraba unha nova era e por iso fundounon moi lonxe de Kish, a súa nova capital, Acad[9] ou Agade (que aínda non atoparon os arqueólogos) onde fixo un gran porto fluvial.
Convertido en rei de Sumer e de Acad, remataría conquistando toda Mesopotamia, Elam e Siria, de tal xeito que uniu tódolos terriotorios dende o golfo Pérsico ó mar Mediterráneo tras varias campañas.
Converteu o acadio en lingua oficial pero sen ferir a susceptibilidade dos vencidos, xa que conservaron as súas autoridades, e as súas divindades respectadas, xa que se proclamou o "unxido de Anu" e "vigairo de Enlil", chamando á súa propia filla Enheduanna (autora dun himno á deusa Inanna)[10] e chegando a un sincretismo coas divindades sumerias, así Inanna pasou a chamarse Ishtar, Utu chamouse Samash,etc pero modificándoos pasando de personificacións locais de forzas da natureza a personalidades cósmicas, responsables da marcha ordenada non só da natureza senón tamén da historia e da sociedade ao convertelos en seres "morais".
Creou un imperio centralizado, establecendo a súa capital en Acad e lexitimando o seu poder soberano mediante o control militar e o monopolio comercial do Estado (sobre os produtos que Mesopotamia tiña que importar, como madeiras e pedras) tolerando as anteriores autoridades (excepto cando estas eran demasiado perigosas como Lugalzagesi) e colocándolles un vicerrei en cada cidade, este posto estivo ocupado por familiares de Sargón, como a sacerdotisa Enheduanna en Ur, que representaban o imperio ante as autoridades locais. Unha vez establecida a súa supremacía en Sumer Sargón neutralizou os dous veciños que o puñan en perigo, Eblan e Awan, atacándoos no seu propio terreo no norte de Siria. Trala campaña militar contra deles contentouse cun xuramento de fidelidade e un tributo, o que lle permitiu ter acceso directo a minerais e madeiras que antes tiñan que importar a Mesopotamia. Para conquistar Awan, no suroeste de Irán, tívoo máis difícil.
Recoñecido como un dos primeiros grandes conquistadores da antigüidade, a supremacía militar acadia baseouse nunha nova táctica destrutora das falanxes sumerias coa utilización do arco e o venablo. Proclamouse Señor das catro partes do Mundo, o seu reinado durou 56 anos e grazas á súa estrutura política consegiu que a súa dinastía reinase durante 142 anos ata caer ante as sublevacións internas e os ataques dos nómades Gutis. Durante a súa dominación os acadios monopolizaron os bens de consumo e materias primas importadas do Mediterráneo e a India, mediante o monopolio do porto de Acad sobre todos os demais portos mesopotámicos, así como a figura do "lugartenente do rei", no que un acadio representaba ao rei ante as autoridades locais doutras cidades conquistadas coa axuda dunha guarnición militar e o control administrativo, de tal forma que o maior "capitalista" era o propio Sargón e xa non o templo ou a cidade, como na era anterior. Aínda que xa existía a propiedade privada da terra, como nos indican as incricións do obelisco de Manishtushu, onde o rei indica que mercou 330 hectáreas a 98 propietarios e redistribuidos a persoas que Sargón quixo agasallar dándolles o susufructo destas terras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 González Wagner (1993), p. 97
- ↑ González Wagner (1993), p. 96
- ↑ González Wagner (1993), p. 88
- ↑ Foster 2016, p. 4.
- ↑ Frayne 1993, pp. 36-37
- ↑ Frayne 1993, pp. 36-37
- ↑ 7,0 7,1 Frayne 1993, p. 36
- ↑ Marc Van de Mieroop, Cuneiform Texts and the Writing of History, Routledge, 1999, páx. 71
- ↑ Jane McIntosh, Ancient Mesopotamia: New Perspectives, ABC-CLIO, 2005, páx. 77
- ↑ "Mesopotamia, historia política, económica y cultural" Georges Roux ed. Akal 1987
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sargón de Acad |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Foster, Benjamin R. (2016). The Age of Agade : Inventing empire in ancient Mesopotamia (en inglés). Londres / Nova York: Routledge / Taylor & Francis Group.
- Frayne, Douglas (1993). Sargonic and Gutian periods : 2334-2113 BC (en inglés). (Volume II da serie The Royal Inscriptions of Mesopotamia). Toronto: Toronto University Press. ISBN 9780802005939. doi:10.3138/9781442658578.
- González Wagner, Carlos (1993). El Próximo Oriente Antiguo (volume I). Serie: Historia Universal Antigua (en castelán). Madrid: Editorial Síntesis. ISBN 84-7738-201-8.