Saltar ao contido

Ruptura Tito-Stalin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A ruptura entre Tito e Stalin foi un conflito político e ideolóxico entre os líderes máximos de Iugoslavia e a Unión Soviética, Josip Broz Tito e Iosif Stalin. A principal consecuencia foi a expulsión de Iugoslavia do Kominform (Oficina de Información Comunista) en 1948.

Inicialmente parecía que o enfrontamento se debía á «deslealdade ideolóxica» de Iugoslavia cara a URSS e o socialismo marxista, ou ben polo orgullo nacionalista de Tito, que o impedía someterse sen crítica á vontade de Stalin.

Porén, a maior parte da evidencia posterior suxeriría que a ruptura estaba máis ben baseada no temor da URSS ao plan de Tito para unificar Iugoslavia, a Macedonia Grega e Bulgaria. O obxectivo era formar unha extensa "Eslavia do Sur" (o significado de "Iugoslavia" en serbocroata) e crear un Estado eslavo baixo o liderado de Tito, mais fóra do control de Stalin.[1]

Orixes do enfrontamento

[editar | editar a fonte]
O dirixente supremo da URSS Iósif Stalin e secretario xeral do PCUS (1942)
Tito (1942)

A diferenza dos outros países da Europa ocupada polo nazismo, o territorio de Iugoslavia estaba en gran parte baixo control partisano moito antes que entrasen tropas foráneas para auxilialos. Así, os partisanos de Tito controlaban no verán de 1944 amplas áreas rurais en Bosnia, Hercegovina, Serbia, Macedonia e Dalmacia, e mesmo dominaban poboacións de importancia, como Bihać.

En setembro de 1944 chegou a primeira quenda de tropas estranxeiras de auxilio, neste caso, do Exército Vermello. Porén, meses antes os partisanos xa expulsaran a Wehrmacht de moitas rexións. De feito, as tropas soviéticas limitáronse a axudar os partisanos iugoslavos na ofensiva para a captura de Belgrado entre setembro e outubro de 1944. Ante o alto grao de organización dos partisanos, fíxose innecesario que o Exército Vermello estabelecese un réxime de ocupación militar en Iugoslavia.

A independencia dos partisanos iugoslavos para expulsar as tropas nazis fortaleceu o liderado do mariscal Josip Broz Tito na liberación de Iugoslavia dentro do seu propio partido e entre o pobo iugoslavo en xeral. Esta foi unha das principais causas que motivou a Tito a esixir maior liberdade de acción para o seu país. En cambio, os outros líderes comunistas de Europa Oriental dependeran da ofensiva do Exército Vermello, polo que deberon admitir a ocupación militar soviética como garante do seu poder político.

Amais, malia que Tito seguía a ser formalmente un aliado de Stalin xa finalizada a segunda guerra mundial, contra 1945 a URSS armara unha rede de espionaxe dentro da Liga de Comunistas de Iugoslavia, o que daba pé a enfrontamentos adicionais de ser descuberta.

Por outra banda, xusto despois de finalizar a segunda guerra mundial, tiveron lugar enfrontamentos armados entre Iugoslavia e os aliados occidentais. Tras a guerra, Iugoslavia logrou anexar os territorios italianos de Istria e as cidades de Zadar e Rijeka, retidas por Italia despois da caída do Imperio Austrohúngaro, con maioría de poboación italiana. Tamén tentaba incorporar a fronteiriza cidade de Trieste, ao que se opuñan as potencias aliadas. Isto levou, en particular, ao ataque de cazas iugoslavos sobre aeronaves de carga estadounidenses, o que causou fortes críticas desde Occidente. Entre 1945 e 1948 foron derrubados polo menos catro avións estadounidenses.[2]

Stalin opúñase a esas provocacións a Occidente, sobre todo tras a sangría demográfica que supuxera para a URSS a «Gran Guerra Patria» (nome ruso da Fronte Oriental da segunda guerra mundial). Como consecuencia, malia non desmobilizar as súas tropas, a URSS non buscaba unha guerra aberta contra Occidente. Ademais, Stalin consideraba os Balcáns como un escenario secundario comparado coas zonas de ocupación de Alemaña.

Ademais, Tito apoiaba abertamente as milicias do Partido Comunista de Grecia durante a Guerra Civil Grega, mentres que Stalin preferiu manter distancia, pois consideraba que o Reino Unido e os EUA intervirían militarmente en favor do réxime monárquico grego. En efecto, na Conferencia de Ialta Stalin ofreceulle ao ex primeiro ministro británico Winston Churchill respectar a influencia occidental no territorio helénico e non intervir.

O primeiro Kominform

[editar | editar a fonte]

Con todo, Occidente seguía a ver ambos países como aliados moi próximos. Isto foi evidente durante a primeira reunión do Kominform, en 1947. Iugoslavia foi moi crítica ante a falta de compromiso ideolóxico, segundo ela, dalgúns partidos comunistas nacionais. Referíase en concreto aos partidos comunistas de Italia e Francia, aínda poderosos, mais que estabeleceran alianzas con outras agrupacións políticas.

En esencia, a delegación iugoslava rebatía a postura soviética de crear «frontes populares» de esquerda neses países. Insistía que ese plan ameazaba con debilitar os partidos comunistas afectados. A oficina central do Kominform aínda se atopaba en Belgrado, mais existían disputas bilaterais aínda non resoltas.

Viaxe de Tito a Moscova

[editar | editar a fonte]

A ruptura definitiva tivo varias causas, algunhas relacionadas co concepto de liderado «balcánico» de Tito e a súa negativa a subordinarse á URSS como autoridade comunista suprema e inapelábel. Iugoslavia consideraba, amais, que a planificación económica soviética, baseada en grandes fábricas, conglomerados industriais ou kolkhoz (granxas colectivas), non sería moi efectiva no país balcánico, moito máis pequeno e menos poboado.

Por outra banda, Tito levou a cabo de xeito unilateral un despregamento de tropas en Albania, para previr que o conflito civil de Grecia se estendese aos países veciños, entre eles, a propia Iugoslavia.

Este movemento anoxou a Stalin, a quen tampouco lle gustaba a idea de Tito, finalmente truncada, de fusionar Iugoslavia e Bulgaria nun só Estado, co fin de crear unha «Federación de Eslavia do sur». Stalin, en teoría, estaba de acordo co plan, mais Tito estaba a tentar levalo a cabo sen consultarllo. Ademais, era moi evidente para a URSS que Tito buscaba o liderado sobre toda a "Eslavia do Sur" e desprazar os comunistas de Bulgaria.[1]

O líder soviético citou en Moscova a dous funcionarios iugoslavos, Milovan Đilas e Edvard Kardelj, para discutir eses asuntos. Tras as conversacións, Đilas e Kardelj concluíron que as relacións bilaterais entre Iugoslavia e a URSS alcanzaran un punto de non retorno.

Intercambio de cartas

[editar | editar a fonte]

Entre a viaxe a Moscova e a segunda reunión do Kominform, o Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) e a Liga dos Comunistas de Iugoslavia detallaron por correspondencia as súas crecentes diferenzas e acusacións mutuas. A primeira carta do PCUS, do 27 de marzo de 1948, acusaba a Iugoslavia de declarar, entre outras, que «o socialismo na URSS deixara de ser revolucionario». Tamén consideraba que a Liga «non era suficientemente democrática» por aliarse con forzas de esquerda non comunistas, que non estaba a actuar como a vangarda do proletariado iugoslavo que dicía ser, e que debía construír o socialismo no país. A URSS agregou que «non podía considerar esa organización comunista ser [efectivamente] marxista-leninista nin bolxevique».

A resposta iugoslava, do 13 de abril, negou rotundamente as acusacións soviéticas. Defendeu a natureza autenticamente revolucionaria do PCUS e reafirmou a súa alta opinión da URSS. Porén, mencionou que «non importa canto ame a terra do socialismo, a URSS, cada un de nós, en ningún caso pode amar menos o seu propio país». Con esta afirmación declaraba un nacionalismo impensábel en tempos da Internacional Comunista.

A resposta soviética do 4 de maio criticoulle á Liga Iugoslava a súa aparente falta de autocrítica e de emendar os seus propios erros. Acusouna, amais, de estar «demasiado orgullosa» dos seus éxitos ante a Alemaña nazi, e asegurou que fora o Exército Vermello quen os «salvara da destrución». Porén, a realidade era que os partisanos de Tito recuperaran grandes zonas de Iugoslavia ocupadas polas Potencias do Eixe durante catro anos, moito antes da tardía chegada das tropas soviéticas.

A resposta iugoslava do 17 de maio foi unha reacción dura ante o intento soviético de "minimizar" a resistencia iugoslava. Suxeriu, daquela, que os problemas bilaterais debían ser resoltos na próxima asemblea do Kominform, o 28 de xuño dese 1948.

O segundo Kominform

[editar | editar a fonte]

Tito nin sequera acudiu á segunda reunión do Kominform, pois temía un posíbel ataque militar a Iugoslavia por tropas soviéticas estabelecidas en Hungría ou Romanía. O 28 de xuño, os outros países membros, baixo presión soviética, decidiron expulsar a Iugoslavia da organización, con base nos «elementos nacionalistas» que lograran «nos últimos cinco ou seis meses alcanzar unha posición dominante no liderado» da Liga Iugoslava.[1]

A resolución, así mesmo, alertaba a Iugoslavia que «estaba na ruta de regreso cara o capitalismo burgués debido ás súas posicións nacionalistas e independentistas». Isto culminaba a reprimenda orquestrada pola URSS.

Resultado

[editar | editar a fonte]

A expulsión de Iugoslavia contribuíu ao seu illamento da comunidade internacional de Estados socialistas e das súas asociacións posteriores, como o Consello de Axuda Mutua Económica e o Pacto de Varsovia. Tras dita medida, Tito criticou e condenou a quen a apoiaron e cualificounos despectivamente de «cominformistas».[Cómpre referencia] Varios deles foron enviados a un campo de traballos forzados na illa de Gorli baixo un duro réxime carcelario, mais, aparentemente, menos rigoroso có gulag estalinista.[Cómpre referencia]

Entre 1948 e 1952, a URSS alentou algúns dos seus aliados a que se rearmasen. Dirixiuse en particular a Hungría, xa que esta era vista como unha forza primordial ante unha hipotética guerra contra a rebelde Iugoslavia e o seu réxime, heterodoxamente comunista. A ese respecto, o sucesor de Stalin, Nikita Khrushchev, comentaría que «Tito era o seguinte na lista de Stalin, despois da Guerra de Corea».

Os outros Estados socialistas de Europa Oriental seguidamente executaron purgas de supostos titoístas nas súas propias filas.[Cómpre referencia] Co paso dos anos, o termo titoísmo identificaría a posición dos países que, dentro do marxismo, seguían un itinerario socialista de carácter nacional, diferente ao da Unión Soviética. Durante os anos inmediatamente posteriores ao fin da segunda guerra mundial, a URSS tolerou relativamente dita posición. Porén, esa fractura fixo que Stalin alentase aos outros países tras o Pano de Aceiro a reaccionaren para evitar que o «desviacionismo» titoísta se difundise polo Bloque do Leste.

Morto Stalin o 5 de marzo de 1953, deuse un período de paulatina desestalinización dentro da Unión Soviética, que culminou coa lectura do discurso secreto, pronunciado por Nikita Khrushchev o 25 de febreiro de 1956. Nese novo ambiente, a URSS e Iugoslavia reconciliáronse e restabeleceron as relacións diplomáticas e comerciais, e esta última foi readmitida na «fraternidade» de Estados socialistas. Con todo, por mor dos conflitos anteriores entre ambos países, as relacións nunca puideron ser completamente restabelecidas ao nivel previo a 1948.

No socialismo, Iugoslavia continuaría coa súa acción independente dentro da política internacional, e optou pola neutralidade no enfrontamento entre a URSS e os EUA. Así, o Exército Popular Iugoslavo mantiña dous plans de defensa diferenciados, un contra un hipotético ataque dos países da OTAN e outro concibido para afrontar unha eventual invasión soviética, disimulada ou non, a través do Pacto de Varsovia.

Ademais, Tito aproveitou o afastamento da URSS para beneficiarse do Plan Marshall, así como para incorporarse plenamente ao Movemento de Países Non Aliñados, en que a Iugoslavia de Tito chegaría a ser unha forza importante e con protagonismo.

O evento foi significativo non só para Iugoslavia e Tito, senón tamén para o conxunto do marxismo a nivel mundial. A de Iugoslavia foi a primeira gran fractura dentro do Bloque do Leste, até entón aparentemente unido e sólido. De feito, na década de 1960 o exemplo iugoslavo serviría para xustificar a procura de "rutas nacionais ao socialismo". Así foi entendido por parte de líderes comunistas como János Kádár en Hungría ou Władysław Gomułka en Polonia. Porén, a diferenza de Tito, estes seguían a considerar a URSS como "autoridade máxima".

A principios da década de 1960 tamén se produciu unha importante fractura dentro do comunismo. A ruptura sino-soviética foi aproveitada pola xeopolítica dos EUA durante a guerra fría. Así se viu no «xogo a dúas puntas» do presidente Richard Nixon, ao visitar Moscova e Beixín en 1972 cunha moi escasa diferenza de tempo. Esas notábeis rupturas derrubaron a suposta unidade comunista irrompíbel que declamara o Kominform.

  1. 1,0 1,1 1,2 Perovic, Jeronim: «The Tito-Stalin split: a reassessment in light of new evidence», artigo en Journal of Cold War Studies, 9, nº 2, pp. 32-63, primavera boreal de 2007
  2. «Air victories of Yugoslav Air Force» Arquivado 21 de xullo de 2009 en Wayback Machine., artigo no sitio web Vojska (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Nyrop, Richard F. (ed.): Yugoslavia: A country study. Washington DC: Departamento do Exército de Estados Unidos, 1981
  • Perovic, Jeronim: «The Tito-Stalin split: a reassessment in light of new evidence», artigo en Journal of Cold War Studies, 9, n.º 2, páxs. 32-63, primavera boreal de 2007
  • Ridley, Jasper: Tito. Londres: Constable, 1994
  • Stokes, Gale (ed.): From stalinism to pluralism: a documentary history of Eastern Europe since 1945. Nova York: Oxford University Press, 1996
  • West, Richard: Tito and the rise and fall of Yugoslavia. Londres: Sinclair-Stevenson, 1994