Roxelio I de Sicilia
Roxelio I de Sicilia, (en italiano: Ruggero I; en árabe: رُجار, Rujār; en maltés: Ruġġieru) tamén coñecido como Roxelio I de Hauteville, nado contra 1031 en Normandía e finado o 22 de xullo de 1101 en Mileto, Italia, chamado Bosso, ou o Gran Conde, ou Jarl Rogeirr, foi o primeiro conde de Sicilia.
Fillo do nobre normando Tancredo de Hauteville, señor de Cotentín, e da súa segunda esposa Fredisenda, estableceuse no sur de Italia como vasalo do seu irmán Robert Guiscard, duque de Puglia e Calabria. Participou na reconquista de Calabria e liderou a de Sicilia, esta última baixo poder musulmán e habitada fundamentalmente por gregos ortodoxos.
En 1072, tras conquistar Palermo, en Sicilia, o seu irmán Robert investiuno como Gran Conde de Sicilia,[1] aínda que continuou sendo o seu vasalo e, despois da morte deste foino de Roxerio Borsa, fillo e sucesor de Robert.
O seu goberno caracterizouse por unha política de tolerancia étnica e relixiosa, infrecuente durante a Idade Media. Morreu en 1101 e foi sucedido polo seu fillo Simón.
Orixe e primeiros anos
[editar | editar a fonte]Roxerio naceu en 1031,[2][3][4] e era o menor dos fillos varóns de Tancredo de Hauteville e da súa segunda esposa Fredisenda. Tancredo era un nobre normando descendente de Hiallt, un viquingo que se asentou en Normandía no século X,[5] mentres que Fredisenda era posibelmente unha filla do duque Roberto I de Normandía, aínda que isto último se basea nunha información relativamente tardía.[6]
Roxerio permaneceu en Normandía até a morte da súa nai e, en 1057 dirixiuse ao sur de Italia, onde varios dos seus irmáns xa se asentaran algúns anos antes. Roxerio fixou a súa residencia no castelo de Melfi, en Melfi,[7] capital do condado de Puglia, dominio do seu irmán Robert Guiscard.
Foi a partir daquela cando Roxerio comezou a secundar o seu irmán nas campañas de Calabria, onde empezan a fustrigar os musulmáns. Segundo o cronista Goffredo Malaterra, as súas accións non eran diferentes a ataques de bandoleiros.[8]
Poucos meses máis tarde, Robert regresou a Puglia para atallar unha rebelión dos baróns, deixando a Roxerio en Calabria. Este envíalle entón ao seu irmán axuda económica (resultado de roubos á poboación local) e un pequeno continxente de homes, que el mesmo dirixe, logrando acabar coa rebelión.
En outono de 1057 participou, baixo o mando de Robert, no sitio de Reggio pero, ao prolongarse demasiado, Roxerio atacou Gerace por orde do seu irmán dándolle a Robert a maior parte do botín conseguido. Sen ter caído Reggio, ambos os irmáns regresan ao norte de Calabria, onde o seu poder estaba consolidado. Posteriormente pediulle ao seu irmán asistencia en efectivo, pero este negouse, provocando que Roxerio decidira ofrecer a súa axuda a Guillerme do Principado, outro dos seus irmáns, poñendo a súa disposición os seus 60 homes.[9]
Do seu irmán Guillerme, Roxerio recibiu un castelo en Scalea, desde onde dirixiu incursións que debilitaron o poder de Robert. Este, para contrarrestalo, sitia o seu castelo sen lograr tomalo. Ao ser Calabria unha zona pobre debido aos constantes saqueos dos aventureiros normandos, Roxerio e os seus homes saquearon a cidade próxima de Amalfi para poder sobreviviren. Ademais pedíanlle diñeiro aos viaxeiros a cambio de devolverlles as súas pertenzas que lles roubaran momentos antes.
Conquista definitiva de Calabria
[editar | editar a fonte]Durante a primavera de 1058 Calabria atravesaba unha época de fame negra. Na localidade de Nicastro, os poboadores negáronse a pagar impostos aos normandos, e rapidamente o descontento esténdese por toda a rexión.
Ao non poder lograr sometelos, Robert Guiscard pídelle ao seu irmán Roxerio axuda a cambio dunha alianza mediante a cal se dividirían por igual as terras sometidas e por someter, aínda que esta non se fixo efectiva até 1062.
A partir de 1059, ambos os irmáns dedicáronse a expulsar os bizantinos que ocupaban a parte sur de Italia.[10] A principios do ano seguinte volven sitiar Reggio, que se rende no verán do mesmo ano.
Conquista de Sicilia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]En agosto de 1059, o conde Robert Guiscard recibiu do papa Nicolao II pola graza de Deus e de San Pedro, duque de Puglia e Calabria, e de aquí en adiante, e coa súa axuda, duque de Sicilia.[11] A cambio, Robert Guiscard recoñeceu ao papa como o seu señor feudal, e apoiouno na súa loita contra o antipapa Benedito X. Roberto aceptou os títulos a pesar de que ningunha destas rexións pertencían ao papado, incluso partes de Puglia e Calabria estaban en mans dos bizantinos, e Sicilia estaba ocupada polos árabes. Co apoio papal, Robert asentouse na parte oeste dos seus dominios, e desde aí emprendeu a conquista dos territorios que estaban sen someter.[12]
Na illa, o emirato de Sicilia estaba dividido en tres rexións: a parte noroccidental da illa (con Palermo, Trapani e Mazara) dominada por Abdullah ibn Haukal, o sueste (con Catania e Siracusa) controlado por Ibn al-Timnah, e o centro da illa, coa súa capital Enna, baixo a autoridade de Ibn al-Hawas. O tres sectores da illa loitaban entre si e ningún recoñecía a autoridade dos zíridas de Ifriqiya. Ademais, a maioría da poboación eran gregos, o que garantía o seu apoio aos invasores normandos.[13]
En 1060 a esposa de Ibn al-Timnah fuxiu a Enna, dominio do seu irmán Ibn al-Hawas. Pronto Ibn al-Timna exixiu a devolución da súa esposa tras o cal sitiou Enna, pero foi completamente derrotado polo seu cuñado. En febreiro de 1061 Ibn al-Timnah reuniuse con Roxerio en Calabria, e lle pediu a súa axuda contra o emir de Enna. En caso de ter éxito, comprometíase a recoñecer a soberanía de Roxerio en Sicilia. Con isto Roxerio tiña unha excusa para invadir a illa, á vez que obtiña un valioso aliado.[14]
Dado que Roxerio era vasalo do seu irmán máis vello Robert Guiscard, o encargado de liderar a conquista debería ser Robert, pero debido ás constantes rebelións dos baróns de Puglia e aos constantes enfrontamentos con nacións estranxeiras, só participou en tres campañas (en 1061, 1064 e 1071-1072). Ademais, os conflitos na península impediron a Robert achegar unha verdadeira axuda na conquista da illa, pois seu exército estaba formado só polos seus vasalos de Calabria e algúns normandos aventureiros, polo nunca foi grande. Debido a isto, a conquista de Sicilia estendeuse durante case trinta anos (desde 1061 a 1091), e foi obra de Roxerio, aínda que durante este período seguía sendo vasalo de Robert Guiscard e, tras a súa morte, do seu fillo e sucesor Roger Borsa.
Conquista de Mesina
[editar | editar a fonte]Durante febreiro de 1061, Roxerio e 160 homes, acompañados por Ibn al-Timnah, atravesaronn o estreito de Mesina e desembarcaron na costa norte de Sicilia, desde onde realizaron pequenas incursións no interior da illa. Os normandos saquearon Rometta e Milazzo, onde obtiveron grandes botíns. Ante estes sucesos a gornición árabe de Mesina intentou atacar os invasores, pero o mal tempo frustrou o seu intento. A oportuna chegada de Serlo II de Hauteville, sobriño de Roxerio, permitiu un contraataque frontal por parte dos normandos.[15]
Confiados pola recente vitoria, Roxerio atacou Mesina, pero a cidade opuxo tenaz resistencia polo que emprenderon a retirada, pero o mal tempo impidiu a súa saída da illa polo que continuaron loitando durante tres días contra os árabes. Cando lograron partir foron atacados pola frota árabe, prolongándose o combate até as proximidades de Reggio, onde os musulmáns foron repelidos. Tras este fracaso, Roxerio regresou aos seus dominios e, en agradecemento pola axuda prestada por dita cidade doou o botín obtido a unha das súas igrexas.[16]
O 5 de maio de 1060 Roxerio e Robert Guiscard desembarcaron novamente en Sicilia. Os cronistas din que o exército estaba formado por unhas 2.000 persoas entre cabaleiros e infantaría. Despois de atravesar o estreito, Roxerio dirixiuse cun destacamento de 500 cabaleiros a Mesina, pero encontrou a cidade moi protexida debido a que os árabes foran advertidos da súa chegada. Pero coa chegada do resto dos soldados de Robert Guiscard, Mesina foi capturada. Os soldados árabes fuxiron ao interior da illa e a súa frota dirixiuse a Palermo co obxectivo de deter aos normandos.
Os árabes que quedaran en Mesina foron expulsados, deixando soamente aos gregos e unha gornición de soldados. Desta forma Mesina converteuse na primeira cidade de Siclia conquistada polos normandos.
Roxerio, Robert e Ibn al-Timnah dirixíronse á Sicilia central pasando por Rometta, cidade leal a este último, e atravesaron Frazzanò, onde foron recibidos polos gregos como liberadores. Ao deixar gornicións en ambas as cidades, o exército de Robert reduciuse a só 700 homes polo que este viuse obrigado a desistir de tomar a cidade de Centuripe. Ibn al-Hawas, o emir de Enna, mandou un exército para enfrontarse aos normandos, os que, a pesar da súa superioridade numérica (segundo Malaterra uns 5 000 árabes fronte aos 700 normandos, aínda que esta cifra pode que sexa exaxerada) son derrotados.
A pesar desta vitoria, aos nromandos resultoulles imposíbel sitiar Enna debido á súa situación, e por ser unha cidade adecuadamente fortificada. Ao achegarse o inverno, Robert e Roxerio víronse obrigados a regresar a Messina, onde construíron un castelo en San Marco d'Alunzio, que foi o primeiro castelo construído polos normandos na illa. Posteriormente ambos os irmáns regresaron a Calabria.[17]
Conflito con Robert Guiscard e o asedio a Troina
[editar | editar a fonte]O regreso de Roxerio a Mileto debeuse principalmente á súa voda con Xudite de Évreux, que chegara de Normandía. A principios de 1062 regresou a Sicilia e, xunto con ibn Al-Timnah, conquistaron Petralia, tras o cal regresou a Calabria.[18]
Ao regresar a Mileto, Roxerio exixiulle ao seu irmáno Robert Guiscard o cumprimento dos acordos de 1058, segundo os cales lle cedía a metade de Calabria, pero Robert negouse e sitiou Mileto. Durante e sitio Roxerio dirixiuse a Gerace, que lle permanecía fiel, pero cando Roberto se decatou, tamén sitiou esta cidade.
Tras un confuso incidente, os habitantes de Gerace xuraron fidelidade a Roxerio, e Robert comprometeuse a cumprir os acordos.[19] Mentres tanto en Sicilia ibn Al-Timnah foi capturado e asasinado, e Roxerio regresa a Sicilia tan pronto como ve solucionado o problema co seu irmán.[20]
Pero en Calabria aumentaba o descontento contra os normandos, e os seus habitantes rebeláronse e intentaron tomar a Xudite como refén, pero a gornición deixada por Roxerio fíxolles fronte. En Sicilia os gregos aliáronse cos musulmáns e sitiaron a Roxerio en Troina durante catro meses. Durante o inverno Roxerio logra escapar da cidade e derrotar a rebelión, axustizando aos seus líderes.[21]
Despois de controlar a rebelión, Roxerio deixou en Troina unha gornición baixo o mando de Xudite, mentres que el e unha presada de soldados regresaron a Calabria en busca de cabalos. Na súa ausencia, Xudite aprendeu moito ao mando do exército, facendo roldas nas fortificacións, mesmo pola noite, e animando aos soldados para que estiveran alerta.[21]
As batallas de Cerami e Misilmeri
[editar | editar a fonte]En 1063, Roxerio e as súas hostes regresan a Sicilia, pero os árabes ao decatarse deciden facerllle fronte.[22] Ambos o exércitos encóntranse fronte ao río Cerami, cerca da cidade do mesmo nome. Goffredo Malaterra estima que as hostes de Roxerio era duns 500 homes, mentres que o exército árabe rondaba os 3 000, que aínda esta cifra poida ser exaxerada, seguro que o exército árabe era moi superior en canto a número de efectivos.[23]
Ambos os exércitos estiveron fronte a fronte durante tres días só separados polo río, pero o cuarto día os normandos decidiron empezar o ataque. Para evitar a fuxida dos seus homes fronte ao contraataque musulmán, Roxerio compáraos co exército do xuíz hebreu Xedeón (que, segundo a Biblia derrotou un xigantesco exército con só 300 homes). Os normandos, cheos de ánimo despois de tal comparación, regresaron á batalla. A oportuna chegada de Serlo II de Hauteville fai retroceder aos árabes que, finalmente, fuxiron. Tras a vitoria, Roxerio regresou a Troina, que se convertera no seu centro de operacións na illa. A vitoria en Cerami xerou un impacto psicolóxico tanto nos normandos, que se creron os elixidos por Deus para expulsar aos árabes do sur de Italia, como nos árabes, que non volveron a reunir un exército tan grande como o que foi derrotado aquel día.[24]
Durante o mesmo ano, a República de Pisa, que no século IX se convertera nunha das repúblicas itaianas mariñeiras, combatendo aos árabes polo control do Mediterráneo e rivalizando con Xénova e Venecia, ofreceu a Roxerio unha frota para atacar de forma conxunta Palermo. A pesar da negativa de Roxerio, o exército de Pisa sitiou Palermo, aínda que non logrou manter o sitio e finalmente os pisanos emprenderon a retirada.[25]
Ao ano seguinte, Robert Guiscard desembarcou outra vez en Sicilia e reunise con Roxerio. Ambos os irmáns sitian Palermo pero, ao non haber un bloqueo naval, o intento fracasa. Pouco despois Robert viuse obrigado a regresar a Calabria ante unha nova rebelión dos baróns e deixa a Roxerio novamente abandonado á súa sorte.[26]
Entre 1064 e 1068, Roxerio saqueou varias cidades árabes co obxectivo de obter recursos para consolidarse nos seus novos dominios.[27] Mentres tanto Ayub, un príncipe tunesino, unificou o Emirato de Sicilia terminando a guerra civil.[28]
En 1068, Ayub reuniu un exército co obxectivo de derrotar a Roxerio. Ambos os bandos encontráronse en Misilmeri onde, unha vez máis, os normandos era numericamente inferiores aos árabes. A pesar diso, Roxerio atacou e, despois dunha rápida batalla, derrotou totalmente aos árabes. Estes informaron dá súa derrota a Palermo, mandando pombas mensaxeiras en cuxas patas había teas con manchas de sangue.[29]
A batalla de Misilmeri foi o último intento organizado polos árabes de Sicilia contra os normandos. O emir Ayub e os seus máis achegados colaboradores fuxiron a Tunes, e os poucos líderes árabes que quedaron enleáronse novamente nunha nova guerra civil.[29] Porén nun primeiro momento os normandos presentes na illa non foron os suficientes como para completar rapidamente a súa conquista, e mesmo tampouco para controlaren os territorios ocupados. Neste sentido, a conquista de Sicilia levouse a cabo moi lentamente, e só se completou en 1091.
Conquista de Palermo
[editar | editar a fonte]Despois da toma da cidade de Bari en 1071, Robert Guiscard e Roxerio lograron consolidar o seu poder no sur de Italia, e ambos os irmáns deciden retomar a conquista de Sicilia.
Ese mesmo ano chegan ao porto de Catania, onde foron ben recibidos porque a cidade éralle fiel ao antigo aliado dos Hauteville Ibn al-Timnah. Unha vez alí, decidiron sitiar, unha vez máis, a cidade de Palermo, Robert por mar e Roxerio por terra.[30]
O sitio de Palermo durou 5 meses, entre agosto de 1071 e xaneiro de 1072. Durante o otono de 1071, unha frota árabe intentou en van romper o bloqueo marítimo da cidade. A finais de outono, cando a cidade —falta de provisións— xa pasaba fame, Robert recibiu noticias dunha nova rebelión dos baróns de Puglia e, sen esperar a rendición de Palermo, regresou á península.[31]
O 5 de xaneiro de 1072 Roxerio atacou Al Qasr, un barrio fortificado de Palermo, pero os árabes saíron a facerlle fronte. Coa oportuna chagada da cabalaría de Roberto lograron vencer a resistencia e entrar na cidade esa mesma noite.[32] Na mañá do día seguinte, unha delegación árabe chegou ao campamento normando para negociar os termos da rendición. Os normandos permitiron aos residentes conservaren a súa relixión e propiedades a cambio da súa lealdade.[33]
En Palermo, Robert Guiscard nomeou a Roxerio Gran Conde de Sicilia, dándolle a soberanía sobre toda a illa, aínda que só unha parte desta fora xa conquistada.[1] A partir dese momento, Roxerio completa a conquista de Sicilia sen a axuda de seu irmáo.
Culminación da conquista de Sicilia
[editar | editar a fonte]Despois da toma de Palermo, a conquista de Sicilia peolongouse outros dezaoito anos. Isto debeuse fundamentalmente ao pequeno tamaño do exército de Roxerio (normalmente, uns poucos centos de cabaleiros), en comparación coa enorme poboación árabe da illa. Neste sentido, a táctica dos normandos foi, por un lado, realizar ataques repentinos contra cidades árabes e, por outro lado, atraer aos gobernantes árabes que, despois de recoñecer a soberanía de Roxerio, conservaban os seus postos ou recibiran feudos en Calabria. Foi rara unha campaña militar a grande escala e, polo xeral, só ocorría isto nalgún momento en que o normandos estaban seguros do éxito. A pesar desta cautela, os normandos sufriron tres derrotas ante os árabes: no verán de 1072 sufriron unha emboscada na que morreu Serlo de Hauteville;[1] en 1076, en ausencia de Roxerio, os normandos foron derrotados polo emir de Siracusa,[34] e en 1081 o mesmo emir rexeita aos normandos dirixidos por Xordán de Hauteville, fillo do conde.[34] As seguintes son as campaña máis importantes de Roxerio, dando lugar á expansión das posesións normandas.
En 1075, piratas tunesinos desembarcaron en Mazara e tomaron a cidade. Roxerio e os seus homes lograron entrar no castelo pola noite e durante a mañá atacaron ao inimigo. Os piratas foron derrotados, e só uns poucos lograron fuxir a África.
En maio de 1077, Roxerio sitiou por mar a cidade de Trapani. O seu fillo Xordán, acompañado de 100 cabaleiros, entrou na cidade pola noite e rouba o gando dos seus habitantes que, ao quedaren sen subministracións, réndense.[35] Posteriormente toman a fortaleza de Erice, cuxa vitoria debeuse (supostamente) á intervención milagrosa de san Xulián o Hospitalario, patrón dos cazadores. Foi por isto polo que Erice coñeceuse até 1934 como Monte San Giuliano.[35]
En 1078, Roxerio sitiou Taormina, que era considerada unha cidade inexpugnábel. Ao non lograr tomar por asalto a cidade, Roxerio construíu nas proximidades 22 fortes, bloqueou as comunicacións da cidade, e impediu a chegada da frota tunesina, que intentaba liberar a cidade do sitio. Despois de perder a esperanza da chegada de reforzos, o emir rende a cidade, co que o poder normando se consolida na zona ao redor do monte Etna.[35]
O maior opositor dos normandos en Sicilia foi o emir de Siracusa e Noto, cuxo nome segundo Malaterra era Benarvet (posibelmente Ibn al-Wardi, aínda que as fontes árabes non informan o seu nome orixinal).[35] En 1081, ante a ausencia de Roxerio, Benarvet tomou Catania. Sen esperar o regreso de Roxerio, seu fillo Xordán e dous dos seus comandantes, Roberto de Surdevil e Elías Kartomensis, recuperaron a cidade.[35] A fráxil paz vese perturbada novamente en 1085 cando a frota de Benarvet saquea Nicotera, de onde rapta unha monxa.[36] En reposta, Roxerio sitiou por mar Siracusa, orixinando un combate naval durante o cal Benarvet morre afogado. O asedio de Siracusa durou de maio a setembri de 1085 (segundo outras fontes, 1086) durante o cal a viúva e o fillo de Benarvet escaparon a Noto e Siracusa réndese.[37]
Despois da caída de Siracusa, Roxerio controla a maior parte da illa de Sicilia a excepción do sur (con cidades como Butera e Noto) e o emirato de Enna, este último rodeado por posesións normandas. O 25 de xullo de 1086 Roxerio tomou a cidade de Agrigento e, a principios de 1087, chegou ás murallas de Enna, onde se reuniu co seu emir Ibn Hamoud e o invita a entregar a cidade. Ibn Hamoud aceptou a propuesta, e incluso expresou o seu desexo de bautizarse, aínda que teme unha vinganza dos seus correlixionarios.[38]
Como resultado das negociacións, Roxerio e Ibn Hamoud argallan unha trampa: Ibn Hamoud sae a acampar cun grupo dos seus seguidores e no camiño encóntranse co exército normando e, ante a súa superioridade, réndense. Ao decatarse da captura do emir, a cidade de Enna rendeuse sen loitar. Ibn Hamoud e a súa familia posteriormente foron bautizados e recibiron de Roxerio un feudo en Calabria.[38]
En 1088 despois dun breve asedio, Butera é conquistada e, en febreiro de 1090 os habitantes de Noto, sen esperar un ataque normando, renden a cidade. Tras estes sucesos, Roxerio culmina a conquista de Sicilia.
Conquista de Malta
[editar | editar a fonte]En 1091, co fin de evitar un ataque musulmán ou pirata desde o norte de África e consolidar a súa posición en Sicilia, Roxerio dirixiuse cunha frota a Malta. Ao desembarcaren, os poucos defensores que os normandos encontran foxen e ao día seguinte Roxerio marcha á capital, Mdina. Xa alí estableceu acordos cos malteses mediante os cales as illas (Malta, Gozo e Comino) se converten en vasalas do conde, pero mantendo as súas autoridades locais. Ademais os prisioneiros cristiáns e outros son postos en liberdade.[39]
En Malta existe unha lenda que conta que foi Roxerio quen lles deu o seu escudo vermello e branco ao seccionar parte do seu. Ademais celébrase unha misa no seu honor unha vez ao ano na Catedral de Mdina que, segundo a lenda, empezou a construírse por orde de Roxerio.[39]
Campañas no sur de Italia
[editar | editar a fonte]Cando o papa Nicolao II outorgou a Robert Guiscard o título de duque de Puglia, Calabria e Sicilia, este converteuse no xefe supremo de todas as posesións normandas do sur de Italia (a excepción do principado de Capua).[12] Roxerio, a pesar da súa notábel participación na conquista de Calabria e a súa proclamación como conde de Sicilia sempre foi vasalo do seu irmán máis vello e, en cumprimento da súa obriga como vasalo, foi varias veces ao continente na súa axuda.
Despois da morte de Robert Guiscard en 1085, Roxerio Bosso xuroulle fidelidade ao seu sobriño Roger Borsa en contra das pretensións de Bohemundo de Taranto, irmán máis vello deste último. Bohemundo, co apoio de Xordán I de Capua, declarou a guerra a Roxerio Borsa e logrou capturar varias cidades na península. Grazas á mediación de Roxerio Bosso os irmáns (seus sobriños) lograron chegar a un acordo, e Roxerio Borsa conservou a maior parte dos dominios de seu pai e para Bohemundo creouse o Principado de Taranto.[40]
En 1087, a guerra entre os herdeiros de Robert Guiscard estalou novamente, polo que Roger Borsa lle pediu axuda a Roger Bosso, que enviou tropas a Cosenza, cidade que os irmáns disputaban, o que obrigou a Bohemundo a retirarse. Novamente a paz volve á península grazas á intervención do conde de Sicilia (Roger Bosso) que en recompensa recibiu a metade do territorio de Palermo e parte da Puglia.[39] Posteriormente, en 1096, xunto con Bohemundo de Taranto sitia Amalfi, a cal se rebelara contra o duque Roger Borsa.
En 1098, o príncipe de Capua Ricardo II pediulle a Roger Borsa e a Roger Bosso que intercederan para recuperar os seus dominios, de onde fora expulsado. Roger Bosso sitiou durante corenta días a cidade de Capua tras os cales Ricardo logrou recuperar o seu trono, aínda que tivo que xurarlle fidelidade a Roger Borsa.[41]
Políticas nacionais en Sicilia
[editar | editar a fonte]Tolerancia étnica e relixiosa
[editar | editar a fonte]En Sicilia os normandos eran só unha pequena minoría e, a pesar de impulsar a migración á illa de cabaleiros occidentais e do clero latino, a gran maioría dos siciliáns seguían sendo musulmáns e gregos (estes, de rito ortodoxo). Co fin de manter o control nos seus dominios, Roxerio mostrouse tolerante coa diversidade étnica e relixiosa (cousa rara na Idade Media).[42]
Para lograr isto seguiuse empregando o árabe, o grego e o latín nos procedementos oficiais, os emires locais conservaron os seus postos e dominios ou recibiron feudos (como foi o caso do emir de Enna ibn Hamoud). Incluso o seu exército estaba formado por musulmáns[42] e para evitar o odio relixioso entre cristiáns e musulmáns, prohibiuse aos misioneiros cristiáns predicar en Sicilia.[43] As medidas establecidas por Roxerio a favor dos árabes mantivéronse até o goberno de Frederico II, fillo de Pedro III de Aragón e Constanza de Hohenstaufen.
Da mesma forma que foi compracente cos árabes, foino tamén cos gregos. A pesar de que estes eran perseguidos en Puglia, Roxerio fundou 21 mosteiros basilianos (da orde de san Basilio) e outros 11 foron fundados polos seus colaboradores. Para os católicos fundáronse 36 mosteiros latinos (principalmente da orde beneditina), dos cales 11 foron fundados por Roxerio en persoa. Ademais, os gregos tiveron gran participación na vida política das cidades e incluso en Palermo o xefe grego ostentaba o título árabe de Emir de Emires. A pesar disto, estaba prohibida a celebración da misa usando o rito bizantino e os bispos bizantinos estaban subordinados aos latinos.
Como resultado destas medidas, Roxerio obtivo a lealdade incondicional dos sicilianos e só se produciron dúas revoltas: en Cinisi e en Jato, pero que se deberon ao descontento coas súas autoridades. A culminación da guerra de conquista e a paz conseguida supuxo o florecemento da arte en Sicilia, onde xorde o estilo normando-árabe.
Relación cos baróns
[editar | editar a fonte]A diferenza do seu irmán Robert Guiscard, Roxerio preocupouse por manter a paz cos baróns que estaban baixo a súa autoridade. Para lograr isto permitiulles teren os seus propios vasalos, pero mantívoos baixo control ao evitar a creación de extensos feudos que poderían rebelarse contra el. Nestas circunstancias, Roxerio só tivo que enfrontar dúas rebelións dos baróns:
- En 1082, Ingelmaria, casado coa viúva de Serlo de Hauteville, que recibira extensas posesións no pasado, rebelouse contra Roxerio. Despois de ser vencido, Ingelmaria foi expulsado de Sicilia e as súas posesións devoltas á súa muller.
- En 1083, o seu fillo Xordán, instigado por nobres descontentos e aproveitando a ausencia do seu pai, rebelouse e tomou as cidades de Mistretta e San Marco d'Alunzio. Xordán rendeuse en chegando Roxerio á illa, pero aínda que foi perdoado perdeu a confianza do seu pai.[44]
Relación co papado
[editar | editar a fonte]Despois da morte de Robert Guiscard e a posterior guerra civil entre os seus herdeiros, Roger Bosso converteuse no principal aliado do papado no sur de Italia. En 1088 reuniuse en Troina co recentemente elixido papa Urbano II que lle solicitou a súa axuda para recuperar Roma (ocupada naquel entón polo antipapa Clemente III) e o seu apoio nas negociacións co imperio Bizantino para poñerlle fin ao Gran Cisma. O resultado destas negociacións é descoñecido, pero despois delas o conde Roxerio fundou varias dioceses en Sicilia, o que suxire que obtivo prerrogativas relixiosas na illa.[45]
Os acordos entre Urbano II e Roxerio rompéronse en 1097 cando o papa, sen o consentimento do conde, designou como o seu legado en Sicilia o bispo de Troina; Roxerio, ao apercibirse disto, arrestou inmediatamene o bispo.[45]
Ese mesmo ano, durante o asedio de Capua, Roxerio encontrouse con Urbano II (que chegara alí coa intención de conciliar co lado oposto) e despois de reunirse ambos os dous chegaron a un acordo. E o 5 de xullo de 1098 o papa envíalle unha carta ao conde onde senta as bases das chamadas delegacións de Sicilia:[45]
- Mentres vivan Roxerio e os seus herdeiros legais, o papado non nomeará un delegado sen o seu previo consentimento.
- Roxerio e os seus herdeiros terán os poderes que normalmente ostenta un delegado.
- No caso dun concilio, Roxerio e os seus herdeiros determinarán o número de bispos sicilianos que participen nel.
Estas atribucións foron ratificadas máis tarde en 1128 por Honorio III,[46] en 1139 por Inocencio III,[47] e en 1156 por Hadrián IV.[48] En 1192 o seu bisneto Tancredo de Sicilia renunciou formalmente a tales privilexios a cambio de ser recoñecido como rei de Sicilia polo papa Celestino III.[49]
Familia
[editar | editar a fonte]Roxerio estivo casado tres veces e tivo numerosos fillos, tanto dentro dos matrimonios como extramatrimoniais. O seu primeiro matrimonio tivo lugar en 1061 con Xudite de Évreux (morta c. 1076), filla de Guillerme, conde de Évreux. A parella coñeceuse en Normandía, pero a voda celebrouse en Mileto.[18]
- Froito da unión tiveron 4 fillas:
- Flandina (morta c. 1094), casada dúas veces: primeiro con Hugo de Circea, primeiro conde de Paternò e despois con Henrique del Vasto, fillo de Manfredo del Vasto, irmán de Adelaida del Vasto.
- Matilde (c. 1062 - 1094), casada desde 1080 con Raimundo IV de Tolosa.
- Adelisa (morta c. 1096), casada en 1083 con Henrique, conde de Monte Sant'Angelo.
- Emma (c. 1070 - 1120), pedida en matrimonio por Filipe I de Francia, casada primeiro con Guillerme (ou Robert), conde de Clermont e, en segundas nupcias, con Rodolfo Macabeo, conde de Montescaglioso.
- Casou novamente c. 1077 con Eremburga de Mortain (morta c. 1087) coa que tivo os seguintes fillos:
- Mauger (c. 1080 - 1100), conde de Troina.
- Muriella, casada con Giosberto de Luci.
- Constanza de Sicilia (morta c. 1101), casada desde 1095 con Conrado II de Italia, Rei de romanos.
- Felicia (c. 1078 - 1102), casada co rei Colomán de Hungría.
- Xudite (morta e 1136), casada con Roberto I de Bassunvilla.
- Roxerio casou por terceira vez en 1087 con Adelaida del Vasto (1074 - 1118), sobriña de Bonifacio de Savona. Deste matrimonio naceron:
- Simón, que o sucedeu como conde de Sicilia.
- Matilde, casada con Ranulfo II, conde de Alife.
- Roxerio, conde e máis tarde rei de Sicilia.
- Maximilia, casada con Hildebrando VI (da familia Aldobrandeschi).
- Ademais dos anteriores, Roxerio tivo outros fillos con mulleres descoñecidas, aínda que estas puideron ter sido algunha das súas esposas. Sábese acerca dos seguintes:
Aspecto físico e calidades humanas
[editar | editar a fonte]O cronista Goffredo Malaterra, contemporáneo do conde, descríbeo da seguinte maneira:
Foi un mozo moi ben proporcionado, alto e elegante, listo de expresión, sabio no consello, con visión de futuro no tratamento da empresa. Sempre se mantivo amábel e alegre. Tamén estaba dotado de gran forza física e tiña un gran valor no combate. E en virtude destas calidades, gañou o favor de todos en breve tempo.
Morte e sucesión
[editar | editar a fonte]Roxerio morreu en Mileto o 22 de xuño de 1101 e foi soterrado na igrexa do mosteiro da Santísima Trindade desa cidade. Dita igrexa quedou destruída por un terremoto en 1783 polo que o seu sarcófago se trasladou ao Museo Arqueolóxico de Nápoles.[50]
Xordán a pesar de ser posibelmente o seu primoxénito, non o sucedeu, ao ser posibelmente ilexítimo ou polo feito de ter perdido a confianza de seu pai tras a súa rebelión en 1083. Tamén é probábel que morrese antes que o seu pai. En canto a Godofredo, puido tamén ser ilexítimo pero, aínda que non o fose, sufría de lepra, o que o imposibilitaba.
A diferenza de Xordán e Godofredo, Mauger era con case total seguridade fillo lexítimo do conde, pero é probábel que morrese antes deste. En caso que non fose así, descoñécese por que non sucedeu o seu pai.
Así que á morte de Roxerio, o condado pasou a Simón, o seu primeiro fillo varón con Adelaida del Vasto, a súa terceira esposa. Simón ocupou o trono a unha curta idade e, tras a súa temperá morte, foi sucedido polo seu irmán Roxerio como Roxerio II. Posteriormente este Roxerio uniría todas as posesións normandas en Italia e logrou en 1130 que o antipapa Anacleto II o proclamase rei de Sicilia (a cambio do seu apoio para ocupar a cadeira de san Pedro. Roxerio faise feudatario do papa, o que provocaría un problema político cando a dinastía Hohenstaufen tomou o poder no Reino de Sicilia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Norwich 1967, p. 202.
- ↑ O historiador Hubert Houben sostén que en realidade naceu máis tarde, posibelmente contra 1040.
- ↑ Houben 2002, p. 8.
- ↑ Hill 1914, p. 256.
- ↑ Société d'archeologie, de litterature, sciences et arts d'Avranches et Mortain (1953). "Revue de l'Avranchin et du pays de Granville" (en francés). Avranches, Francia: Société d'archéologie, de littérature, sciences et arts: 256. ISSN 0035-1342.
- ↑ "Richard II Duke of Normandy, 996-1026" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Norwich 1967, p. 126.
- ↑ Malaterra 2005, Libro 1 p. 20.
- ↑ Norwich 1967, p. 127.
- ↑ Norwich 1967, p. 146.
- ↑ Bartlett, Robert (2003): La formación de Europa: Conquista, colonización y cambio cultural, 950-1350. Valencia: Universitat de València / Universidad de Granada. ISBN 84-370-5691-8. Consultado o 27 de setembro de 2016.
- ↑ 12,0 12,1 Norwich 1967, pp. 141-146.
- ↑ Norwich 1967, pp. 147-148.
- ↑ Norwich 1967, p. 150.
- ↑ Norwich 1967, p. 151.
- ↑ Norwich 1967, p. 152.
- ↑ Norwich 1967, pp. 162-163.
- ↑ 18,0 18,1 Norwich 1967, p. 164.
- ↑ Norwich 1967, p. 168.
- ↑ Norwich 1967, pp. 165-166.
- ↑ 21,0 21,1 Norwich 1967, pp. 169-171.
- ↑ Norwich 1967, p. 172.
- ↑ Malaterra 2005, Libro 2 p. 30.
- ↑ Norwich 1967, pp. 173-175.
- ↑ Norwich 1967, pp. 178-179.
- ↑ Norwich 1967, pp. 179-181.
- ↑ Norwich 1967, p. 181.
- ↑ Norwich 1967, p. 184.
- ↑ 29,0 29,1 Norwich 1967, p. 185.
- ↑ Norwich 1967, pp. 193-194.
- ↑ Norwich 1967, pp. 197-198.
- ↑ Norwich 1967, p. 198.
- ↑ Norwich 1967, pp. 200-201.
- ↑ 34,0 34,1 Norwich 1967, p. 272.
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 Norwich 1967, p. 271.
- ↑ Malaterra 2005, Libro 4 p. 14.
- ↑ Norwich 1967, pp. 274-276.
- ↑ 38,0 38,1 Norwich 1967, pp. 279-280.
- ↑ 39,0 39,1 39,2 Norwich 1967, p. 289.
- ↑ Norwich 1967, pp. 277-279.
- ↑ Norwich 1967, pp. 292-293.
- ↑ 42,0 42,1 Norwich 1967, pp. 206-207.
- ↑ Norwich 1967, pp. 295-296.
- ↑ 44,0 44,1 Norwich 1967, p. 273.
- ↑ 45,0 45,1 45,2 Norwich 1967, pp. 292-294.
- ↑ Norwich 1967, pp. 338-339.
- ↑ Norwich 1970, pp. 73-74.
- ↑ Norwich 1970, pp. 199-201.
- ↑ Norwich 1970, pp. 378-379.
- ↑ Norwich 1967, pp. 300-301.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roxelio I de Sicilia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brown, Gordon (2003). The Norman Conquest of Southern Italy and Sicily (en inglés). Jefferson, North Carolina: McFarland. ISBN 0786414723.
- Hill, James (1914). The place-names of Somerset (PDF) (en inglés). Reino Unido: ST. Stephen's printing works. OCLC 5067941.
- Houben, Robert (2002). "Capítulo I: The Inheritance". Roger II of Sicily A ruler between east and west (PDF) (en inglés). The Edinburgh Building, Cambridge, Reino Unido: Cambridge University Press. ISBN 9780521655736. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de febreiro de 2017. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- Malaterra, Goffredo (2005). The deeds of count Roger of Calabria and Sicily and of his brother duke Robert Guiscard (en inglés). The University of Michigan Press. ISBN 0-472-11459-X.
- Norwich, John Julius (1967). The Normans in the South, 1016-1130 (en inglés). Londres: Longmans. OCLC 358519.
- Norwich, John Julius (1970). The kingdom in the sun, 1130-1194 (en inglés). Nueva York: Harper & Row. OCLC 134983.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Roxerio de Hauteville (en inglés)
- Ruggero d'Altavilla (1031-1101) (en italiano)
Predecesor: Título novo |
Conde de Sicilia 1072–1101 |
Sucesor: Simón de Sicilia |