Basilio o Grande
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 329 Kayseri, Turquía |
Morte | 379 (49/50 anos) Kayseri, Turquía |
Relixión | Cristianismo e Igrexa católica |
Actividade | |
Campo de traballo | Teoloxía e administration and management of the church (en) |
Lugar de traballo | Atenas |
Ocupación | sacerdote católico (365–), diácono (362–), teólogo, Arcebispo, escritor, filósofo, bispo católico |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano |
Profesores | Macrina Maior (pt) , Eustátio de Sebaste (pt) e Gregorio Nacianceno |
Enaltecemento | |
| |
Día de festividade relixiosa | 2 de xaneiro |
Participou en | |
325 | Primeiro Concilio de Nicea |
Familia | |
Pais | Basílio, o Velho e Emília de Cesareia |
Irmáns | Macrina, a Jovem Gregorio de Nisa Pedro de Sebaste |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Basilio o Grande, nado en Cesárea, Capadocia, no 329 e finado o 1 de xaneiro de 379, foi un bispo capadocio que protagonizou a loita contra a herexía ariana. É considerado un dos Pais da Igrexa, tanto pola Igrexa ortodoxa como para a Igrexa católica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Por parte de pai e de nai descendía de familias cristiás que sufriron persecucións. Entre os seus nove irmáns figuraron San Gregorio de Nisa, Santa Macrina a Nova e San Pedro de Sebaste. Seu pai, San Basilio o Vello, e súa nai, Santa Emelia, posuían vastos terreos e Basilio pasou a súa infancia na casa da aldea da súa avoa, Santa Macrina, cuxo exemplo e cuxas ensinanzas nunca esqueceu. Comezou os estudos en Constantinopla e completounos en Atenas. Alí tivo como compañeiros de estudo a San Gregorio Nacianceno, que se converteu no seu amigo inseparábel e a Xuliano, que máis tarde sería o emperador apóstata.
Basilio e Gregorio Nacianceno, os dous mozos capadocios, asociáronse cos máis selectos talentos contemporáneos e, como di este último nos seus escritos, "só coñecíamos dúas rúas na cidade: a que ía á igrexa e a que nos levaba ás escolas". Logo Basilio regresou a Cesárea, onde pasou algúns anos na ensinanza da retórica. Cando se achaba nos comezos dunha brillante carreira, sentiuse impulsado a abandonar o mundo polos consellos da súa irmá máis vella, Macrina. Esta, logo de colaborar activamente na educación e establecemento dos seus irmáns máis pequenos, retirouse coa súa nai, xa viúva, e outras mulleres, a unha das casas da familia, en Annesi, sobre o río Iris, para levar unha vida comunitaria.
Foi entón, ao parecer, cando Basilio recibiu o bautismo e tomou a determinación de servir a Deus dentro da pobreza evanxélica. Comezou por visitar os principais mosteiros de Exipto, Palestina, Siria e Mesopotamia, co propósito de ver e estudar a vida relixiosa. Ao retorno da súa xira estableceuse nunha paraxe na rexión do Ponto, afastada de Annesi polo río Iris, e entregouse á oración e ao estudo.
Obra pastoral
[editar | editar a fonte]Cos discípulos que se arrexuntaron ao seu redor, entre os cales figuraba o seu irmán Pedro, formou o primeiro mosteiro que houbo en Asia Menor, organizou a existencia dos relixiosos e enunciou os principios que até o presente gobernan a vida dos monxes na Igrexa de oriente. San Basilio practicou a vida monástica propiamente dita durante cinco anos soamente, pero na historia do monacato cristián ten tanta importancia como o propio San Bieito.
Por aquela época, a herexía ariana estaba no seu apoxeo e os emperadores herexes perseguían aos ortodoxos. No ano 363 Basilio ordenouse diácono e crego en Cesárea, pero o seu nomeamento provocou tensións entre el e o arcebispo Eusebio, que non vía con bos ollos a influencia do santo. Este volveu a retirarse ao Ponto para axudar na fundación e dirección de novos mosteiros, pero foi chamado de novo dende Cesárea. Dous anos máis tarde, San Gregorio Nacianceno, no nome da ortodoxia, sacou a Basilio do seu retiro para que lle axudase na defensa da fe do clero e das Igrexas. Levouse a cabo unha reconciliación entre Eusebio e Basilio; este quedou en Cesárea como o primeiro auxiliar do arcebispo.
Durante unha época de seca á que seguiu outra de fame, Basilio botou man de todos os bens que herdara da súa nai, vendeunos e distribuíu o produto entre os máis necesitados. Tamén organizou un sistema de axuda, que comprendía as cociñas ambulantes que el mesmo conducía polas rúas dos barrios máis afastados para distribuír alimentos aos pobres.
No ano 370 finou Eusebio e, a pesar da oposición que se puxo de manifesto nalgúns poderosos círculos, Basilio foi elixido para ocupar a sé arcebispal vacante. O 14 de xuño tomou posesión, para gran ledicia de Santo Atanasio de Alexandría e contrariedade igualmente grande para Valente, o emperador ariano. Ao mesmo tempo que bispo de Cesárea, Basilio era exarca do Ponto e metropolitano de cincuenta sufraxáneos, moitos dos cales se opuxeran á súa elección e mantiveron a súa hostilidade, até que Basilio se fixo coa súa confianza e o seu apoio.
A división de Capadocia en dúas provincias civís alentou a reclamación de Antino, bispo de Tiana, para ocupar a sé metropolitana da Nova Capadocia. A disputa resultou desafortunada para San Basilio, non tanto por terse visto na obriga de ceder na división da súa arquidiócese, como por terse pelexado co seu amigo San Gregorio Nacianceno, a quen Basilio insistía en consagrar como bispo de Sasima, entre as dúas Capadocias.
Mentres o santo defendía así a igrexa de Cesárea, non deixaba de mostrar o seu celo acostumado no cumprimento dos seus deberes pastorais. Predicaba, á mañá e á tarde, a asembleas tan numerosas que el mesmo as comparaba co mar. Os seus fieis adquiriron o costume de comungar todos os domingos, mércores, venres e sábados. Entre as prácticas que Basilio observou nas súas viaxes e que máis tarde implantou na súa sede, figuraban as reunións na igrexa antes do amencer, para cantar os salmos. Con frecuencia realizaba visitas a lugares apartados da súa residencia episcopal, até nos remotos sectores das montañas e, grazas á constante vixilancia que exercía sobre o seu clero e a súa insistencia en controlar a ordenación dos candidatos, fixo da súa arquidiocese un modelo de orde e disciplina eclesiásticos.
Para beneficio dos enfermos pobres, Basilio estableceu un hospital fora dos muros de Cesárea, tan grande e ben acondicionado, que San Gregorio Nacianceno o describe coma unha cidade nova e con grandeza suficiente para ser recoñecida coma unha das marabillas do mundo. Ese centro de beneficencia chegou a coñecerse co nome de Basiliada, e sostivo a súa fama durante moito tempo despois da morte do seu fundador.
Non tivo tanto éxito nos esforzos que fixo a favor das igrexas que se atopaban fóra da súa provincia. A morte de Santo Atanasio deixou a Basilio coma único xefe da ortodoxia no oriente, e este fixo constantes esforzos para fortalecer e unificar todos os cristiáns, sufocados polo arianismo e descompostos polos cismas e as disensións entre si. As propostas do santo foron mal recibidas, e o seus esforzos respondéronse con acusacións de ambición e de herexía. Os chamados que fixeron el e máis os seus amigos ao papa San Dámaso I e aos bispos occidentais para que interviñesen nos asuntos do oriente e axudasen nas dificultades, tropezaron coa indiferenza, debido, segundo parece, a que en Roma corrían rumores contrarios a el. "Sen dúbida a causa dos meus pecados -escribía San Basilio- parece que estou condenado ao fracaso en todo canto emprendo!"
O 9 de agosto de 378, o emperador Valente recibiu feridas mortais na batalla de Adrianópole e, co ascenso ao trono do seu sobriño Graciano, púxose fin ao ascendente do arianismo no Oriente. Cando as noticias destes cambios chegaron a ouvidos de San Basilio, este encontrábase no seu leito de morte. Morreu o 1 de xaneiro do ano 379, á idade de corenta e nove anos, esgotado por unha penosa enfermidade.
San Gregorio Nacianceno, Arcebispo de Constantinopla, no día do enterro dixo: "Basilio santo, nado entre santos. Basilio pobre viviu pobre entre os pobres. Basilio fillo de mártires, sufriu coma un mártir. Basilio predicou sempre cos seus beizos, e cos seus bos exemplos e seguirá predicando sempre cos seus escritos admirábeis". Setenta e dous anos despois da súa morte, o Concilio de Calcedonia rendeulle homenaxe con estas palabras: "O grande Basilio, o ministro da graza quen expuxo a verdade ao mundo enteiro indubidabelmente que foi un dos máis elocuentes oradores entre os mellores que a Igrexa tivo; os seus escritos colocárono no lugar de privilexio entre os seus doutores".
Obra escrita
[editar | editar a fonte]Consérvase unha extensa colección das súas cartas.
Nunha delas cóntanos que el pedía un cumprimento estrito da disciplina, o mesmo entre clérigos que entre laicos, e que certo diácono, que non era malo, pero si rebelde e un pouco atolado e que acostumaba presentarse no medio dun grupo de rapazas que cantaban himnos e bailaban, tropezou con el. Con igual determinación combateu a simonía nos postos eclesiásticos e a admisión de persoas indignas entre o clero. Loitou contra a rapacidade e a opresión dos funcionarios e chegou a excomungar a todos os implicados na "trata de brancas", unha actividade moi difundida na Capadocia.
Podía reconvenir con severidade, pero prefería as maneiras suaves e xentís; como un exemplo, están as súas cartas a unha rapaza descarriada e a un clérigo colocado nun posto de grande responsabilidade, que se estaba mesturando na política. Moitos ladróns que só agardaban seren entregados aos xuíces para sufrir un castigo terrible, foron amparados polo santo e devoltos as súas casas en liberdade, pero cunha amoestación sobre as súas conciencias.
Tampouco quedaba calado Basilio cando eran os adiñeirados e poderosos quen quebrantaban os seus deberes:
Negádesvos a dar co pretexto de que non tendes o suficiente para as vosas necesidades -exclamou nun dos seus sermóns- pero en tanto que a vosa lingua escúsavos, a vosa man acúsavos: Cantos debedores poderían ser rescatados da prisión con un deses aneis! Cantas pobres xentes ateridas polo frío se cubrirían con un só dos vosos gardarroupas! E porén, vós deixades ir os pobres das vosas portas, coas mans baleiras!
Non era unicamente aos ricos a quen impuña a obriga de dar:
Dis que ti es pobre? Ben; pero sempre haberá outros máis pobres que ti. Se tes o bastante para manterte vivo dez días, aquel home non ten suficiente para vivir un... Non teñades vergoña de dar o pouco que teñades. Non coloquedes nunca os vosos propios intereses antes que a necesidade común. Dade o voso derradeiro chusco de pan ao mendigo que o pide e confiade na misericordia de Deus.
Milagres atribuídos
[editar | editar a fonte]Antes de cumprirse doce meses do nomeamento de Basilio, o emperador Valente chegou a Cesárea, tras realizar en Bitrina e Galacia unha implacábel campaña de persecucións. Por diante del enviou ao prefecto Modesto, coa misión de convencer a Basilio para que se sometera ou, polo menos, accedera a tratar algún compromiso. O santo respondeulle:
Que me ides poder quitar se non teño nin casas nin bens, pois todo o repartín entre os pobres? Vasme atormentar? É tan fráxil a miña saúde que non resistirei un día de tormentos sen morrer e non poderás seguir atormentándome. Ídesme desterrar? A calquera sitio a onde me desterres, alá estará Deus, e onde estea Deus, alí é a miña patria, e alí me sentirei ledo.
O gobernador respondeu admirado: “Xamais ninguén me contestou”. E Basilio engadiu: “É que xamais atoparas un bispo”.
O emperador Valente decidiuse no favor de exilialo e dispúñase a asinar o edito; pero disque en tres ocasións sucesivas a pluma de cana co que o ía facer partiuse no momento de comezar a escribir. O emperador quedou sobrecollido de temor ante aquela manifestación, confesou que admiraba a firme determinación de Basilio e resolveu que, no sucesivo, non volvería a intervir nos asuntos eclesiásticos de Cesárea.
Culto
[editar | editar a fonte]San Basilio recibe o título de Doutor da Igrexa na Igrexa católica polas súas achegas ao debate iniciado pola controversia ariana acerca da natureza da Santa Trindade, e especialmente á cuestión sobre a divindade do Espírito Santo.[1]
Dentro da Igrexa católica, san Basilio é celebrado en diferentes datas nos diferentes ritos litúrxicos. Na forma ordinaria do rito romano celébrase xunto a san Gregorio Nacianceno o 2 de xaneiro.[2] Na Igrexa católica maronita, de rito antioquense, celébrase xunto a San Gregorio o 1 de xaneiro, e en solitario o 15 de xuño.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rengers, Christopher (2014). "Saint Basil the Great". The 35 Doctors of the Church. TAN Books. ISBN 9781618906489.
- ↑ Tylenda, Joseph N (1989). Saints of the Liturgical Year: Brief Biographies. Georgetown University Press. p. 1. ISBN 9780878404988.