Parque Nacional de Yosemite
(en) Yosemite National Park | ||||
Tipo | parque nacional dos Estados Unidos atracción turística Parque nacional | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Condado de Tuolumne, Estados Unidos de América (pt) , Condado de Mariposa, Estados Unidos de América (pt) , Condado de Madera, Estados Unidos de América (pt) e California, Estados Unidos de América | |||
| ||||
Cordilleira | Serra Nevada | |||
Composto por | ||||
Características | ||||
Punto máis alto | Monte Lyell (pt) (3.997 m ) | |||
Superficie | 3.027,19 km² Patrimonio da Humanidade: 307.934 ha | |||
Patrimonio da Humanidade | ||||
Tipo | Patrimonio natural → Europa-América do Norte | |||
Data | 1984 (8ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (vii) e (viii) | |||
Identificador | 308 | |||
Categoría II da UICN: Parque Nacional | ||||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 975 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1 de outubro de 1890 | |||
Actividade | ||||
Visitantes anuais | 3.667.550 (2022) | |||
Operador | Servizo Nacional de Parques | |||
Sitio web | nps.gov… | |||
O Parque Nacional de Yosemite / joʊˈsɛmɨti sitúase a aproximadamente 320 km ao leste de San Francisco, en California, Estados Unidos. Cobre unha área de 3.081 km² e esténdese a través das ladeiras orientais da cadea montañosa de Serra Nevada. É visitado por máis de tres millóns de persoas cada ano, e a gran maioría só percorre a parte do val de Yosemite. Foi nomeado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO en 1984 e é recoñecido internacionalmente polos seus cantís de granito, fervenzas, ríos cristalinos, fragas de sequoias xigantes e a gran diversidade biolóxica (cerca do 95% da área do parque está denominada zona salvaxe). Foi o primeiro parque disposto polo goberno federal dos Estados Unidos e a través do traballo de persoas como John Muir foi un punto relevante no desenvolvemento da idea de parques nacionais.
Yosemite é un dos hábitats máis grandes e menos fragmentado, posúe unha gran diversidade de plantas e animais. O parque ten unha elevación que vai de 600 a 4.000 metros e contén cinco zonas principais de vexetación: área boscosa de carballos, vexetación de baixa montaña, vexetación de alta montaña, vexetación subalpina e vexetación alpina. Das 7.000 especies de plantas de California, arredor do 50% atópanse en Serra Nevada, e máis do 20% dentro do Parque Yosemite.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O parque atópase situado no centro de Serra Nevada, California.
Rochas e erosión
[editar | editar a fonte]A formación xeolóxica da área é de rochas de granito e remanentes de rochas máis antigas. Hai aproximadamente 10 millóns de anos, Serra Nevada sufriu unha elevación e despois foi inclinada até formar as abas relativamente lenes do oeste e as ladeiras máis pronunciadas do leste. A elevación acentuou o grao de inclinación dos ríos e regueiros, formando canóns e corgos profundos. Hai un millón de anos, a neve e o xeo acumuláronse formando glaciares nos prados alpinos máis elevados e moveron cara a abaixo os vales dos ríos. O movemento descendente da masa de xeo cortou e esculpiu o val en forma de U que atrae hoxe en día gran cantidade de visitantes pola súa particular paisaxe.
Case todas as formacións rochosas da zona de Yosemite son de rocha granítica do batólito de Serra Nevada. Preto do 5% do parque (na beira leste, preto do monte Dana) hai formacións procedentes do metamorfismo de rochas volcánicas e sedimentos.
A erosión sufrida sobre diferentes tipos de elevacións e sistemas de fracturas é a responsábel da creación de vales, canóns, lombeiros e outras características que se ven hoxe en día. A separación entre as fracturas e conxunturas é ampla, debido á cantidade de dióxido de silicio presente no granito e as rochas.
Os piares e columnas, como a columna Washington e Flecha Perdida foron creadas por xunturas cruzadas. A erosión sobre as xunturas é a responsábel da creación dos vales e dos canóns. A forza máis erosiva dos últimos millóns de anos foron os grandes glaciares, que cambiou a forma dos vales creados polo curso dos ríos en forma de V a canóns de formación glaciar en forma de U.
Xeo e auga
[editar | editar a fonte]Os sistemas do río Tuolumne e do río Merced orixínanse en Serra Nevada e crearon canóns de 900 a 1200 metros de profundidade. O río Tuolumne drena a parte norte do parque, unha área de aproximadamente 1.760 km². O río Merced orixínase nos cumios do sueste do parque, principalmente nas cadeas montañosas de Catedral e Clark.
Os procesos hídricos, incluíndo a glaciación, enchentes e acción fluvial foron fundamentais na creación das paisaxes do parque. O lugar tamén posúe preto de 3.200 lagos, dous reservorios de auga e 2.700 km de regatos.
As zonas húmidas atópanse na base dos vales, e xeralmente atópanse hidroloxicamente ligados cos ríos e lagos achegados a través das enchentes temporais e o movemento de augas subterráneas. Os hábitats da pradaría, distribuídos a unha elevación de 900 a 3500 metros, son xeralmente zonas húmidas.
Existen numerosas formacións rochosas no parque que permiten a existencia de saltos de auga, especialmente durante os meses de abril, maio e xuño, cando se derrete a neve. As fervenzas de Yosemite, con 782 m son as máis altas de América do Norte e as terceiras do mundo. Tamén no val, atópanse as cataratas Ribbon que, cun volume de auga inferior, é o salto vertical máis alto (492 m).
Os glaciares que se atopan no parque son relativamente pequenos, e ocupan zonas que se atopan en sombra case permanente. O glaciar Lyell é o máis grande de Serra Nevada, ocupando 65 hectáreas. Ningún dos glaciares de Yosemite son remanentes dos inmensos glaciares da Era de Glaciación, responsábeis da formación da paisaxe do lugar. Estes formáronse durante un dos episodios de neoglaciación que tiveron lugar despois do derretemento da gran glaciación. O quecemento global reduciu o número e tamaño dos glaciares de todo o mundo. Moitos dos glaciares de Yosemite, incluíndo o Merced, que foi descuberto por John Muir en 1871 e reforzou a súa teoría da orixe glaciar da área, desapareceron, e moitos dos que aínda permanecen perderon o 75% da súa área de superficie.[1]
Clima
[editar | editar a fonte]A área do parque ten un clima mediterráneo, polo que as precipitacións normalmente suceden durante o suave inverno e o resto das estacións son bastante secas (as precipitacións durante os calorosos meses de verán son menores ao 3%). As precipitacións aumentan coa elevación do terreo, até os 2.400 metros, a partir de onde comezan a decrecer até a cima. A cantidade de choiva varía desde 915 mm aos 1200 metros de altura até os 1200 mm aos 2600 metros de altura. A neve polo xeral non calla no chan até novembro, pero se acumula ao longo de todo o inverno e fica até fins de marzo ou comezos de abril.
A temperatura descende a medida que aumenta a elevación do terreo. As temperaturas extremas son moderadas debido a que Yosemite atópase a só 160 km do océano Pacífico. Un centro anticiclónico situado na costa de California durante o verán, fornece de masas de ar fresco a Serra Nevada, o que proporciona un ar seco e limpo na área de Yosemite.
A temperatura diaria media oscila entre os -3,9 e os 11,5 °C na zona de Tuolumne, a 2.600 m. Na entrada do sur, preto de Wawona (onde a elevación é de 1.887 m) a media é de 2,2 a 19,4 °C. Nas elevacións menores a 1.525 m, as temperaturas son máis cálidas: no val Yosemite varían de 7,8 a 32,2 °C. Nas zonas de altura superior aos 2.440 metros, as temperaturas do verán caloroso e seco son atenuadas por frecuentes tormentas de verán. A combinación de vexetación seca, relativa baixa humidade e as tormentas eléctricas dan como resultado frecuentes incendios provocados por raios.
Biodiversidade
[editar | editar a fonte]En Yosemite consérvase un dos mellores bosques naturais das Montañas Rochosas, cunha inmensa diversidade tanto animal como vexetal debido á variedade de climas que posúe.
Ao longo de gran parte da fronteira occidental de Yosemite, os hábitats están dominados por bosques mixtos de coníferas de piñeiro ponderosa, Pinus lambertiana, cedro de California, abeto branco, abeto de Douglas e algúns exemplares de sequoia xigante intercaladas con áreas de cerquiño. Estes hábitats apoian unha diversidade moi alta de especies de vida silvestre, debido a un clima relativamente lene e de baixa elevación xunto coa mestura de tipos de hábitats e especies de plantas. As especies de vida silvestre atopadas nestes hábitats inclúen o oso negro, o coiote, o Odocoileus hemionus, o mapache, a serpe real de montaña, o peto, o lince, a lontra, o raposo cinsento, o raposo vermello, dúas especies de mofeta, e unha ampla variedade de especies de morcegos.
Ao elevarse máis, os bosques de coníferas convértense en masas máis puras de abeto vermello, piñeiro branco occidental, piñeiro Jeffrey, piñeiro contorta e, se cadra, o piñeiro de Balfour. Un menor número de especies silvestres tenden a se atopar nestes hábitats, por mor da maior elevación. Especies que probabelmente se atopan inclúen algunhas especies de esquío (Callospermophilus lateralis ou Tamiasciurus douglasii), o gaio de Steller e o azor.
A medida que a montaña ascende, as árbores tórnanse máis miúdas e máis escasas, con áreas de granito exposto. Estes inclúen o piñeiro contorta, o piñeiro de casca branca e a Tsuga mertensiana que, nas elevacións máis altas, dan paso a grandes extensións de granito a medida que se acada o límite do bosque. O clima nestes hábitats é frío e a estación cálida é curta, mais as especies tales como a pica americana, a marmota de ventre amarelo ou o pimpín montano negro viven baixo estas condicións.
Atractivos e actividades para visitantes
[editar | editar a fonte]O val de Yosemite representa tan só o 1% da área do parque, mais é o lugar onde chegan e quedan a maioría dos visitantes. O Capitán, un prominente cantil de granito que se albisca sobre o val, é un dos destinos máis populares do mundo entre os que practican escalada na rocha, debido aos seus diferentes graos de dificultade e numerosas rutas de ascenso establecidas, ademais de ser accesíbel durante todo o ano.
O parque posúe tres bosques de exemplares senlleiros de sequoias xigantes (Sequoiadendron giganteum): o bosque Mariposa (200 árbores) o bosque Tuolumne (25 árbores) e o bosque Merced (20 árbores). As sequoias xigantes son unhas das árbores máis altas e de maior lonxevidade no mundo.
Gran parte do parque pecha durante o inverno debido ás fortes nevaradas; con todo, o val de Yosemite permanece aberto durante todo o ano.
- Andainas: Posúe máis de 1.300 quilómetros de carreiros marcados polos cales se poden planificar andainas. Existen 5 seccións ben diferenciadas para os visitantes:
- Yosemite Valley
- Wawona/Mariposa Grove/ Glacier Point,
- Tuolumne Meadows,
- Hetch Hetchy,
- Crane Flat/White Wolf.
Existen numerosas guías que describen os carreiros do parque e o mesmo servizo dentro do parque ofrece información. A maioría dos empregados do parque alentan os turistas a que visiten outras áreas do parque máis aló do val Yosemite.
- Escalada en rocha: É unha das principais actividades en Yosemite, especialmente durante os meses que non neva. Ofrécense clases para principiantes.
- Excursións de mochileiros: entre finais da primavera e comezo do outono, gran parte do parque habilítase para excursións de mochileiros de varios días. As actividades que inclúen pasar a noite requiren dunha autorización e a maioría require ter lugares de almacenamento de alimentos a proba de osos.
- Paseos en bicicleta: O val de Yosemite ten máis de 24 km de carreiros para bicicletas. Segundo a regulamentación do parque, as bicicletas só son permitidas en áreas pavimentadas. A práctica de mountain bike non é permitida dentro do parque.
- Natación / Rafting: Xeralmente a mediados do verán, o río Merced, no val de Yosemite, está cálido e profundo abondo como para practicar rafting. Tamén hai algúns encoros con auga morna para nadar.
- Paseos de a cabalo: as cortes atópanse abertas durante o verán, e ofrecen paseos guiados en mulas.
- Esquí: Badger Pass Ski Area é a zona de esquí máis antiga de California. Abre no inverno. Posúe varias baixadas e unha escola de esquí. Gran parte do parque está dispoñíbel para esquiar. Se as excursións de esquí duran máis dun día, requírese un permiso para pasar a noite no parque.
- Andainas na neve: Tanto o servizo do parque como outras organizacións ofrecen a posibilidade de facer camiñadas pola neve dentro do parque.
- Patinaxe sobre xeo: A pista de patinaxe sobre xeo Curry Village abre entre os meses de novembro e marzo. No pasado era máis grande, pero aínda ofrece unha área para patinadores principiantes e avanzados. A pista habilítase por sesións de dúas ou tres horas e logo límpase o xeo para a seguinte sesión.
- Cea Bracebridge: É unha celebración anual, que se realiza desde o ano 1972 no hotel Ahwahnee, inspirado na descrición do Libro de apuntamentos de Washington Irving sobre as tradicións do Nadal na Inglaterra dos anos 1700. Entre 1929 e 1973 o espectáculo foi organizado por Ansel Adams.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Geology of U.S. Parklands, page 228
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Parque Nacional de Yosemite |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Geology of National Parks: Fifth Edition, Ann G. Harris, Esther Tuttle, Sherwood D., Tuttle (Iowa, Kendall/Hunt Publishing; 1997) ISBN 0-7872-5353-7
- Yosemite: A Visitor's Companion, George Wuerthner, (Stackpole Books; 1994) ISBN 0-8117-2598-7
- Geology of Ou.S. Parklands: Fifth Edition, Eugene P. Kiver e David V. Harris (Jonh Wiley & Sons; Nova York; 1999; page 227) ISBN 0-471-33218-6
- Yosemite: Official National Park Service Handbook (non. 138), Division of Publications, National Park Service
- Yosemite National Park: A Natural History Guide to Yosemite and Its Trails, Jeffrey P. Schaffer, (Wilderness Press, Berkeley; 1999) ISBN 0-89997-244-6
- National Park Service: Yosemite Wildlife