Mapa de Juan de la Cosa
O mapa de Juan de la Cosa é un mapa pintado sobre pergamiño, de 93 cm de alto por 183 de ancho, conservado no Museo Naval de Madrid. Unha inscrición no mesmo sinala que foi realizado polo mariñeiro cántabro Juan de la Cosa en 1500 en El Puerto de Santa María (Cádiz). A súa decoración indica que probablemente foi feito por encargo dalgún membro poderoso da corte dos Reis Católicos.[1]
Está considerado como a representación do continente americano máis antiga conservada,[2] no que aparecen as terras descubertas até finais do século XV polas expedicións castelás, portuguesas e inglesas a América. Tamén mostra unha gran parte do Vello Mundo, segundo o estilo típico dos portolanos medievais, incluíndo noticias da recente chegada de Vasco da Gama á India en 1498.[1]
É a única obra cartográfica conservada das realizadas polas testemuñas presenciais das primeiras viaxes de Cristovo Colón ás Indias.[3] O mapa fai alusión ao descubridor mediante unha grande imaxe de San Cristovo que cobre a zona onde debería estar Centroamérica. Cuba represéntase como unha illa, en contra da opinión de Colón, que a consideraba unha península das Indias.[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]A carta de Juan de la Cosa é unha obra manuscrita, de 93 cm de alto (norte-sur) por 183 de ancho (leste-oeste), debuxada sobre dúas follas enlazadas de pergamiño de pel de tenreira cosidos a un lenzo resistente. Os dous anacos están pegados polo centro, á altura de Italia e África, e a súa forma non é simétrica xa que a parte occidental corresponde ao pescozo do animal.[1] Está ilustrada con tinta e acuarelas.[5] O Novo Mundo aparece representado en verde mentres que o Vello Mundo non está coloreado. No mapa sinálanse os ríos, portos e núcleos de poboación mediante símbolos convencionais. Ademais está profusamente decorado á maneira dos portolanos da escola mallorquina con rosas dos ventos, bandeiras, embarcacións, reis africanos e personaxes lendarios, como por exemplo o preste Xoán das Indias en África e os Reis Magos en Asia. A rosa dos ventos situada no Atlántico contén unha representación da Virxe e o Neno.[1] [6]
No extremo superior do mapa, cubrindo a rexión centroamericana, existe un recadro cunha imaxe de San Cristovo,[7] probable alusión a Cristovo Colón.[4] Baixo o santo aparece a referencia ao autor e data do mapa, "Juan de la cosa la fizo en el puerto de S: mã en año de 1500". Na marxe inferior á dereita aparece outra cartela pero en branco, aparentemente reservada para algún texto que ao final non se incluíu.[1]
O seu estado de conservación é en xeral bo pero con algúns estragos: descascados na parte superior así como diversas deterioracións debidas a un incendio.[7] Contén numerosos topónimos, escritos en castelán,[6] pero algúns deles son ilexibles, sobre todo na parte do Novo Mundo.[7]
Historia
[editar | editar a fonte]Autor e data
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Juan de la Cosa.
Unha cartela do mapa afirma que «Juan de la cosa la fizo en el puerto de S: mã en año de 1500»; é dicir, que "Juan de la Cosa fíxoa no Porto de Santa María no ano 1500".[4]
Juan de la Cosa foi un mariñeiro nacido en Cantabria a mediados do século XV e morto na costa da actual Colombia en 1509. Tivo un papel destacado na primeira viaxe de Colón ás Indias (1492-93) xa que foi como mestre da nao do capitán Colón, a Santa María. Tamén tomou parte na segunda viaxe do Almirante (1493-96). En 1499 asociouse con Alonso de Ojeda para realizar unha expedición propia a América, na que quizais participase tamén Américo Vespucio. Partiron en maio de 1499, percorreron unha parte substancial da costa atlántica de Suramérica e regresaron ou ben en novembro de 1499 ou ben en xuño de 1500.[8] Sábese que de la Cosa traía xa un esbozo de mapa consigo no regreso desta viaxe.[9] De la Cosa volveu a navegar na expedición de Rodrigo de Bastidas (finais de 1500[7] ou mediados de 1501[10] segundo diferentes autores) e debeu realizar a súa carta durante o verán ou outono de 1500. A rica ornamentación indica que probablemente foi realizada por encargo dalgún personaxe poderoso, quizais o bispo Fonseca.[1]
Algúns historiadores puxeron en dúbida que a carta date de 1500 porque estiman que parte da información cartográfica contida nela non fora descuberta aínda naquel ano. O primeiro en formular esta teoría foi George E. Nunn en 1934, que afirmaba que Cuba non foi circunnavegada até 1509 e que por iso de la Cosa non podía saber que era unha illa, que é como correctamente se mostra no mapa. Os seus argumentos foron rebatidos,[11] mostrándose por exemplo que Pietro Mártir xa escribira en 1501 que "moitos afirman ter navegado arredor de Cuba".[12][13] Outros autores apuntaron que na carta non figuran moitos dos acontecementos posteriores a 1500, como por exemplo a terceira viaxe do propio de la Cosa ao Novo Mundo (1501-1502), que descubriu o golfo de Urabá e a costa do Darién.[4]
Outra teoría, máis amplamente aceptada, afirma que o mapa que se conserva é unha copia do orixinal preparado por de la Cosa.[4] Un indicio a favor desta teoría é o feito de que moitos topónimos son ilexibles, como se o copista non tivera sido capaz de descifrar a letra do autor orixinal.[13] O historiador Hugo O'Donnell foi máis lonxe, opinando que o traballo de Juan de la Cosa limitouse a un esbozo que logo foi completado e enriquecido por algún outro cartógrafo.[1]
Por outro lado, en 1987, o Gabinete de Documentación Técnica do Museo do Prado amosou mediante diversas análises que os pigmentos da carta eran compatibles cunha realización en 1500. Non se apreciaron signos de repinte posterior.[14]
Desaparición e descubrimento
[editar | editar a fonte]Non existe constancia documental directa da carta pero sábese que Juan de la Cosa presentou dúas "cartas de marear de las Yndias" aos Reis Católicos en Segovia en 1503. Unha delas puido ser o seu mapamundi de 1500 ou quizais unha versión posterior do mesmo, actualizada cos descubrimentos das expedicións máis recentes.[15] Os dous mapas deberon pasar despois a poder do bispo Fonseca, en cuxo despacho os puido contemplar Pedro Mártir, segundo conta nun escrito datado en 1514:[16]
Visitei o prelado burgalés, patrón das referidas navegacións (...) Tivemos a man numerosas testemuñas de todo o ocorrido: unha esfera sólida do Universo con estes descubrimentos e diversos mapas que os navegantes chaman cartas de marear. Unha delas debuxárana os portugueses, con intervención, segundo dicían, do florentino Américo Vespucio (...) Outra carta, comezada por Colón cando percorría aqueles lugares, foi adicionada ao seu entender polo seu irmán Bartolomeu (...) Ademais, non houbo castelán que a pouco que se crera capacitado para medir terras e litorais, non se confeccionase o seu mapa. Gárdanse como os máis estimables os que compuxeron aquel Juan de la Cosa, compañeiro de Hojeda (...) e outro piloto nomeado Andrés Morales.Pedro Mártir de Anglería. Década II, Libro X. Datado o 4 de decembro de 1514.
A pista do mapa pérdese totalmente até que, en 1832, o barón de Walckenaer llo mercou a un comerciante de París e llo mostrou despois a varios amigos seus, entre os que se encontraba o erudito alemán Alexander von Humboldt, que foi o primeiro que o deu a coñecer. O español Ramón de la Sagra publicou en 1837 a parte occidental da carta e en 1842 o vizconde de Santarém reproduciu a parte dedicada a África.[17] Ao morrer o barón de Walckenaer en 1852, a súa biblioteca saíu a poxa. De la Sagra alertou ao Ministerio de Mariña español, que poxou pola carta e logrou adquirila por 4.321 francos da época.[1]
Localización actual
[editar | editar a fonte]Desde 1853 a carta exponse na Sala de Descubrimentos do Museo Naval de Madrid. A Carta realizou moi poucas saídas do Museo. A máis dramática ocorreu en novembro de 1936, en plena Guerra Civil, cando foi evacuada a Valencia para salvala das tropas nacionais que avanzaban sobre Madrid.[1]
A Carta non foi restaurada nunca. Realizáronse varias edicións facsímiles, a primeira en 1892 e a máis recente en 1992.
Historiografía
[editar | editar a fonte]A publicación de obras sobre o mapa de de la Cosa concentrouse en tres momentos históricos:[1]
- Anos 1830, cando se atopa e se dá a coñecer ao mundo científico grazas a Humboldt, La Sagra e o vizconde de Santarém, entre outros;
- Finais do século XIX, con motivo do IV Centenario do Descubrimento de América. Destaca o estudo realizado por A. Vascano, que acompañaba á primeira edición facsímile da carta.
- Finais do século XX, con motivo do V Centenario do mesmo acontecemento.
Territorios representados
[editar | editar a fonte]O mapa amosa, de oeste a leste: o continente americano e as súas illas adxacentes; o océano Atlántico cos seus arquipélagos principais; Europa, o Mediterráneo e África; o continente asiático e o océano Índico. Aínda que se lle chama "mapamundi" á carta de Juan de la Cosa, non o é nun sentido estrito porque a súa representación de Asia acaba na península da India, omitindo a China e o Xapón.[1] Tampouco aparecen o océano Pacífico nin as rexións antárticas.
Centroamérica e Antillas
[editar | editar a fonte]O trazado do mapa é claro e detallado na zona das Antillas, que aparecen representadas cada unha co seu nome. Entre o grupo de illas Bahamas debuxado por De la Cosa con gran precisión atópase a illa de Guanahani, que curiosamente non recibe ningún tratamento gráfico especial nin texto particular a pesar de ser a primeira terra "das Indias" que Colón afirma ter avistado na súa primeira viaxe.[5]
Cuba aparece baixo esa apelación, derivada da palabra indíxena Cubanacán, e non co nome de Juana que lle dera Colón.[4] A súa imaxe é bastante exacta: alongada, con numerosas baías, estrangulada en dous puntos e cun extremo occidental curvado que forma un amplo golfo cheo de pequenas illas.[5] O autor do mapa represéntaa correctamente como illa, a pesar de que en xuño de 1494 Colón fixera xurar a todos os que o acompañaban na súa segunda viaxe, entre os que se encontraba De la Cosa, que Cuba non era unha illa, senón unha península do continente asiático.[4] Algúns autores dubidan que De la Cosa puidese coñecer o feito da insularidade de Cuba en 1500,[18] o cal implicaría que o mapa debeu elaborarse máis tarde, mais outros historiadores afirman que para 1500 varias expedicións castelás xa circunnavegaran a illa.[5][12]
Contrariamente ás Antillas, a costa continental veciña está debuxada de maneira imprecisa, faltando as penínsulas de Florida e o Iucatán, o golfo de México e en xeral toda América Central, en cuxo lugar figura unha gran cartela coa imaxe de San Cristovo.[6] Crese que De la Cosa puido ter tapado a posta con este recadro a zona centroamericana para evitar debuxar unha liña de costa continua entre Norteamérica e Suramérica, a cal negaría a existencia do paso marítimo cara ás illas das Especias que Colón e outros afirmaban existía alí.[5][18]
Suramérica
[editar | editar a fonte]O mapa mostra a costa suramericana adornada con bandeiras castelás desde o cabo da Vela (na actual Colombia) até o extremo oriental do continente.[13] Alí figura un texto que di "Este cavo se descubrio en año de mily IIII X C IX por Castilla syendo descubridor vicentians" ("Este cabo descubriuse en 1499 por Castela sendo o descubridor Vicente Yáñez") e que moi probablemente se refire á chegada de Vicente Yáñez Pinzón a finais de xaneiro de 1500 á punta oriental de Suramérica, á que chamou cabo de Santa María da Consolación.[4] Máis cara ao leste aínda e separada do continente aparece unha «Ysla descubierta por portugal» ("Illa descuberta por Portugal") coloreada en azul. Probablemente De la Cosa quixo reflectir así a terra descuberta polo portugués Pedro Álvares Cabral en 1500 e que este bautizara como "Terra de Vera Cruz" ou "de Santa Cruz".[1]
Na zona norte da rexión suramericana aparece a Costa de perlas, que fora descuberta por Colón na súa terceira viaxe (1498) e que foi percorrida polo propio de la Cosa na súa viaxe con Alonso de Ojeda.[4] Aparecen tamén dúas mencións doutros tantos "mares doces" (Mar de agua duce e Mar Duce) que corresponden, respectivamente, ao da desembocadura do Orinoco, descuberto por Diego de Lepe en 1500 e ao situado fronte á costa das Güianas, navegado por Ojeda en 1499.[19]
Norteamérica
[editar | editar a fonte]O mapa representa Norteamérica como unha masa continental continua que se estende até o Ártico. Represéntase de maneira máis esquemática e con menos indicacións que outras zonas xeográficas.[5] O fragmento de costa norteamericana onde de la Cosa si escribiu topónimos está sinalado por cinco bandeiras inglesas de cor azul e marrón situadas entre dúas inscricións referidas á mesma nación: mar descubierta po ynglesie ("mar descuberto por ingleses") ao oeste e cavo de ynglaterra ("cabo de Inglaterra") ao leste.[4]
Crese que de la Cosa quixo representar desta maneira os descubrimentos realizados por Giovanni Caboto nas súas expedicións de 1497 e 1498 baixo bandeira inglesa. O embaixador castelán en Londres, Pedro de Ayala, debeulle enviar aos Reis Católicos unha copia do mapa debuxado por Caboto, hoxe en día desaparecido.[4][5]
Vello Mundo
[editar | editar a fonte]As costas de Europa e do Mediterráneo aparecen debuxadas coa precisión habitual dos portolanos da época.[6] O contorno de África amosaba os máis recentes descubrimentos portugueses. Así, no extremo sur do continente atópase unha nota que di: "Até aquí descubriu o excelente rei D. Xoán de Portugal", en referencia á viaxe de Bartolomeu Dias de 1487-1488. A costa oriental africana, que acababan de recoñecer os portugueses, presenta un trazado menos exacto.[1]
O continente asiático está debuxado só en parte e de maneira bastante inexacta. O mapa córtase nas ribeiras do mar Arábigo e falta polo tanto gran parte do subcontinente indio. Sri Lanka aparece representada como unha grande illa triangular chamada Trapobana.[5] Debaixo da península indostánica un texto di: "Terra descuberta polo rei D. Manuel, rei de Portugal", en referencia á viaxe de Vasco da Gama de 1497-1499.[1] Á parte desta nota, a representación da India é similar ás dos mapas da Geographia de Tolomeo así como á do Atlas Catalán de 1375.[5] Na parte central do océano Índico aparecen debuxadas dúas grandes illas, Zanabar e Madagascoa, similares ás do globo terráqueo de Martin Behaim.[5]
O cortar o mapa para non representar nin Indochina nin China podería ter sido unha estrataxema de De la Cosa, que así evitaría ter que tomar partido sobre se as terras descubertas por Colón eran o extremo oriental de Asia ou ben un continente novo.[4]
Cartografía
[editar | editar a fonte]Liñas de referencia
[editar | editar a fonte]O mapa de Juan de la Cosa presenta as liñas de rumbos tradicionais dos portolanos.[7] Nel figuran dúas rosas dos ventos principais de 32 direccións, unha ao sur da India e outra maior no medio do Atlántico. Estas dúas rosas son os centros de sendas circunferencias determinadas por outras 16 rosas dos ventos máis pequenas. Ao contrario doutras cartas posteriores, as rosas deste mapa non se intersecan unhas con outras.[20] A liña que une os centros das rosas constitúe o eixe principal da carta.
Ademais aparecen claramente resaltadas tres liñas rectas: unha leste-oeste rotulada «círculo cancro» que coincide case co eixe principal do mapa; outra, chamada «círculo equinoccial» ou «liña equinoccial», paralela á anterior e situada na metade sur, e unha liña norte-sur que pasa polos arquipélagos das Azores e de Cabo Verde e corta perpendicularmente as dúas anteriores, titulada «liña meridional». Os historiadores identifican unanimemente o «círculo equinoccial» co Ecuador e a maioría consideran que o «círculo cancro» representa o Trópico de Cáncer. Sobre a liña vertical díxose que se trata da liña fixada polo papa Alexandre VI na bula Inter Caetera (1493) ou ben que é o meridiano tomado como referencia no tratado de Tordesillas (1494) para dividir o Atlántico entre Castela e Portugal.[1] Outra teoría afirma que De la Cosa quixo sinalar a lonxitude na que a declinación magnética se anula, é dicir, onde o norte sinalado polo compás corresponde exactamente co polo Norte xeográfico sinalado pola Estrela Polar.[3]
Escala
[editar | editar a fonte]O mapa proporciona dúas escalas en forma de liñas de puntos sen ningún número nin explicación, colocadas nas marxes superior e inferior da metade occidental da carta.[1] Crese que a distancia entre puntos podería representar 50 millas.[5] Tamén se afirmou que o mapa foi debuxado utilizando unha escala diferente para o Novo Mundo e para o Vello,[1][5] o que tería dilatado a imaxe de América nunha proporción de 1,4:1 respecto ao Vello Mundo.[4]
O mapa non amosa nin os valores nin a definición do sistema de coordenadas utilizado na súa construción.[5]
O problema da latitude
[editar | editar a fonte]Se se parte da hipótese de que o mapa representa o globo terrestre segundo unha malla perpendicular de lonxitude e latitude, chégase á conclusión de que de la Cosa foi bastante exacto coas lonxitudes[21] pero cometeu erros de vulto coa latitude das terras americanas recentemente descubertas: Porto Rico aparece debuxado sobre o Trópico de Cáncer (o «círculo cancro») cando realmente se atopa cinco graos ao sur do mesmo;[3] a Española aparece á mesma altura que as Canarias, a pesar de que as súas latitudes difiren realmente en oito graos; a costa norte de Cuba parece chegar no mapa até os 36ºN mentres que realmente queda doce graos máis ao sur.[5]
Colón parece ter cometido os mesmos erros xa que, entre outros exemplos, na súa carta ao escribán de ración de marzo de 1493 afirmou da Española que «o sol ten alí gran forza, posto que é distante da liña equinoccial vinte e seis graos», mentres que esta illa se encontra realmente entre os 17.5 e 20ºN de latitude. En 1494 repetiu o mesmo dato nunha carta aos Reis Católicos relatando a súa segunda viaxe.[3]
Importancia
[editar | editar a fonte]O mapa de Juan de la Cosa ten grande importancia histórica por ser o único mapa coñecido realizado por un testemuño presencial dos das primeiras viaxes de Colón.[3] É ademais a carta máis antiga na que aparece de forma indiscutible o continente americano.
Dado que se trata dunha carta manuscrita, non gravada ou impresa, só unhas poucas persoas puideron ter o privilexio de consultala e estudala en detalle. Crese por iso que a súa influencia no desenvolvemento da cartografía debeu ser limitada.[5] Non obstante, sabemos que na súa época foi apreciada pola súa calidade xa que ou ela ou unha posterior do mesmo autor foi citada por Pedro Mártir en 1514 entre as "cartas de marear" castelás máis valiosas.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 Martín-Merás Verdejo, Mª Luisa (2000). "La carta de Juan de la Cosa: interpretación e historia". Monte Buciero (Ayuntamiento de Santoña) (4): 71–86. ISSN 1138-9680. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ Algúns historiadores propuxeron que as illas atlánticas debuxadas noutros mapas máis antigos, como a carta de Pizzigano (1424), poderían ser algunhas das Antillas pero non existe consenso sobre esta idea. Por outra parte, o mapa de Vinlandia representa unha parte de Norteamérica pero existe controversia sobre se data de mediados do século XV ou é unha falsificación do século XX.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Álvarez, Aldo (2003). "Geomagnetism and the Cartography of Juan de la Cosa". Terrae incognitae (35): 1–15. ISSN 0082-2884. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2012. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 Elkhadem, Hossam; et al. (1992). Bibliothèque Royale Albert Ier, ed. "Juan de La Cosa, Parte correspondiente a la America de la Carta General de Juan de La Cosa...". Cartes de Amériques dans les collections de la Bibliothèque Royale Albert Ier (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2011. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 Siebold, James (1998). "Monography on the Portolan World Map, Juan de la Cosa, 1500". Cartographic Images (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2009. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Museo Naval de Madrid. "Carta universal de Juan de la Cosa (1500)" (en castelán). Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Verlinden, páx.145
- ↑ A data é controvertida. Tradicionalmente deuse a de xuño de 1500 pero o historiador Demetrio Ramos sinalou unha data moito máis temperá, novembro de 1499.
- RAMOS, Demetrio (1980). "El regreso de Alonso de Ojeda de su viaje de descubrimiento". En Ministerio de Educación y Ciencia. Homenaje a Antonio Domínguez Ortiz. Madrid. ISBN 84-369-0833-3., citado en RAMOS, Demetrio (1982). "El retorno a España de Alonso de Ojeda, en calidad de preso, después de su Segundo Viaje" (PDF). Quinto Centenario (4): 209–220. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ Manzano Manzano, tomo 1, páx. 338. "Vido este testigo la carta de Juan de la Cosa que fizo en aquel viaje, e vido en ella la costa que descubrió." Declaración de Juan de Jerez (piloto) na probanza do fiscal dos Preitos colombinos de 1513. Arquivo de Indias, Patronato, mazo 12, ramo 10, fol. 56 v. Pleitos de Colón, tomo I, páx. 304
- ↑ Valderrama Andrade, Carlos (1993). "Atlas básico de la historia de Colombia". Revista credencial Historia (39): 12–14. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2009. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ Cerezo Martínez, Ricardo (1994). "La Carta de Juan de la Cosa (III)". Revista de Historia Naval (44): 21–37.
- ↑ 12,0 12,1 Roukema, E. (1959). "Some Remarks on the La Cosa Map". Imago Mundi. Vol. 14. pp. 38-54. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Davies, Arthur (1976). "The Date of Juan de la Cosa's World Map and Its Implications for American Discovery". The Geographical Journal 142 (1). páxs. 111-116. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ Cerezo Martínez, Ricardo, Monique Pelletier (ed.) (1989). "Aportación al estudio de la carta de Juan de la Cosa". En C.T.R.S. Géographie du monde au Moyen Âge et à la Renaissance. Paris. pp. 149–162.
- ↑ Manzano Manzano, tomo 1, páx. 505
- ↑ 16,0 16,1 Manzano Manzano, tomo 1, páxs. 335-336
- ↑ Acosta de Samper, Soledad (1883). "Juan de la Cosa". Biografías de hombres ilustres ó notables, Relativas á la época del Descubrimiento, Conquista y Colonización de la parte de América denominada actualmente EE.UU. de Colombia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2008. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- ↑ 18,0 18,1 Verlinden, páx.146
- ↑ Manzano Manzano, tomo 1, páx. 339
- ↑ Cerezo Martínez, Ricardo (1993). "La Carta de Juan de la Cosa (II)". Revista de Historia Naval (42): 21–44.
- ↑ James Siebold calculou que a diferenza lonxitudinal aparente no mapa entre a península Ibérica e a Española é duns 62°, sendo o valor real de 59°. África parece separada uns 16º da costa nordeste de Suramérica, en vez dos 17.75° reais.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mapa de Juan de la Cosa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elkhadem, Hossam; et al. (1992). Bibliothèque Royale Albert Ier, ed. "Juan de La Cosa, Parte correspondiente a la América de la Carta General de Juan de La Cosa...". Cartes de Amériques dans les collections de la Bibliothèque Royale Albert Ier (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2011. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- Manzano Manzano, Juan (1988). Ediciones de Cultura Hispánica, ed. Los Pinzones y el Descubrimiento de América. Madrid. ISBN 84-72-7232-442-7.
- Martín-Merás Verdejo, Mª Luisa (2000). "La carta de Juan de la Cosa: interpretación e historia". Monte Buciero (Ayuntamiento de Santoña) (Nº. 4). ISSN 1138-9680, páxs. 71-86.
- Siebold, James (1998). "Monography on the Portolan World Map, Juan de la Cosa, 1500". Cartographic Images (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2009. Consultado o 23 de marzo de 2012.
- Verlinden, Charles; Pérez Embid, Florentino (2006). "La serie de los Viajes Andaluces (cap. 11)". En Ediciones Rialp. Cristóbal Colón y el descubrimiento de América (2ª ed.). ISBN 978-84-321-3585-9. Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2011. Consultado o 23 de marzo de 2012. (A primeira edición desta obra data de 1966)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Luis A. Robles Macias Juan de la Cosa’s Projection: A Fresh Analysis of the Earliest Preserved Map of the Americas, en Coordinates, Series A n. 9, 24 de maio de 2010. Versión en castelán, con algunhas correccións puntuais, do propio autor.
- Vídeo que describe o mapa, en ArteHistoria (en castelán)