Jules Clément Chaplain
Nome orixinal | (fr) Jules Chaplain |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 12 de xullo de 1839 Mortagne-au-Perche (Francia) |
Morte | 13 de xullo de 1909 (70 anos) París (Francia) |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Montparnasse |
Educación | Escola Nacional Superior de Belas Artes |
Actividade | |
Ocupación | escultor, produtor, medallista, gravador, deseñador |
Período de actividade | (Con vida en: 1878 ) |
Empregador | Manufacture nationale de Sèvres (pt) , director (1895–) |
Membro de | Academia de Belas Artes (1881–1909) |
Profesores | François Jouffroy, Eugène-André Oudiné (pt) e Eugène-Stanislas Oudinot (pt) |
Alumnos | Frédéric de Vernon (pt) , Auguste Davin (pt) e Raoul Bénard (pt) |
Obra | |
Obras destacables | |
Premios | |
| |
Jules Clément Chaplain, nado en Mortagne-au-Perche, departamento de Orne, o 12 de xullo de 1839 e finado en París o 13 de xullo de 1909, foi un escultor, medallista, deseñador de moedas, debuxante e litógrafo francés.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Jules Chaplain naceu no departamento de Orne en 1839, fillo de Joséphine Lazarine Nourry e de Jean-Pierre Ferdinand Chaplain, panadeiro establecido na rúa Bellême de Mortagne-au-Perche.[2][3] O 8 de outubro de 1857 ingresou na Escola de Belas Artes de París para completar a súa formación artística, e alí estudou co escultor François Jouffroy e co gravador de medallas Eugène André Oudiné.[4][5][6][7]
Chaplain quedou segundo clasificado no Premio de Roma de gravado de medallas e pedra fina en 1860, e logo acadou o primeiro premio en 1863 pola súa medalla "Baco facendo beber unha pantera" e unha pedra gravada coa cabeza de Mercurio,[6] o que lle permitiu ser residente en Villa Medici, Roma, de 1864 a 1867.[8] Durante a súa estadía alí creou unha boa cantidade de debuxos e deseños de medallas;[4][9][10] Gaston Migeon sinalou que nesa etapa executou "algúns fermosos debuxos a partir das obras de pintura máis famosas da pintura de Roma".[7]
Durante a década de 1860 expuxo no Salón de París diversas obras da súa primeira época, entre elas bustos, medallóns de retrato, fichas e varias medallas, como a da Exposición Universal de 1867.[6][7] Nos salóns de 1870 e 1872 recibiu senllos premios e, finalmente, no Salón de 1878 acadou a medalla de ouro de primeira clase.[9][10] Igualmente, obtivo un dos grandes premios na Exposición Universal de 1900.[11]
En 1870, xunto co arqueólogo helenista Albert Dumont (1842-1884), recibiu a encarga do Ministerio de Instrución Pública de estudar e investigar as orixes dos vasos gregos pintados. Non puideron comezar este traballo ata despois da guerra franco-prusiana de 1870, xa que ambos se incorporaron ao servizo de ambulancias durante a contenda. Esta investigación estivo acompañada dunha misión a Grecia, Albania e Dalmacia,[12] e ao seu remate as conclusións foron publicadas en varios números do Journal des savants en 1872 e 1873,[13] e posteriormente nunha monografía publicada en 1888 en dous volumes, con textos de Dumont e os debuxos de Chaplain.[14][15] Raymond Poincaré escribiu ao respecto: "Nunha estreita e frutífera colaboración, os dous amigos estudaron todos os vasos antigos, hydriai e lekythoi, copas e ánforas, cráteras e cántaros, e Chaplain reproduciunos fielmente en láminas que expresan o seu relixioso respecto pola beleza antiga".[16]
O 11 de agosto de 1874, Jules Chaplain casou con Marie-Louise Dumont (1853-1922).[18] Os catro fillos que seguiron ao maior, Paul, falecido na infancia, foron Louise (1877-1951), Marcel (1879-1966), Suzanne (1882-1908) e Maurice (1884-1886), cuxos catro perfís aparecen xuntos nunha medalla que o artista realizou en 1886. Aínda que a medalla, que Chaplain asinou no centro, era "unha obra íntima e inicialmente destinada a permanecer no círculo familiar", como para "situar o pai no corazón dos irmáns", foi exposta no Salón de París de 1886 xunto con outras creacións súas cos bustos de Paul Baudry, Jean-Léon Gérôme e Victor Hugo.[17][19]
Realizou medallas para as Exposicións Universais de 1867, de 1878 e de 1900, así como para os primeiros Xogos Olímpicos modernos de Atenas en 1896.[20] O seu obradoiro achábase na rúa Mazarine de París.[16]
Ademais de pola súa creación de múltiples medallas, Chaplain é mundialmente recoñecido como gravador de dúas moedas de ouro cuñadas pola Monnaie de Paris, a de 10 francos e a de 20 francos Coq, emitidas entre 1899 e 1914. Estas moedas da Terceira República caracterízanse pola figura dun galo no seu reverso e unha representación alegórica da Marianne con barrete frixio no anverso, coroada con follas de carballo.[21][22] Igualmente foi o gravador da moeda dun birr de Etiopía emitida a nome do emperador Menelik II entre 1900 e 1903.[23]
Jules Chaplain ingresou na Academia de Belas Artes o 9 de abril de 1881, en substitución do gravador de medallas Jacques Gatteaux.[7][9][10][11] En 1895 foi nomeado director da fábrica de porcelana de Sèvres (Manufacture nationale de Sèvres).[8][15]
Chaplain tamén foi o autor da composición posteriormente utilizada polo deseñador Robert Louis para un dos emblemas da República Francesa.[25]
Jules Chaplain finou o 13 de xullo de 1909 no seu domicilio do número 3 da rúa Mazarine, en París.[11][26][27][28][29] O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Montparnasse.[30]
Na súa honra, unha das rúas do distrito 6 de París leva o nome de Jules-Chaplain.[31] Tamén na súa vila natal, Mortagne-au-Perche, se lle dedicou unha rúa, e nos xardíns da casa consistorial desta localidade inaugurouse un monumento na súa memoria, deseñado por Denys Puech, inaugurado o 12 de xullo de 1914.[32]
En 1877 fora nomeado cabaleiro da Lexión de Honra;[33] en 1888 fora ascendido ao grao de oficial e,[34] finalmente, en 1900 ao de Comendador.[35][11]
Valoracións críticas
[editar | editar a fonte]“ | Parece que Chaplain reunía todas as calidades necesarias para sacar a medalla do labirinto en que a deixaran os artistas da primeira metade do século XIX. Todos os seus esforzos ían encamiñados a lle devolver a independencia e a orixinalidade que perdera. Coa súa ciencia consumada, o seu gusto puro, o seu gran respecto pola natureza, volvendo sempre a ela como fonte de toda a verdade artística, e a súa mente lúcida que se nega a perderse na complicación e a escuridade dos símbolos, non amando nada tanto como a claridade, debémoslle a aurora dun renacemento radiante. O seu debuxo ten estilo e afirma o seu gusto polas formas fixas. A súa man é extraordinariamente hábil, e por veces non pode resistir a tentación de se aproveitar dela. Que difícil é para un artista ser quen de se deter no tempo e sentir o límite onde a habilidade se converte en virtuosismo! — Gaston Migeon (1900).[36] |
” |
“ | Chaplain foi un dos primeiros mestres da nova escola e, xunto con Roty, seguiu a ser o máis venerado, ata o punto de que durante moito tempo estes dous nomes parecían resumir por si sós o conxunto da medalla francesa [...] A obra de Chaplain impón tanto pola súa cantidade como por unha calidade case indestrutible: era un mestre. Quen non lle debe algo? Non cómpre mencionar os seus célebres retratos de Jules Ferry, Gréard, Casimir-Perier, Garnier, o duque de Aumale e tantos outros. Chaplain, sen deixar de ser el mesmo, ten un xenio o bastante logrado como para se adaptar cada vez ao seu modelo, para compor a actitude, o volume mesmo dos seus personaxes segundo o carácter que quere facer dominar. — Jean Babelon (1948).[37] |
” |
Escolma de traballos
[editar | editar a fonte]Medallas
[editar | editar a fonte]-
Henriquel Dupont.[44]
Plaquetas de bronce
[editar | editar a fonte]-
Sarah Gustave-Simon (1890).[46]
Escultura
[editar | editar a fonte]-
Fonte Octave Gréard, (1909), París.
-
Tumba de Paul Tillaux. Cemiterio do Père-Lachaise, París.
-
Tumba de Charles H. Alloend-Bessand, Cemiterio do Père-Lachaise, París.
Outros
[editar | editar a fonte]-
Emblema diplomático de Francia.
-
Selo do servizo telefónico (1888).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Chaplain, Jules Clément". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
- ↑ "Jules Clément Chaplan". Geneanet.org
- ↑ Partida de Nacemento de Chaplain. Archives nationales, Léonore.
- ↑ 4,0 4,1 Lami, S. (1914). Páxina 320.
- ↑ Forrer, L. (1904). Páxina 398.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Mazerolle, F. (1897). Páxina 7.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Migeon, G. (1900). Páxina 98.
- ↑ 8,0 8,1 "Jules-Clément Chaplain (1839-1909), graveur médailleur français, Grand Prix de Rome en 1863". Nicolas-salagnac.com
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Mazerolle, F. (1897). Páxina 8.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Forrer, L. (1904). Páxina 399.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Lami, S. (1914). Páxina 321.
- ↑ Gras, M.; Poncet, O. (2015) Construire l'institution : l'École française de Rome, 1873-1895. École française de Rome, 2015. ISBN 978-2-7283-1030-2
- ↑ Dumont, A.; Chaplain, J. (1873). "Les vases peints de la Grèce propre". En Le journal des savants. Setembro-decembro de 1872 / agosto setembro de 1873.
- ↑ Dumont, A., Chaplain, J. (1888). Les céramiques de la Grèce propre. 1e part: Histoire de la peinture des vases grecs. / 2e part: Mélanges archéologiques. Firmin-Didot, París.
- ↑ 15,0 15,1 Mazerolle, F. (1897). Páxina 9.
- ↑ 16,0 16,1 "Inauguration du monument élevé à la mémoire de Jules Chaplain, à Paris: Discours de M. Raymond Poincaré". Académie française (Academie-francaise.fr).
- ↑ 17,0 17,1 "The Artist's Children". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ Partida de matrimonio: "Mariages, 06. Nº 555. 1874". Paris archives (Archives.paris.fr).
- ↑ Schaal, K. (2017). "Mes enfants, par Jules-Clément Chaplain". Institut national d'histoire de l'art (INHA.fr).
- ↑ Coubertin, P. et al. (1897). The Olympic Games B. C. 776 - A. D. 1896. 2nd Part. The Olympic Games in 1896. Atenas / Londres. Páxina 112.
- ↑ "10 francs", "20 francs (1898-1906)", "20 francs (1907-1914)". Fr.numista.com
- ↑ Schaal, K. (2021).
- ↑ "1 birr - Menelik II". Fr.numista.com
- ↑ "20 francs Coq Liberté, égalité, fraternité". Fr.numista.com
- ↑ Pinoteau, H. (1998). Le chaos français et ses signes. Ed. PSR. Páxinas. 385, 389, 444, 480. ISBN 978-2908571172
- ↑ Partida de defunción: "Décès, 06. Nº 1.466. 1909". Paris archives (Archives.paris.fr).
- ↑ "Bulletin de déces: Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Leonore.
- ↑ "Nécrologie ; J.-C. Chaplain". En Le Buletin del'Art Ancien et Moderne. Nº 431. 24 de xullo de 1909.Páxinas 211-212.
- ↑ "Obituary: Jules Clement Chaplain". En American Art News.17 de xullo de 1909. Páxina 6.
- ↑ Rexistro do enterro en Montparnasse: "Nº 888. 16 juillet 1909". Paris archives (Archives.paris.fr).
- ↑ Hillairet, J. (1963). "Rue Jules-Chaplain". En Dictionnaire historique des rues de Paris, Les Éditions de minuit, 7ª ed. T. 1. Páxina 691.
- ↑ "Munument à Jules-Clément Chaplain - Mortage-au-Perche". E-monumen.net
- ↑ "Légion d'Honneur (Chevalier): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
- ↑ "Légion d'Honneur (Officier): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
- ↑ "Légion d'Honneur (Commandeur): Chaplain, Jules Clément". Archives nationales, Léonore.
- ↑ Migeon, G. (1900). Páxina 103.
- ↑ Babelon, J. (1948). La Médaille en France. Libraire Larousse, París. Páxina 112.
- ↑ "Award to the Hammond Typewriter Company". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "André Marie Ampère, (1775-1836)". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Mme Jeanne Mathilde Claude". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "In Honor of Delaunay, the Painter". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Amable-Charles Franquet, 1840-1919". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ "Dr. Samuel Pozzi, 1846-1918". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ "Henriquel Dupont, 1797-1892". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ "Leo Delibes, 1836-1891". National Gallery of Art (NGA.gov).
- ↑ "Portrait of Mme. Sarah Gustave Simon (French, 1858-1925)". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "In honor of Prince Emmanuel Bibesco". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Camille Sée". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Octave Gréard (1828-1904)". Paris Musées (Parismuseescollections.paris.fr).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jules Clément Chaplain |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Babelon, E. (1909). "Jules-Clément Chaplain et l'art de la médaille au xixe siècle (I)". En Revue de l'art ancien et moderne. Tomo XXVI. Páxinas 435-450.
- Babelon, E. (1910). "Jules-Clément Chaplain et l'art de la médaille au xixe siècle (II)". En Revue de l'art ancien et moderne. Tomo XXVII. Xaneiro-xuño. Páxinas 65-76 e 109-120.
- Forrer, L. (1904). "Chaplain, Jules Clément". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol. 1. Spink & Son, Londres. Páxinas 398-407.
- Lami, S. (1914). "Chaplain (Jules-Clément)". En Dictionnaire des sculpteurs de l'École française du xixe siècle. T. I. Honoré Champion, París. Páxinas 320-327.
- Mazerolle, F. (1897). "Chaplain. Biographie et catalogue de son œuvre". En Gazette numismatique française. T. I. Páxinas 7-41.
- Mazerolle, F. (1897). Jules-Clément Chaplain, biographie et catalogue de son œuvre. R. Serrure, París.
- Migeon, G. (1900). "J.-C. Chaplain". En Art & Décoration. T. VII. Xaneiro-xuño. Páxinas 97-104.
- Schaal, K. (2021). "La fortune critique d’une monnaie d’or : le coq gaulois de Jules-Clément Chaplain à l’épreuve de la presse (1895-1914)". En Les Cahiers de l’École du Louvre. Nº 16