IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
IES Eduardo Blanco Amor | |
---|---|
Vista frontal | |
Enderezo | |
Rúa Vicente Risco, 13 Ourense | |
Datas | |
Creación | 22/10/1966 |
Educación | |
Ensinanzas | Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e sección da EOI de Ourense[1] |
Xestión | |
Tipo | público |
Titularidade | Xunta de Galicia |
Director | Carlos Ferreiro García |
Na rede | |
http://www.edu.xunta.gal/centros/ieseduardoblancoamor/ | |
O IES Eduardo Blanco Amor de Ourense é un centro de ensino secundario que imparte ESO e Bacharelato, dentro da rede pública de centros da Xunta de Galicia. O seu nome honra a memoria do autor Eduardo Blanco Amor, natural da cidade. Está localizado no núcleo urbano, no barrio da Ponte.
Historia
[editar | editar a fonte]O actual IES Otero Pedrayo ficaba como centro feminino e o Instituto Nº2 (denominación anterior, por ser o segundo centro de ensino medio da cidade), inaugurado o 22 de outubro de 1966, como centro masculino. A obra deste proxecto foi dirixida por Marciano Hernández Serrano e construído pola empresa ourensá Suárez Dacosta cun presuposto de 14.152.006,56 pesetas. Foi edificado nuns terreos cedidos polo concello, nos que estaba situada a antiga estación de ferrocarril da cidade. Dende a súa fundación o centro contaba xa coa modalidade de ensino nocturno.
No curso 1977‐1978 converteuse en centro mixto e pasou a denominarse Instituto de Bacharelato Mixto nº 2. En xaneiro de 1980 propúxose que o centro fose coñecido como Instituto Eduardo Blanco Amor en memoria do escritor ourensán, moi vencellado ao centro nos seus últimos anos. No curso 1982‐1983 aprobouse a proposta e o centro pasou a denominarse Instituto de Bacharelato Eduardo Blanco Amor.
No curso 1996‐1997 comezou a impartirse a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e recibiu a súa denominación actual, Instituto de Educación Secundaria Eduardo Blanco Amor.
Xa no século XXI producíronse unha serie de cambios que afectaron ao funcionamento do centro. No curso 2017‐2018 foi autorizado para impartir o Pluribach (bacharelato de especialización en idiomas). A este respecto, dende o curso 2009-2010 xa funcionaba unha sección bilingüe na materia de Filosofía de 1º de Bacharelato. No curso 2018‐2019 foi autorizado, amais, para impartir o STEMbach (bacharelato de excelencia en ciencia e tecnoloxía).
Contorna
[editar | editar a fonte]O centro atópase no barrio da Ponte, ben comunicado con outros puntos da cidade a través de diversas liñas de autobús urbano. Atópase tamén próximo á estación intermodal.
Instalacións
[editar | editar a fonte]O centro está formado por un edificio e anexos como o polideportivo ou o patio cuberto. Conta, amais, cun salón de actos,[2] xardín (cunha gran variedade de especies autóctonas e foráneas),[3][4] aparcadoiro, biblioteca (con máis de 15.500 volumes)[5] e cafetería de alumnado, entre outras.
Entre as instalacións de aulario, o centro ten dúas aulas de música, dúas aulas de informática, dous obradoiros para as aulas de tecnoloxía e laboratorios de ciencias naturais, física e química. Antigamente funcionaba unha capela, espazo que na actualidade se emprega como aula.
Profesorado
[editar | editar a fonte]O centro ten un claustro de 63 docentes en 18 departamentos: ciencias naturais, economía, filosofía, física e química, francés, grego, inglés, latín, lingua castelá, lingua galega, matemáticas, música, orientación, plástica, relixión, tecnoloxía, xeografía e historia e educación física. O PAS (persoal de administración e servizos) está integrado polo persoal de limpeza, administración e conserxería.
Dirección
[editar | editar a fonte]Dende a súa inauguración en 1966, o IES Eduardo Blanco Amor tivo dúas directoras e cinco directores:[6]
- 1966-1967: José Nieto Noya (catedrático de grego). Ese mesmo curso cesou na súa actividade ao pasar a inspector.
- 1966-1967: Agapita Serrano (catedrática de latín)
- 1967-1972: Manuel Albendea (catedrático de filosofía)
- 1972-1984: Carlos Criado Martín (catedrático de física e química)
- 1984-2012: José Luis Díaz Leyes (catedrático de matemáticas)
- 2012-2017: Soedade do Muíño Cid (profesora de lingua galega)
- 2017- : Carlos Ferreiro García (profesor de matemáticas)
Proxectos
[editar | editar a fonte]Este instituto é moi prolífero en canto a promoción da lingua. Ten participado en varios certames de poesía, novela e narrativa, como os Premios Literarios Minerva, convocados polo Colexio Manuel Peleteiro de Compostela. No curso 2003-2004, o Departamento de Lingua Castelá e Literatura instituíu o Premio Rosa Gómez, en conmemoración desta profesora, falecida prematuramente. Trátase dun certame aberto ao alumnado de ESO e Bacharelato da cidade de Ourense.
O IES Eduardo Blanco Amor tamén promove a dramaturxia. Algúns dos grupos teatrais formados no centro, entre eles "Gargallada" e "Os Baralláns", participaron ao longo dos anos en certames de sona coma a MOTECES, a Mostra de Teatro para Centros de Ensino Secundario, e fixeron tamén montaxes en espazos coma o IES Aquis Querquernis de Bande ou o Auditorio de Penouzos, na parroquia de Seixalbo. O centro tamén ofrece a posibilidade de practicar deportes coma o baloncesto ou o bádminton.
Ten un convenio coa Escola Oficial de Idiomas[7] e presta as súas instalacións principalmente para o ensino de inglés como sede da Ponte. As diversas actividades extraescolares e as excursións son seguidas activamente pola ANPA.
Conta con programas de voluntariado, coma o da biblioteca, promovido pola Xunta de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A Ponte.Escola Oficial de Idiomas de Ourense". www.edu.xunta.gal. Consultado o 09/10/2021.
- ↑ "Visita virtual ao centro". Consultado o 17/05/2019.
- ↑ "Listaxe de árbores do xardín do IES Eduardo Blanco Amor". Consultado o 17/05/2019.
- ↑ "Imaxes do xardín do IES Eduardo Blanco Amor" (PDF). Consultado o 17/05/2019.
- ↑ "Experiencia nas bibliotecas escolares de Galicia: Ler ciencia no IES Eduardo Blanco Amor". Arquivado dende o orixinal o 27/02/2014. Consultado o 6/05/2019.
- ↑ "Evolución do centro" (PDF). Consultado o 2/5/2019.
- ↑ "Escola Oficial de Idiomas de Ourense". Consultado o 17/05/2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Ourense |