Flysch
O flysch é unha secuencia de rochas sedimentarias que se depositou nunha facies mariña profunda na conca antepaís dun oróxeno (cadea montañosa) en formación. O flysch deposítase tipicamente durante os estadios temperáns das oroxéneses. Cando evoluciona o oróxeno, a conca antepaís faise menos profunda e deposítanse molasas na parte superior do flysch. Por esta razón, denomínase sedimento sinoroxénico, é dicir, depositado ao mesmo tempo que se formaba a cadea montañosa. O nome flysch procede dunha voz do idioma alemán.
Propiedades sedimentolóxicas
[editar | editar a fonte]O flysch consta de ciclos sedimentarios repetidos nos que os sedimentos se fan máis finos cara ás capas superiores. No fondo de cada ciclo aparecen ás veces conglomerados grosos ou brechas, que evolucionan gradualmente cara ás capas superiores a arenitos e lousas/lutitas. O flysch normalmente consiste nunha secuencia de lousas ritmicamente intercaladas con arenitos finos, grosos e de tipo grauvaca. Tipicamente as lousas non conteñen moitos fósiles, e os arenitos máis grosos a miúdo teñen fraccións de micas e glauconita.
O flysch fórmase en condicións mariñas profundas, nun ambiente deposicional tranquilo de baixa enerxía. As capas de gran máis groso (que requiren maior enerxía) son resultado de distorsións desas circunstancias tranquilas, causadas por fluxos de tipo pulsante de transporte en masa desde a cuña acrecional oroxénica en formación. En moitos casos os transportes en masa están representados no rexistro por turbiditas.
Tectónica
[editar | editar a fonte]Os depósitos flysch fórmanse en límites de placa converxentes cando se chega ao estadio de colisión continental, a miúdo en concas oceánicas remanentes que están presentes ao longo do mesmo límite de placas. O material sedimentario do flysch deriva das montañas en formación e foi depositado ao longo do eixe da nova cadea montañosa na conca oceánica remanente. A mesma conca oceánica está en proceso de subducir baixo a cuña oroxénica. A medida que progresa a subdución, os sedimentos flysch son raspados da placa oceánica descendente e son acrecionados na cuña oroxénica. Como resultado, os depósitos flysch están xeralmente moi deformados por acabalgamentos e pregamentos.
Nome e uso
[editar | editar a fonte]O nome flysch foi introducido na literatura xeolóxica polo xeólogo suízo Bernhard Studer en 1827. Studer usou o termo para designar as típicas alternancias de arenitos e lousas atopadas no antepaís dos Alpes. O termo procede da palabra do idioma alemán fliessen, que significa fluír, porque Studer pensaba que o flysch fora depositado por ríos. Non foi ata moito máis tarde que se soubo que o flysch é en realidade un depósito sedimentario mariño profundo típico dun determinado escenario da tectónica de placas.[1]
O termo flysch utilízase actualmente en moitas cadeas montañosas que pertencen ao cinto alpino. Depósitos de tipo flysch ben coñecidos atópanse no antepaís dos Pireneos e Cárpatos e en rexións tectonicamente similares de Italia, os Balcáns e en Chipre. No norte dos Alpes, o Flysch é tamén unha unidade litoestratigráfica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Laphart, T.; 2005: Geologie der Schweiz, Ott Verlag, ISBN 3-7225-0007-9. en alemán, páxina 64.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Stanley, S.M.; 1999: Earth System History, W.H. Freeman and Company, Nova York, ISBN 0-7167-2882-6. Ver p. 243.
- Einsele, G.; 2000 (2nd ed.): Sedimentary Basins, Evolution, Facies, and Sediment Budget, Springer, ISBN 3-540-66193-X. Ver p. 606-610.
- "Flysch" in: Encyclopædia Britannica 2010 Online. Acceso o 22 de decembro de 2015.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Flysch |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Flysch". Encyclopædia Britannica 10 (11th ed.). Cambridge University Press. p. 586. [1]