Eugene Ormandy
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de novembro de 1899 Budapest, Hungría |
Morte | 12 de marzo de 1985 (85 anos) Filadelfia, Estados Unidos de América |
Causa da morte | pneumonía |
Lugar de sepultura | Old Pine Street Presbyterian Church Cemetery (en) |
Concertino | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade Eötvös Loránd - filosofía (–1920) Academia Franz Liszt |
Actividade | |
Ocupación | director de orquestra, profesor universitario, violinista |
Período de actividade | 1924 - |
Empregador | Academia Franz Liszt |
Xénero artístico | Música clásica |
Profesores | Jenő Hubay (pt) |
Instrumento | Violín |
Selo discográfico | RCA Records |
Familia | |
Cónxuxe | Stephanie Goldner (1922–1947) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, |
Eugene Ormandy, nado co nome de Jenö Blau en Budapest o 18 de novembro de 1899 e finado en Filadelfia o 12 de marzo de 1985, foi un director de orquestra e violinista xudeu estadounidense de orixe húngara.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou no Conservatorio de Budapest (agora Academia Franz Liszt) e deu o seu primeiro concerto como violinista á idade de sete anos e con 14 graduouse coas máximas cualificacións. En 1920, obtivo un título universitario en filosofía. En 1921 desprazouse aos Estados Unidos. Tomou o seu nome do buque no que viaxou, o Normandie. Nese país traballou primeiro como violinista para despois dirixir a Capitol Theater Orchestra en Nova York, grupo que acompañaba películas de cine mudo.
En 1931, Ormandy foi designado director da Minnesota Orchestra, posto que ocupou ata 1936.
Durante os peores días da Gran Depresión, Ormandy e a Minnesota Symphony foron contratados por RCA Victor para efectuar varias gravacións, entre as que destacan a Sinfonía nº 7 de Anton Bruckner e a Sinfonía nº 2 de Gustav Mahler. A excelencia destas gravacións contribuíron á reputación de Ormandy como un director de grande talento.
Porén, a gran fama de que goza aínda hoxe débese ás 44 tempadas que pasou á fronte da Philadelphia Orchestra, coa que comezou a colaborar en 1936 cando foi nomeado director asociado e dirixiu a orquestra alternándose con Leopold Stokowski. Anos máis tarde será nomeado único director titular, posto que manterá ata 1980. Dirixiu a orquestra en múltiples concertos e xiras polos Estados Unidos e o resto do mundo. Unha das máis famosas foi a que realizou en 1955 a Finlandia, onde visitou o ancián compositor Jean Sibelius (que morreu dous anos despois con 91 anos); outra, a que realizou á República Popular da China, cunha resposta do público entusiasta tras decenios de verse privado de música clásica occidental, prohibida polo réxime comunista.
Distincións
[editar | editar a fonte]En 1976 foi nomeado cabaleiro do Imperio británico pola raíña Isabel II.
Repertorio
[editar | editar a fonte]Está considerado un grande especialista na música tardoromántica e de inicios do século XX, especialmente da obra de Rachmaninov e Shostakovich (deste último dirixiu a estrea nos Estados Unidos de moitas das súas obras sinfónicas). Tamén difundiu a música dos compositores norteamericanos contemporáneos. As súas gravacións discográficas son moi numerosas, case sempre á fronte da Orquestra de Filadelfia. Non só era un gran director sinfónico, senón tamén un elegante e sensible acompañante nos concertos con solista. Estableceu unha estreita relación artística cos pianistas Arthur Rubinstein, Emil Gilels, Van Cliburn, Robert Casadesus e Rudolf Serkin, os violinistas David Oistrakh, Isaac Stern e Itzhak Perlman e os violonchelistas Leonard Rose e Emanuel Feuermann, entre outros.