Saltar ao contido

Violín

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Violín
Violino
Violín feito segundo un exemplar
de Jakob Stainer, século XVIII
Información
Clasificación
Tesitura
Instrumentos relacionados
Músicos notables
Fabricantes notablesLuthier
Caixa con violín

O violín (Etimoloxía: do italiano Violino, diminutivo de viola) é un instrumento cordófono de corda fretada, o máis agudo e pequeno da súa familia. Componse de catro cordas afinadas a unha distancia de quinta xusta. Na orquestra o primeiro violín é chamado de spalla, despois do rexente, el é o comandante da orquestra. O primeiro violín sitúase á esquerda do mestre.

A palabra violín procede do termo do latín medieval vitula, que significa instrumento de corda. O violín, aínda que ten orixes antigas, adquiriu a meirande parte das súas características modernas na Italia do século XVI, realizándoselle algunhas modificacións nos séculos XVIII e XIX. O violín moderno debe moito ás melloras técnicas dos mestres de Cremona do século XVIII coma Stradivarius e Guarnerius. Tamén son moi valorados os instrumentos fabricados por Gasparo da Salò ou Giovanni Paolo Maggini e a familia Amati en Brescia e Cremona, e os de Jacob Stainer en Austria.

Os violíns clasifícanse de acordo co seu tamaño: o 4/4 ―cunha lonxitude habitual de 35,5 cm, un largo máximo de 20 cm e un alto de 4,5 cm― é o máis grande e é empregado polos adultos; séguenlle os violíns de tamaño menor, destinados a mozos e nenos, denominados 3/4, 2/4 e 1/4. Existe tamén un violín de tamaño 7/8, chamado "Lady", que empregan algunhas mulleres ou varóns adultos de mans pequenas. O tamaño do violín vai de acordo o tamaño (lonxitude) da man.

Xenealoxía do violín segundo a Enciclopedia Británica (vol. 7, páx. 514, 11.ª ed., 1911).

A xenealoxía que leva ao violín actual é máis complexa. Atópase no fretamento das cordas do laúde e o rebab e a súa versión europea, o rabel, instrumentos difundidos na Europa mediterránea durante a expansión medieval da cultura árabe. En Italia, a partir da lira bizantina xurdiron os antecedentes máis evidentes, que foron a viola de arco e a lira ou viola da braccio, moi semellante a un violín primitivo, aínda que co diapasón separando os bordóns.

O violín propiamente dito apareceu no século XVII, aínda que con algunhas diferenzas respecto á maioría dos violíns que se fabricaron a partir do século XIX. A tapa superior e as táboas laterais fanse de madeira branda, mentres que a tapa inferior se fai de madeira dura. A cidade de Cremona atopábase entre un bosque de abetos (madeira branda) e un de pradairos (madeira dura), polo que estas madeiras eran as que empregaban os grandes mestres violeiros. O modelo actual de arco data do século XIX, cando François Tourte lle deu unha curvatura cóncava, que nos modelos primitivos era convexa coma a do arco de cacería.

Aínda que no século XVII o violín (violino) estaba bastante difundido en Italia, carecía do prestixio doustros instrumentos como o laúde ou a viola da gamba. Claudio Monteverdi foi un dos que descubriron a posibilidade das calidades sonoras do violín e por iso o empregou para complementar as voces corais da súa ópera L'Orfeo (1607). A partir de aí o prestixio do instrimento comezou a crecer e comezaron a facerse célebres certos fabricantes de violíns como Gasparo Bertolotti de Salò, Giovanni Maggini de Brescia ou Jakob Steiner de Viena. Con todo, a cidade que destacou por estes artesanos foi Cremona, de onde eran Andrea Amati, Giuseppe Guarneri e Antonio Stradivari, coñecidos polos seus apelidos latinizados: Amatius, Guarnerius, Stradivarius. Durante o século XIX destacaron François Lupot e Nicolas Lupot. Dende entón, e sobre todo co Barroco iniciouse a idade de ouro do violín.

O violín expandiuse por todo o mundo, aparecendo mesmo como "instrumento tradicional" en países non europeos, dende América ata Asia. Recibiu atención especial na música árabe, na que o executante o toca apoiado no xeonllo como se fose un violoncello, e na música celta irlandesa, onde recibe o nome de fiddle (derivado do italiano fidula), e as súas músicas derivadas como, en certo grao, o country.

Partes dun violín

[editar | editar a fonte]
Enrolado e axuste das caravillas no caravilleiro, correctamente estruturados.

O violín consta principalmente dunha caixa de resonancia que posúe elegantes e fermosas formas ergonómicas (de sección oval con dous estreitamentos preto do centro). Tal caixa de resonancia está constituída por dúas táboas: a táboa harmónica e a táboa do fondo (tradicionalmente feita con madeira de pradairo), as cubertas laterais ou aros e a táboa superior ou tapa harmónica (tradicionalmente de madeira de abeto branco ou vermello); a tapa atópase furada simetricamente e case no centro por dúas aberturas de resonancia chamadas "oídos" ou "eses", xa que no tempo do seu deseño usábase aínda na escritura ou imprenta o S longo, semellante a un "efe" cursivo pero sen o traveseiro horizontal, e en desuso a partir do século XVIII. Pola mesma razón, actualmente téndense a chamar "efes".

No interior da caixa atópase o poste sonoro ou alma do violín, que é unha pequena barra cilíndrica de madeira disposta perpendicularmente entre a tapa e a táboa harmónica ao lado dereito do eixo de simetría da caixa (isto é: practicamente abaixo, cara á dereita, da zona onde se apoia a ponte), ao lado contrario á alma, ao longo da cara interna da tapa, atópase adherido con cola un listón chamado varra harmónica. Tanto a alma como a varra harmónica cumpren dúas funcións: ser soportes estruturais (o violín sofre moita tensión estrutural) e transmitir mellor os sons dentro da caixa de resonancia.

A caixa de resonancia ten, no violín de orquestra, 35,7 cm de lonxitude, e atópase orlada por bordos en ambas as táboas; tales bordos cumpren, ademais dunha función decorativa, a función de reforzar o instrumento.

Diagrama das partes dun violín.

Por fóra, a caixa de resonancia continúase polo mango; o mastro ou "mango" conclúe nun caravilleiro, oco rectangular na que se inseren as cordas anudadas e tensionadas alí mediante senllas caravillas para cada corda, as caravillas son como chaves simples de sección lixeiramente conoidal; logo do caravilleiro, un remate chamado -pola súa forma- voluta (aínda que en certos casos a voluta atópase substituída por outras formas, por exemplo unha cara humana ou a figuración dunha cabeza de león).

En certo ángulo, as liñas da voluta, en perspectiva, fan unha liña recta e continua coas cordas, especialmente o mi e o sol, e xúntanse no horizonte. Isto permite saber, cando o violín está posto no ombreiro, cando se atopa correctamente recto.

Sobre o mango sitúase o diapasón do violín ou tastiera, este adoita ser de ébano xa que esta madeira produce o son que os instrumentos de corda fretada requiren, ademais o ébano é sumamente duro e denso polo que a fricción das cordas non dana o diapasón. En violíns antigos poden atoparse tastieras de marfil.

Sobre a tapa da caixa atópase o ponticello ou ponte o cal mantén elevadas as catro cordas, na parte posterior da caixa de resonancia, unida a ela por un nervio flexible que se engancha a un botón, atópase outra peza (tradicionalmente de madeira de ébano) de forma triangular chamada o cordal, como o seu nome indica, o cordal serve para reter as catro cordas, estas apóianse nos seguintes puntos: os orificios do cordal, o ponticello e as caravillas.

Cando se quere atenuar o son, aplícase sobre a ponte unha especie de tabique chamado sordina.

Desde finais do século XIX é común engadir á parte traseira da caixa dos violíns unha mentonera ou "berbequí" desmontable, aínda que tal engadido non é indispensable (a invención deste engadido atribúese a Louis Spohr); en cambio si é de bastante importancia o verniz (tradicionalmente "gomalaca" diluída en alcol) co cal se recobre, na súa parte externa, á maior parte do violín.

A singular acústica do violín foi moi estudada durante todo o século XX, destacándose as investigacións do alemán Ernst Chladni, do cal deriva toda unha formulación chamada esquema de Chladni.

Artigo principal: Arco (música).
Cabezas de tres arcos de violín: (superior) de transición (F. Tourte), cabeza de cisne dun modelo do século XVIII, cabeza de pico dun modelo do século XVII.

O violín adoita tocarse cun arco consistente nun pau cunha cinta de crina suxeita entre a punta e o talón do pau nos extremos opostos. Un arco de violín típico pode ter uns 75cm. en xeral e pesar aproximadamente 60g. Os arcos das violas poden ser máis curtos, uns 5mm., e 10g. máis pesados. No extremo do talón, un axustador de parafusos aperta ou afrouxa o cabelo. Xusto diante do talón, un coxín para o polgar de [[coiro], chamado agarre, e o enrolamento protexe a vara e proporciona un forte agarre para a man do violinista. Os enrolamentos tradicionais son de arame (a miúdo prata ou chapa), de seda ou de barba de balea (agora substituídos por tiras alternas de plástico negro e bronce). Algúns arcos de fibra de vidro de estudantes empregan un mango de plástico como agarre e enrolamento.

O pelo do arco provén tradicionalmente da cola dun cabalo macho tordo (que ten principalmente cabelos brancos). Algúns arcos máis baratos usan fibra sintética. Frótase resina sólida no cabelo para facelo lixeiramente pegañento, así, cando o arco frota contra unha corda, a fricción entre eles fai que a corda vibre. Os materiais tradicionais para os arcos máis custosos inclúen madeiras preciosas coma o pau brasil (que tamén se coñece como madeira de Pernambuco). Algunhas novidades recentes no deseño de arcos usan fibra de carbono (CodaBows) para a vara. Os arcos baratos para estudantes están feitos de madeiras menos custosas ou de fibra de vidro (Glasser).

Violíns no Museo da Música de Barcelona.

Instrumento de resistencia singular, o violín normalmente require poucos coidados especiais. Cando non se usa debe almacenarse nun estoxo o máis hermético e acolchado posible, coa caixa, a vara do arco e as cordas limpas e as crinas do arco lixeiramente distendidas. O violín debe protexerse o máximo posible para que non lle afecte humidade nin cambios bruscos na temperatura, polo que só require unha limpeza regular cun pano seco ou con produtos especialmente deseñados para iso. As cordas adoitan romper pola tensión e fricción, e por iso é recomendable que o violinista teña un conxunto de cordas de reposto. Tamén adoitan romper os pelos de cola cabalo que constitúen o pelo do arco, polo que os violinistas están obrigados a unha substitución anual destes cabelos. Se se usa o violín sen mentoneira, debe levarse unha bufanda no pescozo e queixo sobre o que se apoia o violín para evitar que o instrumento se vexa afectado. En xeral, ocorre que un violín "vello" que foi ben executado soa mellor que un violín novo ou sen uso.

Unha característica importante nos coidados é que cando se mantén o violín durante un longo período de tempo sen usar, non se debe afinar, é dicir, as cordas non deben manterse tensas. Isto debe facerse se o instrumento é transportado por avión, xa que os cambios de presión nas cordas poden facer que rompan. Con isto, a estrutura do violín non estará suxeita a tensións innecesarias.

Innovacións

[editar | editar a fonte]

Desde a segunda metade do século XX as cordas e a cinta do arco, en moitos casos, están a ser fabricadas con materiais sintéticos; e o uso destes materiais tamén se estendeu a outras partes no caso dos violíns fabricados en serie: por exemplo cordas, mentoneiras, etc, que están a ser fabricados con material plástico o cal afecta á sonoridade característica do instrumento, e por iso son vistas con certa detracción polos violinistas profesionais. No caso dos violíns eléctricos, case todos os seus compoñentes son sintéticos, pero neles o son (diferente do dos acústicos) é elaborado electronicamente; tales violíns adoitan usarse en conxuntos de pop, rock, jazz e afíns.

Técnicas do violín

[editar | editar a fonte]
  • Pizzicato: non sempre os violinistas utilizan o arco. De vez en cando beliscan as cordas, iso é chamado pizzicato (lese pitci-cato).
  • Surdina: fíxase un grampo de madeira sobre o cabalete do violín, facendo que o seu son saia abafado.
  • Sul ponticello: o violinista debe pasar o arco preto do cabalete, xerando un son de timbre agudo.
  • Col legno (coa madeira): o arco é asegurado de lado, de forma que nas notas tocadas a madeira do arco bata nas cordas.
  • Vibrato: un dos dedos que toca a corda vibra levemente, producindo unha flutuación no ton e enriquecendo o son.
  • Corda dupla: significa tocar dúas cordas, e consecuentemente dúas notas, dunha soa vez.
  • Harmónicos: notas suaves producidas polo toque moi leve sobre a corda.
  • Glissando: o violinista escorrega o dedo sobre a corda, dunha nota á outra

Violíns Stradivarius

[editar | editar a fonte]

Os violíns Stradivarius son os máis valorados do mundo, é tanto que adoitan ter nomes propios, que acostuman vir dados polos anteriores propietarios. Foron feitos apenas 250 polo mestre Antonio Stradivari (1643-1737). O seu valor vai en alza, a pesar de que non hai un que tenha xa a tapa sen quebrar; un Stradivarius de 1720 foi comprado nunha poxa en novembro de 1990 por 1,7 millóns de dólares, no 2010 foi vendido o 'Molitor' por 3.6 millóns de dólares e pouco despois, nunha poxa benéfica en prol das vítimas do tsunami do ano 2011, os xaponeses venderon o 'Lady Blunt' por 15.9 millóns de dólares.[1]

Un dos segredos da calidade dos violíns Stradivarius reside en que o seu construtor os construía en simetría perfecta segundo o número de ouro (phi: 1,618). A isto súmase a súa idade, xa que os instrumentos de madeira co tempo collen mellor son. Outra característica que fai extraordinarios a estes instrumentos son os vernices de gran calidade que usaron para rematalos, así como as madeiras alpinas secas e curadas co paso dos anos. As súas tapas e fondos caracterízanse pola extrema finura dos seus espesores.

Violín - detalles
Harmónicos

Afinación

[editar | editar a fonte]

As cordas afínanse por intervalos de quintas:

  • sol3
  • re4
  • la4
  • mi5

(O número está indicado de acordo co índice acústico internacional, segundo o cal o central do piano é un 4. Este índice emprégase en todo o mundo agás Francia e Bélxica. A corda de sonoridade máis grave é a de sol3, e logo séguenlle en orde crecente a re4, la4 e mi5.)

No violín a primeira corda en ser afinada é a de la; esta afínase comunmente a unha frecuencia de 440 Hz, empregando como referencia un diapasón clásico de metal ou un diapasón electrónico. O diapasón tendeu a subir no últimos anos e sitúase máis comunmente nos 442 Hz e mesmo máis arriba nas orquestras norteamericanas.

Violíns eléctricos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Violín eléctrico.
Violín acústico e eléctrico.

Os violíns eléctricos teñen unha pastilla magnético ou piezoeléctrico que converte a vibración da corda nun sinal eléctrico. Un cable de conexión ou un transmisor sen fíos envía o sinal a un amplificador dun sistema PA. Os violíns eléctricos normalmente constrúense como tal, pero pódese engadir unha captura a un violín acústico convencional. Un violín eléctrico cun corpo resoante que produce un son a nivel de audición independentemente dos elementos eléctricos pódese chamar violín electroacústico. Para ser efectivos como violín acústico, os violíns electroacústicos conservan gran parte do corpo resoante do violín e a miúdo semellan un violín acústico. O corpo pode estar rematado en cores brillantes e feito de materiais alternativos á madeira. É posible que estes violíns estean conectados a un amplificador de instrumentos ou a un sistema de PA. Algúns tipos teñen unha opción silenciosa que permite ao reprodutor usar auriculares conectados ao violín. Os primeiros violíns eléctricos construídos especialmente para iso datan de 1928 e foron feitos por Victor Pfeil, Oskar Vierling, George Eisenberg, Benjamin Miessner, George Beauchamp, Hugo Benioff e Fredray Kislingbury. Estes violíns pódense conectar a unidades de efectos, ao igual que unha guitarra eléctrica, incluído distorsión, pedal wah-wah e reverberación . Dado que os violíns eléctricos non dependen da tensión e da resonancia das cordas para amplificar o son, poden ter máis cordas. Por exemplo, hai varios fabricantes dispoñibles de violíns eléctricos de cinco cordas e tamén hai un violín eléctrico de sete cordas (con tres cordas inferiores que inclúen o rango do cello.[2] A maioría dos primeiros violinistas eléctricos eran músicos que tocaban jazz fusión (por exemplo, Jean-Luc Ponty) e música popular.

Estilos musicais

[editar | editar a fonte]

Música clásica

[editar | editar a fonte]
A sonata para dous violíns do compositor Barroco Telemann. Unha composición de violín barroco relativamente típica, probablemente tería sido realizada con menos uso de vibrato orixinalmente.
Bomsori Kim tocando a Meditación da ópera de Massenet Thais. O estilo de tocar moi legato, cun uso fastuoso de portamento, rubato e vibrato e os rexistros máis altos do instrumento son típicos do violín tocado no período final do período Romántico.

Desde a época do Barroco, o violín foi un dos máis importantes de todos os instrumentos da música clásica, por varias razóns. O ton do violín destaca por encima doutros instrumentos, polo que é apropiado para tocar unha liña de melodía. En mans dun bo violinista, o violín é extremadamente áxil e pode executar secuencias de notas rápidas e difíciles.

Os violíns forman unha gran parte dunha orquestra e normalmente divídense en dúas seccións, coñecidas como o primeiro e o segundo violín. Os compositores adoitan asignar a melodía aos primeiros violíns, normalmente unha parte máis difícil usando posicións máis altas, mentres que os segundos violíns tocan harmonía, patróns de acompañamento ou a melodía unha oitava inferior aos primeiros violíns. Un cuarteto de corda ten partes para o primeiro e segundo violín, así como unha viola e un baixo, como o [[violonchelo] ou, raramente, o contrabaixo.

As primeiras referencias á interpretación co violín no jazz como instrumento solista están documentadas durante as primeiras décadas do século XX. Joe Venuti, un dos primeiros violinistas de jazz, é coñecido polo seu traballo co guitarrista Eddie Lang durante os anos vinte. Desde ese momento houbo moitos violinistas de jazz incluíndo Stéphane Grappelli, Stuff Smith, Eddie South, Regina Carter, Johnny Frigo, John Blake, Adam Taubitz, Leroy Jenkins, e Jean-Luc Ponty. Aínda que non son principalmente violinistas de jazz, Darol Anger e Mark O'Connor pasaron partes significativas da súa carreira interpretando jazz.

O violinista suízo-cubano Yilian Cañizares mestura jazz con música cubana.[3]

Os violíns tamén aparecen en grupos que fornecen fondos orquestrais a moitas gravacións de jazz.

Música clásica india

[editar | editar a fonte]

O violín indio, aínda que esencialmente o mesmo instrumento que o usado na música occidental, é diferente nalgúns sentidos.[4] O instrumento está axustado de xeito que as cordas IV e III (G e D nun violín afinado) e as cordas II e I (A e E) son pares de sa-pa (do-sol) e soan igual pero están compensados ​​por unha oitava, parecendo axustes cruzados de scordaturas comúns ou fiddle como G–D–G–D ou A–E–A–E. O tónico sa (do) non é fixo, senón variado para adaptarse ao vocalista ou actor principal. A forma en que o músico sostén o instrumento varía da música occidental a india. Na música india, o músico está sentado no chan coas pernas cruzadas co pé dereito diante delas. O desprazamento do instrumento repousa no pé. Esta posición é esencial para tocar ben debido á natureza da música india. A man pode moverse por toda a caixa e non hai unha posición definida para a man esquerda, polo que é importante que o violín estea nunha posición constante e sen movemento.

[editar | editar a fonte]
Andrew Bird con violín, 2009.
Lindsey Stirling actuando no TEDx de Berkeley, 2012.
Eric Stanley actuando no TEDx de Richmond, 2013.

Na década de 1970 polo menos, a maioría dos tipos de música popular usaron seccións de cordas con arco. Usáronse extensivamente na música popular ao longo dos anos vinte e principios dos anos 30. Non obstante, co ascenso da música swing, entre 1935 e 1945, o son de corda usouse a miúdo para aumentar a plenitude da música dunha big band. Despois da era swing, a partir de finais dos anos 40 ata mediados dos anos cincuenta, as cordas comezaron a revivir na música [[pop tradicional]. Esta tendencia acelerouse a finais dos anos 60, cun renacemento significativo do uso das cordas, especialmente na música soul. As gravacións populares Motown de finais dos anos 1960 e 1970 dependían bastante das cordas como parte da súa textura de marca. O auxe da música disco na década de 1970 continuou esta tendencia co uso reiterado de instrumentos de corda en orquestras disco populares (por exemplo, Love Unlimited Orchestra, Biddu Orchestra, Monster Orchestra, Salsoul Orchestra, MFSB).[Cómpre referencia]

Co ascenso da música creada de forma electrónica na década de 1980, os violíns diminuíron no seu uso, xa que os sons de corda sintetizados interpretados por un teclista cun sintetizador ocuparon o seu lugar. Non obstante, aínda que o violín ten moi pouco uso na música rock xeral, ten algún lugar no rock progresivo (por exemplo, Electric Light Orchestra, King Crimson, Kansas, Gentle Giant). O álbum de 1973 Contaminazione dos italianos [Il Rovescio della Medaglia | RDM]] interpreta violíns contra sintetizadores no seu final ("La grande fuga"). O instrumento ten un lugar máis importante nas modernas bandas de fusión de jazz, especialmente The Corrs. Á vez o fiddle forma parte da música de folk rock británico, como o exemplifican os gustos de Convención Fairport e Steeleye Span.[Cómpre referencia]

A popularidade da música crossover que comezou nos últimos anos do século XX trouxo o violín de volta á área da música popular, utilizando os grupos de violíns eléctricos e acústicos. Dave Matthews Band presenta ao violinista Boyd Tinsley. The Flock presentou ao violinista Jerry Goodman que despois se uniu á banda de jazz-rock fusión, The Mahavishnu Orchestra. James 'Saul Davies, que tamén é un guitarrista, foi contratado pola banda como violinista. Nos seus primeiros tres álbums e sinxelos relacionados, o grupo británico No-Man fixo un uso extenso de solos de violín, eléctrico e acústico, interpretados polo membro da banda Ben Coleman (que tocou o violín exclusivamente).[Cómpre referencia]

Música folk e fiddling

[editar | editar a fonte]
O fiddler Hins Anders Ersson pintado por Anders Zorn, 1904.

Como moitos outros instrumentos empregados na música clásica, o violín descende de antepasados ​​remotos que se empregaron para música folk. Despois dunha etapa de desenvolvemento intensivo a finais do Renacemento, principalmente en Italia, o violín mellorara (en volume, ton e axilidade), ata o punto de que non só se converteu nun instrumento moi importante en música clásica, tamén resultou altamente atractivo para músicos folclóricos, ao final estendéndose moi amplamente, ás veces desprazando instrumentos con arco anteriores. Etnomusicólogos observaron o seu uso xeneralizado en Europa, Asia e América.

Cando se toca como instrumento folk, o violín chámase en inglés fiddle (aínda que o termo fiddle pode usarse informalmente sen importar o xénero da música). En todo o mundo, hai varios instrumentos de corda como o Hurdy-gurdy e Fiddle Apache que tamén se denominan "fiddles". A música folk difire da clásica en que as cancións son normalmente consideradas como música de baile,[5] e utilízanse varias técnicas específicas para estilos particulares. En moitas tradicións da música folk, as melodías non se escriben senón que son memorizadas por sucesivas xeracións de músicos e pasadas ós seguintes[5] no que se coñece como a tradición oral. Moitas pezas de old time music precisan afinación cruzada, ou empregan axustes distintos do estándar GDAE.

Música árabe

[editar | editar a fonte]

Así como o árabe rababah, o violín empregouse na música árabe.

  1. Stradivarius to be sold to raise money for Japan quake
  2. "7String Violin Harlequin finish". Jordan Music. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2009. Consultado o 2009-02-27. 
  3. "Die Sängerin und Geigerin Yilian Cañizares in Moods". Neue Zürcher Zeitung. 16 de setembro de 2013. Consultado o 12 de xuño de 2015. 
  4. Bhattacharya, Suryasarathi (10 de decembro de 2017). "Violin virtuoso Dr L Subramaniam on how Indian classical music took on the world stage". First Post. 
  5. 5,0 5,1 Harris, Rodger (2009). "Fiddling". okhistory.org. The Encyclopedia of Oklahoma History and Culture. Consultado o 9 de febreiro de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]