Saltar ao contido

Disco disperso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O disco disperso é unha rexión do Sistema Solar. Na súa parte máis interna solápase co cinto de Kuiper (a 30 UA do Sol) ata unha distancia descoñecida que podería ser de varios centenares de UA e tamén a outras inclinacións por riba e por baixo da eclíptica. Está poboada por un número descoñecido de corpos celestes (descubríronse polo menos noventa) coñecidos co nome de obxectos dispersos ou obxectos do disco disperso (en inglés scattered-disk objects ou SDO), e que forman parte da familia dos obxectos transneptunianos.

Son corpos xeados, algún de máis de mil quilómetros de diámetro, o primeiro deles descuberto en 1995. O maior obxecto do grupo é o planeta anano Eris, descuberto en 2005.

Formación

[editar | editar a fonte]

O disco disperso descubriuse tan só a finais do século XX, polo que non se sabe con seguridade cal foi a súa orixe. A teoría máis aceptada polos astrónomos explica que os obxectos dispersos se formaron no cinto de Kuiper e despois foron dispersados pola interacción gravitatoria con algún dos planetas exteriores, principalmente Neptuno, cara a órbitas con grandes excentricidades e inclinacións. Mentres o cinto de Kuiper semella unha coroa circular relativamente plana que se estende de 30 a 44 UA do Sol e alberga obxectos en órbita circular (cubewanos) ou lixeiramente (plutinos e twotinos), o disco difuso presenta obxectos con parámetros orbitais heteroxéneos que, frecuentemente, como no caso de Eris, posúen inclinacións tamén maiores de 45° respecto á eclíptica. Pénsase que moitas destas órbitas sexan inestables, e que os obxectos do disco difuso estean destinados a afastarse progresivamente do centro do sistema solar e a pertencer á nube de Oort ou ao espazo interestelar.

En órbitas interiores ao cinto de Kuiper pero tan inclinadas e excéntricas como as dos SDO, atópanse uns obxectos coñecidos co nome de centauros. Algúns astrónomos cren que os centauros e os SDO teñen unha orixe común no cinto de Kuiper: mentres que os primeiros son obxectos que foron expulsados cara ao interior do sistema solar, os segundos fórono cara ao exterior. Ademais, obxectos en órbitas intermedias como (29981) 1999 TD10 fan a clasificación aínda máis complexa e de feito o Minor Planet Center lista os centauros e os SDO xuntos. Debido a esta borrosa clasificación, algúns científicos utilizan o termo obxecto disperso do Cinto de Kuiper (en inglés scattered Kuiper belt object ou SKBO) para clasificar tanto os centauros como os obxectos do disco disperso.

Aínda que Sedna é considerado oficialmente un obxecto do disco difuso, o seu descubridor, Michael E. Brown, suxeriu que a elevada distancia do corpo (76 UA no seu perihelio) fai improbable calquera forma de interacción gravitacional significativa cos planetas coñecidos, e que o obxecto debería polo tanto ser considerado como pertencente á nube de Oort interna. Segundo esta liña de investigación, faríase necesario atopar unha liña de demarcación entre Sedna e outros obxectos máis internos, como Eris, que cumpre todos os requisitos necesarios para integrarse no disco difuso. Como Sedna, tamén (148209) 2000 CR105, descuberto con anterioridade, e outros corpos localizados en anos sucesivos parecen eludir a definición tradicional de obxectos do disco difuso, e poderían pertencer á parte máis interna da nube de Oort.

Parámetros orbitais

[editar | editar a fonte]
Disco disperso e obxectos do Cinto de Kuiper. O diagrama representa as órbitas de todos os obxectos do disco difuso ata 100 UA, en oposición coas órbitas dos obxectos do cinto de Kuiper (en gris) e dos corpos en resonancia orbital cos xigantes gasosos (en verde). A excentricidade das órbitas represéntase mediante liñas que se estenden dende o perihelio ao afelio; a inclinación orbital represéntase no eixe das ordenadas.

O primeiro obxecto do disco difuso descuberto foi (15874) 1996 TL66, encontrado en 1996 por Mauna Kea; posteriormente incluíuse na categoría tamén (48639) 1995 TL8, coñecido dende 1995 e descuberto no ámbito do proxecto Spacewatch.

Perihelio

[editar | editar a fonte]

Os corpos do disco difuso non presentan nunca perihelios inferiores ás 35 UA, e sitúanse polo tanto suficientemente afastadas da zona de influencia gravitacional directa de Neptuno. Os plutinos (Plutón e Orcus) e os obxectos en resonancia orbital 2:5 poden alcanzar distancias menores de Neptuno só porque as súas órbitas son menos estables polos fenómenos de resonancia.

Características peculiares

[editar | editar a fonte]

Os obxectos do disco difuso presentan parámetros orbitais que varían entre as enormes anomalías e a forte regularidade. Algúns casos emblemáticos son:

  • 1999 TD10, no que a súa elevadísima excentricidade orbital (próxima a 0,9) leva o seu perihelio moi preto da órbita de Saturno, converténdoo nun posible membro da familia dos centauros;
  • 2002 XU93, caracterizado por posuír a maior inclinación orbital observada (preto de 78° sobre a eclíptica);
  • 2004 XR190, caracterizado por unha órbita circular moi inclinada.

Resonancias orbitais

[editar | editar a fonte]

Os obxectos en resonancia orbital con outros corpos non son considerados membros do disco difuso. Algunhas simulacións suxiren que numerosos obxectos poderían estar suxeitos a resonancias orbitais particularmente débiles. É posible que diversos corpos xa observados caian finalmente dentro desta categoría.

Comparación con outros corpos

[editar | editar a fonte]
Unha comparación entre os obxectos clásicos e os obxectos do disco difuso.

Os gráficos do diagrama confrontan a excentricidade e as inclinacións orbitais dos obxectos do disco difuso coas dalgúns cubewanos; cada rectángulo vermello representa as bandas de incerteza sobre os parámetros. O número relativo de obxectos contidos en cada cadro represéntase segundo as convencións pictóricas características da cartografía, onde os picos están próximos ao marrón e os vales aparecen verdes.

Como se pode observar, trátase de dúas poboacións extremadamente diverxentes; preto dun terzo dos cubewanos percorren órbitas case circulares e pouco inclinadas, caracterizadas por unha excentricidade máxima de 0,25. Os obxectos do disco difuso, polo contrario, presentan excentricidades xeralmente comprendidas entre 0,25 e 0,55 e inclinacións de 15-20°, ou excentricidades comprendidas entre 0,50 e 0,55 e inclinacións inferiores a 10°, porén, moitos destes non pertencen a estas dúas agrupacións convencionais. Á parte de 2004 XR190, non se descubriu aínda ningún obxecto do disco difuso que presente excentricidades inferiores a 0,3.

As órbitas dos obxectos do disco difuso en comparación.

Xeralmente, considéranse obxectos dispersos aqueles corpos celestes con semieixes maiores de máis de 50 UA, xa que esta é a distancia aproximada do límite exterior do cinto de Kuiper e dá unha imaxe simplificada do disco disperso como unha rexión en forma de coroa circular que arrodea os KBO. Non obstante, o Minor Planet Center clasifica tamén como obxectos dispersos aqueles corpos con semieixes maiores, entre as 30 e as 50 UA, e perihelios de menos de 25 UA. Estes corpos, que polo seu semieixe maior parecerían obxectos do cinto de Kuiper, posúen excentricidades altas, o que os diferencia da maioría dos KBO. o resto de SDO, os de semieixe maior de máis de 50 UA, tamén adoitan ter excentricidades altas, de xeito que os seus afelios se estenden ata centenares de UA do Sol. Ademais, moitos SDO teñen tamén inclinacións altas, chegando ata os 78° respecto á eclíptica, e dan ao disco disperso unha forma que non se parece en nada á dun disco.

O gráfico da dereita reproduce unha vista polar e unha vista ecuatorial das órbitas dos obxectos do disco difuso (en negro), confrontadas coas dos cubewanos (en azul) e as dos obxectos en resonancia 1:5 (en verde); os obxectos sen clasificar situados a distancias comprendidas entre 50 e 100 UA do Sol están indicados en gris.

O anel azul débese á superposición de centenares de órbitas de obxectos de tipo clásico. A circunferencia vermella constitúe o mínimo perihelio anteriormente mencionado, válido só para os obxectos do disco difuso; a circunferencia amarela sinala a órbita de Neptuno.

Obxectos descubertos

[editar | editar a fonte]

O primeiro obxecto do disco disperso descuberto foi (48639) 1995 TL8, en 1995, mais nese momento non se clasificou como tal. (15984) 1996 TL66 foi o primeiro obxecto transneptuniano clasificado como un SDO.

En 2015 coñecíanse preto de noventa obxectos do disco disperso e a lista continúa a crecer. Destes, o maior é Eris que, cun diámetro de 2400 km, é o planeta anano máis grande. Outro SDO notable é 2004 XR190 que destaca pola súa órbita extremadamente circular.

Disco difuso estendido

[editar | editar a fonte]
Obxectos do disco difuso e do disco difuso estendido.

O descubrimento do planetoide (148209) 2000 CR105, caracterizado por un perihelio demasiado afastado da órbita de Neptuno para sufrir a súa influencia gravitacional de xeito significativo, deu orixe a unha discusión na comunidade científica relativa á oportunidade de introducir o concepto de disco difuso estendido ou distante (detached), termo escollido por David Jewitt, que tamén incluíu a Sedna nesta categoría.

O diagrama da dereita representa numerosos obxectos do disco difuso e do disco estendido, así como algúns dos corpos máis representativos do cinto de Kuiper. As elevadas excentricidades orbitais de Sedna e de (87269) 2000 OO67 son mostradas mediante liñas vermellas que terminan case no límite dereito do diagrama (preto de 900 UA e 1020 UA respectivamente).

SDO notables

[editar | editar a fonte]
Lista de SDO notables ordenados de maior a menor diámetro
Designación
permanente
Designación
provisional
Magnitude
absoluta
Albedo Diámetro
ecuatorial (km)
Semieixe maior
(UA)
Data
descubrimento
Descubridor(s) Método
medida diámetro
Eris -1,12 0,86 ± 0,07 2.400 ± 100 67,7 2003 M. Brown, C. Trujillo i David Lincoln Rabinowitz directo[1]
84522 2002 TC302 3,9 > 0,03 ~1.200 55,0 2002 NEAT térmico
2004 XR190 4,5 500-1.000 57,4 2004 L. Allen
15874 1996 TL66 5,4 0,10? ~630 82,8 1996 D. Jewitt, J. Luu i J. Chen térmico
48639 1995 TL8 5,28 & 7,0 (binario) 0.09 asumido ~350 i ~160 52,2 1995 Spacewatch (A. Gleason) asunción de albedo

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]