Saltar ao contido

Cigarro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un puro xunto ao seu envase.
Un pito prendido.

O cigarro, nas súas dúas modalidades, o cigarro puro ou o cigarro envolto en papel, o popular pito,[1] son dous dos formatos máis populares no consumo de tabaco.

O cigarro (na súa forma de puro) foi definido por Bartolomé de las Casas na súa Historia de las Indias como:

ciertas hojas secas envueltas en otras hojas, también secas, parecidas a los petardos ... Se encienden por un extremo y se chupan por el otro (...) para introducir en los pulmones ese humo con el que adormecen el cuerpo y así se embriagan.

O cigarro puro foi condenado xa por Xacobe I de Inglaterra por ser repulsivo para o olfacto, desagradábel para a vista, perigoso para o cerebro e nocivo para os pulmóns.

Reprodución dunha talla do templo de Palenque (México), na que se ve a un sacerdote maia fumando en pipa.
La Cometa de Francisco de Goya, cadro no que se representa a un home (en primeiro plano, á esquerda) fumando un primitivo cigarro.

Crese que a planta de tabaco, a Nicotiana tabacum, é orixinaria da zona do planalto andino e que chegou ao Caribe uns 2 000 ou 3 000 anos antes de Cristo. Cando Colón chegou a América, a planta xa se estendera por todo o continente e case todas as súas tribos e nacións tiveran contacto co tabaco e tiñan con el unha relación máis ou menos intensa.

O 28 de outubro de 1492 foi unha data clave na historia do tabaco. Ese día, Colón e as súas naves chegaron á baía de Bariai, cacicado de Maniabón, na costa noroeste da illa de Cuba, ao norte da actual provincia de Holguín. «...Es aquella isla la más hermosa que ojos hayan visto...», escribiría logo Colón no seu diario, impresionado polo esplendor e a variedade de cores que lle ofrecía a terra que acababa de descubrir.

Uns días máis tarde Colón, como era o seu costume, mandou a dous dos seus homes, Luis de Torres e Rodrigo de Xerez, a explorar a zona circundante e, se era posíbel, contactar cos emisarios do Gran Khan. Colón aínda cría que chagara ás Indias, e a súa única obsesión era reunirse con ditos emisarios para levar a cabo a principal misión que lle encomendaran os Reis Católicos: firmar un tratado comercial.

Entre os días 2 e 5 de novembro, os dous exploradores percorreron a zona próxima ao lugar de desembarco e encontráronse cos habitantes da illa, os indios taínos. Unha das cousas que máis lles chamou a atención foi ver a homes e mulleres aspirando o fume duns cilindros de follas secas.

De regreso a Praia Branca, na baía, relatan a Colón o que viran e este fixo a seguinte anotación no seu diario o 6 de novembro de 1492:

...Iban siempre los hombres con un tizón en las manos (cuaba) y ciertas hierbas para tomar sus sahumerios, que son unas hierbas secas (cojiba) metidas en una cierta hoja seca también a manera de mosquete..., y encendido por una parte del por la otra chupan o sorben, y reciben con el resuello para adentro aquel humo, con el cual se adormecen las carnes y cuasi emborracha, y así diz que no sienten el cansancio. Estos mosquetes... llaman ellos tabacos.

Hai que destacar as palabras cuaba, cojiba e tabaco que utiliza Colón no seu diario. Crese que cojiba (tamén cohiba, cohoba ou cojoba) é a palabra taína que designaba o mosquete ou rolo de follas secas que fumaban, o primeiro nome do cigarro. Cuaba fai referencia a un arbusto do Caribe que aínda hoxe se utiliza no campo para transportar lume dun lugar a outro e para prender fogueiras, debido á súa extremada combustibilidade. Pola súa parte, tabaco era o nome do tubo en forma de «Y» co que os indios aspiraban tabaco en po, aínda que hoxe úsase esa palabra en Cuba e na República Dominicana para o «cigarro».

Contra 1560 o tabaco era xa coñecido en Castela e Portugal. Neste último país, para eses anos, estaba como embaixador de Francia o cabaleiro Jean Nicot, quen se interesou pola exótica planta. Cando o mencionado embaixador regresou ao seu país, levou consigo follas de tabaco para obsequiar á raíña Catarina de Medicis (a esposa de Francisco II) polo que recibiu o nome de "herba da raíña", "nicotiana" ou "herba do embaixador".

En 1584 un dos máis célebres aventureiros ingleses, Sir Walter Raleigh, fundou en América do Norte a colonia de Virxinia e adquiriu dos indíxenas o costume de fumar en pipa (a pesar da opinión do rei Xacobe).

Noutras nacións como o Xapón, Rusia, a China ou Turquía, pasouse da sanción moral a medidas máis drásticas. O sultán turco Murad IV mandou executar numerosos fumadores. En 1638 as autoridades chinesas ameazaban con decapitar a quen traficase con tabaco.

Máis recentemente, os primeiros cigarros envoltos en papel manufacturados e empaquetados chegaron a España contra 1825.[Cómpre referencia] En 1833 apareceron os primeiros paquetes (cajetillas) e empeza a denominarse «cigarrillo» o «cigarrito», que provén da palabra «cigarro» (o cigarro puro), chamado así pola súa similitude cunha cigarra (chicharra). Introducido por mercadores procedentes do Brasil, proseguiu a súa expansión por Portugal e máis tarde por toda Europa.

A Guerra de Crimea serviu para popularizar os cigarrillos (cigarettes) entre as tropas francesas, imitando os turcos que fumaban en pipa. En 1830 en España esténdese o consumo de cigarrillos, especialmente entre as mulleres, e o «papel español para cigarritos» é coñecido e apreciado en toda Europa, aromatizado con licor e estampado con vivas cores. Aínda que o auténtico auxe prodúcese coa máquina de vapor estadounidense Bonsack, que era capaz de lear millóns de cigarrillos, invento de James Albert Bonsack cuxa patente comprou James Buchanan Duke en 1885. Nas frontes de guerra popularizouse durante a Guerra franco-prusiana de 1870.

Os pitos foron, desde entón, de gran valor nas guerras e nas situacións de crises económicas. Durante a segunda guerra mundial chegáronse a pagar 400 francos por un cigarette. Durante os días seguintes ás revoltas en Romanía que derrocaron ao réxime comunista, o pito converteuse en moeda de cambio habitual.[Cómpre referencia]

Composición

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Toxicoloxía do tabaco.

A normativa do tabaco até agora só contempla os límites de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono; porén, segundo diversas investigacións descubríronse sobre 4.000 substancias químicas, das cales unhas 40 delas poden seren canceríxenas para o home. [2][3].

A seguir relaciónanse algunhas das substancias do tabaco:[4]

  • Nicotina: a nicotina considérase a substancia química que provoca a adicción aos cigarros. Algunhas estatísticas reflicten que a nicotina é tan adictiva como a cocaína.[5]
  • Alcatrán: o alcatrán é unha das causas do cancro xa que ao inhalar o fume do cigarro este deposítase nos pulmóns.[6]
  • Amoníaco: o amoníaco é un gas incoloro cun olor moi característico, máis comunmente coñecido como compoñente dos produtos de limpeza.[7]
  • Butano: este gas utilízase, entre outras cousas, como combustíbel doméstico, para dar calor para cociñar ou para as estufas.
  • Metano: combustíbel doméstico (gas natural) e para foguetes espaciais.
  • Cadmio: metal pesado presente en baterías.[8] .
  • Monóxido de carbono: o monóxido de carbono, que tamén podemos encontrar no fume de do escape dos vehículos automóbiles, é o máis prexudicial para as mulleres embarazadas xa que limita o oxíxeno do corpo.[9]
  • Polonio-210.

Efectos dos cigarros sobre a saúde

[editar | editar a fonte]

Adicción

[editar | editar a fonte]

O consumo habitual de cigarros causa unha forte dependencia á nicotina dependendo da frecuencia e cantidade que se use, chegando a ser unha droga que produce maior adicción que o opio, a cocaína e outras drogas duras.

Enfermidades derivadas do seu consumo

[editar | editar a fonte]

Os cigarros afectan de forma moi negativa á saúde. O seu uso por mulleres embarazadas mostrou relación co aumento na mortalidade e defectos no acabado de nacer.[10][11]

Ademais, contén substancias tóxicas como o monóxido de carbono, arsénico ou alcatrán e se demostrou a súa relación causal en diversos tipos de cancro; así mesmo considérase un factor de risco cardiovascular.[12] e causa de enfermidades respiratorias como a EPOC (Enfermidade pulmonar obstrutiva crónica). Así mesmo, afecta aos órganos reprodutores, producindo disfunción eréctil en fumadores activos e pasivos.[13]

O consumo de cigarros se considérase causante da maior taxa de mortes evitábeis no mundo.

Medidas de Saúde Pública

[editar | editar a fonte]

O día 17 de decembro de 2004, Bután converteuse no primeiro país do mundo en prohibir a venda e o consumo de cigarros.[14] Os seus habitantes poden importalos para o seu uso persoal, pagando un imposto do 100 % do seu prezo, e poden fumalos só na privacidade dos seus fogares.

Cigarro electrónico

[editar | editar a fonte]

O cigarro electrónico[15] é un dispositivo de orixe chinesa con forma de pito, unha das alternativas para combater o tabaquismo, aínda que non ten unha eficacia demostrada. Foi unha innovación que se estendeu polo mundo xa que con el se pode ir baixando pouco a pouco a adicción ao tabaco. Este cigarro consta de tres partes principais:

Os cartuchos recargábeis (filtros) os cales poden levar desde sabores como amorodo, chocolate, limón ou menta, até sabor a tabaco, e nicotina en diferentes proporcións para ir reducindo a síndrome de abstinencia. Os cartuchos duran aproximadamente o mesmo que 5 cigarros, dependendo do modelo de cigarro electrónico.

O atomizador, que é a parte que conecta o cartucho coa batería; é unha resistencia que se quenta e é a que emite o vapor.

A outra parte é a que contén a batería recargábel.

Tamén ten un indicador luminoso que se acende cada vez que se lle dá unha calada simulando como se ilumina un cigarro real.

O cigarro emite vapor, a unha temperatura de entre 400 °C e 600 °C, o que simula o fume real. De momento véndese como unha solución para fumar, ou para non prexudicar a saúde, pero a OMS (Organización Mundial da Saúde) aínda non certificou que se demostrase que non teña ningún efecto secundario, nin que sexa daniño para a saúde.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cigarro.
  2. "The Chemical Constituents in Cigarettes and Cigarette Smoke: Priorities for Harm Reduction" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xullo de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 
  3. Tabaco y cáncer
  4. "Sustacias del cigarro". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 
  5. "15 Drogas más adictivas del mundo". 
  6. "Causas del cáncer". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 
  7. [1]
  8. Resúmenes de Salud Pública - Cadmio
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09/05/2013. Consultado o 31/05/2013. 
  10. Campbell, Rona; Murphy, Deirdre J. (2009). "Smoking in Pregnancy". British Medical Journal: b2188. doi:10.1136/bmj.b2188. 
  11. Butler, N. R.; Goldestein, H.; Ross, E. M. (1972). "Cigarette Smoking in Pregnancy: Its Influence on Birth Weight and Perinatal Mortality". British Medical Journal 2 (5806): 127. 
  12. http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0091743500906431] Erectile Dysfunction and Coronary Risk Factors: Prospective Results from the Massachusetts Male Aging Study] Preventive Medicine 40 (4) pp. 328-338.
  13. [2] The Epidemiology And Pathophysiology Of Erectile Dysfunction The Journal of Urology 161 (1) pp. 5-11.
  14. BBCMundo.com — Prohíben tabaco en Bután
  15. "CNN — Reuters: «Cigarro electrónico para dejar el vicio»". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]