Tabaco
Este artigo trata sobre a manufactura, para as plantas véxase o artigo: Plantas do tabaco, e Nicotiana rustica, e en particular para a Nicotiana tabacum véxase Tabaco (planta).
O tabaco é a manufactura en diferentes presentacións (picado, en po e, particularmente, en cigarros), das follas secas da planta do tabaco (Nicotiana tabacum L.); considérase hoxe en día unha droga legal. O seu consumo está moi estendido por todo o mundo. É unha herba perenne, robusta, de 50 a 120 cm de altura, pegañenta ó tacto. Ten follas grandes e sésiles, e flores verde amarelentas. É unha planta oriúnda de América tropical. O tabaco moderno deriva case na súa maioría da Nicotiana tabacum. O compoñente máis característico do tabaco é a nicotina, un alcaloide que se encontra nas follas en proporcions variables (dende menos do 1 % ata o 12 %).
Historia
[editar | editar a fonte]Tanto a Nicotiana rustica como a Nicotiana tabacum son orixinarias de América, e alí as coñeceu o home hai aproximadamente 18.000 anos.
Expertos en xenética vexetal determinaron que o centro da orixe do tabaco, o lugar onde se cultivou por primeira vez, sitúase na zona andina entre Perú e Ecuador. Os primeiros cultivos deberon ter lugar entre cinco mil e tres mil anos a.C. Posteriormente o consumo estendeuse cara ó norte. Cando os europeos chegaron a América, o consumo estaba estendido por todo o continente.
Fumar (inhalar o fume do tabaco) era unha das moitas variedades de consumo en América do Sur. Amais de fumarse, o tabaco aspirábase polo nariz, mastigábase, comíase, bebíase, untábase sobre o corpo, empregábase en gotas nos ollos e usábase en enemas. Utilizábase en ritos soprándoo sobre o rostro de guerreiros antes da loita, esparexíase en campos antes de sementar, ofrecíase ós deuses, derramábase sobre as mulleres antes dunha relación sexual, e tanto homes como mulleres utilizabano como narcótico
Usado polos maias para celebracións rituais e relixiosas, foi descuberto polos occidentais en 1492.
A variedade maia coñecida como Cikar (fumar), estendeuse por todo o continente grazas ó comercio. Rodrigo de Jerez e Luis de la Torre, compañeiros de Cristovo Colón, foron os primeiros occidentais en coñecer a súa existencia. Rodrigo, á súa volta a España, foi encarcerado pola Inquisición acusado de bruxería, xa que só o diabo podía dar a un home o poder de sacar fume pola boca.
A primeira obra escrita en que se relata a forma nativa de aspirar o fume proveniente de rolos de follas acendidas é Apoloxética historia das Indias de Bartolomé de las Casas (1527). Posteriormente Gonzalo de Oviedo e Velázquez, na Historia Xeral das Indias, describen a planta e os seus usos (1535).
A súa extensión polo continente europeo foi grazas ó embaixador francés en Portugal Jean Nicot 1530 - 1600, que deu nome á nicotina. Este introduciuno na súa forma aspirada (rapé) e popularizouna ó, supostamente, «curar» a Catarina de Medici (esposa de Henrique II dunhas xaquecas, polo que se lle denominou herba da raíña, Catalinaria Nuduca e herba do embaixador.
Durante o século XX, numerosos estudos médicos foron demostrando os prexuízos do tabaco, e negando a súa posible utilidade terapéutica. Por outro lado, o seu consumo pasou de ser maioritariamente masculino a un maior equilibrio entre sexos.
Formas de consumo
[editar | editar a fonte]Hai moitas formas de consumo, aínda que a principal sexa a de aspirar o seu fume, tamén se pode mascar e antigamente se aspiraba en po.
Para fumar, o tabaco picado envólvese nunha folla de tabaco (puro ou cigarro), en papel (pito) ou cunha pipa.
No mundo árabe é habitual o tabaco en pipa de auga. Aromatizado con froitas (pexego, mazá) ou outras plantas aromáticas.
Tabaquismo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tabaquismo.
Ten un alto poder aditivo debido principalmente ó seu compoñente activo, a nicotina, que actúa sobre o sistema nervioso central. O fumador sofre unha manifesta dependencia física e psicolóxica que xera un importante síndrome de abstinencia, denominado tabaquismo.
O tabaco é responsable de multitude de enfermidades respiratorias, cardiovasculares, distintos tipos de cancro, e é moi prexudicial durante o embarazo.
Amais, non só prexudica os fumadores, senón tamén os que respiran o mesmo aire, (fumadores pasivos), inda que non sexan eles mesmos fumadores.
O tabaquismo é a principal causa de morbimortalidade a principios do século XXI.
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]Segundo a OMS existen no mundo máis de 1.100 millóns de fumadores (2002), o que representa aproximadamente un terzo da poboación maior de 15 anos. Por sexos o 47 % dos homes e un 11 % das mulleres neste rango de idade consomen unha media de 14 cigarros/día, o que supón un total de 5,827 billóns de cigarros ó ano. O 74 % de tódolos cigarros consómense en países de baixo-medio nivel de ingresos (Banco Mundial). Tanto para homes como para mulleres, o segmento de idade na que fuma maior proporción é o comprendido entre 30 e 49 anos.
As maiores prevalencias mundiais encóntranse en Vietnam, Corea e a República Dominicana en homes (73, 68 e 66 %, respectivamente), mentres que Dinamarca e Noruega preséntana na poboación feminina (37 e 36 % respectivamente). Polo seu elevado volume de poboación, a China, a India e a Federación Rusa son as que agrupan a maior parte de fumadores do mundo.
Na Unión Europea existe unha redución progresiva do consumo e mantense a maior prevalencia en homes que en mulleres, excepto en Suecia, onde o consumo é algo maior en mulleres (22 % homes, 24 % mulleres). A maior proporción de fumadores áchase nos países mediterráneos.
A prevalencia en España tamén evidencia unha redución progresiva. Segundo a Enquisa Nacional de Saúde 2011-2012 entre españois maiores de 15 anos, a porcentaxe dos que recoñecían fumar a diario baixou do 32,06% en 1993 (44,0% homes e 20,8% mulleres), a un 28,12% en 2003 (34,2% e 22,4% respectivamente) e a un 23,95% en 2012 (27,9% e 20,2% respectivamente). Concretando a 2012, o 64,5% das mulleres e o 41,9% dos homes admitiron que nunca fumaran; e o 26,8% dos homes e o 12,7% das mulleres confesábanse exfumadores.
En Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública estudou a prevalencia á exposición ó fume de tabaco en 2007[1], dous anos despois da entrada en vixencia da Lei 28/2005 fronte ó tabaquismo. Algúns dos resultados deste estudo son os seguintes:
- O 63,8 % dos galegos non fumadores e o 87,7 % dos fumadores declaran estar expostos ó fume do tabaco de xeito diario ou frecuente, no seu traballo, no fogar ou nas actividades de lecer.
- No tramo de idade entre 16 e 24 anos, as porcentaxes son o 91 e o 96,9 %, respectivamente.
- En 2005, o 95,2 % dos galegos (fumadores e non fumadores) declarábanse expostos ó fume do tabaco. En 2007, esta porcentaxe reduciuse ó 70,6 %.
- A redución só é significativa no ámbito laboral, no que as porcentaxes baixaron desde o 41,4 % en 2005 ata o 13,8 en 2007, se ben tamén houbo un claro descenso no fogar (desde o 24 ó 16,3 %) e nas actividades de lecer (desde o 25,7 ó 16,9 %).
Loita contra o consumo
[editar | editar a fonte]Actualmente, a Organización Mundial da Saúde e moitos gobernos loitan contra o tabaquismo por medio da concienciación da poboación (Día Mundial Sen Tabaco, publicidade etc.), e a prohibición de fumar en lugares públicos ou cerrados.
Contra a industria tabaqueira loitan tamén numerosas asociacións, gañándose importantes xuízos en Estados Unidos, por prácticas como agregar nicotina extra ó tabaco natural. Amais, criticouse duramente a estas empresas por dirixir a súa publicidade cara a nenos e adolescentes, utilizar intensamente publicidade enganosa, como no caso dos cigarros light, e patrocinar numerosos estudos supostamente científicos que demostrarían efectos beneficiosos do tabaco, que logo resultarían non ser válidos.
Tabaco e saúde
[editar | editar a fonte]Carcinóxenos humanos coñecidos | |
---|---|
Benceno | |
2-Naftilamina | |
4-Aminobifenil | |
Níquel | |
Polonio | |
Carcinóxenos humanos probables | |
Formaldehido | |
Hidrazida | |
Benzopireno | |
Anilina | |
Cadmio | |
Substancias tóxicas | |
Monóxido de carbono | |
Acroleína | |
Amonio | |
Óxidos de nitróxeno | |
Tabaco e cáncer de pulmón | |
Principais compoñentes de fase de partículas do fume do tabaco | |
Compoñente | Concentración |
Alcatrán | 1-40 mgr |
Nicotina | 1-2,5 mgr |
Fenol | 20-150 mcgr |
CAMECOL | 130-280 mcgr |
Pireno | 50-200 mcgr |
Benzo pireno | 20-40 mcgr |
O fume do tabaco componse dunha corrente primaria ou principal, que é a que inhala directamente o fumador, e unha corrente secundaria, xerada mediante a combustión espontánea do cigarro. Identificáronse máis de 4.000 substancias nocivas no fume do pito, dos cales polos menos 60 son probables carcinóxenos humanos, como os 4-aminobifenolé, benceno, níquel, outras substancias tóxicas son monóxido de carbono, dióxido de carbono, nitrosamidas, amoníaco, e outras están como partículas en suspensión (alcatrán e nicotina).
Tabaco e cancro
[editar | editar a fonte]A primeira evidencia que se ten da súa relación foi suxerida en 1761 por John Hill, que describiu o desenvolvemento de pólipos larínxeos nos fumadores de rapé; dous dos casos que describiu presentaban transformación maligna; esta asociación foi acreditada en multitude de ocasións dende esa época.
En 1941 os traballos de Yamagawa e Ichikawa, demostran por primeira vez a natureza carcinóxena de diferentes hidrocarburos do fume de cigarros.
Posteriormente en 1950 e 1952 os traballos de Doll e Hill publicados en BMJ e usando metodoloxía do tipo estudo caso-control xa suxiren que o tabaco é a principal causa de cancro de pulmón.
O tabaco relacionouse con diferentes cancros: cancro de pulmón, larinxe, orofarinxe, esófago, estómago, páncreas, fígado, colón, recto, ril, vexiga, mama, aparato xenital e linfático.
No fume do tabaco hai numerosos compostos químicos canceríxenos que proveñen da combustión, como o benceno, o benzopireno, o óxido nítrico, os derivados fenólicos e nitrosaminas, amais de ser unha fonte importante da nicotina, que se considera un fármaco psicoadictivo.
Tabaco e patoloxía vascular
[editar | editar a fonte]As enfermidades do aparato circulatorio constitúen a primeira causa de morte na sociedade occidental. Os dous compoñentes máis importantes son as enfermidades cerebrovasculares e a enfermidade isquémica do corazón ou enfermidade coronaria.
Está demostrado que a mortalidade por enfermidades vasculares aumenta nos fumadores. O tabaco multiplica por catro a probabilidade de padecer unha enfermidade coronaria ou cerebrovascular.
Entre as múltiples substancias do fume do pito, as que presentan un maior efecto adverso son a nicotina e o monóxido de carbono (CO).
Tabaco e enfermidade respiratoria non tumoral
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Doenza pulmonar obstrutiva crónica.
- Véxase tamén: Síndrome de apnea-hipopnea durante o sono.
Tabaco e patoloxía dermatolóxica
[editar | editar a fonte]Fundamentalmente cun efecto de avellentamento precoz e aparición de engurras faciais (rostro de fumador)
Tabaco e enfermidade dental e periodontal
[editar | editar a fonte]Dependencia física da nicotina
[editar | editar a fonte]- Dependencia moderada-intensa: consumo de máis de 20 pitos ó día, fuman o primeiro pito na primeira media hora despois de levantarse.
- Dependencia leve: consumo de menos de 20 cigarros ó día, fuman o primeiro pito despois de media hora de levantarse
Lexislación internacional
[editar | editar a fonte]A Organización Mundial da Saúde (OMS) é o organismo internacional que abandeira e estimula o cambio de actitudes de moitos gobernos á vez que trata de crear un convenio marco que subscriban os gobernos e se comprometan a desenvolver accións máis decididas na prevención e control do tabaquismo. O Banco Mundial nun informe redactado e publicado en 1999, tamén se incorporou ás políticas internacionais de prevención.
As medidas iniciais da OMS, baseáronse en:
- Elaboración de informes científicos por comités de expertos
- O desenvolvemento dos programas Tabaco e Saúde (1988 - 1995 ; 1996 - 2000.
- A adopción de resolucións, a última adoptada en 1996, insta a elaborar un Convenio Marco para a Loita Antitabáquica (CMLA), e de uso como instrumento xurídico internacional
- O convenio marco para o control do tabaco é un tratado antitabaco promovido pola Organización Mundial do Comercio (OMC) que entrou en vixencia o 27 de febreiro de 2005, tras anos de oposición e intentos de negociación da industria tabaqueira.
- Países europeos ratificaron o tratado, entre eles Alemaña, Francia, o Reino Unido e España.
- Tamén o ratificaron Australia, o Xapón, a India e o Canadá.
Nun prazo de cinco anos, estas nacións deberán prohibir a publicidade, a promoción e o patrocinio do consumo de tabaco.
Lexislación europea
[editar | editar a fonte]Lexislación española
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2003 o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou o Plan Nacional de Prevención e Control do Tabaquismo para o período 2003-2007
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Borralleiro e cigarro
-
Filtros para facer pitos
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A exposición ao fume ambiental de tabaco en Galicia dous anos despois da Lei 28/2005", en Boletín Epidemiolóxico de Galicia, vol. XXI, nº 3, 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tabaco |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Plantas do tabaco
- Planta máis cultivada do tabaco (Nicotiana tabacum)
- Cigarro
- Lei antitabaco en España
- Lei antitabaco 28/2005
- Lei antitabaco 42/2010
- O tabaco na cultura popular galega
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- TabacoPedia (Universidade de Sidney) Arquivado 04 de novembro de 2005 en Wayback Machine. (en inglés)
- Documento OMS sobre tabaco-saúde
- Informe "Tobacco Smoke and Involuntary Smoking" da IARC (Axencia Internacional para a Investigación do Cáncer) (en inglés)
- Resumo en español do informe da IARC resumido por GreenFacts. (en castelán)
- Enquisa Nacional de Saúde 2011-2012[Ligazón morta] (Ministerio de Sanidade, 14.03.2013) (en castelán)