Cephalopachus bancanus
Cephalopachus bancanus Tarsio de Horsfield | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
Cephalopachus bancanus (Horsfield, 1821) | |||||||||||||||||||||||||||||
Área de dispersión do tarsio de Horsfield
| |||||||||||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||||
|
Cephalopachus bancanus, coñecido na bibliografía internacional co nome, entre outros, de tarsio de Horsfield, na honra do médico e naturalista estadounidense Thomas Horsfield, o primeiro que o describiu, é unha especie de mamífero da orde dos primates, suborde dos haplorrinos, infraorde dos tarsiiformes (ou tarsiformes, segundo o GDXL),[2] e familia dos tarsíidos (ou társidos),[2] o único do xénero Cephalopachus,[3][4] propio das illas de Sumatra, Borneo e outras illas menores situadas entre ambas.[4]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1821 polo médico e naturalista estadounidense Thomas Horsfield na súa obra Researches in Java and the Neighbouring Islands.
Nota taxonómica
[editar | editar a fonte]Até hai poucos anos estivo clasificado como Tarsius bancanus.[4][5][6]
Subespecies
[editar | editar a fonte]En MSW considéranse tres subespecies:[4]
- Cephalopachus bancanus bancanus Horsfield, 1821, que habita no sur de Sumatra e na illa de Bangka.
- Cephalopachus bancanus borneanus, Elliot, 1910, que se distribúe nas illas de Borneo e de Karimata.
- Cephalopachus bancanus saltator, Elliot, 1910, que só se encontra na illa de Belitung.
Porén, o Sistema Integrado de Información Taxonómica tamén inclúe unha terceira:
- Cephalopachus bancanus natunensis (Chasen, 1940), propia das illas Natuna.[7]
Por outra parte, algúns autores consideran que dúas delas, C. p. natunensis e C. p. saltator son, polo menos, dubidosas:[8]
Características
[editar | editar a fonte]Maior que outros tarsios, ten uns ollos relativamente grandes, e unhas orellas pequenas. As patas traseiras e as mans son longas, o que lle permite dar grandes saltos. A cola é relativamente curta. Os dedos rematan ensanchados, o que lle permite agarrarse fortemente a troncos e ramas.
A primeira impresión que poden dar ao seren observados na natureza é que se trata dunha especie de ras arborícolas peludas.
Cephalopachus bancanus é un tarsio grande, de algo máis de 10 cm de lonxitude, sen contar a cola, que mide uns 20 cm. O seu peso oscila entre os 100 e os 140 g. Caracterízanse e diferéncianse doutros tarsios polos seus grandes ollos, pequenas orellas, patas traseiras e mans máis longas. O cranio, arredondado, é tamén máis grande que o dos seus perentes, en parte debido ás grandes cavidades orbitarias.
A descrición da coloración da súa pelaxe baséae, en moitas obras, en espécimes disecados que foron perdendo a cor, ou en exemplares cutivos mantidos en lugares sen luz natural, o que desvirtúa a súa coloración. Baseándose nas poucas fotografías que existen destes animais no seu medio natural distínguese unha coloración dorsal de tons gris escuro e parda avermellada na subespecie de Borneo, e uns tons máis amarelados e ocres na subespecie de Sumatra.
Nos xeonllos aparece unha mancha escura. De fociño curto, a máscara facial está pouco marcada, faltando as marcas nasais e labiais que posúen outros tarsios, así como as manchas detrás das orellas. Ao igual que outros tarsios, ventralmente posúen unha coloración máis clara, abrancazada. A pelaxe cubre até o tarso, pero non os dedos.
A cola ten unha lonxitud relativamente máis curta que a do resto dos tarsios e, en valor absoluto, só é máis curta a do Tarsius pumilus (tarsio pigmeo). No seu arranque, ventralmente, existe un desenvolvemento dérmico en forma de «V» a modo de almofadiña, que lle serve cando descansa «sentado» en posición vertical.
A pel da cola é parda avermellada, con pouco pelo na parte dorsal, espida ventralmente, e cun penacho marrón claro ben definido en posición distal.
Non existen apenas datos descritivos das outras dúas subespecies e, de feito, considéranse sinónimas das dúas primeiras, C. b. saltator de C. b. bancanus e C. b. natunensis de C. b. borneanus.[8]
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]A especie pode vivir tanto nos bosques primarios como nos secundarios, así como ao longo das costas ou ao bordo de plantacións.[9]
A miúdo descríbese como unha especie das terras baixas, por debaixo dos 100 m de altitude; con todo, hai polo menos un rexistro a 1 200 no Parque Nacional Bukit Baka-Bukit Raya, no oeste de Borneo.[Cómpre referencia]
Distribución
[editar | editar a fonte]Esta especie atópase en Brunei, Indonesia (Bangka, Belitung, sueste de Sumatra, Serasan —nas illas Natuna do Sur— e Borneo) e en Malaisia (Sabah e Sarawak).[10].[11] Descoñécese a distribución en Sumatra pero crese que está delimitada polo río Musi.
- Tarsius bancanus saltator. Limitado á illa de Belitung, Indonesia.
- Tarsius bancanus natunensis. Restrinxido a Serasan, nas illas Natuna do Sur e, posibelmente, á illa Subi de Indonesia.
- Tarsius bancanus borneanus. Encóntrasse en Brunei, Indonesia (Borneo e illas Karimata), e en Malaisia (Sabah e Sarawak).
- Tarsius bancanus bancanus. Habita no sueste de Sumatra e na illa de Bangka, Indonesia.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Como case todos os tarsios, é de hábitos nocturnos, e presentan adaptacións para os modos de aferramento ás árbores, para o salto vertical, para a locomoción e a captura de presas,[12] e de réxime insectívoro, aínda que ás veces nútrese de pequenos vertebrados.
Come principalmente insectos (escaravellos, saltóns, cascudas, bolboretas, trazas [lepidópteros], barbantesas, formigas, fásmidos e carricantas, pero tamén pequenos vertebrados (incluíndo morcegos, serpes e aves).[13]
Pasan a maior parte do tempo por nas árbores, a 2 m do solo, e só o 5 % por riba dos 3 m.[11][13][14][15]
Ameazas
[editar | editar a fonte]A principal ameaza para a especie é a perda de hábitat debido á reconversión forestal, especialmente debido á expansión de plantacións de Elaeis guineensis, palmeira da que se obtén o aceite de palma, os incendios forestais e a deforestación. Ademais, Cephalopachus bancanus apáñase para o comercio ilegal de mascotas, particularmente, ao parecer, nas proximidades do Parque Nacional Way Kambas, en Lampung (Sumatra). Ademais, os nativos considérano, incorrectamente, como unha praga para os cultivos agrícolas e, así mesmo, pode sufrir, directa ou indirectamente, contaminación debido ao uso de pesticidas agrícolas.[1]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que nos últimos 20 anos (aproximadamente tres xeracións), perdeuse polo menos o 30 % do hábitat desta especie, cualifica a esta como VU (vulnerábel), porque debido a isto e está producindo unha redución da súa poboación. Ademais, os niveis de explotación poden ser rexionalmente altos para o comercio de mascotas, aínda que os impactos a nivel de poboación non se coñecen. Polo que incica que son necesarias máis investigacións (taxonómicas, sobre as ameazas e ecolóxicas) para poder avaliarmos máis correctamente esta especie.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Shekelle, M. & Yustian, I. (2008): Tarsius bancanus na Lista vermella da UICN. Versión 2019-2. Consultada o 27 de setembro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 Gran dicionario Xerais da lingua (2009): tarsio s. m. Mamífero primate, o único (sic) da familia dos dos társidos (sic) e da suborde (sic) dos tarsiformes (sic) (Tarsius sp.), nocturno, de pequeno tamaño, con grandes ollos e dedos longos rematados nun disco adhesivo [propio de Indonesia e Filipinas].
- ↑ Brandon-Jones, D.; Eudey, A. A.; Geissmann, T.; Groves, C. P.; Melnick D. J.; Morales, J. C.; Shekelle, M. & Stewart, C. B. (2004): "Asian Primate Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97–164.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Tarsius bancanus en Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-4.
- ↑ Groves, Colin (2005), en Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. MSW, páx. 127.
- ↑ Brandon-Jones, D.; Eudey, A. A.; Geissmann, T.; Groves, C. P.; Melnick, D. J.; Morales, J. C.; Shekelle, M.; Stewart, C.-B. (2004): "Asian Primate Classification". International Journal of Primatology 25 (1): 97-164.
- ↑ Cephalopachus bancanus natunensis (Chasen, 1940) no ITIS.
- ↑ 8,0 8,1 Shekelle, M.; S. Gursky-Doyen, & M. C. Richardson (2013): "Family Tarsiidae (Tarsiers)". En: Mittermeier, R. A.; Rylands, A. B. & Wilson, D. E. eds. Handbook of the Mammals of the World. Volume 3. Primates. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-389-7, páxina 951.
- ↑ Niemitz, C. (1979): "Results of a field study on the western tarsier (Tarsius bancanus borneanus Horsfield, 1821) in Sarawak". Sarawak Museum Journal 27: 171–228.
- ↑ Groves, C. P. (2005): "Order Primates". En: Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. 3ª edición. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-4, pp. 111-184.
- ↑ 11,0 11,1 Niemitz, C. (1984): "Taxonomy and distribution of the genus Tarsius Storr, 1780". En: C. Niemitz (ed.) Biology of Tarsiers. Stuttgart: Gustav Fischer Verlag. ISBN 0-8957-4182-2, pp. 1–16.
- ↑ Roberts, M. (1994): "Growth, development, and parental care in the western tarsier (Tarsius bancanus) in captivity: evidence for a slow life history and nonmonogamous mating system". International Journal of Primatology 15 (1): 1–28.
- ↑ 13,0 13,1 Niemitz, C. (1979): "Results of a field study on the western tarsier (Tarsius bancanus borneanus Horsfield, 1821) in Sarawak". Sarawak Museum Journal 27: 171–228.
- ↑ Crompton, R. & Andau, P. (1986): "Locomotion and habitat utilization in free-ranging Tarsius bancanus: a preliminary report". Primates 27 (3): 337-355.
- ↑ Crompton, R. & Andau, P. (1987): "Ranging, activity rhythms, and sociality in free-ranging Tarsius bancanus: a preliminary report". International Journal of Primatology 8 (1): 43-71.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cephalopachus bancanus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cephalopachus bancanus |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mittermeier, R. A.; Rylands, A. B. & Wilson, D. E. eds. (2013): Handbook of the Mammals of the World. Volume 3. Primates. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISNB: 978-84-9655-389-7.
- Nowak, R. M. (1999): Walker's Primates of the World. 2 Volumes. 6ª edición. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.