Saltar ao contido

Mamíferos

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mamífero»)

Mamíferos
Mammalia

Rango fósil: triásico final – actualidade

Exemplos de mamíferos de varias ordes.
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Linnaeus, 1758
Subclases

Os mamíferos (en latín: Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia. Distínguénse doutros amniotas, como o son os réptiles e as aves, pola mandíbula inferior formada por un único óso, o maxilar inferior (tamén chamado dentario), por presentaren tres ósos medios na cadea de ósos do oído, por teren os dentes moi especializados, pola presenza dun padal secundario, pola de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido, polo seu neocórtex e pola produción de leite das femias para alimentar as súas crías. O cerebro dos mamíferos regula a temperatura corporal e o sistema circulatorio, incluído o corazón. Os mamíferos abranguen os animais máis grandes do planeta, as baleas rorcuais, así como os máis intelixentes ou con maior capacidade cognitiva; como son os elefantes, algúns primates e cetáceos. Anatomicamente, o corpo é de catro patas adaptadas aos medios terrestres, mais algúns mamíferos están adaptados á vida mariña, arbórea, no aire ou sobre dúas pernas. O grupo máis grande de mamíferos, os placentarios teñen placenta e alimentan as crias despois do remate do empreñe. O tamaño dos mamíferos vai de tan só 30 ou 40 milímetros a 33 metros de longo.

A ciencia que estuda os mamíferos denomínase terioloxía.

Os mamíferos apareceron a finais do Triásico, hai uns 210 millóns de anos. Abranguen aproximadamente 5 400 especies, entre as que está o ser humano.

Características

[editar | editar a fonte]

A principal característica, que alude ó nome da clase, é a presenza de glándulas mamarias nas femias de tódalas especies. Estas glándulas segregan leite para alimentar as crías durante os seus primeiros meses de vida.

Outros caracteres son a simplificación esquelética do cranio e da mandíbula inferior (un só óso, chamado dentario) con dentes moi especializados, a presenza dun padal secundario, a aparición dos cóndilos occipitais para a articulación do cranio coa columna vertebral, a cadea de osiños do oído, que permiten a transmisión do son, un olfacto moi desenvolvido, a maior complexidade do cerebro, a aparición dun diafragma muscular para separar a cavidade torácica da abdominal, e para rematar, o revestimento de pelos que presenta toda a superficie do corpo.

Pel humana.

A pel, xeralmente espesa, está formada por unha capa exterior ou epiderme, unha capa profunda ou derme e un estrato subcutáneo repleto de graxa que lle serve de protección contra as perdas de calor, xa que os mamíferos son animais homeotermos.

Os pelos orixínanse na epiderme e neles pódese distinguir unha parte saínte ou talo e outra parte oculta na pel ou raíz; esta raíz é máis grosa na súa parte inferior formando o bulbo pilífero. A raíz está protexida por unha especie de vaíña, de orixe epidérmica, que recibe o nome do folículo, e no que desembocan as glándulas sebáceas que lubrican o pelo. No folículo implántanse o músculo horripilador, que é o responsable do levantamento vertical do mesmo. Nos mamíferos de vida acuática e nos que viven en climas tropicais, os pelos adoitan reducirse en número e tamaño e, ás veces, desaparecen no estado adulto.

Na pel, ademais dos pelos, implántanse as glándulas mamarias e as glándulas sudoríparas, que segregan, a través de poros da epiderme, un líquido composto por substancias tóxicas para o organismo (suor).

Outras formacións cutáneas de natureza córnea que presentan os mamíferos son as unllas, cornos e o pico (no caso do ornitorrinco).

Aparello locomotor

[editar | editar a fonte]

O aparello locomotor é o conxunto de sistemas e tecidos que posibilitan o mantemento do corpo do animal e o seu movemento. Está formado polo sistema óseo, o sistema muscular e o sistema articular.

Sistema óseo

[editar | editar a fonte]
Comparativa entre o esqueleto dun león e un humano

O sistema óseo está formado polo esqueleto, no que se poden distinguir:

  • O esqueleto axial, do que forman parte:
    • A cabeza, co cranio e a mandíbula. No cranio e na mandíbula implántase unha dentición, permanente ao chegar ao estado adulto. A maioría dos mamíferos posúen dentes de catro tipos distintos: incisivos, que serven para cortar, caninos, que son máis puntiagudos e utilízanse para desgarrar, premolares, planos e destinados a esmagar os alimentos, e molares, de estrutura moi semellante aos anteriores, pero máis anchos.
    • No tronco sitúase a columna vertebral, composta de vértebras que levan distinto nome segundo a rexión onde se atopan: cervicais, torácicas, lumbares, sacras e caudais ou coccíxeas. Nalgunhas especies as vértebras da rexión caudal están moi reducidas. Nas vértebras torácicas articúlanse as costelas
    • A caixa torácica, situada tamén no tronco, formada polo esterno e as costelas.
  • O esqueleto apendicular, cuxos elementos son:

Ademais existen outras formacións óseas como o óso hioide (sostén da lingua), os ósos do oído medio, o baculum dalgúns carnívoros e mesmo os ósos cardíacos dalgúns bóvidos nos que osifica a cartilaxe cardíaca.

Aparello dixestivo

[editar | editar a fonte]
Aparello dixestivo

Está formado por unha boca, con dentes, beizos e lingua, na cal desembocan as glándulas salivais; unha farinxe curta; un esófago que atravesa o diafragma; un estómago en forma de saco e no que desembocan as glándulas gástricas; un intestino delgado moi longo, dividido en tres partes (duodeno, xexuno e íleo) e no que se produce parte da absorción da substancias alimenticias, e un intestino terminal, que comprende o cego (moi desenvolvido en herbívoros), o groso e o recto, que desemboca ao exterior polo ano.

Ademais existen unha serie de glándulas anexas, entre as que hai que destacar o fígado, moi voluminoso e provisto dunha vesícula biliar, e o páncreas, que verte a súa secreción no duodeno.

Aparello respiratorio

[editar | editar a fonte]
Aparello respiratorio

A respiración é de tipo pulmonar e lévase a cabo por dous pulmóns, libres na cavidade pleural, e que se ramifican en bronquios, bronquíolos e alvéolos pulmonares.

Aparello circulatorio

[editar | editar a fonte]
Aparello circulatorio, carótide

A circulación é dobre e completa. O corazón está dividido en dúas aurículas e dous ventrículos, levando a parte dereita sangue venoso e a esquerda arterial. Ademais, existe unha complicada rede de vasos venosos e arteriais que chegan a tódalas partes do organismo.

Ademais da circulación sanguínea, nos mamíferos existe unha abundante rede linfática.

Sistema nervioso

[editar | editar a fonte]

O encéfalo acada un gran tamaño, estando particularmente desenvolvidos os hemisferios cerebrais. O cerebelo tamén aumenta de tamaño con respecto aos outros grupos de vertebrados.

A actividade psíquica é moito maior que no resto dos animais e nas formas máis evolucionada aprécianse trazos de memoria e, ás veces, de intelixencia.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

En tódolos mamíferos preséntanse os sexos separados e a reprodución é de tipo vivípara, agás no grupo dos monotremas, que é ovípara.

O desenvolvemento do embrión vai acompañado da formación dunha serie de anexos embrionarios, como son o corion, amnio, alantoide e o saco vitelino. As peluxes do corion, xunto co alantoide, únense á parede do útero e dan lugar á placenta. Esta permanece unida ao embrión polo cordón umbilical, e é a través del por onde pasan a substancias nutritivas da nai ao feto e as substancias de refugo do feto á nai.

O período de xestación e o número de crías por camada varían moito segundo os grupos. Normalmente, canto maior é o tamaño do animal, máis longo é o período de xestación e menor o número de crías. A maior parte dos mamíferos proporcionan aos seus fillos coidados paternais.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Comunicación e vocalización

[editar | editar a fonte]
O mono verde usa polo menos catro chamadas de alarma distintas para diferentes depredadores.
Candorca chamando e ocasionalmente emitindo algún son de ecolocación.

Moitos mamíferos comunícanse por vocalización. A comunicación vocal serve para moitos propósitos, por exemplo nos rituais de aparellamento, como sinal de alarma,[1] para indicar fontes de comida, e por razóns sociais. Os machos chaman frecuentemente para atraer ás femias e para advertir a outros machos, como fan os leóns e os cervos cos seus ruxidos.[2] Os cantos do xibardo deben de ser sinais ás femias;[3] tendo diferentes dialectos en distintas rexións do océano.[4] As vocalizacións sociais inclúen as chamadas territoriais dos xibóns, e o uso da frecuencia por parte dos morcegos de nariz laceolada para distinguirse doutros grupos.[5] O mono verde dá distintos tipos de alarma para, polo menos, catro tipos diferentes de depredadores, e a reacción doutros monos varía de acordo á chamada. Por exemplo, se o sinal de alarma e dunha pitón, os monos soben ás árbores, mentres que se a alarma é dunha aguia, fai que o mono busque un lugar no chan onde agocharse.[6] Dun xeito similar, os cans das pradeiras teñen un complexo sistema de chamadas que indican o tipo, o tamaño e a velocidade de aproximación dun depredador.[7] Os elefantes comunícanse socialmente mediante unha ampla variedade de sons que inclúen bufidos, berros, sons de trompa, ruxidos e murmurios. Algúns destes últimos son chamadas infrasónicas, por debaixo do rango audible dos humanos, e poden ser oídas por outros elefantes a máis de 10 km nas horas próximas ao amencer e ó solpor.[8]

Clasificación dos mamíferos

[editar | editar a fonte]

Os primeiros mamíferos apareceron na Terra a finais do período Triásico, hai uns 210 millóns de anos, e desenvolvéronse durante a era Terciaria. Nos máis primitivos aínda se atopan afinidades cos réptiles.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Os mamíferos viventes na actualidade pódense agrupar en dúas subclases principais:

  • Subclase Prototheria: con reprodución ovípara e as glándulas mamarias aínda non desenvolvidas por completo; 4 especies en 3 xéneros, 2 familias e 1 orde, a dos Monotremata.
  • Subclase Theria: os mamíferos non ovíparos; subdivídense en dúas infraclases:
    • Infraclase Metatheria (ou Marsupialia): reprodución vivípara, pero sen placenta ou con ela moi reducida; 270 especies, 77 xéneros, 16 familias, 1 orde.
    • Infraclase Eutheria (ou Placentalia): xa con produción vivípara placentaria e coas glándulas mamarias plenamente desenvolvidas; 4.000 especies, 970 xéneros, 112 familias, 18 ordes.

Segundo a obra máis aceptada actualmente polos teriólogos, o Mammal Species of the World, a clase comprende as seguintes ordes:[9]

Clase Mammalia

Modernos investigadores, como Montgelard, Catzeflis e Douzery, en 1997, reúnen nun clado, o dos Cetartiodactyla, as clásicas ordes dos Cetacea e os Artiodactyla.[10] Véxase tamén Euungulata.

O World Register of Marine Species dálle aos Cetartiodactyla a categoría de orde, polo que habería que considerar aos cetáceos e aos artiodáctilos como subordes.[10]

Pola súa parte, a Animal Diversity Web outorga a este grupo a categoría de superorde, incluído as ordes de cetáceos e artiodáctilos.[11]

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

Relacións filoxenéticas

[editar | editar a fonte]
  ,_______ Morganucodonta +
  |
__|   ,___ Prototheria _____  Monotremata
  |   |
  |___|___ Multituberculata +
      |
      |             ,__ Metatheria 
      |___ Theria___|
                    |__ Eutheria

Árbore filoxenética

[editar | editar a fonte]

Cladograma,[12] con mamíferos, grupo Mammalia, como principal.

Mammaliaformes

Morganucodontidae

Docodonta

Haldanodon

Mammalia

Australosphenida (inclúe Monotremata)

Fruitafossor

Haramiyavia

Multituberculata

Tinodon

Eutriconodonta (inclúe Gobiconodonta)

Trechnotheria (inclúe Theria)

Evolución dos mamíferos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Evolución dos mamíferos.
Restauración dun Procynosuchus, un membro do grupo dos cinodontos, e que inclúe aos antecesores dos mamíferos

A evolución dos mamíferos pasou por moitos puntos dende a aparición dos seus devanceiros sinápsidos no período de finais do Carbonífero. A metade do Triásico aparecen moitas especiesde sinápsidos que semellan mamíferos. A liña que dá lugar aos mamíferos de hoxe en día escíndese no Xurásico; unha liña que inclúe a Dryolestes, que é máis próximo as actuais placentarios e marsupiais ca aos monotremas, así como a Ambondro, máis achegado aos monotremas[13]. A continuación as liñas de eutheria e metatheria sepáranse. Destas, os metaterios serán os animais máis achegados aos actuais marsupiais mentres que os eutheria son os máis achegados aos placentarios. Xa que Juramaia, o eutherio máis recente coñecido, viviu hai 160 millóns de anos no Xurásico, esta diverxencia debeu ter ocorrido nese período.

O evento de extinción do Cretáceo-Paleoxeno provocou a extinción de todos os dinosauros non aviarios (os paxaros son unha liña que xorde dos dinosauros e a única hoxe en día viva) e é nese momento cando grupos de mamíferos, placentarios e marsupiais diversificáronse ocupando novos nichos ecolóxicos durante o Paleoxeno e o Neoxeno. Ao final deste período están xa presentes todas as ordes de mamíferos modernos.

Os mamíferos son os únicos sinápsidos que actualmente persisten[14] A liña de sinápsidos diverxeu da liña dos saurópidos no final do Carbonífero, hai entre 320 e 31 millóns de anos atrás[15]. Os sauropidos son hoxe os réptiles e aves xunto con outros animais extintos máis achegado aos mamíferos[15]. Isto non inclúe aos mamíferos semellantes a réptiles, un grupo máis achegado aos mamíferos.

Ao longo do Permiano, os sinápsidos eran principalmente carnívoros mais con varios herbívoros relevantes. No período do Triásico un grupo anterioremente non dos principais, os arcosauro, convertéronse nos vertebrados dominantes. Os mammaliaformes apareceron durante este período; cun olfacto moi sensible e cun cerebro máis desenvolto, introducíronse en nichos nocturnos e grazas a isto expuxéronse menos a predación de arcosauros. O estilo de vida nocturno puido ter contribuído a trazos característicos principais dos mamíferos como seren endotérmicos e ter pelo. Mais adiante no Mesozoico, despois de que os dinosauros terópodos desprazaran aos rauisuchianos como os carnívoros dominantes, os mamíferos conquistaron novos nichos. Como caso disto, algúns fixéronse actuáticos, algúns voadores e incluso outros chegaron a se alimentar de dinosauros xuvenís.

A maior parte das mostras da evolución dos mamíferos básase en xacementos de fósiles. Aínda que as gándulas mamais son unha característica fundamental dos mamíferos modernos, pouco se sabe acerca da evolución da lactación. Isto débese a que sendo un tecido brando non se conserva no rexístro fósil. Moita da evolución dos mamíferos céntrase, pola contra, na forma dos dentes e nas partes máis duras do corpo de tetrápodos.

  1. Zuberbühler, Klause (2001). "Predator-specific alarm calls in Campbell's monkeys, Cercopithecus campbelli". Behavioral Ecology and Sociobiology (en inglés) 50 (5): 414–442. JSTOR 4601985. doi:10.1007/s002650100383. 
  2. Slabbekoorn, Hans; Smith, Thomas B. (2002). "Bird song, ecology and speciation". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences (en inglés) 357 (1420): 493–503. PMC 1692962. PMID 12028787. doi:10.1098/rstb.2001.1056. 
  3. Bannister, John L. (2008). "Baleen Whales (Mysticetes)". En F. Perrin, William; Würsig, Bernd; Thewissen, J. G. M. Encyclopedia of Marine Mammals (en inglés) (2 ed.). Academic Press. pp. 80–89. ISBN 978-0-12-373553-9. 
  4. Norris, Scott (2002). "Creatures of Culture? Making the Case for Cultural Systems in Whales and Dolphins" (PDF). BioScience (en inglés) 52 (1): 9–14. doi:10.1641/0006-3568(2002)052[0009:COCMTC]2.0.CO;2. 
  5. Boughman, Janette W. (1998). "Vocal learning by greater spear-nosed bats". Proceedings: Biological Sciences (en inglés) 265 (1392): 227–233. PMC 1688873. PMID 9493408. doi:10.1098/rspb.1998.0286. 
  6. Seyfarth, R. M.; Cheney, D. L.; Marler, Peter (1980). "Vervet Monkey Alarm Calls: Semantic communication in a Free-Ranging Primate". Animal Behaviour (en inglés) 28 (4): 1070–1094. doi:10.1016/S0003-3472(80)80097-2. 
  7. CBC News, ed. (21 de xuño de 2013). "Prairie dogs' language decoded by scientists" (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2015. 
  8. Mayell, Hillary (3 de marzo de 2004). National Geographic, ed. "Elephants Call Long-Distance After-Hours" (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2016. 
  9. Wilson & Reeder (2005): Mammal Species of the World.
  10. 10,0 10,1 Cetartiodactyla no WoRMS.
  11. Cetartiodactyla en ADW.
  12. [1] Meng ,Wang e Li. Transitional mammalian middle ear from a new Cretaceous Jehol eutriconodont. Nature. Vol 472, 7342. páx 181–185. 2011.
  13. Rougier, Guillermo W; Martinelli, Agustín G; Forasiepi, Analía M.; Novacek, Michael J. (2007). "New Jurassic mammals from Patagonia, Argentina: A reappraisal of australosphenidan morphology and interrelationships". American Museum Novitates (3566): 1–54. 
  14. [2] Arquivado 07 de marzo de 2013 en Wayback Machine. Ben Waggoner-. Introduction to the Synapsida. University of California Museum of Paleontology. 1997.
  15. 15,0 15,1 [3] Amniota - Palaeos. White, A. T. 2005 (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]