Bolboreta da col
Pieris brassicae | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Macho | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
Pieris brassicae | |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
Papilio brassicae Linnaeus, 1758 |
A bolboreta da col ou bolboreta da verza[1] (Pieris brassicae) é unha especie de bolboreta da familia Pieridae. É un parente próximo da especie Pieris rapae.
Este lepidóptero é común en Europa, Norte de África e Asia incluíndo os Himalaias.
Distribución
[editar | editar a fonte]
É unha especie común en Europa, norte de África e Asia ata o Himalaia, que se atopa con frecuencia en zonas agrícolas, praderías e parques. Conseguiu establecer unha poboación en Suráfrica e en 1995 prediíxose que chegaría a Australia e Nova Zelandia.[2][3]
A bolboreta da col voa moi ben e pode cruzar brazos de mar doadamente. Hai informes esporádicos do século XX da presenza de individuos desta especie no noroeste dos Estados Unidos (Nova York, Rhode Island e Maine), pero son dubidosos e poden deberse a transporte accidental ou liberación deliberada, polo que esas introducións teñen o perigo de que se puidese chegar a establecer esta praga agrícola en Norteamérica.
En 2010 atopouse a bolboreta en Nelson, Nova Zelandia.[4] Está clasificada como praga indesexable debido ao seu efecto potencial sobre as colleitas.[5] Como resultado de recompensas monetarias ofrecidas polo goberno durante un período en 2013 e doutras medidas de contención[6][7], como 263 000 buscas na illa Sur e a liberación de avespas predadoras, esta especie foi declarada oficialmente eradicada de Nova Zelandia en decembro de 2014.[8]
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Ovos
[editar | editar a fonte]A bolboreta da col pon ovos de cor amarela clara, que se volven amarelos máis intensos 24 horas despois. Unhas poucas horas antes da eclosión, póñense de cor negra, e a casca faise máis transparente, polo que se pode ver a larva que hai dentro.[9]

Larvas
[editar | editar a fonte]As larvas experimentan catro mudas e cinco ínstares.[10] O primeiro ínstar aparece despois da eclosión da larva do ovo. As larvas son amarelas claras con cabezas marróns e teñen corpos brandos. As larvas teñen un aspecto moi piloso. A larva da bolboreta da col ou da verza medra en cada muda e ínstar.[10] Despois dunha muda, as larvas entran no segundo ínstar. Teñen tubérculos cubertos de pelo negro. No terceiro ínstar, as larvas mostran máis actividade. Neste ínstar a larva come vorazmente e causa danos significativos á planta hóspede. Neste momento son dunha cor amarela máis intensa, chatolada con pintas negras. Despois do terceiro ínstar, as larvas pasan ao cuarto, no que teñen unha aparencia moi similar á anterior, pero cun tamaño meirande e un aínda máis intenso comportamento comedor. No quinto ínstar as larvas son cilíndricas, robustas, alongadas e amarelas[9] e cunha coloración brillante no abdome e tórax e cabeza gris e negra[10] Este ínstar require unha cantidade e calidade do alimento óptimas para poder desenvolverse completamente, e se non dispón dese alimento a larva morre antes de converterse en bolboreta adulta.[9][11]
Adultos
[editar | editar a fonte]En machos e femias as ás son brancas con puntas brancas nas ás anteriores. A femia ten tamén dous puntos negros en cada á anterior. A parte inferior de cada á é verdosa clara e serve como unha excelente camuflaxe cando está pousada. As marcas negras son xeralmente máis escuras na proxenie nacida no verán. A envergadura alar é de 5 a 6,5 cm como media.[9]
Machos
[editar | editar a fonte]A parte superior do macho é de cor branca crema. A á anterior está inzada de escamas negras na base e ao longo da vea costa durante un curto tramo. O ápice e termen sobre a vea 2 teñen máis ou menos extensión de cor negra e a marxe interna da área negra contén unha curva moi uniforme. Á anterior: uniforme, con escamas negras na base, unha gran mancha subcostal negra antes do ápice. A parte inferior da á anterior é branca, lixeiramente salferida de escamas negras na base da cela e ao longo da costa. O ápice é ocráceo claro cunha gran mancha negra na metade exterior do interespazo 1 e outra mancha negra cadrada na base do interespazo 3. A á posterior é marrón ocre clara, con moitas escamas negras pequenas. A mancha negra subcostal antes do ápice vese por transparencia desde a cara superior. As antenas son negras e brancas no ápice. A cabeza, tórax e abdome son negros, con algúns pelos brancos, e na parte inferior son branquechas.[12]
-
Pieris brassicae ♂
-
Pieris brassicae ♂ △
-
Pieris brassicae ♀
-
Pieris brassicae ♀ △
Femias
[editar | editar a fonte]A parte superior da femia é similar á do macho, pero as escamas negras na base das ás están máis estendidas. A área negra sobre o ápice e termen da á anterior é máis ancha, a marxe interna está curvada menos uniformemente. Hai tamén un claro punto negro grande na metade externa do interespazo 1 preto da base do interespazo 3. Na á posterior a mancha negra subcostal antes do ápice é moito máis grande e máis prominente. A parte inferior é similar á do macho, pero o ápice da á anterior e toda a superficie da á posterior é dunha cor amarela algo ocre, non marrón ocre. As manchas negras discoidais na á anterior son moito máis grandes. As antenas, cabeza, tórax e abdome das femias son iguais que as do macho.[12]
Hábitat
[editar | editar a fonte]O hábitat da bolboreta da col son áreas de grandes espazos abertos, e tamén granxas e xardíns, debido á abundancia de comida. Algunhas localizacións favorecidas son os muros, valados, troncos de árbores e as plantas hóspede das que se alimenta, o cal é importante para a supervivencia desta especie, xa que necesitan ter acceso fácil á fonte de alimento. Voan principalmente arredor desas localizacións, que deberían conter tanto plantas crucíferas silvestres coma cultivadas, e colza, coles e coles de Bruxelas.[13][14][15]
Reprodución e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Sistema de apareamento
[editar | editar a fonte]Aínda que estas bolboretas poden ser poliandrias, este non é o seu sistema de apareamento predominante. Isto significa que, aínda que algunhas bolboretas femia poden ter máis dunha parella, a maioría só teñen unha parella na época reprodutora seguindo un sistema de apareamento monógamo.[16][17]
Prodúcense dúas xeracións destas bolboretas ao ano. A primeira das proxenies consta de adultos que eclosionaron en primavera en abril. A segunda consta de adltos que eclosionan arredor de xullo. Ás veces, observouse unha terceira proxenie ao longo do verán se o tempo é cálido dabondo.[18]
Ciclo vital
[editar | editar a fonte]Oviposición
[editar | editar a fonte]As femias poñen os ovos agrupados sobre o envés das follas porque as larvas prefiren a morfoloxía do envés. Para ovopositar, as femias usan o extremo do abdome e colocan os ovos en lotes específicos.[19]
O período de preovoposición, que dura de tres a oito días, proporciona moito tempo para que estas bolboretas se apareeen.[20] As femias adoitan usar as patas anteriores para golpear nas superficies das follas onde pretenden poñer para comprobar se a planta é axeitada para unha exitosa reprodución. Se encontran unha superficie boa, as femias ovipositan dous ou tres días despois da copulación. Ovipositan de seis a sete veces en oito días, aproximadamente. As femias poden emparellarse para aparearse outra vez uns cinco ou seis días despois do apareamento anterior.[19]
Elección de lugares para a oviposición
[editar | editar a fonte]As femias seguen pistas visuais, como as cores das plantas, para decidir onde poñer os ovos. Prefiren superficies verdes para a ovoposición, o que pode deberse a asegurarse unha fonte de comida.[19]
A maioría das femias elixen plantas de néctar como Buddleja ou cardos,[21][22] que son plantas verdes e ideais para as larvas. Estas plantas, usadas como sitios para a ovoposición, conteñen normalmente glicósidos do aceite de mostaza, cuxa principal función é axudar as larvas a sobrevivir como fonte de alimento esencial.[19][23] Por exemplo, os estudos previos mostraron que as larvas non sobreviven se as bolboretas adltas ovopositan sobre unha planta hóspede diferente como o faballón (Vicia faba), porque este feixón non contén os nutrientes apropiados para axudar ao seu desenvolvemento larvario.[19]
Eclosión
[editar | editar a fonte]Os ovos desta especie eclosionan aproximadamente unha semana despois da súa posta e as larvas viven en grupo durante certo tempo.[13][14][15] O período de eclosión dura de dúas a sete horas. Despois de eclosionaren, causan moitos danos á planta hóspede ao comeren ata esnaquizar a planta hóspede.[13][14][15]



Comportamento
[editar | editar a fonte]Migración
[editar | editar a fonte]A bolboreta da col encóntrase na maior parte de Eurasia, aínda que hai algunhas flutuacións estacionais debidas á migración. As poboacións do norte adoitan aumentar durante a migración do verán pola chegada de poboacións do sur. Comezan a viaxe a principios da primavera e seguen migrando ata o cambio de estación ao outono e o comezo do tempo frío. Isto significa que normalmente realizan dous ou tres voos migratorios por estación reprodutora da bolboreta.[18][21][22]
Os padróns migratorios da bolboreta da col normalmente só se observan cando hai algunha alteración. En xeral, son padróns migratorios atípicos; normalmente, as bolboretas voan cara aos polos na primavera, e cara ao ecuador en outono. Porén, voan en direccións aleatorias, excluíndo a norte, en primavera, e observouse pouca migración de retorno.[24] Porén, foi moi difícil rastrear as rutas migratorias completas, xa que estas bolboretas poden migrar máis de 800 km; así, as bolboretas individuais poden non migrar os 800 km, senón que máis ben unhas bolboretas empezan as súas migracións desde onde outras terminaron.[24]
Hibernación
[editar | editar a fonte]Non se viu que as bolboretas da col do norte pasen o inverno ou hibernen durante o inverno con éxito. Pero observouse que hibernaban no sur.[11][24][25]
Comportamento territorial
[editar | editar a fonte]Os machos non mostran un comportamento territorial acusado. Suxeriuse que isto podería ser unha razón que explique por que non se observou un dimorfismo sexual significativo entre machos e femias.[17]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Selección da comida e dieta
[editar | editar a fonte]Estas bolboretas teñen preferencia por uns tipos de plantas, que son os que adoitan comer. A preferencia por certas plantas depende das experiencias previas das bolboretas. Depende da especie de planta, o momento da experiencia e a situación da elección. Así, aprenden os tipos de comida preferibles en vez de fiarse dos seus órganos dos sentidos ou cambios fisiolóxicos.[23] En contraste, esta preferencia pola comida adulta difire da preferencia que mostran as femias, que usan pistas visuais como a cor da planta para determinar a mellor planta hóspede para a oviposición.[19]
As plantas con glicósidos do aceite de mostaza son importantes para esta bolboreta porque determina os seus comportamentos de alimentación,[23] e as taxas de supervivencia resultantes. O seu gran cosumo de plantas que conteñen aceites de mostaza é a razón de que sexan de sabor tan desagradable para os predadores, como os paxaros. Así, as eirugas están protexidas de ataques, malia as rechamantes cores que teñen; de feito, esa viva coloración é un sinal para os depredadores que lles lembra que saben mal.[13][14][15]
Porén, esta especie obtén máis beneficios do uso de glicósidos do aceite de mostaza. Ademais da protección contra os predadores, estes glicósidos pertencen a unha clase de estímulos que produce a resposta de morder asociada con comer. Algunhas plantas conteñen alcaloides e esteroides; estes reducen e inhiben a sensibilidade das bolboretas aos glicósidos do aceite de mostaza. Deste xeito, esta utilización dos glicósidos do aceite de mostaza afecta drasticamente ao comportamento da bolboreta e á resultante selección de comida para a supervivencia.[23]
A fonte de alimento da larva da bolboreta da col son as coles, ravos e o envés das follas. Os adultos comen néctar de flores.
Predadores
[editar | editar a fonte]As bolboretas da col non teñen un grupo específico de predadores, senón que son depredados por un amplo grupo de animais. Entre os principais están as aves; porén, tamén son depredados por especies de ordes como os dos himenópteros, hemípteros, coleópteros, dípteros, arácnidos; algunhas especies de mamíferos, unha de réptiles, unha especie de planta insectívora, e especies de anfibios. Depredan os ovos, larvas e imagos das bolboretas.[24]
Aposematismo
[editar | editar a fonte]As bolboretas da col emiten un cheiro desagradable que disuade os depredadores. Ademais, son unha especie aposemática, o que significa que mostran unha coloración de advertencia, que as beneficia ante os depredadores. Esta coloración aparece nos estados larvario, pupal e de imago, nos cales se acumulan os glicósidos do aceite de mostaza tóxicos procedentes das plantas que comeron.[24][26] O aposematismo non está enteiramente relacionado co mimetismo mülleriano; porén, as larvas da bolboreta da col benefícianse a miúdo doutras larvas aposemáticas doutras especies con estratexia similar, como as larvas de Papilio machaon.[27]
Relacións cos humanos
[editar | editar a fonte]Praga
[editar | editar a fonte]Os cultivos agrícolas máis susceptibles de sufrir danos por causa da larva desta bolboreta son en Europa as do xénero Brassica (col, mostaza e asociadas), particularmente a col de Bruxelas, col, coliflor, kohlrabi, ravo, rutabaga, e nabo. Os ataques aos cultivos adoitan estar localizados e poden causar perdas de ata o 100% da colleita en certas áreas. Ademais, debido á súa forte inclinación a migrar, os adultos poden infestar novas áreas que estaban anteriormente libres de ataques. Como moitas das plantas hóspede de Pieris brassicae se venden para o consumo humano, os danos que poden causar orixinan unha gran redución do valor da colleita. As larvas poden tamén perforar as coles e coliflores. Altas poboacións destas larvas poden tamén esqueletizar as súas plantas hóspede. Nalgúns países foi controlada por medios químicos e naturais, pero é aínda considerada unha praga en varios países europeos, China, India, Nepal e Rusia. Estímase que causa unha perda de rendemento do 40% anualmente en varios tipos de cultivos na India e Turquía.[28]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BUSCatermos bolboreta da verza, que dá como referencias: Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000. "Zooloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991.
- ↑ "Pieris brassicae". Biodiversityexplorer.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2012-12-18.
- ↑ "The Large Cabbage White, Pieris brassicae, extends its range to South Africa". The Entomologist's record and journal of variation 107: 174. 1995. ISSN 0013-8916.
- ↑ Moore, Bill (17 de xuño de 2010). "Great white butterfly found in Nelson". Nelson Mail. Consultado o 18 de decembro de 2012.
- ↑ "Great white cabbage butterfly" (PDF). Ministry of Agriculture and Forestry. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 18 de decembro de 2012.
- ↑ Wanted: Great white butterfly, preferably dead Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. 3 News NZ. 25 de setembro de 2013.
- ↑ Holiday butterfly bounty season over Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. 3 News NZ. 14 de outubro de 2013.
- ↑ Klein, Alice (29 de novembro de 2016). "New Zealand is the first country to wipe out invasive butterfly". New Scientist. Consultado o 30 de novembro de 2016.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Molet, T. 2011. CPHST Pest Datasheet for Pieris brassicae. USDA-APHIS-PPQ-CPHST.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Bhubaneshwari; A. Kananbala; L. Joymati; L. Ronikumar; A. Binarani (decembro de 2012). "Morphometric Measurement of Cabbage Butterfly Pieris Brassicae Linn (Lepidoptera: Pieridae) in the Agro-Ecosystem of Manipur" (PDF). International Journal of Basic and Applied Medical Sciences 2 (3): 31–33. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de decembro de 2013. Consultado o 1 de decembro de 2013.
- ↑ 11,0 11,1 Metspalu, L., K. Hiiesaar, J. Joudu, and A. Kuusik. "Influence of Food on Growth, Development and Hibernation of Large White Butterfly." Agronomy Research 1 (2003): 85-92. Print.
- ↑ 12,0 12,1 Bingham, C.T. (1907). The Fauna of British India, Including Ceylon and Burma II (1st ed.). Londres: Taylor and Francis, Ltd.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Carter, D. (1992) Butterflies and moths. Dorling Kindersley, Londres.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Asher, J., Warren, M., Fox, R., Harding, P., Jeffcoate, G. & Jeffcoate, S. (2001) The Millennium Atlas of Butterflies in Britain and Ireland. Oxford University Press, Oxford.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 Carter, D. & Hargreaves, B. (1986) A field guide to caterpillars of butterflies and moths in Britain and Europe. William Collins & Sons Ltd, Londres.
- ↑ Karlsson, B. "Male Reproductive Reserves in Relation to Mating System in Butterflies: A Comparative Study." Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 263.1367 (1996): 187-92. Print.
- ↑ 17,0 17,1 Sexual Size Dimorphism in Relation to Female Polygamy and Protandry in Butterflies: A Comparative Study of Swedish Pieridae and Satyridae Christer Wiklund and Johan Forsberg Oikos , Vol. 60, Fasc. 3 (Apr., 1991), pp. 373-381
- ↑ 18,0 18,1 "Pieris Brassicae — Overview." Encyclopedia of Life. N.p., n.d. Web. 24 Oct. 2013.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 W. A. L. David and B. O. C. Gardiner (1962). Oviposition and the hatching of the eggs of Pieris brassicae (L.) in a laboratory culture. Bulletin of Entomological Research, 53, pp 91-109. doi:10.1017/S0007485300047982.
- ↑ Scott, James A. "Mate-Locating Behavior of Butterflies." American Midland Naturalist 91.1 (1974): 103-17. Print.
- ↑ 21,0 21,1 Rowlings, Matt. "Large White." Pieris Brassicae - Field Notes. N.p., n.d. Web. 24 Oct. 2013.
- ↑ 22,0 22,1 "Attributes of Pieris Brassicae." Butterflies and Moths of North America | Collecting and Sharing Data about Lepidoptera. National Biological Information Infrastructure (NBII) Program and the USGS Northern Prairie Wildlife Research Center, n.d. Web. 24 Oct. 2013.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Chun, Ma Wei. Dynamics of Feeding Responses in Pieris Brassicae Linn as a Function of Chemosensory Input: A Behavioural, Ultrastructural and Electrophysiological Study. Wageningen: H. Veenman, 1972. Print.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Feltwell, John. Large White Butterfly: The Biology, Biochemistry, and Physiology of Pieris Brassicae (Linnaeus). The Hague: W. Junk, 1982. Print.
- ↑ Pullin, A. S., J. S. Bale, and X. L. R. Fontaine. "Physiological Aspects of Diapause and Cold Tolerance during Overwintering in Pieris Brassicae." Physiological Entomology 16.4 (1991): 447-56. Print.
- ↑ Lyytinen, Anne; Alatalo, Rauno V.; Lindström, Leena; Mappes, Johanna (novembro de 1999). "Are European White Butterflies Aposematic?" (PDF). Evolutionary Ecology 13 (7/8): 709–719. doi:10.1023/A:1011081800202. Consultado o 1 de decembro de 2013.
- ↑ Evans, edited by David L.; Schmidt, Justin O. (1990). Insect defenses: adaptive mechanisms and strategies of prey and predators. Albany: State University of New York Press. pp. 182–183. ISBN 0791406164.
- ↑ "Pieris brassicae". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 21 de novembro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bolboreta da col |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Bolboreta da col |